viernes, 2 de marzo de 2012

Acordo de constitución da Asemblea Nacionalista de Sober a partir do BNG de Sober.

A Asemblea Local do BNG de Sober, reunida o 28 de febreiro de 2012, acordou, por unanimidade, que continúen como concelleiro e concelleira nacionalistas de Sober as persoas que actualmente o son – Alfonso Campos Pérez e Paula Vázquez Verao –, sexa cal sexa a decisión de militar ou non no BNG. Paula Vázquez Verao cursou a súa baixa no BNG o 1 de marzo.

A Asemblea Local do BNG de Sober decidiu constituírse en Asemblea Nacionalista de Sober, na que se integrarán todas as persoas nacionalistas e de esquerdas de Sober, tanto a xente que curse baixa do BNG, como as que vaian quedar na organización ou coma as persoas simpatizantes. Esta asemblea seguirá a funcionar segundo un modelo asembleario, en base a consensos, respectando o pluralismo e onde cada persoa conte, milite onde milite.


A nosa prioridade seguen a ser os problemas das maiorías sociais de Sober, e niso seguiremos a traballar. No inmediato, divulgaremos o retroceso nos dereitos da clase traballadora que supón a nova reforma laboral, a través dunha moción, ou denunciaremos os recurtes nos servizos públicos, nomeadamente na Sanidade, que tamén repercuten directamente en Sober no noso Centro Médico.


Continuaremos defendendo o programa electoral polo que nos presentamos ás eleccións municipais (consultar aquí), e mantendo a dinámica de respostar ás demandas sociais mediante o diálogo aberto, xuntanzas veciñais, asembleas abertas, etc, organizándonos a través da Asemblea Nacionalista de Sober, aberta a aquelas persoas soberinas nacionalistas de esquerdas que o desexen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario