miércoles, 23 de abril de 2014

Deslinde no Reboredo entre Sober e Monforte

 

Hoxe, 23 de abril de 2014, unha comisión do Concello de Sober convocou ao Concello de Monforte no Reboredo para aclarar os límites de ambos concellos en terreos do Reboredo, na zona do Polígono Industrial.
Ao non comparecer representantes do Concello de Monforte, comprobouse a documentación e marcos in situ, así como testemuñas de veciñanza, e con iso redactarase unha acta que se remitirá ao Instituto Xeográfico Nacional e continuará o proceso.
Ao acto acudiu veciñanza de Neiras, da cal hai persoas afectadas por unha apropiación de terreos particulares - tamén no Reboredo - por parte do Concello de Monforte, que os vendeu a SIGALSA.
Seguiremos informando.


martes, 15 de abril de 2014

Balance de dous anos de traballo político municipal

En febreiro de 2012, practicamente toda a asemblea local nacionalista de Sober constituíamos a Asemblea Nacionalista de Sober, onde ten cabida toda persoa nacionalista e de esquerda de Sober.

Unha parte da asemblea pasamos a afiliarnos a Anova, mais sempre seguiu funcionando unha asemblea aberta a todas as persoas, fosen de Anova ou non.

Nas eleccións autonómicas de 2012 apoiamos a coalición AGE, que obtivo bos resultados na comarca, activando a moita xente desencantada coas forzas políticas existentes. En Sober obtivo 146 votos.

Dende a concellalía de Paula Vázquez Verao, que pasou a ser non adscrita, comprometímonos a seguir defendendo o programa electoral que elaboráramos para as eleccións e a levar ao pleno os problemas da veciñanza de Sober, así como alternativas para mellorar a calidade de vida no noso concello.

Sempre tivemos unha actitude de colaboración entre a oposición ante problemáticas comúns, de loita contra as inxustizas e, tamén, de apoio cando as cousas se fan ben. Ademais, levamos adiante iniciativas que asumiu toda a  corporación.

Nestes dous anos, a situación social empeorou en toda Europa, tendo cada vez as persoas menor poder adquisitivo e menor calidade nos servizos públicos.
Se nos unimos na defensa dunha vida digna, poderemos acadar o soño de poder vivir e traballar en Sober. Ese foi sempre o noso obxectivo.

Na ligazón (aquí) pódense consultar todas as nosas inciciativas e traballo no pleno (son 34 entradas neste blogue), onde defendemos: máis emprego para Sober, información á veciñanza sobre temas municipais, iniciativas para mellorar o turismo, conservación e sinalización de patrimonio, solidariedade, melloras concretas e arranxos nas parroquias, defensa dos servizos públicos...


miércoles, 2 de abril de 2014

Resumo do pleno de marzo: prazas de persoal laboral no verán e debate de moción polo emprego [pleno ordinario - 27-III-2014]


No pleno de marzo o goberno presentou unha modificación da ordenanza do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras, consistente en adecuar a redacción á Lei 9/2013 ("lei do emprendemento"), pola cal se suprime a "licencia municipal de actividade". 
Foi aprobada coa abstención da oposición.

Presentouse tamén o Plan orzamentario 2014-2017, unha previsión á que obriga o Estado aos municipios (Lei Orgánica 2/2012), aprobado coa maioría do PP.
Deuse conta ao pleno da liquidación do orzamento de 2013.


Formulouse a proposta de declaración de determinados postos de traballo como prioritarios.
Trátase das seguintes prazas de persoal laboral:

- persoal destinado a Servizos Sociais (cubrir vacacións)
- auxiliares de Turismo (para apertura de Oficina de Turismo nos meses de verán)
- auxiliar de servizo de axuda á cidadanía
- auxiliar de viticultura
- técnico deportivo (colaboración nas piscinas municipais)
- auxiliar de servizos múltiples (cubrir vacacións)

Son os que van incluídos no denominado "plan de emprego xuvenil", que se demostra que é só propaganda, por canto a maioría destes postos de traballo sempre se ofertaron polo Concello de Sober para o verán; non supoñen novidades no emprego municipal.
A nosa posición foi a abstención, porque estamos de acordo en crear emprego dende as administracións, e estas prazas ofertadas son necesarias: porque cubren vacacións de persoal e porque ofrecen servizos que o noso Concello precisa. A nosa abstención é unha protesta contra as distintas leis estatais (neste caso, a lei de Orzamentos de 2014) que impoñen aos concellos o criterio de estabilidade orzamentaria por riba das necesidades sociais reais.
Paula Vázquez Verao reiterou a necesidade de facer unha boa publicidade da oferta destes postos de traballo, para que a xente moza estudante que non reside en Sober durante o curso teña coñecemento con tempo suficiente desta oferta de emprego. Ademais, sinalou que a Oficina de Turismo debería estar aberta durante máis meses, sendo Sober un municipio de gran interese turístico.

OUTROS ASUNTOS

Presentouse unha moción polo emprego por parte da CIG, que foi rexeitada polo PP, contando só cos 4 votos a favor da oposición.
No debate, sinalouse que Sober conta con 136 persoas en paro, cunha empresa en ERE sen expectativas de mellora (o Hotel Pazo de Sober) e con outra empresa (FF) traballando a media xornada.
Máis info e intervención de Paula Vázquez Verao, aquí.

ROGOS E PREGUNTAS PRESENTADAS

Dende Anova, presentamos os seguintes rogos e cuestións:

- Que se envíe á veciñanza o folleto informativo xa preparado sobre as normas de recollida de lixo, especialmente para os grandes vultos, así como os horarios e normas do Punto Limpo. 
O goberno local comprometeuse a envialo canto antes.

- Que se solicite a ADIF a recuperación do muro de peche da estación de Canaval.
A alcaldía explicou que se solicitou reiteradas veces. Dende Anova, pensamos que cómpre un posicionamento unánime do pleno reiterando a petición.

- Que se contemple a colocación de sinais de reducción de velocidade en San Martiño, ao ser tramo urbano.

- Que se corrixa a toponimia deturpada nos indicadores do municipio, adoptando as formas oficiais.