viernes, 29 de noviembre de 2013

Solidariedade da corporación municipal de Sober co alumnado e ANPA do colexo Infanta Elena de Monforte


O pleno ordinario da corporación municipal de Sober, reunido o 28 de novembro de 2013, adoptou por unanimidade a seguinte declaración de solidariedade co alumnado e familias do CEE Infanta Elena.

A corporación municipal do Concello de Sober amosa a súa solidariedade co alumnado e coas familias do Colexo de Educación Especial Infanta Elena de Monforte e solicita de todas as administracións o máximo esforzo para buscar unha solución acaída para que os nenos e nenas con necesidades educativas especiais que asisten a este centro conten, ao remartar o período de escolaridade, con alternativas na zona para continuar avanzando na súa educación e inserción social.

A corporación municipal de Sober anima a todos os axentes socio-políticos da comarca a que se conciencien sobre esta problemática e amosen o seu apoio a alumnado e familias.

lunes, 25 de noviembre de 2013

#25N: Nunca Máis violencia contra as mulleres



Datos do II Plan de Igualdade do Concello de Sober sobre casos de violencia de xénero.

"Neste servizo (Servizos Sociais) é onde se rexistran as demandas por casos de violencia de xénero. Nun concello pequeno como é o de Sober, temos que suliñar que segundo os datos proporcionados por SS.SS., as demandas no ano 2012 foron 2 e no actual 2013 xa se rexistraron 3. Por outro lado, na Garda Civil foron presentadas denuncia por violencia de xénero: no ano 2012 presentáronse 3 e no 2013, ata novembro, 2. Ditames de orde de protección, ano 2012: 3, ano 2013: 4."

Se nos tocan a unha, tócannos a todas.

conclusións: vivir no País Ribeirao, un dereito e unha esperanza de futuro


* As conclusións da xornada práctica Vivir no País Ribeirao, da cal podedes ver crónica e fotos aquí.

Dende Anova do concello de Sober, unha entidade administrativa que  conta con 2.418 habitantes - o 48% maiores de 65 anos -  e unha renda per cápita de 10.954,54 €/ano, debullamos as seguintes problemáticas e propostas concretas de solución.

1. Comarcalización. Precisamos considerar a comarca de Lemos (e a veciña de Caldelas do outro lado do río) coma un todo, con problemáticas comúns, como é a poboación envellecida e a dependencia dos ingresos das pensións, e poñer en marcha dende a Xunta un plan económico para a zona, entendida así en conxunto, centrado no sector primario.
Estamos nun dos vales máis fértiles da península ibérica totalmente por debaixo das súas posibilidades agro-gandeiras, que foi castigado polas políticas da UE a respecto do sector leiteiro. Merece este territorio unha discriminación positiva nos orzamentos da Xunta e a creación dun Polígono Agrario para poñer en marcha empresas de produción agrícola.
Temos que pensar comarcalmente; o absurdo da demarcación provincial viuse co atentado contra a fervenza da Xabrega: a Deputación provincial de Lugo cortou unha fervenza para facer un embarcadoiro do catamarán para non facelo diante do embarcadoiro ourensán, na entrada natural á ribeira dende o río.
Ademais, cómpre un novo modelo de financiamento local, que atenda ás dificultades engadidas do avellentamento e a dispersión da poboación.

2. Servizos sociais para unha poboación con cada vez maior grado de dependencia. Precisamos máis prazas públicas de residencias e centros de día, Sober só dispón dunha residencia privada.
Cómpre activar tamén bancos de tempo, implicando ás asociacións.

3. Máis democracia. Non somos unha reseva natural con nativ*s simpátic*s: cómpre integrar á poboación nos proxectos de futuro desta comarca.
A declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade debe conseguirse coa implicación da cidadanía.
Cómpre integrar á poboación na acción institucional, animando á participación da xente nos plenos, á intervención nos plenos de asociacións e colectivos, á constitución de comisións sectoriais no Concello (como a que se creara de Turismo a instancias do nacionalismo)...

