martes, 23 de diciembre de 2014

A comarca de Lemos perde en seis anos case 2000 persoas


O IGE publica as cifras de poboación dos concellos a 1 de xaneiro de 2014.
Con esta revisión do padrón municipal podemos comparar as cifras con anos anteriores.
Na táboa, os municipios da comarca de Lemos e a súa poboación dende o ano 2008. Nestes anos de crise, a comarca perdeu 1910 persoas, unha caída do -5,6%.
En total, na comarca de Lemos somos (a data de 1-1-2014) 31.876 almas (en pena).
En Sober, 2.453. Sober perdeu 296 habitantes dende 2008.


domingo, 7 de diciembre de 2014

Feministas da Europa: unídevos!

* Publicado en A Comuna o 20 de novembro de 2013.



Un estudo revelaba hai días que o 60% das mozas reciben insultos e ameazas machistas de parellas e amigos no teléfono móbil e que unha parte delas considera que certo "control" é "normal" e síntoma de preocupación e amor.

Así estamos no quinto ano da crise global: coa violencia que non para - diminúen as denuncias, aumentan as agresións -, no seo dun sistema que ten a violencia como garante da súa continuidade: a violencia dos despexos de vivendas, a represión dos movementos sociais, a violencia de cobrar 500 €... así como unha omnipresente cultura audiovisual que presenta modelos de muller á medida dos estereotipos patriarcais. Terreo abonado para que unha moza de 14 anos pense que se un rapaz se pon algo violento é porque a quere, primeiro paso para chegar ás agresións e asasinatos machistas entre adolescentes que nos golpearon este ano.

Non podemos rematar coa lacra social do terrorismo machista que mata máis mulleres que calquera outra causa se non imos ás raiceiras fondas onde esta se xesta: un sistema económico que nos relega ás mulleres a unha posición subordinada, unha cultura que nos convirte en posesións e obxectos.

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, pídennos as camaradas de alén Miño un artigo para a fantástica revista A Comuna e nós imos enviar un S. O. S., unha mesaxe de socorro pola situación de acoso que vivimos as mulleres na Galiza e no Estado Español, onde se conxugan varias ameazas que nos esmagan: os recortes aos servizos sociais públicos, que afectan dobremente ás mulleres – ao asumir estas maioritariamente os coidados -, a chapoda das políticas de Igualdade e das axudas ás vítimas de violencia, o anuncio dunha regresiva lei do aborto, unha lei de Educación antidemocrática...

De certo que, infelizmente, esta mesma guerra contra as mulleres a estades a sufrir en Portugal, coma en toda a Europa da troika, pois, a crise – ou, por mellor dicir, estafa – serviu como coartada para re-situarnos ás mulleres con máis crudeza no papel que o sistema capitalista nos reserva: a reprodución da forza de traballo e a carga sobre nós do mantemento e coidado das masas proletarias, suplindo co noso esforzo os dereitos que o estado social en retirada abandona. Así, é sobre as mulleres sobre as que recae o maior peso da atención a persoas dependentes, as que suplen o recorte nos comedores escolares, as que asumen os coidados a persoas enfermas ás que os inmorais recortes sanitarios deixan na estacada –  na Galiza estase a desmantelar a Sanidade pública –, o que se vén a unir ás tarefas do fogar e ao coidado de nenos e nenas, que seguen a ser ocupacións maioritariamente femininas.

Por iso, ás feministas europeas non nos queda outra que unírmonos contra esta ofensiva patriarcal, que é global, mais que adopta formas comúns e específicas no noso continente. Por iso, a esquerda europea – e con máis razón a dos estados do sul, a quen a arquitectura infernal do euro nos ten reservado o papel de periferia – debemos aproveitar as eleccións ao Parlamento Europeo do ano que vén para que, polo menos, sirvan de altavoz da situación que vivimos as mulleres  - e o colectivo LGTB –: un retroceso brutal en condicións de vida, en dereitos e liberdades en todo o continente.

Os comicios europeos de 2014 deben poñer na axenda política aquelo do que sempre se fala en segundo lugar, aínda que afecte á metade da humanidade: as macro-redes de tráfico de persoas e prostitución forzada, o terrorismo machista, a pobreza que afecta en maior grao á poboación feminina europea (un 25% das mulleres da UE-28 atópanse en risco de exclusión social), as redes de pederastia e Europa como punto de onde sae o turismo sexual, a inferior taxa de actividade, inferior remuneración laboral e maior temporalidade (32% de taxa de emprego parcial nas mulleres fronte ao 9% dos homes), o traballo feminino precarizado e na economía sumerxida, a exclusión social das mulleres discapacitadas e das mulleres anciás na envellecida Europa, os infernos da anorexia e a bulimia inducidos pola "cultura" dos grandes medios, os atentados plásticos contra o corpo das mulleres ou a posta en cuestión dos dereitos sexuais e reprodutivos nos estados da UE. Este é o terreo onde campa a violencia de xénero en Europa, a principal causa de morte feminina.

