lunes, 13 de abril de 2015

Toda a información sobre a candidatura municipal de 2015



No blogue Unidade Popular Sober

Pleno de marzo de 2015


PRAZAS LABORAIS NO VERÁN

No pleno de marzo de 2015 aprobouse a declaración de servizos esenciais dos contratos do obradoiro de emprego xuvenil de 2015, que será no verán (xuño a setembro).

Contarase con persoal de viticultura e prometeuse iniciar os traballos no viñedo dos Chancís.

Haberá 1 persoa operaria de recursos turísticos (limpeza de miradoiros, etc), 1 persoa para deportes (colaboración na piscina), 2 socorristas.

As 2 persoas técnicas de turismo que haberá no verán a media xornada xa non van este ano no plan municipal, pois por ser Concello de Interese Turístico corren a conta da Xunta.

PRAZA A MEDIA XORNADA EN SERVIZOS SOCIAIS

Como aumentaron en 70 h a Dependencia no Concello de Sober, haberá unha nova praza a media xornada.

MOCIÓN POLA DOTACIÓN DOS SERVIZOS PROMETIDOS NO HOSPITAL DE LUGO

Presentada por Paula Vázquez Verao, foi apoiada só pola oposición e o PP votou en contra.
Consulta a moción aquí.

martes, 24 de marzo de 2015

Moción para reclamar os servizos do Hospital de Lugo prometidos por Feijóo en 2011


MOCIÓN que presenta a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao ante o Pleno do Concello de Sober sobre a petición de Hemodinámica 24 h no HULA e servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear

En febreiro de 2011, Alberto Núñez Feijóo prometía que o novo hospital de Lugo, inaugurado nese mesmo momento, o HULA, sería dotado de inmediato cos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear, servizos que, segundo o propio Núñez Feijóo significaban un "compromiso de que pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poidan ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano" (referíndose a 2011).

Estes servizos son fundamentais para o benestar dunha poboación envellecida e dispersa coma a da provincia de Lugo, pois trátase de unidades de atención a pataloxías cardiolóxicas e de cancro.

Os colectivos veciñais e sociais de Lugo protagonizan numerosas mobilizacións e actos de protesta e a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo promove a recollida de sinaturas para unha ILP que reclamaba estes servizos.

Non foi ata inicios de 2014 cando se puxo en marcha o servizo de Hemodinámica, pero só en horario de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres, recoñecendo o propio HULA que só un 40% das persoas infartadas na provincia de Lugo poden ser atendidas a tempo no HULA. O cardiólogo Carlos González Juanatey, xefe do servizo de cardioloxía do HULA, sinalou que un 60% dos casos de infarto seguen a ser atendidos noutros hospitais, frecuentemente no da Coruña.

A mortalidade nos infartos aumenta segundo aumenta o tempo en ser atendida a persoa doente, sendo o recomendable por debaixo dos 120 minutos ata a realización dunha anxioplastia. Dous tercios das persoas infartadas en Lugo tardan máis de 120 minutos en ser atendidas. Deste xeito, unha persoa que infarte en Sober fóra do horario do HULA e que sexa trasladada á Coruña tardará máis de dúas horas en ser atendida axeitadamente.

Tanto a Sociedade Española de Cardioloxía coma profesionais dos servizos de cardioloxía do HULA defenden a necesidade de ampliar os servizos de Hemodinámica as 24 h no HULA.

Nós últimos datos publicados polo INE, referidos a 2013, confírmase que Lugo é a peor provincia en canto á mortalidade nos casos de infarto. A taxa de mortalidade por infarto en Lugo duplica a media estatal e é moito maior ca do resto de Galiza, sendo a taxa de mortalidade en infartos da provincia de Lugo de 76,01 mortes por infarto por cada 100.000 habitantes, mentras a media estatal é de 35,5 e a galega de 46,39.

Unha ILP impulsada por colectivos sociais e veciñais lucenses pedía a inmediata posta en funcionamento (6 meses) dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. No debate parlamentario desta iniciativa, en decembro de 2014, o PP aprobou en solitario un prazo para instalar o servizo de Hemodinámica 24 horas nun prazo de 18 meses, e despois puxo o novo horizonte en 2015, sen concretar, para a Radioterapia e a Medicina Nuclear, desvirtuando a ILP promovida pola cidadanía. Ademais, a Consellería de Sanidade non facilita os datos de mortalidade por infarto no HULA demandados polos colectivos sociais.

No caso do servizo de Radioterapia, a ausencia deste servizo no HULA obriga a persoas con cancro a facer viaxes á Coruña para aplicar un tratamento de poucos minutos, tendo os pacientes que, ou ben soportar xornadas longas nunha ambulancia compartida ou ben gastar recursos propios para acudir en vehículo propio ou taxi.

