jueves, 27 de febrero de 2014

ILP polo emprego da CIG: colaboramos dende os concellos


Hoxe a CIG presentounos aos grupos políticos con representación nas corporacións municipais da provincia de Lugo as súas propostas para crear emprego no noso país, plasmadas na ILP polo emprego, que a CIG vai presentar nos concellos.

Cómpre colaborármonos tamén nos concellos en darlle pulo ás propostas da ILP polo emprego, medidas que crearína emprego en Galiza.
Dende Anova amosamos a nosa colaboración.
Máis info: 

http://www.galizacig.com/avantar/novas/16-9-2013/a-cig-inicia-unha-campana-con-100-medidas-para-o-crecemento-economico-e-a-creacion-d

lunes, 17 de febrero de 2014

Referendo de Anova sobre as alianzas das europeas: mesa para votar a militancia de Sober


A militancia de Anova está convocada para decidir en referendo o vindeiro 23 de febreiro de 2014 sobre as alianzas para as eleccións europeas.

A militancia de Sober votará, xunto coa militancia da asemblea de Lemos, no local social de Santa Mariña, en Monforte.

Nas mesas electorais repartidas por todo o país, a militancia está chamada a votar durante toda a xornada, de 12 a 21 h, podendo escoller entre as seguintes opcións sobre o xeito de que Anova concorra ás eleccións europeas, todas elas propostas no debate previo habido nas distintas asembleas territoriais:

1). que Anova participe integrada en coalición coa esquerda federal.

2). que Anova conforme unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas.
 
3). que Anova non concorra ao proceso electoral.

De aprobarse a opción 2, a resultante unha vez concretada, precisaría de ser sometida de novo a decisión de toda a militancia polo conxunto da militancia de ANOVA nun novo referendo.

Tamén se aprobaron as normas que han de rexer nesta consulta, que se poden consultar aquí.

A militancia tamén deberá decidir se ratifica o programa de Anova para as eleccións europeas aprobado na recentemente celebrada Convención Nacional: programa de Anova para Europa.

Unha vez pechadas as urnas, ás 21 horas, realizarase o reconto global, que será público, e os resultados publicitaranse de inmediato na páxina web de Anova.

Todas as persoas militantes ou grupos de militantes que desexen poñer en coñecemento da militancia a súa posición sobre as alianzas de Anova para as europeas, poderán enviar a Organización o texto que desexen.Todo o que se reciba será distribuído entre a militancia e feito público na páxina web de Anova o día 21 de febreiro.

sábado, 8 de febrero de 2014

Anova e AGE reclaman medidas concretas de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra

 
As asembleas de Anova do sur lucense apoian a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e reclaman plans concretos de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra. 

Alternativa Galega de Esquerda reclama que a Xunta poña en marcha un plan de dinamización económica e medioambiental con cronoloxía e memoria orzamentada e outro de preservación, restauración, divulgación e investigación do patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra. 
 
As administracións implicadas neste territorio deben poñer en marcha xa, sen agardar á distinción, un plan de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra con actuacións concretas urxentes en valores patrimoniais en perigo, como é o rico patrimonio inmaterial neste territorio envellecido. A través de AGE, presentamos estas reivindicacións á Xunta de Galiza.


* POSTURA DE ANOVA SOBRE A FIGURA DE PATRIMONIO DA HUMANIDADE PARA A RIBEIRA SACRA

A consecución da figura de Patrimonio da Humanidade da UNESCO sería algo moi positivo para a Ribeira Sacra, pois implica que a zona sexa declarada de especial protección e que deberá ser conservada como patrimonio común da humanidade. Ademais, podería optar a financiación por parte da UNESCO. Alén da importancia cultural, ética e humana que supón esta distinción, daría un pulo ao turismo e á vitivinicultura na zona, como xa ten sucedido noutros lugares declarados Patrimonio da Humanidade.

Mais esta figura por si soa non garante a preservación e mellora do estado do Patrimonio da zona así galardoada, senon que precisa unha participación activa da cidadanía e unha implicación efectiva das distintas administracións que actúan sobre o territorio, que deben manter e conservar o patrimonio cultural herdado e protexer o medio ambiente. Esíxese un especial coidado das administracións no caso da Ribeira Sacra, pois non se trata só dun monumento ou conxunto patrimonial ou dunha soa cidade, senón de todo un territorio con infinidade de patrimonio moi variado, para o cal non contamos con sitios semellantes declarados patrimonio da humanidade no Estado Español (podería semellarse co conxunto das igrexas románicas do Vall de Boí, en Catalunya, ou coa Serra da Tramuntana, en Mallorca), tendo que buscar referencias máis semellantes no Alto Douro, en Portugal, ou en Cinque Terre, en Italia, exemplos que a Comisión que dirixe a candidatura da Ribeira Sacra debería ter en conta.


