Xentes nacionalistas de Sober e traballo da concelleira nacionalista non adscrita.
Sober: terra, río, pobo
Mostrando entradas con la etiqueta no concello. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta no concello. Mostrar todas las entradas
lunes, 13 de abril de 2015
Pleno de marzo de 2015
PRAZAS LABORAIS NO VERÁN
No pleno de marzo de 2015 aprobouse a declaración de servizos esenciais dos contratos do obradoiro de emprego xuvenil de 2015, que será no verán (xuño a setembro).
Contarase con persoal de viticultura e prometeuse iniciar os traballos no viñedo dos Chancís.
Haberá 1 persoa operaria de recursos turísticos (limpeza de miradoiros, etc), 1 persoa para deportes (colaboración na piscina), 2 socorristas.
As 2 persoas técnicas de turismo que haberá no verán a media xornada xa non van este ano no plan municipal, pois por ser Concello de Interese Turístico corren a conta da Xunta.
PRAZA A MEDIA XORNADA EN SERVIZOS SOCIAIS
Como aumentaron en 70 h a Dependencia no Concello de Sober, haberá unha nova praza a media xornada.
MOCIÓN POLA DOTACIÓN DOS SERVIZOS PROMETIDOS NO HOSPITAL DE LUGO
Presentada por Paula Vázquez Verao, foi apoiada só pola oposición e o PP votou en contra.
Consulta a moción aquí.
martes, 24 de marzo de 2015
Moción para reclamar os servizos do Hospital de Lugo prometidos por Feijóo en 2011
MOCIÓN que presenta a
concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao ante o Pleno do
Concello de Sober sobre a petición de Hemodinámica 24 h
no HULA e servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear
En
febreiro de 2011, Alberto Núñez Feijóo prometía que o novo
hospital de Lugo, inaugurado nese mesmo momento, o HULA, sería
dotado de inmediato cos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e
Medicina Nuclear, servizos que, segundo o propio Núñez Feijóo
significaban un "compromiso
de que pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan
que desprazarse a Santiago ou á Coruña poidan ser atendidos no seu
hospital público de Lugo ao longo deste ano" (referíndose a
2011).
Estes servizos son fundamentais para o
benestar dunha poboación envellecida e dispersa coma a da provincia
de Lugo, pois trátase de unidades de atención a pataloxías
cardiolóxicas e de cancro.
Os colectivos veciñais e sociais de
Lugo protagonizan numerosas mobilizacións e actos de protesta e a
Federación de Asociacións Veciñais de Lugo promove a recollida de
sinaturas para unha ILP que reclamaba estes servizos.
Non foi ata inicios de 2014 cando se
puxo en marcha o servizo de Hemodinámica, pero só en horario de
8:00 a 15:00 horas de luns a venres, recoñecendo o propio HULA que
só un 40% das persoas infartadas na provincia de Lugo poden ser
atendidas a tempo no HULA. O cardiólogo Carlos González Juanatey,
xefe do servizo de cardioloxía do HULA, sinalou que un 60% dos casos
de infarto seguen a ser atendidos noutros hospitais, frecuentemente
no da Coruña.
A mortalidade nos infartos aumenta
segundo aumenta o tempo en ser atendida a persoa doente, sendo o
recomendable por debaixo dos 120 minutos ata a realización dunha
anxioplastia. Dous tercios das persoas infartadas en Lugo tardan máis
de 120 minutos en ser atendidas. Deste xeito, unha persoa que infarte
en Sober fóra do horario do HULA e que sexa trasladada á Coruña
tardará máis de dúas horas en ser atendida axeitadamente.
Tanto a Sociedade Española de
Cardioloxía coma profesionais dos servizos de cardioloxía do HULA
defenden a necesidade de ampliar os servizos de Hemodinámica as 24 h
no HULA.
Nós últimos datos publicados polo
INE, referidos a 2013, confírmase que Lugo é a peor provincia en
canto á mortalidade nos casos de infarto. A taxa de mortalidade por
infarto en Lugo duplica a media estatal e é moito maior ca do resto
de Galiza, sendo a taxa de mortalidade en infartos da provincia de
Lugo de 76,01 mortes por infarto por cada 100.000 habitantes, mentras
a media estatal é de 35,5 e a galega de 46,39.
Unha ILP impulsada por colectivos
sociais e veciñais lucenses pedía a inmediata posta en
funcionamento (6 meses) dos servizos de Hemodinámica 24 horas,
Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. No debate parlamentario
desta iniciativa, en decembro de 2014, o PP aprobou en solitario un
prazo para instalar o servizo de Hemodinámica 24 horas nun prazo de
18 meses, e despois puxo o novo horizonte en 2015, sen concretar,
para a Radioterapia e a Medicina Nuclear, desvirtuando a ILP
promovida pola cidadanía. Ademais, a Consellería de Sanidade non
facilita os datos de mortalidade por infarto no HULA demandados polos
colectivos sociais.