4. Ecoloxía. Un dos maiores problemas é o da contaminación de ríos e regatos por falta de saneamento adecuado. É unha débeda histórica coas parroquias de Sober, por parte de Xunta, Deputación e Concello.
Ademais, cómpre concienciar sobre os perigos do abuso dos pesticidas químicos, que das terras da ribeira unhas das máis contaminadas.

5. Medidas concretas: se queremos, podemos!

- sinalización e limpeza dos centos de vertedoiros incontrolados.
- arranxo de fontes públicas.
- Polígono Agrario na comarca de Lemos.
- praza de Educador/a Social en todos os concellos.
- plan de recollida de microtoponimia.
- potenciación dos nosos produtos artesanais nas feiras mensuais das vilas.
- cursos de formación de recuperación de oficios tradicionais: cestería, coiro.
- reactivación da Comisión de Turismo no Concello de Sober.
 
- estreitamento de relacións entre os concellos de ambas marxes do Sil.
- sinalización e mantemento das rutas de sendeirismo.
- restauración das pinturas murais do último cuarto do século XV da igrexa de Pinol.

- adecuación de lugares de baño nos ríos.
- embarcadoiro na Xabrega.
- recuperación do proxecto de viñedo experimental nos Chancís como centro de investigación para a DO Ribeira Sacra.
- preservación das barreiras para a olería de Gundivós.

viernes, 22 de noviembre de 2013

[pleno - extraordinario - 21 novembro 2013] Sobre o plan temporal de emprego da Deputación


* O plan de emprego da Deputación é discriminatorio con moitos concellos da provincia, pero está pensado para compensar a discriminación que a Xunta do PP efectúa co reparto dos obradoiros de emprego.

Convocouse un pleno extraordinario - a unha semana do ordinario - para o 21 de novembro de 2013, co asunto seguinte:

- Proposta da alcaldía para que a corporación municipal acorde instar á Deputación Provincial de Lugo a modificar as bases que regulan o Programa Temporal de Fomento do Emprego e Posta en Valor do Territorio para concellos de menos de 5000 habitantes, ao entender que é discriminatorio e excluínte cos concellos e desempregados lucenses.
O alcalde informou que, coas actuais bases [pódense consultar no BOP do 9/11/13], Sober non pode acollerse ao plan. Coas actuais bases só poden optar 12 concellos da provincia, todos con alcaldías do PSOE e unha do BNG.
Asemade, a alcaldía anunciou que van solicitar igual as axudas deste plan.

Así, a propota da alcaldía sometida a votación é instar a modificar as bases do plan de emprego para que poidan acollerse todos os concellos da provincia.

En primeiro lugar, consideramos que o feito de que se convoque este pleno a unha semana do pleno ordinario só ten como obxecto servir a unha estratexia partidaria do PP, que decidiu convocar plenos para o mesmo día alí onde ten alcaldías na provincia de Lugo.
Tamén indicamos que renunciamos ás asistencias a este pleno extraordinario - igual que o resto da corporación -.

A nosa posición no pleno foi a abstención porque, efectivamente, o plan é discriminatorio con moitos concellos da provincia, pero está pensado para compensar a discriminación que a Xunta do PP efectúa co reparto dos obradoiros de emprego. Particularmente, este requisito que deben cumplir os concellos para acollerse ao plan: "Que no período comprendido entre o ano 2010 incluído e o ano 2013 non funcionaran, ou empecen a funcionar, escolas obradoiros ou obradoiros de emprego, de xeito individual ou conxunta con outros concellos, segundo os datos publicados pola Consellería de Traballo e Benestar."

É dicir: despropósito por despropósito. O reparto partidario dos recursos das institucións é a tónica xeral e o PP foi quen o practicou durante todos os anos que gobernou na Xunta e na Deputación Provincial de Lugo, repartindo fondos e axudas de xeito caciquil.

Por parte do PP, presentar esta proposta apelando á xustiza e á preocupación polos parados e paradas da provincia é hipócrita por canto se trata dun partido que recorta en promoción de emprego, que aprobou unha reforma laboral lesiva para os dereitos da clase traballadora e unha reforma local que vai destruír empregos sociais.

Saudamos o anuncio do PP de Sober de insumisión ante normas inxustas - ao pedir igual a axuda aínda sabendo que o concello non pode optar - pero lamentamos que isto non se faga cando quen perpetra as inxustizas é o propio PP.