A ausencia dos servizos de Hemodinámica as 24 h e de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA está a causar graves danos a poboación da provincia de Lugo, polo que se fai necesario un compromiso firme de todas as forzas políticas e colectivos sociais para acadar que, canto antes, a Consellería de Sanidade dote ao HULA dos servizos prometidos por Feijóo para o ano 2011.

Por todo o anterior, o PLENO do Concello de Sober, acorda (proposta de acordo):

- Esixir á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza que informe sobre os datos de falecementos e desprazamentos de persoas infartadas na provincia de Lugo, tal e como solicita a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.

- Solicitar á Xunta de Galiza a inmediata dotación dos servizos de Hemodinámica 24 h, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Asdo. Paula Vázquez Verao
Concelleira non adscrita.

En Sober, a 20 de marzo de 2015.

ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO-PLENO DE SOBER

jueves, 5 de marzo de 2015

Criticamos a elección do pregoeiro da feira do viño 2015

Feira do Viño do 2014: actuación de Carlos Núñez.
A elección do pregoeiro deste ano para a Feira do Viño non nos parece que aporte nada ao viño nin á feira nin á cultura, só á cada vez maior cultura-espectáculo das feiras do viño. 

Hai aspectos da feira nos que recoñecemos melloras (coma o mes do Amandi) mais outros que pensamos que van a peor nesta edición, como o feito de prestar demasiada atención ao espectáculo sobre a cultura. Traer a pregoeiros non relacionados coa viticultura nin con Galicia ou rodar un programa da TVG na feira que vai impedir seguro que a Banda de Sober poida facer completo o concerto de música rock con guitarra e baixo eléctrico fai que prevaleza o interese mediático sobre a cultura. Pasar de Carlos Núñez a un presidente dun club de fútbol de Madrid non cremos que sexa a mellor imaxe, máxime cando o presidente do Atlético de Madrid ten sido tibio coa peña violenta do Frente Atlético ou sospeitas de relación con tramas de corrupción. 

As feiras do viño son un dos eventos máis importantes para a cultura e a economía soberina, no que sempre amosamos e amosaremos colaboración no que signifique mellorar a calidade da mostra e as oportunidades de mellora da profesionalización do sector vitivinícola e da promoción dos viños, pero non podemos deixar de criticar a tendencia á política espectáculo neste tipo de eventos.

NOTA _ No pleno, o goberno local defendeu a elección do pregoeiro alegando a súa condición de empresario e productor de cinema.

viernes, 27 de febrero de 2015

Chamado á veciñanza: pola unidade popular!



Na Asemblea Nacionalista de Sober acordamos apoiar e impulsar unha candidatura de unidade popular para as eleccións municipais de maio no noso Concello, nun momento no que vemos os límites do réxime político español e a súa corrupción estrutural e tras anos de crise e de políticas que esmagan á xente do común.

Os concellos, coas políticas do PP, quedaron baleiros de moitas competencias para poder atender ás necesidades da veciñanza, cada vez máis afogada pola situación económica.

Para que poidamos vivir e traballar en Sober podemos contribuír a reverter esta situación como xa vimos practicando na Asemblea Nacionalista de Sober, que cremos que pode e debe ampliarse e consolidarse.

Propoñémosvos:

– Crear un espazo asembleario de traballo social e político de esquerda en Sober, onde poida participar calquera persoa, nacionalista ou non, sen importar se milita ou non en organizacións políticas nin en cales. Xuntos na defensa das maiorías sociais, do dereito do pobo galego a decidir, do ecoloxismo, do feminismo, da non discriminación, e da cultura cívica de participación e de acción política democrática.

– Impulsar unha candidatura de unidade popular en Sober para maio de 2015, elaborada de xeito totalmente transparente e democrático, na que poida participar calquera persoa de Sober que se sume ao proceso e acepte uns principios éticos e políticos compartidos, que se aprobarán pola propia asemblea.

Para iso, continuaremos cos contactos entre xente e colectivos de Sober para consolidar ese espazo de unidade no noso Concello e convocaremos unha xuntanza aberta para a elaboración dun programa electoral centrado na revitalización da vida económica e social da nosa zona e comezar o proceso de formación da candidatura.

Chamámosvos dende a Asemblea Nacionalista de Sober alto e claro porque temos decidido poñer todas as nosas forzas para que en maio de 2015 haxa unha candidatura de unidade popular en Sober.