No caso do servizo de Radioterapia, a
ausencia deste servizo no HULA obriga a persoas con cancro a facer
viaxes á Coruña para aplicar un tratamento de poucos minutos, tendo
os pacientes que, ou ben soportar xornadas longas nunha ambulancia
compartida ou ben gastar recursos propios para acudir en vehículo
propio ou taxi.
A ausencia dos servizos de Hemodinámica
as 24 h e de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA está a causar
graves danos a poboación da provincia de Lugo, polo que se fai
necesario un compromiso firme de todas as forzas políticas e
colectivos sociais para acadar que, canto antes, a Consellería de
Sanidade dote ao HULA dos servizos prometidos por Feijóo para o ano
2011.
Por todo o anterior, o PLENO do
Concello de Sober, acorda (proposta de acordo):
- Esixir á Consellería de Sanidade
da Xunta de Galiza que informe sobre os datos de falecementos e
desprazamentos de persoas infartadas na provincia de Lugo, tal e como
solicita a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.
- Solicitar á Xunta de Galiza a
inmediata dotación dos servizos de Hemodinámica 24 h, Radioterapia
e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti.
Asdo. Paula Vázquez Verao
Concelleira non adscrita.
En Sober, a 20 de marzo de 2015.
ALCALDE-PRESIDENTE DO
CONCELLO-PLENO DE SOBER
jueves, 5 de marzo de 2015
Criticamos a elección do pregoeiro da feira do viño 2015
![]() |
| Feira do Viño do 2014: actuación de Carlos Núñez. |
A elección do pregoeiro deste ano para a Feira do Viño non nos parece que aporte nada ao viño nin á feira nin á cultura, só á cada vez maior cultura-espectáculo das feiras do viño.
Hai aspectos da feira nos que recoñecemos melloras (coma o mes do Amandi) mais outros que pensamos que van a peor nesta edición, como o feito de prestar demasiada atención ao espectáculo sobre a cultura. Traer a pregoeiros non relacionados coa viticultura nin con Galicia ou rodar un programa da TVG na feira que vai impedir seguro que a Banda de Sober poida facer completo o concerto de música rock con guitarra e baixo eléctrico fai que prevaleza o interese mediático sobre a cultura. Pasar de Carlos Núñez a un presidente dun club de fútbol de Madrid non cremos que sexa a mellor imaxe, máxime cando o presidente do Atlético de Madrid ten sido tibio coa peña violenta do Frente Atlético ou sospeitas de relación con tramas de corrupción.
As feiras do viño son un dos eventos máis importantes para a cultura e a economía soberina, no que sempre amosamos e amosaremos colaboración no que signifique mellorar a calidade da mostra e as oportunidades de mellora da profesionalización do sector vitivinícola e da promoción dos viños, pero non podemos deixar de criticar a tendencia á política espectáculo neste tipo de eventos.
NOTA _ No pleno, o goberno local defendeu a elección do pregoeiro alegando a súa condición de empresario e productor de cinema.
viernes, 30 de enero de 2015
Preguntas resoltas no pleno de xaneiro: presa de Canabal, campo de tiro en Doade, Reboredo, tellado da Casa da Cultura.
Preguntas formuladas por escrito por Paula Vázquez Verao ao goberno, que foron respostadas no plen do 29 de xaneiro.
1. Sobre o deslinde do Reboredo. O IGN indicou que se está demorando o proceso.
Este organismo estatal vai convocar a Sober e Monforte para, se non hai acordo das partes nos límites municipais no Reboredo, proceder á delimitación.
2. Sobre a obra da presa de Canabal, da cal consta unha parte que non se fixo pagada, - pregunta formulada a petición da veciñanza da parroquia - informóusenos que o enxeñeiro da obra explicará a factura. Seguiremos sobre o tema e informando.
3. Sobre a persistencia de humidades na Casa da Cultura (pese a que as goteiras e problemas meirandes xa foron arranxados) informóusenos de que o que falta por arranxar é a claraboia, que está pendente de selar e que se fará este ano.
4. Preguntamos polo campo de tiro autorizado por Medio Ambiente en Doade. A obra - nunha zona comunal, con convenio coa Comunidade de Montes - está nun 90% de execución e prevese que esté rematada en marzo. Está situada na zona da Fenteira, no Cadaval.
5. Sobre a petición de coñecer o documento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade en canto chegara ao concello (petición que se aceptou no anterior pleno), soubemos que o documento aínda non está no Concello de Sober e que a Comisión de Seguimento da candidatura, que se ía reunir periodicamente, non se reúne dende hai meses.
miércoles, 3 de diciembre de 2014
Pleno ordinario de novembro de 2014
- ORZAMENTOS 2015
Fixemos a observación de que nos parecía moita diferencia entre a subvención prevista para a festa de Sober (6000 €) fronte ás das parroquias (300 € para cada unha) e Cadeiras (1200 €).
Ademais, sinalamos que debería haber máis convenios con asociacións que promoven actividades no Concello, non só con Xuventudes Musicais (1000 €), subvención esta que nos parece acaída, pero que deberían contemplarse outras máis. Ante isto, a alcaldía comprometeuse a valorar convenios que lle propoñan outras asociacións. Concretamente, pedimos que a Banda de Sober, ademais da subvención para axuda a pago do director, facture polas festas e a organización do certame de bandas, algo que se aceptou e que se fará vía convenio ou contrato de colaboración.