Lembramos que o problema fundamental é que non se adican fondos para políticas activas de emprego nin hai plan algún de activación da economía debido á sumisión do PP aos poderes financeiros internacionais. Pese a que se anunciou no pleno un plan de emprego local para 2014 por parte da alcaldía, os recursos que se adiquen a este han ser limitados, pois a suxeición ao teito de gasto limita a autonomía municipal á hora de elaborar os Orzamentos.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do PP, en contra do PSOE e abstención de BNG e concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao.

viernes, 15 de noviembre de 2013

notas apresuradas sobre a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade


A Ribeira Sacra é un territorio e un conxunto de relacións humanas, non un edificio: cómpre coñecer a fondo os detalles da figura "Patrimonio da Humanidade" e implicar á poboación na consecución deste obxectivo (non meramente a través de sinaturas).

É especialmente preocupante que non se falara co sector do viño, que non se implicara á DO Ribeira Sacra no proxecto.
Que o PP se erixa agora en defensor da Ribeira Sacra, cando permitiu barbaridades naturais - como a destrución da fervenza dos Chancís - semella unha burla para as persoas que vivimos nesta terra.

Ademais, cómpre que o PP explique por que non apoiara a petición de declaración da RS como "Patrimonio Cultural da Humanidade".

Escribimos estas apresuradas notas, tomadas das valoracións da asemblea de Anova de Sober, namentras estamos elaborando dende Anova do sur de Lugo unha postura sobre a declaración da RS como Patrimonio da Humanidade.

jueves, 14 de noviembre de 2013

Crónica da xornada: vivir no País Ribeirao (10-11-2013)

imaxe de Quino Vilas: nos Chancís
O domingo, 10 de novembro, Anova fixo un alto no camiño para achegarse ao noso País Ribeirao. De diversos lugares de Galiza - e da nosa comarca - achegáronse case medio cento de persoas ás que convidamos para coñecer este mundo ribeirao, unha unidade humana e xeográfica, a que conforman as parroquias espalladas a ambas marxes do Sil, sen entenderen de fronteiras provinciais.
Con esta crónica e conclusións aproveitamos para mandarlles o noso agarimo e eterna gratitude: seredes sempre benvidas a Sober!

Tiñamos como obxectivo coñecer mellor o noso entorno, unir ás xentes de alén e aquén Sil, caldelaos e limeses - unión abofé froitífera, da que xa saíron proxectos e intercambios para o futuro -, e reivindicarmos xuntas o dereito á vida, á liberdade e á busqueda da felicidade dende este recanto do mundo. Porque somos de aquí e queremos vivir aquí.

foto: Anova Sober
No contexto dun mundo inxusto e na reivindicación xusta e necesaria doutro mundo posíbel, cun sistema socioeconómico que non remate coa propia esencia do ser humano e coa mesma biosfera, falamos de alternativas á agroindustria, con produción local e ecolóxica, ou ao turismo sen identidade e que non conta coa poboación local, e debullamos posíbeis proxectos de vida en torno aos oficios tradicionais para poder vivir digna e plenamente neste territorio.


Unimos nesta xornada teoría e praxe, metemos as "mans na masa" e no barro, para presentar as nosas reivindicacións concretas para Sober, que non se limitan a ter máis cousas, senón ao ser: porque a política é todo, non a mera xestión, senon o decidir o marco da nosa existencia: sermos mercadoría ou sermos humanidade.

foto: Quino Vilas
Como somos de esquerda, reivindicamos a ética e a liberdade, por iso a xornada de hoxe é un berro liberador en sí mesmo: EXISTIMOS. Esa actitude vital, aquí, neste País Ribeirao esmorecente, non é pouco, é o comezo da conquista das nosas vidas.