A distintinción da RS como Patrimonio da Humanidade non pode supoñer, en ningún caso, unha musealización mal entendida da zona: ten que ser un territorio vivo onde as comunidades veciñais se impliquen na súa vida económica e cultural.

O territorio coñecido coa denominación “Ribeira Sacra”, que engloba ás comarcas caldelá, limesa, á de Quiroga e á de Chantada, incluíndo Portomarín e parte de zona ourensá e de Trives, ten singularidades paisaxísticas e culturais que a convirten nunha paraxe única: a xeomorfoloxía, con sendos canóns de Sil e Miño que conforman escarpadas pendentes onde se desenvolveu o cultivo en bancais, unha das obras humanas máis impresionantes do mundo; o clima, mediterráneo nos canóns, que mixtura a influencia continental, atlántica e mediterránea e orixina unha vexetación e fauna variada; o inxente patrimonio cultural, sendo un territorio tremendamente humanizado e con restos arqueolóxico-artísticos dende as primeiras etapas da humanidade: os achádegos paleolíticos na depresión de Lemos, o importante conxunto de petróglifos do sur de Lugo, os numerosos castros e restos romanos, especialmente a minaría romana en Quiroga e os enclaves de Castillón, Proendos e San Vicente, os retallos arquitectónicos altomedievais, unha concentración de arte románica das máis importantes de Europa, castelos e torres medievais, o Barroco dos mosteiros e igrexas e as importantes obras da cidade de Monforte e numerosas obras de arte popular e arquitectura civil e eclesiástica de todas as épocas.
Conta ademais con enormes potencialidades agro-gandeiras e no sector artesanal, que posibilitarían a vida digna nesta terra de moita xente que segue a emigrar dela.

Asemade, sofre ameazas que esixen unha especial atención das administracións. Un dos maiores ataques sufridos pola zona (e que pon en risco a propia candidatura a Patrimonio da Humanidade) é o sobre-aproveitamento hidroeléctrico, do que se benefician as grandes empresas eléctricas sen que supuxera nunca beneficio para a poboación da zona (os encoros destruíron a paisaxe, anegaron as mellores terras, expropiadas a prezos irrisorios, racharon as prósperas relacións entre ribeiras, empregaron man de obra represaliada e en precarias condicións laborais e nunca supuxeron beneficios tarifarios na electricidade). Tamén é preocupante a escasa rede de saneamento coa que se conta na zona lucense, coa conseguinte contaminación dos ríos e regatos, a excesiva contaminación por produtos fitosanitarios das terras da ribeira, falta de apoio ao sector leiteiro, nula ou inefectiva política de control da praga dos incendios forestais ou carencia de redes de transporte público.
Falamos, ademais, dun territorio especialmente envellecido (concellos dos máis envellecidos do mundo) e de baixo nivel de renda en comparación con outras zonas de Galiza.

Dende Anova, cremos firmemente que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade debe ser unha oportunidade de implicar á cidadanía na conservación e coñecemento do noso patrimonio en todos os sentidos, toda vez que no proceso da candidatura, o ICOMOS, órgano consultivo para patrimonio cultural, encargado de emitir un ditame previo á valoración da candidatura polo Comité da UNESCO, se entrevistará coa sociedade civil durante o proceso. Así, a campaña cidadá non pode reducirse á recollida de sinaturas en puntos da zona nin a campañas unidireccionais nas redes sociais. É un paso positivo neste sentido o abrir a posibilidade de adhesión ao convenio de colaboración para a promoción da candidatura a entidades públicas e privadas; precisamente, dende Anova consideramos que é vital que na Comisión Mixta de Execución e Seguimento de dito convenio se faga especial esforzo por implicar activamente á sociedade civil, especialmente ás asociacións culturais que loitan pola conservación do patrimonio.
Cremos que o proxecto final da candidatura debe ser elaborado participadamente pola cidadanía da zona da Ribeira Sacra, por iso pedimos que a elaboración por parte de persoas expertas do “informe técnico onde se sinalen os valores naturais e culturais do territorio” conte coa participación de ditas entidades culturais da zona para a súa elaboración.

A implicación da cidadanía e a concienciación pasa tamén polo ensino, pois – como sinalou Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento – “é a tavés do ensino como se pode concienciar ás xeracións futuras da importancia do noso, que debe ser un proceso participativo, con implicación da sociedade civil, de abaixo cara arriba”. Concretamente, poderíanse promover unidades didácticas sobre a RS nos centros de ensino para os distintos niveis, implicando á comunidade educativa. Sen ensinar o que somos non poderemos conseguir que os nenos e nenas de hoxe valoren o patrimonio herdado mañá.

