Mostrando entradas con la etiqueta sanidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sanidade. Mostrar todas las entradas

martes, 24 de marzo de 2015

Moción para reclamar os servizos do Hospital de Lugo prometidos por Feijóo en 2011


MOCIÓN que presenta a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao ante o Pleno do Concello de Sober sobre a petición de Hemodinámica 24 h no HULA e servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear

En febreiro de 2011, Alberto Núñez Feijóo prometía que o novo hospital de Lugo, inaugurado nese mesmo momento, o HULA, sería dotado de inmediato cos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear, servizos que, segundo o propio Núñez Feijóo significaban un "compromiso de que pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poidan ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano" (referíndose a 2011).

Estes servizos son fundamentais para o benestar dunha poboación envellecida e dispersa coma a da provincia de Lugo, pois trátase de unidades de atención a pataloxías cardiolóxicas e de cancro.

Os colectivos veciñais e sociais de Lugo protagonizan numerosas mobilizacións e actos de protesta e a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo promove a recollida de sinaturas para unha ILP que reclamaba estes servizos.

Non foi ata inicios de 2014 cando se puxo en marcha o servizo de Hemodinámica, pero só en horario de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres, recoñecendo o propio HULA que só un 40% das persoas infartadas na provincia de Lugo poden ser atendidas a tempo no HULA. O cardiólogo Carlos González Juanatey, xefe do servizo de cardioloxía do HULA, sinalou que un 60% dos casos de infarto seguen a ser atendidos noutros hospitais, frecuentemente no da Coruña.

A mortalidade nos infartos aumenta segundo aumenta o tempo en ser atendida a persoa doente, sendo o recomendable por debaixo dos 120 minutos ata a realización dunha anxioplastia. Dous tercios das persoas infartadas en Lugo tardan máis de 120 minutos en ser atendidas. Deste xeito, unha persoa que infarte en Sober fóra do horario do HULA e que sexa trasladada á Coruña tardará máis de dúas horas en ser atendida axeitadamente.

Tanto a Sociedade Española de Cardioloxía coma profesionais dos servizos de cardioloxía do HULA defenden a necesidade de ampliar os servizos de Hemodinámica as 24 h no HULA.

Nós últimos datos publicados polo INE, referidos a 2013, confírmase que Lugo é a peor provincia en canto á mortalidade nos casos de infarto. A taxa de mortalidade por infarto en Lugo duplica a media estatal e é moito maior ca do resto de Galiza, sendo a taxa de mortalidade en infartos da provincia de Lugo de 76,01 mortes por infarto por cada 100.000 habitantes, mentras a media estatal é de 35,5 e a galega de 46,39.

Unha ILP impulsada por colectivos sociais e veciñais lucenses pedía a inmediata posta en funcionamento (6 meses) dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. No debate parlamentario desta iniciativa, en decembro de 2014, o PP aprobou en solitario un prazo para instalar o servizo de Hemodinámica 24 horas nun prazo de 18 meses, e despois puxo o novo horizonte en 2015, sen concretar, para a Radioterapia e a Medicina Nuclear, desvirtuando a ILP promovida pola cidadanía. Ademais, a Consellería de Sanidade non facilita os datos de mortalidade por infarto no HULA demandados polos colectivos sociais.

No caso do servizo de Radioterapia, a ausencia deste servizo no HULA obriga a persoas con cancro a facer viaxes á Coruña para aplicar un tratamento de poucos minutos, tendo os pacientes que, ou ben soportar xornadas longas nunha ambulancia compartida ou ben gastar recursos propios para acudir en vehículo propio ou taxi.

A ausencia dos servizos de Hemodinámica as 24 h e de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA está a causar graves danos a poboación da provincia de Lugo, polo que se fai necesario un compromiso firme de todas as forzas políticas e colectivos sociais para acadar que, canto antes, a Consellería de Sanidade dote ao HULA dos servizos prometidos por Feijóo para o ano 2011.

Por todo o anterior, o PLENO do Concello de Sober, acorda (proposta de acordo):

- Esixir á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza que informe sobre os datos de falecementos e desprazamentos de persoas infartadas na provincia de Lugo, tal e como solicita a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.

- Solicitar á Xunta de Galiza a inmediata dotación dos servizos de Hemodinámica 24 h, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Asdo. Paula Vázquez Verao
Concelleira non adscrita.

En Sober, a 20 de marzo de 2015.

ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO-PLENO DE SOBER

sábado, 18 de mayo de 2013

Denunciamos os recortes da Xunta na atención á drogodependencia [moción].

A Unidade de Antención á Drogodependencia de Monforte padece este ano un recorte do 20% dos seus fondos.
As asembleas de Anova do sur de Lugo denuncian os recortes da Xunta na atención á drogodependencia – que afectan á Unidade de Atención á Drogodependencia de Monforte de Lemos – e presentan unha moción nos concellos en defensa dos recursos socio-sanitarios neste eido.
Monforte de Lemos, 16 de maio de 2013. 
A finais dos anos oitenta e inicios dos noventa, debido ao aumento de casos de persoas afectadas polas drogas e á presión e insistencia das “nais contra a droga” e de moitas asociacións e colectivos de todas as partes do País, a Xunta de Galiza tomou cartas no asunto á hora de atender aos milleiros de persoas mozas que xa estaban a padecer os efectos do consumo de drogas e que provocou en moitas vilas do noso país a desaparición de toda unha xeración, como dramaticamente vivimos en Monforte.