E NO PRINCIPIO FOI O PAN


Comezamos a xornada cunha demostración de elaboración de pan ao xeito tradicional feita por Carmen e Ovidio. Tan simple e tan complexo: auga e cereal moído, forno de leña. Dende os inicios da domesticación de prantas e animais e a sedentarización do ser humano, o pan é o alimento do corpo e do espíritu.
Explicáronnos o proceso de levedado e amasado e vimos e colaboramos en facer os bolos de pan e compoñer as empanadas con produtos todos da zona (o cereal, cultivado e moído aquí, o recheo da empanada...). Comprobamos tamén o delicado momento de enfornar, co risco de que o forno perda calor, e fixemos, de paso, unha vixiga ou tripón, dóce tradicional feito con pan, leite, ovos e azucre.


Neste primeiro paso reflexionamos sobre as oportunidades de venda que ten o pan tradicional e a interesante oferta turística que teríamos de facer visitas guiadas prácticas de elaboración de pan e outros produtos tradicionais. Estas actividades deberían ser promocionadas como oportunidades de emprego para xente moza.

Non sen degustar algún dóce e viño da casa, partimos á seguinte parada.

CERVEXEANDO EN SAN MARTIÑO


Coñecimos o proceso de elaboración da cervexa caseira, que vén a ser "unha infusión ao grande".
Diego amosounos e deixounos tocar os ingredientes, os distintos tipos de malte e o lúpulo.
Amosounos o seu taller e moi didacticamente foinos contando paso a paso como se elabora a cervexa na casa, proceso que leva unhas seis horas, para despois fermentar.
Comprobamos no propio padal o exquisita que resulta a cervexa da parroquia de San Martiño en Sober, probando cervexas tipo indian pale ale, irlandesa ou alemá.

Reflexionamos sobre as dificultades que atopamos para vender cervexa caseira, mais considerámolo un produto en auxe e non só unha oportunidade de traballo no rural - que xeraría á súa vez o cultivo de cereais e lúpulo aquí -, senon unha deliciosa alternativa de autoconsumo fronte ás cervexas industriais.

OS CHANCÍS COMO MOSTRA DO PAÍS RIBEIRAO


Nos Chancís tratamos de adentrarnos na alma do noso País Ribeirao, un mundo tronzado polo encoro, que domesticou un río que sempre foi unión, sulcado por pontes e barcas, xunguindo ás xentes de ambas marxes do Sil.
Coñecemos o devir da historia nestas terras e as principais características do viñedo na zona. O Sil encaixouse nunha falla, dando lugar a unha paisaxe de precipicio (máis abrupta e pendente nas zonas graníticas, máis aberta nas pizarrosas), con fortes pendentes nun clima mediterráneo en torno ao río. Foi lugar propicio para o cultivo do viñedo, de cepas curtas, pegadas á terra, con gran insolación, o que produce uvas con gran cantidade de pel, onde está o que lle dará aromas e sabor ao viño. As fortes pendentes propiciaron a proliferación dos socalcos (ou muros, muras, pataos...), un sistema de aterrazamento, espallado por Europa en torno ao ano 1000, que consiste en romper rocha, queimala xunto coa materia vexetal e, co material obtido - xabre - ir aterrazando, para poder aproveitar o sol desas fortes pendentes. De aí xorde un viño - tan ligado á historia de Galiza, produto relacionado co esplendor pleno e baixo medieval das cidades galegas - con personalidade propia, cuxa maior dificultade é o transporte das uvas pola ribeira arriba, sulcada outrora de camiños e hoxe - pese ao impulso acadado dende o inicio do proceso de creación da DO Ribeira Sacra - non totalmente aproveitada.
O País Ribeirao foi un mundo cheo de vida que se tronzou cos encoros, que asulagaron as mellores terras a prezos de saldo e non trouxeron máis que emigración e inxustiza, solucionando os apagóns de Madrid mentras en Chanteiro non se podía prender a televisión ao mesmo tempo cá lavadora.
O castro da Xabrega, a Cova da Vella, o Ciriguilloto do Demo e outros puntos nomeados da paisaxe observábannos.

Nos Chancís, lembramos o atentado á ignorancia e á desmesura que supuxo o tronzar unha fervenza para facer un embarcadoiro en lugar de aproveitar a entrada natural situada a poucos metros; capricho de gobernante de Deputación de Lugo que non podía permitirse facer o "seu" embarcadoiro diante do da Deputación de Ourense. Obra faraónica onde se enterraron millóns e que se inunda cando a choiva persiste. Que chova!