As inversións reais irán para:
- 30.807 € para un POS (saneamento). Non está decidido onde, dependerá de a canto ascenda a partida da Deputación.
- 24.000 € Rede Natura: acondicionamento ruta sendeirismo Rosende-Anllo ata os Chancís.
- 10.000 €: mellora alumeado urbano Sober.
- 124.000 €: mellora de camiños rurais en todas as parroquias.
- 8.000 €: mantemento e accesos a camiños.
- 8.000 €: accesos pistas da ribeira.
- 10.000 €: aportación para Obradoiro Emprego.
A obras do ARI deste anos serán: na rúa da Estación en Canaval e acondicionamento das prazas de Doade e de Pinol.
- Aprobouse a exención do IBI para a parcela do edificio do Centro de Saúde, cecido ao Sergas.
- Fíxose unha modificación de créditos para facer unha transferencia entre partidas, dunha que tiña fondos a outra que quedou sen fondos antes de final de ano: o presuposto irá para alumeado público e suministros.
- Aprobación, cos votos do PP, da refinanciación do préstamo de pago a proveedores. Aceptouse a oferta de Abanca.
- Constitución da Conferencia Sectorial de Turismo, aprobada por unanimidade: ver aquí.
- Elección de xuiza de paz titular, que recaeu na mesma persoa que desempregou este cargo nos últimos 4 anos.
- Aprobouse, cos votos do PP, o Acordo Regulador das condicións de traballo do persoal funcionario e laboral do Concello de Sober.
MOCIÓNS
- Non se conseguiu localizar á empresa do Pazo de Sober para solicitar a súa comparecencia, tal como fora acordado.
En canto se resolva o expediente do IGAPE sobre a subvención concedida ao Pazo de Sober, pedirase por escrito.
- A moción que presentamos sobre a violencia de xénero retirámola a cambio de aprobar unha do PP que insta a crear unha mesa local de coordinación da violencia de xénero e a cambio de manter a petición á Xunta de que se cumpla a promesa de facer un plan de emprego feminino.
Apróbase por unanimidade a creación da Comisión Sectorial de Turismo
O pleno do Concello de Sober aprobou por unanimidade o 27 de novembro a constitución da Comisión Sectorial de Turismo.
A idea foi unha proposta nosa, que foi aceptada, e durante este ano a xunta de voceiros local definiu o funcionamento e composición, enviándolle información sobre a mesma ao sector turístico do municipio.
Así, aprobouse por unanimidade a seguinte proposta, que inclúe como vocais da Comisión Sectorial de Turismo a todas as persoas do sector turístico que se presentaron para formar parte da mesma.
Ademais do alcalde ou concelleiro/a na que delegue, que será presidente, estarán os voceiros e voceira dos grupos municipais e os seguintes membros como vogais, na subcomisión:
2 adegas: Algueira e Val da Lenda
2 establecementos de turismo rural: Casa do Estevo e Apartamentos Río Sil
2 empresas de actividades turísticas: Tren Turístico Aba Sacra e Catamarán Algueira
2 empresas de hostalería: A Cantina e Algueira
Haberá un pleno anual, como mínimo, ao que se convidará a todas as persoas relacionadas co sector turístico en Sober.
A subcomisión (presidente + vocais) reunirase tres veces ano ano, a inicio do verán, inicio de Semana Santa e en Nadal, para valorar a tempada.
viernes, 28 de noviembre de 2014
A cidadanía de Sober coñecerá o documento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
No pleno de decembro de 2014 do Concello de Sober, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, solicitou que "se poña a disposición da
cidadanía do Concello de Sober o documento da candidatura da RS a
Patrimonio da Humanidade unha vez sexa recibido no Concello e que se
publicite esta posibilidade de consulta, animando á cidadanía a
consultalo e a presentar propostas de modificación, se é o caso" e que "as alegacións que presente o Concello de Sober ao documento se fagan a través do debate previo na Comisión Sectorial de Turismo".
Ante este rogo (que se pode consultar aquí), o alcalde de Sober, que forma parte da Comisión de Seguimento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade, comprometeuse a trasladar o documento da candidatura a toda a corporación municipal en canto o reciba e poñelo a disposición da xente que o desexe consultar no concello.
Informouse no pleno que o grupo interdisciplinar que está a elaborar o documento da candidatura decidiu presentar unha proposta que se centre na cultura do viño e na arte románica, o que na práctica englobaría no mapa da candidatura as parroquias ribeirás dos concellos da RS, os elementos relacionados co viño e a arte románica. Trataríase, segundo informou o alcalde de Sober, de facer unha proposta coherente basada en dous eixos concretos, en lugar de englobar todos os elementos patrimoniais da RS.
