martes, 24 de marzo de 2015

Moción para reclamar os servizos do Hospital de Lugo prometidos por Feijóo en 2011


MOCIÓN que presenta a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao ante o Pleno do Concello de Sober sobre a petición de Hemodinámica 24 h no HULA e servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear

En febreiro de 2011, Alberto Núñez Feijóo prometía que o novo hospital de Lugo, inaugurado nese mesmo momento, o HULA, sería dotado de inmediato cos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear, servizos que, segundo o propio Núñez Feijóo significaban un "compromiso de que pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poidan ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano" (referíndose a 2011).

Estes servizos son fundamentais para o benestar dunha poboación envellecida e dispersa coma a da provincia de Lugo, pois trátase de unidades de atención a pataloxías cardiolóxicas e de cancro.

Os colectivos veciñais e sociais de Lugo protagonizan numerosas mobilizacións e actos de protesta e a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo promove a recollida de sinaturas para unha ILP que reclamaba estes servizos.

Non foi ata inicios de 2014 cando se puxo en marcha o servizo de Hemodinámica, pero só en horario de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres, recoñecendo o propio HULA que só un 40% das persoas infartadas na provincia de Lugo poden ser atendidas a tempo no HULA. O cardiólogo Carlos González Juanatey, xefe do servizo de cardioloxía do HULA, sinalou que un 60% dos casos de infarto seguen a ser atendidos noutros hospitais, frecuentemente no da Coruña.

A mortalidade nos infartos aumenta segundo aumenta o tempo en ser atendida a persoa doente, sendo o recomendable por debaixo dos 120 minutos ata a realización dunha anxioplastia. Dous tercios das persoas infartadas en Lugo tardan máis de 120 minutos en ser atendidas. Deste xeito, unha persoa que infarte en Sober fóra do horario do HULA e que sexa trasladada á Coruña tardará máis de dúas horas en ser atendida axeitadamente.

Tanto a Sociedade Española de Cardioloxía coma profesionais dos servizos de cardioloxía do HULA defenden a necesidade de ampliar os servizos de Hemodinámica as 24 h no HULA.

Nós últimos datos publicados polo INE, referidos a 2013, confírmase que Lugo é a peor provincia en canto á mortalidade nos casos de infarto. A taxa de mortalidade por infarto en Lugo duplica a media estatal e é moito maior ca do resto de Galiza, sendo a taxa de mortalidade en infartos da provincia de Lugo de 76,01 mortes por infarto por cada 100.000 habitantes, mentras a media estatal é de 35,5 e a galega de 46,39.

Unha ILP impulsada por colectivos sociais e veciñais lucenses pedía a inmediata posta en funcionamento (6 meses) dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. No debate parlamentario desta iniciativa, en decembro de 2014, o PP aprobou en solitario un prazo para instalar o servizo de Hemodinámica 24 horas nun prazo de 18 meses, e despois puxo o novo horizonte en 2015, sen concretar, para a Radioterapia e a Medicina Nuclear, desvirtuando a ILP promovida pola cidadanía. Ademais, a Consellería de Sanidade non facilita os datos de mortalidade por infarto no HULA demandados polos colectivos sociais.

No caso do servizo de Radioterapia, a ausencia deste servizo no HULA obriga a persoas con cancro a facer viaxes á Coruña para aplicar un tratamento de poucos minutos, tendo os pacientes que, ou ben soportar xornadas longas nunha ambulancia compartida ou ben gastar recursos propios para acudir en vehículo propio ou taxi.

A ausencia dos servizos de Hemodinámica as 24 h e de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA está a causar graves danos a poboación da provincia de Lugo, polo que se fai necesario un compromiso firme de todas as forzas políticas e colectivos sociais para acadar que, canto antes, a Consellería de Sanidade dote ao HULA dos servizos prometidos por Feijóo para o ano 2011.

Por todo o anterior, o PLENO do Concello de Sober, acorda (proposta de acordo):

- Esixir á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza que informe sobre os datos de falecementos e desprazamentos de persoas infartadas na provincia de Lugo, tal e como solicita a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.

- Solicitar á Xunta de Galiza a inmediata dotación dos servizos de Hemodinámica 24 h, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Asdo. Paula Vázquez Verao
Concelleira non adscrita.

En Sober, a 20 de marzo de 2015.

ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO-PLENO DE SOBER

jueves, 5 de marzo de 2015

Criticamos a elección do pregoeiro da feira do viño 2015

Feira do Viño do 2014: actuación de Carlos Núñez.
A elección do pregoeiro deste ano para a Feira do Viño non nos parece que aporte nada ao viño nin á feira nin á cultura, só á cada vez maior cultura-espectáculo das feiras do viño. 

Hai aspectos da feira nos que recoñecemos melloras (coma o mes do Amandi) mais outros que pensamos que van a peor nesta edición, como o feito de prestar demasiada atención ao espectáculo sobre a cultura. Traer a pregoeiros non relacionados coa viticultura nin con Galicia ou rodar un programa da TVG na feira que vai impedir seguro que a Banda de Sober poida facer completo o concerto de música rock con guitarra e baixo eléctrico fai que prevaleza o interese mediático sobre a cultura. Pasar de Carlos Núñez a un presidente dun club de fútbol de Madrid non cremos que sexa a mellor imaxe, máxime cando o presidente do Atlético de Madrid ten sido tibio coa peña violenta do Frente Atlético ou sospeitas de relación con tramas de corrupción. 

As feiras do viño son un dos eventos máis importantes para a cultura e a economía soberina, no que sempre amosamos e amosaremos colaboración no que signifique mellorar a calidade da mostra e as oportunidades de mellora da profesionalización do sector vitivinícola e da promoción dos viños, pero non podemos deixar de criticar a tendencia á política espectáculo neste tipo de eventos.

NOTA _ No pleno, o goberno local defendeu a elección do pregoeiro alegando a súa condición de empresario e productor de cinema.