E, grazas ás bandeiras de Anova-Ourense, poidemos decorar a paisaxe e berrar que "Viva Galiza ceibe!"

XANTAR


Tanto ir e vir trouxo un tardío xantar, acompañado de licores caseiros e naturais (ou non tanto).

A NOSA OLERÍA DE RODA BAIXA


Tomás introduciunos no seu taller de Corvelle, Proendos, na idiosincrasia da nosa olería tradicional, a de Gundivós, que se caracteriza por ser feita en roda baixa, movida coa man, e coa técnica de ir construíndo a peza con "cirillotes" de barro. O barro usado é collido na zona, non industrial.
Fíxonos Tomás en directo un xarro, o noso "bigotudo", e ensinounos con outro xa seco como se afuma e se impermeabiliza con resinas.


Pensamos aquí na reivindicación xusta de que as administracións protexan as barreiras onde aínda se colle este barro, para preservar un oficio que é unha xoia da etnografía preservada.
Reflexionamos tamén na necesidade de ter un turismo de altísima calidade, e gastar os cartos das administracións en potenciar oficios coma a olería fronte aos gasto en publicidade. A mellor publicidade á facer as cousas moi ben.

ADESTRANDO OS SENTIDOS: UNHA CATA COMENTADA


Na adega Cividade, de Ramón, a compañeira Laura de Manzaneda adentrounos na apaixoante arte de catar un viño, distinguindo aromas a terra, a froita, a vexetación, a elaboración... 

Quedamos coa reflexión de que un viño da nosa ribeira ten que saber ao País Ribeirao, ten que agochar a esencia da paisaxe e do traballo, a través das variedades propias, coma o albarello, por exemplo, que se utiliza na adega Cividade.

Ao final do camiño, a nosa experiencia resúmese en buscar nos elementos da nosa identidade aqueles que nos permitan construír un mundo humano, facer do País Ribeirao un mundo onde desenvolver a nosa vida e amosarlles o noso "bon vivir" ao resto do mundo.

* Fermosas imaxes de Quino Vilas aquí.

martes, 12 de noviembre de 2013

Asemblea de novembro en Sober: xoves, 14


Este xoves, 14 de novembro, temos asemblea local de Anova ás 20 horas en Proendos.

Falaremos de cuestións municipais e sobre a proposta de fronte ampla para as europeas.

miércoles, 6 de noviembre de 2013

Actividades da xornada: "Vivir no País ribeirao" [horarios e localizacións]


11:15 horas - Punto de encontro en Sober, diante da Casa do Concello. [aquí]

11:30 horas - Presentación da xornada.

11:45 horas - Elaboración de pan, empanada e dóces ao xeito tradicional, con ingredientes de Sober, incluído o grao para a fariña, cultivado e moído na zona.
Daremos forma ao xantar que tomaremos despois e enfornaremos.
No lugar do Ventorrillo, parroquia de Neiras. [aquí]


13:00 horas - Introdución á elaboración de cervexa caseira e degustación.
No lugar de San Martiño, parroquia de Arroxo. [aquí]


14:00 horas - Visita ao entorno dos Chancís. Interpretación do "país ribeirao" e necesidades de Sober no eido do turismo, agricultura e servizos básicos, que se lle entragarán ao grupo parlamentario de AGE a modo de dossier coas necesidades de Sober.
Nos Chancís, da parroquia de Anllo San Martiño, Sober. [aquí]


15:00 horas - Xantar.
No lugar do Ventorrillo, parroquia de Neiras.
[É necesario anotarse ao xantar antes do día 7 de novembro; en anovasober@gmail.com ou no 674473695 - O prezo da xornada son 4 €, que inclúen o xantar]


17:15 horas - Demostración de olería tradicional de Gundivós.
Taller de olería Fígulus en Corvelle, Proendos. [aquí]


* 18:45 horas - Etnografía do viño e da augardente: explicación dun traballo de recollida de datos etonográficos sobre o mundo do viño na zona.
* 19:15 horas - Cata comentada en adega tradicional.
* 20:00 horas - Peche da xornada, conclusións e magosto.
Na adega Cividade, no lugar de Outeiro, parroquia de Bolmente. [aquí]