Tamén solicitamos o mantenmento dunha colaboración estreita das entidades promotoras da candidatura co sector vitícola, a través das súas asociacións e da Denominación de Orixe RS, por ser un dos sectores máis implicados na conservación do cultivo de viñedo en bancais, o principal sinal de identidade da Ribeira Sacra.

A implicación da cidadanía, e especialmente de viticulturas e viticultoras, é vital para a viabilidade do proxecto, por canto existe descoñecemento e temor sobre o que vai significar a figura Patrimonio da Humanidade e lamentamos que a utilización partidaria que o PP do sur de Lugo fixo desta cuestión esté a contribuír a acrecentar a desconfianza. Toda vez que foi o PP quen permitiu o sobreaproveitamento hidroeléctrico no Miño e no Sil ou as plantacións de especies pirófitas na zona. O patrimonio hai que defendelo non só cando pode dar réditos electorais. Cómpre, pois, unha campaña explicativa sobre o que significa no concreto ser Patrimonio da Humanidade e cómo se vai xestionar dende as administracións.
A candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade é tamén unha magnífica oportunidade para adoptar o compromiso por parte de todas as administracións de pular pola distinción do patrimonio inmaterial galego-portuguesa como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Saudamos neste proxecto a colaboración das deputacións provinciais de Lugo e Ourense na promoción da candidatura, pois é a lóxica que se debeu ter seguido dende hai décadas neste territorio que non entende de divisións provinciais, alonxándonos así doutros tempos nos que a rivalidade interprovincial entre administracións manexadas de xeito caciquil orixinou un dos máis graves (e dificilmente resersíbel) atentados ecolóxicos e paisaxísticos da zona, despois dos encoros: a mutilación da fervenza dos Chancís para a construción do embarcadoiro do catamarán do lado de Lugo, escollendo o sitio coa única motivación de non situalo no enclave de acceso natural, que cadraba en fronte do embarcadoiro de Ourense. Esperpéntica historia que é significativa de ata qué niveis de indignidade chegara o tratamento que as administracións concedían ao noso patrimonio natural.

Dende Anova, solicitamos, ademais, ao PP, partido que ostenta nestes momentos o goberno central e o da Xunta, que acometa un plan de inxección económica neste territorio, un plan de desenvolvemento rural, e que poña as medidas para resolver as principais eivas no estado do noso patrimonio en todos os sentidos. A candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade debe ir acompañada xa (sen agardar á obtención da distinción) dun plan de conservación e estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra por parte das administracións implicadas (especialmente Xunta e Deputacións). Concretamente, podemos comezar polas seguintes actuacións:



- plan para protexer e dar a coñecer o conxunto de petróglifos do sur de Lugo.

- plan de conservación e divulgación do patrimonio románico.

- musealización do castro de San Vicente (Monforte) cun Obradoiro de Emprego.

- rehabilitación de San Paio de Abeleda e do pazo obispal de Diomondi.

- mellora dos accesos e iluminación da igrexa de Pesqueiras (Chantada).

- restauración das pinturas murais da igrexa de San Vicente de Pinol (Sober).

- plan de conservación da olería tradicional; preservación das barreiras locais das que se usa o barro para a olería de Gundivós.

- plan de recollida da cultura inmaterial dos concellos que conforman a Ribeira Sacra.

- proxecto de arquivo documental de libros e documentación familiar e parroquial.

- catalogación de árbores senlleiras.

- plan coordinado de eliminación de vertedoiros incontrolados.

Anova: asembleas de Chantada, Lemos e Sober.
Galiza, xaneiro de 2014.
 

lunes, 3 de febrero de 2014

Pleno ordinario do 30 de xaneiro: propostas construtivas e debate ideolóxico [pleno ordinario-30-I-2014]

O pleno aprobou por unanimidade a proposta de Anova de crear un Consello Sectorial de Turismo para implicar á cidadanía e ao sector na estratexia turística. Para facer unha proposta concreta de composición deste organismo, reunirase á xunta de portavoces municipais.

I. A acta anterior foi aprobada por unanimidade.

II. Entre os decretos da Alcaldía dende o pleno anterior, estaba unha factura emitida polas novas portas de cristal do Concello, por importe de 6.267,80 €
No pleno explicóusenos que o cambio das portas se fixo mediante unha subvención da Xunta, co cal o Concello só tivo que aportar unha mínima parte. 
Con todo, a oposición valoramos en conxunto que a Xunta debería adicar prioritariamente os seus fondos a servizos básicos e non a liñas de axuda para gastos suntuarios, como invertir case un millón das antigas pesetas (aportación da Xunta) nunhas portas dun edificio municipal nun contexto de grave crise social.