A concelleira non adscrita pediu, ademais de que se expoña ao público o documento unha vez chegue ao Concello de Sober, que o alcalde lle traslade á Comisiónd e Seguimento da candidatura que se cree un espazo web con toda a información dispoñíbel para que a cidadanía interesada poida participar do proxecto da candidatura, máxime cando un dos criterios que valora a Unesco para conceder o galardón de PH é a implicación da sociedade civil no proceso da candidatura.
miércoles, 26 de noviembre de 2014
Petición para que se poña a disposición, en canto se coñeza, o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade
ROGO que presenta a Concelleira non
adscrita Paula Vázquez Verao ante o Concello-Pleno de Sober.
Coñecemos pola prensa que antes de
final de ano os alcaldes dos concellos da Ribeira Sacra disporán do
documento coa proposta de ámbito territorial que formará parte da
candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade.
Este documento – mapa e memoria
xustificativa -, que está sendo elaborado dende a USC e que
presentará a comisión de seguimento da candidatura da RS a
Patrimonio da Humanidade, entendemos que a través dos concellos debe
porse a disposición de todas as persoas interesadas, sendo os
concellos a entidade administrativa máis próxima á cidadanía.
Así, e dado que o Concello de Sober
contará xa dende este pleno de novembro cunha Comisión Sectorial de
Turismo, solicitamos que:
- Se poña a disposición da
cidadanía do Concello de Sober o documento da candidatura da RS a
Patrimonio da Humanidade unha vez sexa recibido no Concello e que se
publicite esta posibilidade de consulta, animando á cidadanía a
consultalo e a presentar propostas de modificación, se é o caso.
- Que as alegacións que presente o
Concello de Sober ao documento se fagan a través do debate previo na
Comisión Sectorial de Turismo.
Paula Vázquez
Verao
25 de novembro de
2014
lunes, 24 de noviembre de 2014
Contra a violencia machista: basta de complicidades!
Dende a Asemblea Nacionalista de Sober animamos a toda a
cidadanía da comarca de Lemos a difundir e apoiar a concentración
en contra da violencia de xénero convocada para este martes, 25 de
novembro, ás 19:30 horas na Praza de España de Monforte.
Ademais,
a Asemblea Nacionalista de Sober, a través da concelleira non adscrita
Paula Vázquez Verao, presentará este xoves no pleno ordinario de Sober
unha moción contra a violencia de xénero e reclamando máis medios
públicos para a loita contra a mesma.
É
a nosa obriga como sociedade manifestar a nosa repulsa ante a
violencia contra as mulleres e esixir medidas para rematar con esta
lacra.
No
contexto dunha crise e de feminización da
pobreza, onde a situación de desemprego feminino é a maior causa de
retroceso no número de denuncias, é, máis que nunca,
imprescindible manifestar a nosa clara oposición fronte a violencia
de xénero.
A
loita contra o machismo, que se sigue a perpetuar coa axuda de moitas
complicidades, é cousa de todos e de todas.
domingo, 5 de octubre de 2014
Pleno ordinario de setembro de 2014: aprobada a moción da oposición sobre o Pazo de Sober
No pleno, aprobáronse cos votos do PP e a abstención da oposición modificacións de créditos.
- Estaba prevista unha partida para facer unha revisión xeral do Catastro, pero como xa a vai facer o Estado, os cartos desta destinaranse basicamente a gastos de alumeado e punto limpo.
- Hai unha baixa voluntaria de persoal de limpeza e subcontratouse a unha empresa de limpeza para que se encargue do Centro Médico e do Colexo nos últimos meses de 2014. En 2015 sacarase a concurso.
- Os ingresos a maiores previstos en Servizos Sociais destinaranse a reducir a débeda, concretamente a amortizar un crédito con Abanca.
- MOCIÓNS
* A moción conxunta da oposición a prol dun debate no vindeiro pleno sobre a situación do Hotel Pazo de Sober ao que se convide ás partes implicadas foi aprobada por unanimidade. Ver a moción aquí.
* A moción de Paula Vázquez Verao pedindo melloras na sinalización de igrexas románicas e petróglifos foi aprobada por unanimidade. Ver a moción aquí.
* A moción do BNG para solicitar da Deputación melloras específicas nos puntos da estrada Sober-Doade con concentración de accidentes foi aprobada por unanimidade.
- ROGOS
* Paula Vázquez Verao solicitou melloras na fonte e laga do Amendo en Barantes. Ver aquí.
miércoles, 24 de septiembre de 2014
Petición de sinalización de igrexas románicas e petróglifos de Sober
Pedimos a sinalización das igrexas de Pinol e Lobios e estudar unha solución para sinalizar e poder visitar os petróglifos de Proendos do entorno da igrexa, que actualmente non se poden visitar.
Sober
é unha das poucas zonas do interior galego que conta cun conxunto
importante de gravados rupestres descubertos e accesíbeis.
Están
catalogadas unha vintena de penas con gravados prehistóricos e
coñécese a existencia de varias penas máis.
Este
conxunto de arte prehistórica recibe o interese das persoas
visitantes do municipio, pero non son fáciles de atopar, pois só un
deles – a Pena do Baldeiros – está sinalizada.
O
conxunto máis importante de petróglifos de Sober atópase en
Proendos, onde se sitúan moi perto da igrexa parroquial tres penedas
con insculturas: as dúas do Xestal – os motivos máis grandes
coñecidos en Sober – e a do Pombal.
