A Unidade de Antención á Drogodependencia de Monforte padece este ano un recorte do 20% dos seus fondos.
As
asembleas de Anova do sur de Lugo denuncian os recortes da Xunta na atención á drogodependencia – que afectan á
Unidade de Atención á Drogodependencia de Monforte de Lemos – e
presentan unha moción nos concellos en defensa dos recursos
socio-sanitarios neste eido.
Monforte de Lemos, 16 de maio de 2013.
A
finais dos anos oitenta e inicios dos noventa, debido ao aumento de
casos de persoas afectadas polas drogas e á presión e insistencia
das “nais contra a droga” e de moitas asociacións e colectivos
de todas as partes do País, a Xunta de Galiza tomou cartas no asunto
á hora de atender aos milleiros de persoas mozas que xa estaban a
padecer os efectos do consumo de drogas e que provocou en moitas
vilas do noso país a desaparición de toda unha xeración, como
dramaticamente vivimos en Monforte.
A
implicación das distintas asociacións de loita contra a droga e do
persoal técnico en prevención e de centros asistenciais conseguíu
concienciar á cidadanía sobre os riscos que conleva o abuso destas
sustancias e, así mesmo, crear un clima de rexeitamento do
narcotráfico co obxectivo de conseguir atender dun xeito
especializado ás persoas afectadas e crear redes e recursos de apoio
ás súas familias e a reinserción das persoas ex-toxicómanas.
A
Xunta de Galiza fixera unha aposta decidida poñendo en marcha o Plan
de Galicia sobre Drogas que fai que a rede galega pase a ser un
modelo non só no estado español senón noutros paises.
A rede
de atención a persoas drogodependentes na Galiza está composta por
17 Centros Asistenciais, 8 Unidades de día, 3 Comunidades
terapéuticas e 6 Unidades específicas de tratamento de alcoholismo,
con máis de 350 profesionais en toda Galiza que no último ano
atenderon a máis de 12.000 persoas drogodependentes.
Na
comarca de Lemos existe unha Unidade Asistencial de Drogodependencias
(UAD) sita no Concello de Monforte e que atendeu o ano pasado uns 320
toxicómanos/as dos Concellos da súa área de influenza.
Mais a
pesar do traballo realizado polos profesionais deste ámbito con un
dos sectores máis débiles da sociedade, estamos a asistir na
actualidade a falta de compromiso da Consellería de Sanidade. Non se
están a desenvolver as ferramentas lexislativas e de coordinación
previstas no propio Plan de atención ás Conductas Adictivas e
estanse dando sucesivos recortes no financiamento dos Centros
Asistenciais e a eliminación do financiamento dos programas de
prevención.
Na
UAD de Lemos redúcese o importe da subvención autonómica ao redor
dun 20 % , e
en toda Galiza redúcese un 15,6 % sobre a cantidade percibida no
2012.
Esta
situación vai por na corda floxa a toda a estructura da rede galega
de atención ás drogodependencias creando incerteza sobre a
continuidade de todos os programas que se están a desenvolver e que
non garante, un ano máis, a continuidade das accións no ámbito
preventivo.
Na
moción que presentamos nos concellos dende Anova-Irmandade
Nacionalista, solicitamos o apoio para:
Primeiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de
Sanidade que garanta a continuidade e o financiamento dos recursos da
rede galega de atención ás drogodependencias durante todo o período
de vixencia do Plan de Galicia de atención aos Trastornos Adictivos
(2011-2016).
Segundo: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de
Sanidade que habilite as partidas orzamentarias eliminadas para o
financiamento dos Equipos de Prevención das Drogodependencias
dependentes dos Concellos e mancomunidades.
Terceiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de
Sanidade a integración dos Centros de Asistencia a drogodependencias
na rede sanitaria do SERGAS.
Cuarto:
Instar ao
Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a
que desenvolvan as ferramentas lexislativas e de coordinación
establecidas no Plan Galego de Atención aos Transtornos Adictivos,
que se cree una mesa de Coordinación integrada polas Consellerías
de Sanidade e de Traballo e Benestar Social, as ONGs e Asociacións
que interveñan neste ámbito, os sindicatos e partidos políticos
para definir e coordinar a política da Xunta nesta materia.
Cuarto: Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de
Galicia, á Conselleira de Sanidade, así como aos grupos
parlamentarios do Parlamento de Galicia.
Asembleas de Anova do Sur de Lugo