Sober, febreiro de 2015
Asemblea Nacionalista de Sober

lunes, 16 de febrero de 2015

Balance do traballo da Asemblea Nacionalista de Sober (2012 - 2014)

28 – febreiro – 2012 a 21 de febreiro de 2014

* MOCIÓNS

marzo, 2012 - Moción contra a reforma laboral do PP e ausencia ao Pleno do 29 de marzo de 2012 en solidariedade coa folga xeral convocada para ese día.

xullo, 2012 – Moción para supresión do IBI á Igrexa católica. REXEITADA POLO PP

xaneiro, 2013 – Sobre as participacións preferentes e subordinadas. REXEITADA POLO PP

marzo, 2013 – Para o apoio á manifestación en defensa da área sanitaria de Monforte. REXEITADA POLO PP

maio, 2013 – Contra os recortes na atención á drogodependencia. REXEITADA POLO PP

setembro, 2013 – Pola celebración dunha homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober. APROBADA POR UNANIMIDADE



novembro, 2013 – De solidariedade coas reivindicacións das familias do alumnado de Ensino Especial do Centro Infanta Elena: por un centro de continuidade. APROBADA POR UNANIMIDADE

xaneiro, 2014 – Moción para a creación dun Consello Sectorial de Turismo, para implicar á cidadanía e ao sector no deseño da estratexia turística municipal. APROBADA POR UNANIMIDADE, EN PROCESO DE CREACIÓN

marzo, 2014 - Engádega dun punto a unha moción, que foi aceptado: "garantir que dende o goberno do Estado se garanta o dereito das mulleres a decidir sobre o propio corpo". APROBADA POR UNANIMIDADE

maio, 2014 – Contra a lei de telecomunicacións. REXEITADA POLO PP

setembro, 2014 – Contra o TTIP. REXEITADA POLO PP

agosto, 2014 – Moción conxunta da oposición: petición de pleno extraordinario sobre a situación do Pazo de Sober.

Setembro, 2014 – Pola sinalización de igrexas románicas e petróglifos de Sober. APROBADA POR UNANIMIDADE

* ROGOS

xullo, 2012 – Petición para renuncia de paga extra por parte da Alcaldía, en consonancia cos recortes que o PP aplica ao funcionariado. ACADADO

xullo, 2012 – Pola colocación dun sinal de estreitamento de vía no cruce da panadería de Sober. NON ACADADO

agosto, 2012 – Pola renuncia de toda a corporación ás dietas do pleno extraordinario en solidariedade co sector lácteo. ACADADO

xaneiro, 2013 – Sobre os delitos de corrupción nas contas do PP: petición de dimisión de Rajoy e convocatoria de eleccións xerais. NON ACADADO

febreiro, 2013 – Pleno en apoio ás traballadoras e traballadores do Pazo de Sober. Petición de que toda a corporación renuncie ás dietas do pleno para doalas ao persoal do Hotel en loita por cobrar os seus salarios adebedados (finalmente, ao terse chegado a un acordo: fíxose unha petición para adicar esas dietas a unha causa solidaria; que foi aceptada). ACADADO

abril, 2013 – Pola dotación á Oficina de Información Xuvenil dunha impresora propia. ACADADO

maio, 2013 – Pola celebración dunha asemblea informativa en Neiras para explicar a situación dos límites entre Sober e Monforte e das parcelas privadas vendidas por Monforte a Sigalsa sen coñecemento das persoas propietarias. ACADADO EN PARTE

xullo, 2013 – Por un acto sobre a memoria lingüística nos camposantos (iniciativa de “Galeguizar Galiza”). NON ACADADO

setembro, 2013 – Para que a Xunta considere prioritario un Centro de Día en Sober. NON ACADADO

setembro, 2013 – Rogo para que se sinale o castro da Cividade, cun panel explicativo sobre o castro, situado a pouca distancia do miradoiro da Cividade. ACADADO

xaneiro, 2014 - Que o Concello teña en conta a posibilidade de promover, buscando financiamento en Xunta e Deputación, unha excavación no castro de Sober (ou noutro castro do Concello) recorrendo a persoas voluntarias, imitando proxectos coma a excavación do castro de Mallou, en Carnota. NON ACADADO

marzo, 2014 - Que se envíe á veciñanza o folleto informativo xa preparado sobre as normas de recollida de lixo, especialmente para os grandes vultos, así como os horarios e normas do Punto Limpo. ACADADO



marzo, 2014 - Que se solicite a ADIF a recuperación do muro de peche da estación de Canaval. SOLCITADO, PERO NON ACADADA A RECUPERACIÓN

marzo, 2014 - Que se contemple a colocación de sinais de reducción de velocidade e rugosas en San Martiño, ao ser tramo urbano. NON ACADADO

marzo, 2014 - Que se corrixa a toponimia deturpada nos indicadores do municipio, adoptando as formas oficiais. ACADADO EN PARTE

setembro, 2014 – Pola retirada do proxecto educativo e do regulamento da Escola de Música para adecualos á realidade do Concello, cunha banda de música en funcionamento. ACADADO

setembro, 2014 – Pola priorización do proxecto de saneamento dos núcleos de Neiras. ACADADO EN PARTE

setembro, 2014 – Pola preocupación sobre a situación do hotel Pazo de Sober.

outubro, 2014 – Petición de mellora da laga e fonte do Amendo en Barantes. EN PROCESO


novembro, 2014 – Polo posta en disposición á toda a cidadanía do documento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. NON ACADADO

xaneiro, 2014 – Polo remate do arranxo das humidades da Casa da Cultura. EN PROCESO

* PREGUNTAS

Sobre o estado dos pantaláns do catamarán.