As
tres penas están en fincas privadas, en mal estado de conservación,
sen sinalización algunha e son inaccesíbeis a día de hoxe, habendo
solucións sinxelas para poder visitalas, podendo, por exemplo, facer
convenios de colaboración coas persoas propietarias das fincas e/ou
colocar (no caso das penas do Xestal) uns pasos de acceso ao alto do
muro pola parte exterior, de xeito que se poidan contemplar as penas
dende o cima do muro.
Ademais,
Sober conta cun románico rural interesante do que ningunha igrexa, a
diferencia doutras nos municipios veciños, ten panel explicativo.
O
Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra financiou, para algunhas
igrexas, a colocación de pequenos paneis de metacrilato cunha breve
explicación sobre o monumento en galego, castelán e inglés.
Tendo
sido Sober recentemente declarado Concello de Interese Turístico é
fundamental coidar a sinaléctica e a accesibilidade dos lugares de
maior relevancia histórico-artística do municipio.
Ademais,
o coñecemento do patrimonio propio é de gran interese social e
cultural para a comunidade.
Por
todo isto, proponse ao Pleno do Concello de Sober a adopción do
seguinte ACORDO
1.
O Concello de Sober solicitará do Consorcio de Turismo da Ribeira
Sacra a colocación de paneis informativos nas igrexas románicas de
Pinol e Lobios, revisando o Concello de Sober o texto de ditos
paneis.
2.
O Concello de Sober estudará e desenvolverá para a vindeira tempada
turística a sinalización, adecuación do entorno e accesibilidade
aos petróglifos do entorno da igrexa de Proendos.
3.
O Concello de Sober colocará un panel informativo na parroquia de
Proendos, perto da igrexa, indicando a sinalización e breve
explicación dos principais fitos históricos: xacemento romano,
petróglifos, igrexa e insculturas romanas visibles nos muros
(inscultura do muro do camiño da igrexa, triskel do lugar de
Proendos), canto menos, solicitando a colaboración das asociacións
veciñais e culturais do municipio.
Sober,
23 de setembro de 2014.
Paula
Vázquez Verao
martes, 23 de septiembre de 2014
Nova petición para tratar no pleno de novembro sobre o Pazo de Sober
A oposición do Concello de Sober vén de entregar no rexistro municipal unha petición para seguir a tratar sobre a situación do hotel “Palacio de Sober” no pleno ordinario de novembro.
O pleno de Sober, como órgano de representación democrática da cidadanía do Concello de Sober, é un ámbito onde debater sobre os problemas que afectan á xente de Sober, por exemplo, sobre a situación económica e as alternativas de emprego nunha comarca envellecida e con poucas oportunidades laborais.
A situación do hotel Pazo de Sober, xa tratada nun pleno monográfico en setembro, é de interese para a cidadanía soberina e os axentes implicados no estado do proxecto empresarial son quen máis pode aportar a esclarecer sobre situación na que se atopa o hotel.
Por iso, a través dunha moción conxunta dos grupos da oposición, pedimos ao pleno a adopción do seguinte acordo:
- O Alcalde-Presidente do Concello de Sober incluirá na Orde do Día do vindeiro Pleno Ordinario de novembro un punto relativo á situación do Hotel “Palacio de Sober”.
- O Concello de Sober, a través da Xunta de Voceiros municipais, convidará ás partes implicadas a dita sesión plenaria: representante da Xunta de Galicia, representantes da empresa, sindicatos e/ou representantes dos/as traballadores/as.
Sober, 23 de setembro de 2014.
A moción vai asinada polos voceiros e voceira dos grupos municipais da oposición.
Os grupos municipais da oposición manteñen as demandas que cada un deles formularon no pleno monográfico sobre a situación do pazo de Sober, que se pode consultar aquí.
Iñaki Rodríguez Pérez – PsdG
Paula Vázquez Verao – Grupo non adscrito
Óscar Alonso Díaz – BNG
martes, 16 de septiembre de 2014
Resumo do pleno sobre o Pazo de Sober: pedimos un plan turístico da zona e que a Xunta faga seguimento do proxecto
O pleno extraordinario monográfico sobre o Pazo de Sober, celebrado a petición da oposición, serviu para coñecer máis datos sobre o estado do hotel "Palacio de Sober".
Houbo unanimidade na oposición na petición de que a Xunta faga seguimento do
proxecto e de que Raquel Arias asista a algún pleno para explicar a
situación do Pazo, na súa condición de Delegada da Xunta en Lugo, pero
tamén como veciña e como alcaldesa no momento en que o Concello
publicitou a iniciativa do hotel coma un éxito propio e prometendo
emprego.
A concelleira non adscrita, Paula Vázquez Verao, reclamou un plan turístico da zona que teña en conta o recurso "Palacio de Sober", intstar á Xunta a facer seguimento do proxecto hoteleiro, compromiso de uso público de espazos do Pazo para actividades culturais e unha páxina web con toda a información histórica e artística do Pazo.
* Consulta aquí o cadro informativo-cronolóxico.