III. Aprobouse a ordenanza fiscal que regula o prezo público da venda de material e produtos promocionais pola Feira do Viño de Amandi.
A concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao votou a favor por estar ben redactada e os prezos acaídos ao material vendido, así como por estar de acordo co obxecto da ordenanza: facer oficial o recadado por venda de material por parte do Concello na Feira do Viño.

* A guía turística que se venderá é un libro das aventuras dos Bolechas en Sober, do cal se fará unha presentación para o público infantil antes da feira deste ano.

IV. Aprobouse a ordenanza fiscal reguladora do prezo público da "Festa dos Avós", que será de 10 € para persoas empadroadas e 20 € para o resto. No caso de parellas cunha das persoas empadroadas en Sober, o prezo será de 10 € para cada membro da parella.
Votamos a favor por estar de acordo co obxecto da ordenanza: regularizar a recaudación do Concello o día desta festa, mantendo o prezo que tiña ata o de agora.

V. Modificación dos Estatutos do Consorcio da Ribeira Sacra, para incluír a Ribeira Sacra Rural e ao Concello de Bóveda no Consorcio.

VI. Recoñecemento extraxudicial de créditos.
Este ano recórrese a este procedemento (como cada ano) para facer fronte a gastos de aproximadamente 56.000 €. A nosa postura foi a abstención.

outros asuntos


MOCIÓN do PSdG-PSOE pola retirada do anteproxecto de nova lei do aborto.
Tras un animado debate, no que o PP recoñeceu que non estaba de acordo coa lei Gallardón e que a intención era regresar ao "consenso" da lei de 1985, a moción do PSOE foi rexeitada cos votos en contra do PP e os 4 votos a favor da oposición. Dende Anova, a concelleira Paula Vázquez Verao propuxo a engádega dun punto á moción, que foi aceptado: "garantir que dende o goberno do Estado se garanta o dereito das mulleres a decidir sobre o propio corpo".

MOCIÓN do PSdG-PSOE por un plan de emprego para a provincia de Lugo, rexeitado cos votos en contra do PP. Aquí o debate xirou en torno á visión optimista do PP en canto aos datos do paro e os argumentos da oposición, que resaltou que a emigración é unha lacra social que amosa o fracaso do PP en canto ás políticas de emprego.

MOCIÓN do BNG rexeitando a suba de cotizacións das persoas autónomas, rexeitada cos votos en contra do PP.

MOCIÓN do BNG para a obrigatoriedade da venda de viño de Amandi etiquetado nos postos de comida da Feira do Viño. Por unanimidade, o pleno aprobou que dende o goberno local se fará o posíbel para garantir a existencia de viño de Amandi etiquetado nos postos que sirvan comida na feira do Amandi, xa que o municipio non ten competencias para esixilo. Ademais, entregaranse carteis a estes postos para que indiquen que teñen viño de Amandi.

MOCIÓN de Paula Vázquez Verao, en nome de ANOVA, para que se constitúa no Concello de Sober un Consello Sectorial de Turismo na que estén presentes todos os axentes sociais e económicos implicados no sector turístico do municipio, incluíndo ás persoas portavoces de todas as forzas políticas, para deseñar en conxunto a estratexia turística do Concello para o ano 2014, con vontade de continuidade no tempo en vindeiras tempadas turísticas.

A proposta de creación do Consello Sectorial foi aprobada por unanimidade. En canto ás propostas concretas para mellorar o Turismo, foron retiradas da moción, para debate directamente no Consello Sectorial, e porque xa se está a traballar en moitas delas, como é o caso do viñedo experimental dos Chancís. Tamén se reclamará de novo á Deputación o arranxo dos pantaláns de Chanteiro e dos Chancís.

preguntas e rogos formulados por Paula Vázquez Verao:

- A proposta de excavación voluntaria nun castro de Sober foi retirada para ser debatida polo Consello Sectorial de Turismo cando se cree.
- Sobre o proxecto de gasolineira que se ía facer na finca de San Martiño (Couso), o Concello sabe que o proxecto se retomou hai un mes por parte dos promotores, pero aínda non está iniciado o trámite administrativo no Concello.
- Á pregunta de por que non se contratou a persoal de información turística en 2013, o Concello informou que a Xunta non concedeu esta praza, e que o servizo estivo cuberto por outras traballadoras do Concello. En 2014, esta necesidade cubrirase no verán cunha das prazas do plan de emprego xuvenil.
- Dende Anova pedimos que as prazas do plan de emprego xuvenil se anuncien con tempo para que a xente moza que estuda fóra poida optar a elas. Informouse que sairán cara o mes de maio.
- En canto ás humidades do local de Neiras, que son por culpa dun problema estrutural do edificio, o Concello traballou este mes para arranxalas, co cal para o Entroido a parroquia poderá desfrutar do local sen humidades.