Sobre o proxecto de gasolineira en Sober.

Sobre a ausencia de praza de Información Turística en 2013.

Sobre os servizos de medicina e ATS no Centro da Terceira Idade.

Sobre as condicións de traballo do persoal de incendios.

Sobre as prazas de emprego no verán para desempreados/as mozos/as. Que se publiciten con tempo, usando tamén as redes sociais, para que a mocidade do Concello que está fóra durante o resto do ano poida enterarse.

Sobre os problemas de humidades que sigue a haber na Casa da Cultura.

Sobre o problema das humidades da casa da Escola de Neiras, que deterioran terriblemente o edificio.

Sobre deficiencias puntuais observadas na recollida de lixo.

Sobre as novas portas do Concello.

Sobre a supresión da mesa electoral de Canaval.

Sobre a obra da presa de Canaval, non rematada.

Sobre o campo de tiro autorizado por Medio Ambiente en Doade.


* ACTIVIDADES

maio, 2012 - “Maio revolto”: explicación da reforma laboral e concerto de “música revolucionaria”.



maio, 2012 – Impulso de asemblea comarcal por un novo proxecto común.

xullo, 2013 – Festa comarcal do día da patria.

agosto, 2013 – Reivindicación nacionalista no paso da “Vuelta a España” por Sober.

outubro, 2013 – Xornada “Vivir no país ribeirao”, sobre posibilidades de emprego no rural. Obradoiros de pan, cervexa, olería tradicional e sesión de cata de viño.

abril, 2014 – Participación no acto para redactar unha acta de deslinde de terreos entre Monforte e Sober no Reboredo.



Denuncia do estado do punto limpo de Sober en Canaval.

Recollida de testemuños orais sobre a represión franquista en Sober e mantemento do blogue: https://sober1936.wordpress.com/

outubro, 2014 – Homenaxe institucional ás vítimas do Franquismo.

novembro, 2014 – Colaboración na organización comarcal da concentración en contra da violencia machista.



maio, 2012 – Sobre o endebedamento dos concellos para pago a proveedores.

agosto, 2012 – Apoio ao sector lácteo no pleno extraordinario convocado.

decembro, 2012 – Conclusións da xornada “Vivir no país ribeirao”.

febreiro, 2014 – Sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

outono, 2014 - Resumo da situación do hotel Pazo de Sober.

* APOIO A MOBILIZACIÓNS

xuño, 2012 - Manifestación en defensa da Sanidade Pública.

febreiro, 2013 – Manifestación de persoal do Hotel Pazo de Sober.

marzo, 2013 – Concentración en defensa da área sanitaria para Monforte de Lemos.
ASEMBLEA NACIONALISTA DE SOBER
FEBREIRO, 2014

viernes, 30 de enero de 2015

Preguntas resoltas no pleno de xaneiro: presa de Canabal, campo de tiro en Doade, Reboredo, tellado da Casa da Cultura.


Preguntas formuladas por escrito por Paula Vázquez Verao ao goberno, que foron respostadas no plen do 29 de xaneiro.

1. Sobre o deslinde do Reboredo. O IGN indicou que se está demorando o proceso.
Este organismo estatal vai convocar a Sober e Monforte para, se non hai acordo das partes nos límites municipais no Reboredo, proceder á delimitación.
 
2. Sobre a obra da presa de Canabal, da cal consta unha parte que non se fixo pagada, - pregunta formulada a petición da veciñanza da parroquia - informóusenos que o enxeñeiro da obra explicará a factura. Seguiremos sobre o tema e informando.

3. Sobre a persistencia de humidades na Casa da Cultura (pese a que as goteiras e problemas meirandes xa foron arranxados) informóusenos de que o que falta por arranxar é a claraboia, que está pendente de selar e que se fará este ano.

4. Preguntamos polo campo de tiro autorizado por Medio Ambiente en Doade. A obra - nunha zona comunal, con convenio coa Comunidade de Montes - está nun 90% de execución e prevese que esté rematada en marzo. Está situada na zona da Fenteira, no Cadaval.

5. Sobre a petición de coñecer o documento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade en canto chegara ao concello (petición que se aceptou no anterior pleno), soubemos que o documento aínda non está no Concello de Sober e que a Comisión de Seguimento da candidatura, que se ía reunir periodicamente, non se reúne dende hai meses.