* Consulta aquí o cadro informativo-cronolóxico.
O pleno celebrouse sen a comparecencia de persoas externas. A oposición formalizara unha petición de orde do día, pero a orde do día fíxaa a presidencia do pleno, que convocou o pleno cun punto monográfico de debate.
Quedamos en que para as comparecencias no pleno se proporá na Xunta de voceiros, ao non termos un regulamento de funcionamento do pleno.
Non obstante, a petición da oposición, a alcaldía trasladará a Raquel Arias, como veciña de Sober e alcaldesa no momento de promoción do hotel.
Dende o PP, o alcalde deu lectura a un escrito onde recopilou a información que atopou sobre o estado do hotel "Palacio de Sober" - moita dela xa coñecida, algún dato novo que descoñecíamos - e onde sinalou que o fracaso do hotel é debido a "unha xestión pouco acertada nun momento económico difícil".
Ante as referencias que a alcaldía fixo a que parecía que había unha campaña de inxurias contra Raquel Arias por parte dalgún sindicato, replicamos que este pleno foi pedido pola oposición do Concello de Sober, que non temos que ver coa actuación dos sindicatos (aínda que poidamos coincidir en reivindicacións concretas) e que a petición de comparecencia de Raquel Arias non é unha cuestión persoal, se non que responde ao feito de que sendo ela alcaldesa se promocionou o hotel coma unha gran esperanza de emprego en Sober, utilizándoo nas campañas electorais, co cal tamén hai que dar a cara cando o proxecto vai mal, aínda que sexa responsabilidade dunha empresa privada.
Sobre a acusación de "politizar" un tema coma este, lembramos que quen politizou é quen vendeu o pazo e prometeu postos de traballo mesmo antes de ter comenzado as obras do hotel.
Dende o BNG, Óscar Alonso Díaz incidiu na necesidade de que as administracións que fixeron propaganda desta iniciativa privada se impliquen en dar explicacións ante a veciñanza. "O problema maior do hotel é a frustración de expectativas de emprego nun curto espazo de tempo".
O BNG anunciou iniciativa no Parlamento Galego.
* A intervención de Óscar pode escoitarse aquí.
Dende Anova, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, sinalou que "a petición deste pleno extraordinario que formalizamos toda a
oposición épolo dereito que temos a xente de Sober a coñecer o
estado do proxecto empresarial do Pazo, porque xa que foi publicitado
polas administracións coma un gran proxecto que ía traer emprego a
Sober, xogando coas esperanzas de pequenas empresas e de
traballadores e traballadoras da comarca, é de xustiza que, cando o
proxecto vai mal, o PP dé a cara ante a veciñanza."
Tamén sinalou o triste que é que nunha comarca rica coma a de Lemos, as esperanzas de obter emprego teñan que vir de que a un rico se lle ocorra invertir aquí, e sinalou a responsabilidade do PP a respecto desta situación, tendo xestionado a Xunta tantos anos sen apostar polos sectores produtivos básicos.
Tamén incidiu en que se os traballadores e traballadoras tiveran responsabilidade na xestión, seguro que o farían mellor, pois dábanse conta xa dende o inicio de que un proxecto así non ía ir ben, porque "se
eres
gran luxo e estás situado con altos estándares de calidade no
mercado internacional ou te adaptas a prezos aos que poida vir xente
de todo tipo para poder subsistir como empresa, tal como rematou por
facer o Balneario de Augas Santas, ou Paradores. Non se pode estar na
misa e repicando. Se se é gran luxo, os cables da cafetería non
poden estar á vista, por poñer só un exemplo".
As iniciativas que se trasladaron por parte de Paula Vázquez Verao son as seguintes:
-
Instar á Xunta de Galicia a deseñar e coordinar un plan turístico
para a zona de Lemos no que se inclúa o hotel Pazo de Sober.
-
Instar á Xunta de Galicia a dar a coñecer ao Pleno de Sober os
compromisos concretos de estabilidade no emprego requeridos para a
concesión da subvención do IGAPE á empresa Alvaher 98.
-
Instar á Xunta de Galicia facer un seguimento do proxecto hoteleiro
no Pazo de Sober.
-
Instar á Xunta de Galicia a que se ofrezan, dende xa, garantías de
uso público de espazos do Pazo de Sober, cun convenio para a
realización periódica de concertos e actividades culturais.
-
Elaborar, en colaboración con Turismo da Xunta, unha páxina na rede
con información do Pazo de Sober (estruturas, historia,
documentación), ben cultural de todo o pobo galego.
Dende o PSdG formuláronse as seguintes preguntas, rexistradas tamén no Parlamento de Galicia polo PSdG.
Se a Xunta coñece a situación do Pazo de Sober, que valoración fai da mesma, cales eran os compromisos de estabilidade de emprego esixidos para a concesión das subvencións, que actuacións ten previstas a Xunta para garantir a estabilidade da empresa e o cadro de persoal e que se vai facer se Alvaher 98 incumple as condicións.
Engadiu tamén a cuestión de "Que actuacións ten previstas o Concello de Sober a respecto do Pazo de Sober"?
