lunes, 29 de julio de 2013

O que faremos no pleno ordinario de xullo de 2013



 
Hoxe, 29 de xullo, hai pleno ordinario en Sober. 

Na orde do día, unha modificación de crédito en razón a que se recaudou máis do previsto en transferencias da Xunta para servizos sociais. Así, auméntase a partida para "auxiliares de servizos sociais" en 25.115 €. 

Debátese tamén a cesión dunha parcela comunal, que consta como matogueira/improdutiva, ao Obispado para ampliación do cemiterio de Sober. 

No apartado de Rogos, dende Anova solicitamos información sobre os pantaláns do catamarán e trasladamos a iniciativa "En galego agora e sempre", de Galeguizar Galiza, solicitando que se celebre en Sober no outono.

Ademais, faremos unha serie de preguntas sobre distintas cuestións municipais.

jueves, 25 de julio de 2013

Solidariedade coas vítimas do accidente de tren en Angrois

 
 
O noso máis sentido pésame ás familias e persoas achegadas ás vítimas do tráxico accidente de tren ocorrido onte. 
 
Tamén, un recoñecemento expreso para os e as traballadoras públicas que atenderon todas as labouras precisas e á inmensa solidariedade do pobo galego que colapsou os servizos de doazón de sangue. 
 
Asemade, un recordo especial para a veciñanza de Angrois, que non dubidou en socorrer inmediatamente ás vítimas. 
 
Lembrade que quedaron suspendidos todos os actos do Día da Patria.

jueves, 18 de julio de 2013

Asemblea de xullo de 2013: preparación de pleno e revista


Na xuntanza da asemblea de Anova de Sober o 18 de xullo, preparamos o pleno ordinario do 29 de xullo, acordamos facer unha revista informativa para setembro e dous actos políticos no último trimestre do ano.

jueves, 11 de julio de 2013

Asemblea de Anova en Sober: xoves, 18 de xullo.


O xoves, 18 de xullo, celebraremos asemblea local de Anova en Sober.

Será ás 9 da noite en Proendos, coa seguinte Orde do Día:

1. Avaliación do traballo feito no concello no pasado ano e iniciativas para os plenos seguintes. [O seguinte pleno ordinario será o a finais de xullo.]
2. Programación de actividades en Sober: revista, charla, plan de desenvolvemento rural.

3. Varios.

martes, 2 de julio de 2013

Festa do Día da Patria en Monforte o 21 de xullo


O Día de Galicia son todos”, Lesta Meis.
A festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos”, Castelao.


Galiza vive momentos de excepción, coa perda de conexións ferroviarias, a privatización da Sanidade pública, o deterioro do ensino no rural, a caída do sector naval, a ruína do sector leiteiro, a extinción das caixas de aforro e a estafa das preferentes... Familias enteiras malvivindo no paro ou dependendo de pensións ridículas ou salarios de miseria mentres sobe o prezo dos produtos básicos, cuns impostos que cargan sobre quen menos ten mentres os defraudadores – ata na propia Familia Real - campan ás súas anchas. Cun goberno que recorta no básico para pagar a débeda ilexítima contraida cos “mercados”.

A nosa comarca de Lemos esmorece sen oportunidades de emprego para a xente moza, sendo este un territorio fértil para os cultivos e fermoso para vivir e visitar.

A única saída é ou a emigración - e eses camiños son transitados por milleiros de xentes mozas – ou que tomemos conciencia da forza do pobo para transformar as cousas.

Dende Anova, seguimos crendo que o chamado de frente ampla que lanzamos o ano pasado polo 25 de xullo segue máis vixente ca nunca; unha fronte ampla contra a barbarie do poder, unha unidade de acción das forzas sociais e políticas, da cidadanía revoltada, contra todo o que nos esmaga, o que non é apenas un reto electoral, senón que se fai día a día entre as xentes “boas e xenerosas”, entre o 90% da sociedade esmagada.

É por iso que dende Anova de Lemos facemos un chamamento á cidadanía que sinta que Galiza ten dereito a decidir o seu futuro nun mundo xusto de pobos libres, a quen sinta que temos dereito a ser felices na nosa Terra, a unha celebración do Día da Patria no que o protagonista sexa o pobo, un pobo consciente de ser nación, e non apenas as expresións políticas do nacionalismo.

Dende Anova de Lemos, queremos contribuír a este obxectivo comezando a organizar para o domingo, 21 de xullo, unha festa do Día da Patria en Monforte de Lemos, aberta a quen desexe participar e colaborar na súa organización. Unha festa onde a protagonista sexa a cultura, os conflictos sociais abertos en Galiza, a música... en definitiva: o pobo soberano.

Unha das actividades será un xantar popular, para o cal hai que anotarse antes do 19 de xullo.

Tanto para colaborar na organización da festa como para anotarse ao xantar, cómpre enviar un correo a asembleadelemos@gmail.com ou chamar aos teléfonos 647576723 // 674473695

Saúde e Terra!