viernes, 28 de noviembre de 2014

A cidadanía de Sober coñecerá o documento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade


No pleno de decembro de 2014 do Concello de Sober, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, solicitou que "se poña a disposición da cidadanía do Concello de Sober o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade unha vez sexa recibido no Concello e que se publicite esta posibilidade de consulta, animando á cidadanía a consultalo e a presentar propostas de modificación, se é o caso" e que "as alegacións que presente o Concello de Sober ao documento se fagan a través do debate previo na Comisión Sectorial de Turismo".

Ante este rogo (que se pode consultar aquí), o alcalde de Sober, que forma parte da Comisión de Seguimento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade, comprometeuse a trasladar o documento da candidatura a toda a corporación municipal en canto o reciba e poñelo a disposición da xente que o desexe consultar no concello.

Informouse no pleno que o grupo interdisciplinar que está a elaborar o documento da candidatura decidiu presentar unha proposta que se centre na cultura do viño e na arte románica, o que na práctica englobaría no mapa da candidatura as parroquias ribeirás dos concellos da RS, os elementos relacionados co viño e a arte románica. Trataríase, segundo informou o alcalde de Sober, de facer unha proposta coherente basada en dous eixos concretos, en lugar de englobar todos os elementos patrimoniais da RS.

A concelleira non adscrita pediu, ademais de que se expoña ao público o documento unha vez chegue ao Concello de Sober, que o alcalde lle traslade á Comisiónd e Seguimento da candidatura que se cree un espazo web con toda a información dispoñíbel para que a cidadanía interesada poida participar do proxecto da candidatura, máxime cando un dos criterios que valora a Unesco para conceder o galardón de PH é a implicación da sociedade civil no proceso da candidatura. 

miércoles, 26 de noviembre de 2014

Petición para que se poña a disposición, en canto se coñeza, o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade


 

ROGO que presenta a Concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao ante o Concello-Pleno de Sober.

Coñecemos pola prensa que antes de final de ano os alcaldes dos concellos da Ribeira Sacra disporán do documento coa proposta de ámbito territorial que formará parte da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade.

Este documento – mapa e memoria xustificativa -, que está sendo elaborado dende a USC e que presentará a comisión de seguimento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade, entendemos que a través dos concellos debe porse a disposición de todas as persoas interesadas, sendo os concellos a entidade administrativa máis próxima á cidadanía.

Así, e dado que o Concello de Sober contará xa dende este pleno de novembro cunha Comisión Sectorial de Turismo, solicitamos que:

- Se poña a disposición da cidadanía do Concello de Sober o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade unha vez sexa recibido no Concello e que se publicite esta posibilidade de consulta, animando á cidadanía a consultalo e a presentar propostas de modificación, se é o caso.

- Que as alegacións que presente o Concello de Sober ao documento se fagan a través do debate previo na Comisión Sectorial de Turismo.

Paula Vázquez Verao
25 de novembro de 2014
 

martes, 25 de noviembre de 2014

Basta de violencia machista: esiximos máis medios e medidas!


Medio cento de persoas en Monforte esixiu aumento das medidas de prevención e loita contra a violencia machista, coa lectura dun manifesto, que reproducimos a seguir:



lunes, 24 de noviembre de 2014

Contra a violencia machista: basta de complicidades!


Dende a Asemblea Nacionalista de Sober animamos a toda a cidadanía da comarca de Lemos a difundir e apoiar a concentración en contra da violencia de xénero convocada para este martes, 25 de novembro, ás 19:30 horas na Praza de España de Monforte.
Ademais, a Asemblea Nacionalista de Sober, a través da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, presentará este xoves no pleno ordinario de Sober unha moción contra a violencia de xénero e reclamando máis medios públicos para a loita contra a mesma.

É a nosa obriga como sociedade manifestar a nosa repulsa ante a violencia contra as mulleres e esixir medidas para rematar con esta lacra.

No contexto dunha crise e de feminización da pobreza, onde a situación de desemprego feminino é a maior causa de retroceso no número de denuncias, é, máis que nunca, imprescindible manifestar a nosa clara oposición fronte a violencia de xénero.

A loita contra o machismo, que se sigue a perpetuar coa axuda de moitas complicidades, é cousa de todos e de todas.

martes, 18 de noviembre de 2014

O PP é responsable do fracaso de Alimentos Lácteos


En xullo de 2009, a o Grupo Pascual aprobou un ERE temporal de catro meses que significaría o peche definitivo da súa planta de Outeiro de Rei se antes do 4 de decembro dese ano non aparecía un novo propietario que asumira o funcionamento. Para evitar o peche de Pascual, as principais cooperativas agrarias de Galiza ofreceron alternativas viábeis para comprar e manter activa a fábrica de Pascual, solicitando apoio e colaboración da Xunta de Galiza. Finalmente, a Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo impulsou a creación de Alimentos Lácteos, administrada por militantes do PP e na que o goberno galego investiu uns 9 millóns de euros.

A empresa declarouse en creba técnica en 2011, a finais de 2012 cesou a actividade da planta leiteira e en 2013 solicitouse o concurso de acreedores. A pasada semana, os administradores de Alimentos Lácteos foron condenados a pagar unha indemnización polo prexuízo causado á empresa ao solicitar tarde o concurso de acredores, pero cómpre ir máis alá e identificar aos responsables políticos desta desfeita: o goberno de Feijóo e o PP.

Asistimos a un exemplo da corrupción estrutural que carcome o noso réxime político: toda unha trama corrupta na que persoas ligadas ao PP se fan con 9 millóns de euros do IGAPE e logo arruínan un proxecto viable e condenan a centos de explotacións gandeiras á ruína polo impago de leite.

Lembremos que dende que se declarou a empresa en creba técnica, aínda se invertiron 4 millóns de euros públicos, e que a empresa atrasou de xeito deliberado a solicitude de concurso de acreedores para beneficiar á empresa Pascual – propietaria da planta -, que así aforrou pagar as indemnizacións do persoal. Actualmente, a planta de Outeiro de Rei está en mans de Logística Alimentaria, unha empresa vinculada a capital madrileño e xestionada polo entorno do PP.

Precisamos un goberno galego que apoie unha estratexia de produción para o sector lácteo galego, un sector clave que representa o 40% do sector lácteo español e que está nunha situación de inanición, na que o prezo de venda do leite (29 céntimos) arruína a productores.