Rematou o pleno coa petición conxunta da oposición de que a Xunta faga seguimento do proxecto e de que Raquel Arias asista a algún pleno para explicar a situación do Pazo, na súa condición de Delegada da Xunta en Lugo, pero tamén como veciña e como alcaldesa no momento en que o Concello publicitou a iniciativa do hotel coma un éxito propio e prometendo emprego.
Que o Pazo de Sober, construído en todas as súas épocas históricas
co capital xerado polas xentes traballadoras, sexa patrimonio común
das xentes de Sober e oportunidade de emprego de calidade.
viernes, 12 de septiembre de 2014
Petición de mellora da Laga e Fonte do Amendo en Barantes
Ante as queixas de veciñanza do lugar,
preguntamos sobre a fonte e laga arranxada en Barantes de Abaixo a
través do Plan Leader, pois o resultado do arranxo é insatisfactorio.
A obra foi de 2.530 €, realizada
durante a anualidade 2013-2014 polo GDR Ribeira Sacra (do Plan
Leader) e impulsada polo Concello de Sober, xunto con outras fontes
do concello.
O investimento total de todas as fontes
foi de 16.677,89 €.
A obra estaba destinada a rehabilitar a
laga existente e o entorno da fonte do Amendo, pero o resultado é
insatisfactorio, como xa lle fixemos saber ao goberno local.
A laga, que xa fora adecuada pola
parroquia como lavadoiro, cunha obra tradicional en pedra, non
permite utilizala como lavadoiro, pois non consigue gardar a auga de
xeito normal e non corre, co cal queda estancada no fondo.
A fonte revocouse con cemento, quedando
con bastante impacto visual, a diferencia doutras fontes arranxadas
no concello, nas que se coidou a estética. A fonte tiña un pouco de
ladrillo á vista que se deixou igual, en lugar de darlle un acabado
bon.
Tampouco quedou ben acabado o entorno
da fonte, onde se fixo un muriño de pedra moi irregular e se.
Deixouse sen enlousar o entorno da fonte para que non se enchera de
maleza, como así sucede, pois só se botou algo de gravilla.
Ademais, o banco que se colocou ao lado
do letreiro é un bloque de pedra que non encaixa co entorno.
Por outra parte, non se mantivo a
denominación tradicional do lugar - Fonte e Laga do Amendo -,
facéndose un letreiro cun aséptico “Fonte – Lavadoiro”.
Dende a asemblea nacionalista de Anova
de Sober pedimos ao Concello de Sober no vindeiro pleno ordinario que se adecue
a laga para que a auga non se estanque no fondo e se mellore o
acabado da obra.
jueves, 28 de agosto de 2014
Petición de pleno extraordinario sobre o hotel "Palacio de Sober"
A
oposición do concello de Sober solicita un pleno extraordinario para
tratar a situación do hotel Palacio de Sober
Os
tres voceiros da oposición (Iñaki Rodríguez Pérez, PsdG,
Paula Vázquez Verao, Anova, Óscar Alonso Díaz,
BNG) instan ao alcalde a convocar un pleno monográfico sobre
o hotel Palacio de Sober, no que se dé voz aos
colectivos implicados, e ao que se solicita a
asistencia de Raquel Arias – delegada da Xunta en Lugo e
ex-alcaldesa de Sober – para dar explicacións á cidadanía sobre
o estado do hotel Palacio de Sober.
A
petición (engadida ao final) foi rexistrada hoxe xoves, 28 de agosto,
ás 13:15 horas no Concello de Sober.
Dado
o manifesto fracaso da estratexia empresarial do pazo, que parece
máis unha operación especulativa aproveitándose dos cartos
públicos e das esperanzas de pequenas empresas e de traballadores e
traballadoras da comarca, é de xustiza que a Xunta dé explicacións
ante o pleno de Sober e a súa veciñanza.
O
hotel Palacio de Sober foi inaugurado o 6
de outubro de 2010 con gran boato polas administracións públicas,
das que recibiu subvencións, coa asistencia ao acto de Alberto Núñez
Feijóo e de Raquel Arias Rodríguez.
Dende
o anuncio de posta en marcha do proxecto, en 2007, a construción do
hotel foi “vendida” polo Concello de Sober e polo PP durante as
campañas electorais das municipais de 2007 e 2011 como unha gran
esperanza do emprego en Sober, destinado a ser “un referente en
toda Europa” e a atraer un “turismo de elite e de calidade”.
Para
poñer en marcha o proxecto, o hotel Palacio de Sober,
xestionado pola empresa
Alvaher 98, recibiu subvencións públicas. En 2009, o IGAPE,
organismo da Consellería de Economía e Industria encargado de
deseñar o modelo produtivo e de promover a mellora da produtividade
e competitividade, financiou o proxecto con 2,5 millóns de euros
mediante un crédito a baixo interese, estabelecendo como condicións
que o hotel mantivese durante os seguintes dous anos os 34 postos de
traballo iniciais. Ademais, engadíronselle 887.000 € de incentivos
ao investimento e 418.000 € procedentes de fondos rexionais.