A implicación das distintas asociacións de loita contra a droga e do persoal técnico en prevención e de centros asistenciais conseguíu concienciar á cidadanía sobre os riscos que conleva o abuso destas sustancias e, así mesmo, crear un clima de rexeitamento do narcotráfico co obxectivo de conseguir atender dun xeito especializado ás persoas afectadas e crear redes e recursos de apoio ás súas familias e a reinserción das persoas ex-toxicómanas.

A Xunta de Galiza fixera unha aposta decidida poñendo en marcha o Plan de Galicia sobre Drogas que fai que a rede galega pase a ser un modelo non só no estado español senón noutros paises.

A rede de atención a persoas drogodependentes na Galiza está composta por 17 Centros Asistenciais, 8 Unidades de día, 3 Comunidades terapéuticas e 6 Unidades específicas de tratamento de alcoholismo, con máis de 350 profesionais en toda Galiza que no último ano atenderon a máis de 12.000 persoas drogodependentes.

Na comarca de Lemos existe unha Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) sita no Concello de Monforte e que atendeu o ano pasado uns 320 toxicómanos/as dos Concellos da súa área de influenza.

Mais a pesar do traballo realizado polos profesionais deste ámbito con un dos sectores máis débiles da sociedade, estamos a asistir na actualidade a falta de compromiso da Consellería de Sanidade. Non se están a desenvolver as ferramentas lexislativas e de coordinación previstas no propio Plan de atención ás Conductas Adictivas e estanse dando sucesivos recortes no financiamento dos Centros Asistenciais e a eliminación do financiamento dos programas de prevención.

Na UAD de Lemos redúcese o importe da subvención autonómica ao redor dun 20 % , e en toda Galiza redúcese un 15,6 % sobre a cantidade percibida no 2012.

Esta situación vai por na corda floxa a toda a estructura da rede galega de atención ás drogodependencias creando incerteza sobre a continuidade de todos os programas que se están a desenvolver e que non garante, un ano máis, a continuidade das accións no ámbito preventivo.

Na moción que presentamos nos concellos dende Anova-Irmandade Nacionalista, solicitamos o apoio para:

Primeiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que garanta a continuidade e o financiamento dos recursos da rede galega de atención ás drogodependencias durante todo o período de vixencia do Plan de Galicia de atención aos Trastornos Adictivos (2011-2016).

Segundo: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que habilite as partidas orzamentarias eliminadas para o financiamento dos Equipos de Prevención das Drogodependencias dependentes dos Concellos e mancomunidades.

Terceiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a integración dos Centros de Asistencia a drogodependencias na rede sanitaria do SERGAS.

Cuarto: Instar ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a que desenvolvan as ferramentas lexislativas e de coordinación establecidas no Plan Galego de Atención aos Transtornos Adictivos, que se cree una mesa de Coordinación integrada polas Consellerías de Sanidade e de Traballo e Benestar Social, as ONGs e Asociacións que interveñan neste ámbito, os sindicatos e partidos políticos para definir e coordinar a política da Xunta nesta materia.

Cuarto: Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, á Conselleira de Sanidade, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.


Asembleas de Anova do Sur de Lugo

martes, 12 de marzo de 2013

Apoio á manifestación en defensa da Área Sanitaria de Lemos.

Pedimos ao goberno local de Sober que apoie a manifestación do sábado 16 de marzo de 2013 en defensa da Área Sanitaria de Monforte de Lemos.
Dende Anova manifestámonos en contra do decreto de xestión integrada e apoiamos á cidadanía en todas as mobilizacións que está a levar a cabo contra este.
A petición rexistrada en Sober foi a seguinte:
Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Sober

Sras. e Sres. integrantes do Goberno Municipal de Sober


A creación do Hospital Comarcal, hai 26 anos, e da Área Sanitaria de Monforte supuxo unha mellora sustancial da atención sanitaria da comarca, beneficiándose unas 60.000 persoas e 11 concellos, a maior parte deles cunha taxa de envellecemento e de dispersión das máis altas do País.

Desde que a mediados do ano 2010 a Consellaria de Sanidade anunciase a elaboración do Decreto de Xestión Integrada, a preocupación da cidadanía, organizacións políticas e sindicais, profesionais e corporacións municipais foi evidente, porque ese decreto vai supoñer unha merma na calidade dos servizos sanitarios que agora desfrutamos, como xa se constatou no Hospital do Barco (similar en características ao de Monforte) unha vez integrado na área de Ourense.

A día de hoxe, o decreto vai ver a luz nun prazo curto de tempo, a preocupación segue en aumento, por iso nos diriximos aos membros do Goberno Municipal para que no órgano que estimen máis oportuno - en Xunta de Goberno Local vémolo máis axeitado, xa que o próximo pleno ordinario vaise celebrar, se non hai un cambio de actitude no Goberno na Xunta, unha vez aprobado o decreto - se tomen os seguintes acordos:

1.- Apoiar as iniciativas en defensa do mantemento da Área Sanitaria de Monforte que se están a levar a cabo por parte da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte.

2.- Apoiar a manifestación convocada para para o día 16 de marzo que se vai a celebrar en Monforte reclamando a non desaparición de Monforte como Área de Xestión Sanitaria.

Sen outro particular reciban un saúdo.


En Sober, a 8 de marzo de 2013