Así, dende a Galiza, agardamos que esta pequena mensaxe de auxilio inconexa sexa o inicio dunha ponte de sororidade coas feministas do sul do Miño e que berremos xuntas no noso idioma común: nin sumisas, nin escravas, mulleres libres e liberadas na Europa dos pobos!

miércoles, 3 de diciembre de 2014

Pleno ordinario de novembro de 2014


- ORZAMENTOS 2015


Fixemos a observación de que nos parecía moita diferencia entre a subvención prevista para a festa de Sober (6000 €) fronte ás das parroquias (300 € para cada unha) e Cadeiras (1200 €). 
Ademais, sinalamos que debería haber máis convenios con asociacións que promoven actividades no Concello, non só con Xuventudes Musicais (1000 €), subvención esta que nos parece acaída, pero que deberían contemplarse outras máis. Ante isto, a alcaldía comprometeuse a valorar convenios que lle propoñan outras asociacións. Concretamente, pedimos que a Banda de Sober, ademais da subvención para axuda a pago do director, facture polas festas e a organización do certame de bandas, algo que se aceptou e que se fará vía convenio ou contrato de colaboración.
 
As inversións reais irán para:
- 30.807 € para un POS (saneamento). Non está decidido onde, dependerá de a canto ascenda a partida da Deputación. 
- 24.000 € Rede Natura: acondicionamento ruta sendeirismo Rosende-Anllo ata os Chancís. 
- 10.000 €: mellora alumeado urbano Sober.
- 124.000 €: mellora de camiños rurais en todas as parroquias.
- 8.000 €: mantemento e accesos a camiños.
- 8.000 €: accesos pistas da ribeira.
- 10.000 €: aportación para Obradoiro Emprego.

A obras do ARI deste anos serán: na rúa da Estación en Canaval e acondicionamento das prazas de Doade e de Pinol.

- Aprobouse a exención do IBI para a parcela do edificio do Centro de Saúde, cecido ao Sergas.

- Fíxose unha modificación de créditos para facer unha transferencia entre partidas, dunha que tiña fondos a outra que quedou sen fondos antes de final de ano: o presuposto irá para alumeado público e suministros.

- Aprobación, cos votos do PP, da refinanciación do préstamo de pago a proveedores. Aceptouse a oferta de Abanca.

- Constitución da Conferencia Sectorial de Turismo, aprobada por unanimidade: ver aquí.

- Elección de xuiza de paz titular, que recaeu na mesma persoa que desempregou este cargo nos últimos 4 anos.

- Aprobouse, cos votos do PP, o Acordo Regulador das condicións de traballo do persoal funcionario e laboral do Concello de Sober.

MOCIÓNS

- Non se conseguiu localizar á empresa do Pazo de Sober para solicitar a súa comparecencia, tal como fora acordado.
En canto se resolva o expediente do IGAPE sobre a subvención concedida ao Pazo de Sober, pedirase por escrito.

- A moción que presentamos sobre a violencia de xénero retirámola a cambio de aprobar unha do PP que insta a crear unha mesa local de coordinación da violencia de xénero e a cambio de manter a petición á Xunta de que se cumpla a promesa de facer un plan de emprego feminino.

Apróbase por unanimidade a creación da Comisión Sectorial de Turismo


O pleno do Concello de Sober aprobou por unanimidade o 27 de novembro a constitución da Comisión Sectorial de Turismo.
A idea foi unha proposta nosa, que foi aceptada, e durante este ano a xunta de voceiros local definiu o funcionamento e composición, enviándolle información sobre a mesma ao sector turístico do municipio.

Así, aprobouse por unanimidade a seguinte proposta, que inclúe como vocais da Comisión Sectorial de Turismo a todas as persoas do sector turístico que se presentaron para formar parte da mesma.

Ademais do alcalde ou concelleiro/a na que delegue, que será presidente, estarán os voceiros e voceira dos grupos municipais e os seguintes membros como vogais, na subcomisión:

2 adegas: Algueira e Val da Lenda
2 establecementos de turismo rural: Casa do Estevo e Apartamentos Río Sil
2 empresas de actividades turísticas: Tren Turístico Aba Sacra e Catamarán Algueira
2 empresas de hostalería: A Cantina e Algueira

Haberá un pleno anual, como mínimo, ao que se convidará a todas as persoas relacionadas co sector turístico en Sober.

A subcomisión (presidente + vocais) reunirase tres veces ano ano, a inicio do verán, inicio de Semana Santa e en Nadal, para valorar a tempada.