Pasados
dous anos, comezouse a despedir persoas empregadas e a non substituír
baixas. En febreiro de 2013, menos de dous anos e medio despois da
inauguración, o hotel presentou un Expediente de Regulación de
Emprego para máis do 80% da súa plantilla. Ademais, o proxecto
empresarial amosouse inestable e con mala xestión dende o inicio,
con acumulación de impagos de nóminas, rexeitamento de eventos e
retrasos nos pagos (por valor de en torno ao millón de euros) ás
empresas da zona que suministraron material e servizos ao hotel.
Neste
momento, parece que só traballan 2 ou 3 persoas no hotel,
incumplindo do ERE pactado entre empresa e persoal.
O
goberno municipal debe facer seguimento do estado empresarial do
hotel do pazo de Sober, polo emprego e riqueza que pode xerar no
municicipio, pero tamén porque, alén das subvencións recibidas
pola empresa de parte da administración central e autonómica, o
Concello invertiu en pavimentación, accesos e dotación de
suministro de auga ao pazo.
A
situación do emprego en Sober é crítica: unha poboación que vive
maioritariamente das pensións cun paro rexistrado de 150 persoas en
2013, coas dúas maiores empresas con dificultades nestes momentos.
En xuño de 2014 só hai en Sober 590 persoas afiliadas á Seguridade
Social. Trátase dunha sociedade envellecida, cunha idade media de 58
anos (o 46% da poboación ten máis de 65 anos), que precisa
alternativas de emprego para deter a sangría demográfica que se
observa dende os anos 80.
Dado
o manifesto fracaso da estratexia empresarial do pazo, que parece
unha operación especulativa aproveitándose dos cartos públicos e
das esperanzas de pequenas empresas e de traballadores e
traballadoras da comarca, é de xustiza que a Xunta dé explicacións
ante o pleno de Sober e a súa veciñanza.
Así,
propoñemos ao goberno municipal de Sober a convocatoria dun pleno
extraordinario monográfico sobre o pazo de Sober, no que se dé voz
aos colectivos implicados (traballadores/as, sindicatos, empresa...),
e ao que se solicita a asistencia de Raquel Arias – delegada da
Xunta en Lugo e ex-alcaldesa de Sober – para dar explicacións á
cidadanía sobre o estado do hotel Palacio de Sober.
O
PP de Sober e Raquel Arias, que, dende o Concello, utilizaron
electoralmente a apertura dun hotel no municipio non poden eludir dar
explicacións á cidadanía soberina sobre a situación do proxecto.
Por outra parte, o PP municipal debe explicar qué actuacións se
levaron a cabo no marco da promesa electoral que fixo no seu programa
de 2011, no que indicaba que se ían “aproveitar as sinerxías”
que se xeraban coa presenza dun hotel de Gran Luxo no municipio.
A
oposición do Concello de Sober agardamos que a situación do hotel
mellore e poida ser aproveitada a restauración dunha das nosas máis
fermosas e interesantes ruínas para xerar emprego en Sober, por iso
pedimos a celebración dun pleno extraordinario e a implicación da
Xunta no desenvolvemento dunha alternativa para o hotel Palacio de
Sober, no marco dunha estratexia turística xeral da comarca de
Lemos.
Iñaki
Rodríguez Pérez – PSdG Sober
Paula
Vázquez Verao –Asemblea Nacionalista de Sober
Óscar
Alonso Díaz – BNG Sober
Sober,
28 de agosto de 2014.
ANEXO
– SOLICITUDE DE PLENO EXTRAORDINARIO
Iñaki
Rodríguez Pérez, voceiro do grupo municipal do PsdG, Paula Vázquez
Verao, voceira do grupo mixto, Óscar Alonso Díaz, voceiro do grupo
municipal do BNG, concelleiros e concelleira do Concello de Sober,
EXPOÑEN
1.
Que o artigo 46.2 a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime
local estabelece que “o pleno celebra sesión extraordinaria cando
así o decida o/a presidente/a ou o solicite a cuarta parte, polo
menos, do número legal de mebros da corporación”, corporación de
11 escanos no caso de Sober.
2.
Que o citado artigo limita a tres o número de solicitudes que pode
facer un/unha concelleiro/a no período dun ano.
3.
Que as persoas asinantes deste escrito cumpren os requisitos do
artigo 46.2 a) da Lei 7/1985 do 2 de abril, de bases de réxime
local.
E,
por todo isto,
SOLICITAN
A
convocatoria dun PLENO EXTRAORDINARIO no marco legal estabelecido na
exposición de motivos e coa seguinte orde do día:
1.
PUNTO PRIMEIRO – Debate e intervencións sobre a situación do
Hotel Pazo de Sober, coa audiencia no pleno dos colectivos
implicados: traballadores/as do hotel, sindicatos da comarca, empresa
xestora do Pazo de Sober e Xunta e IGAPE, a través da Delegada da
Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias Rodríguez.
2.
PUNTO SEGUNDO – Debate e votación das mocións que se presenten
polos distintos grupos municipais encol do hotel Palacio de Sober.
En
Sober, a 28 de agosto de 2014.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)











