domingo, 27 de mayo de 2012

Tendendo pontes dende os concellos.


As decisións importantes non se adoptan por capricho. Teñen a súa razón de ser. A ruptura da que era a casa común do nacionalismo, o BNG, produciuse en toda Galiza coa marcha de dúas das tres sensibilidades que daban razón de ser á fronte nacionalista, o Encontro Irmandiño e Máis Galiza. Un feito desta transcendencia tivo tamén consecuencias en moitos concellos do país.
Ducias de concelleiros e concelleiras próximos a estas sensibilidades ou dende a independencia decidimos iniciar un novo camiño coa esperanza de asentar modelos municipais participativos, abertos, comprometidos e orgullosos de seu. Nestes tempos nos que todos renuncian pola política de recortes do Partido Popular, nós non renunciamos. Non renunciamos a esixir plans de conciliación, políticas sociais activas, apoio aos nosos sectores produtivos locais, prestixiadas programacións culturais, melloras das nosas infraestruturas e  servizos básicos, axuda ás actividades dos nosos tecidos asociativos e defensa das prestacións educativas e sanitarias dos nosos concellos. Por principios, non renunciamos.

Mantendo o máximo respecto para cos que até o de agora foron os nosos compañeiros e compañeiras, optamos por iniciar colectivamente un novo camiño que remate na construción a nivel nacional dun novo referente político. Un camiño propio, diferente, que aposte por novas maneiras de relacionarse entre nós e a sociedade e que teña vocación de ser unha ferramenta útil para facer fronte aos retos do futuro do noso  país.

Somos conscientes da grande responsabilidade que aceptamos no momento no que fomos escollidos pola veciñanza para ser os seus representantes nos diferentes concellos. Somos conscientes de que esta responsabilidade é maior coa tarefa colectiva que temos por diante. Sentimos que temos o deber ético  de seguir representando aos veciños e veciñas que confiaron en nós nas pasadas eleccións municipais. Foi con eles, cos que realmente adquirimos este compromiso firme de defender as propostas coas que fomos elixidos, de escoitalos e de solucionarlles os problemas que xurdan durante todo este mandato.

Dende os nosos Concellos, facendo país gran a gran queremos gañar o futuro. Novas maneiras , novas  formas de exercer a política e o convencemento de que é unha maioría social agredida a que precisa desta aposta colectiva de todos e todas nós.

Cacheiras (Teo), 26 de maio do 2012

Asinan, representantes dos Concellos de: Mondariz - Val do Dubra - Teo - Ribadumia - Catoira - Outes - Lousame - Ames - Manzaneda - Toén - Gondomar - Cuntis - Beariz - Cee - Agolada - Bergondo - Carballedo - Bueu - Chantada - Alfoz - Maceda - Muros - Portomarín - Antas de Ulla - Sober - As Pontes

No hay comentarios:

Publicar un comentario