jueves, 29 de noviembre de 2012

Regulamento de uso da Casa da Cultura [pleno ordinario - novembro 2012]


No pleno de novembro de 2012 aprobouse un regulamento de réxime interno para o funcionamento do centro sociocultural, unha vella demanda do nacionalismo en Sober.
O regulamento foi aprobado por unanimidade pola corporación municipal.

"O Centro Sociocultural constitúe a sede fixa dos servizos municipais de cultura, tales como a biblioteca pública municipal, oficina municipal de información xuvenil, servizos sociais municipais, e escola municipal de música (e auditorio). A maiores, nas restantes salas e dependencias poderanse desenvolver actividades culturais de todo tipo, como conferencias, proxeccións, escenificacións, cursos e ensino, certames literarios e artísticos, concursos e exposicións, así como calquera outra que potencie a creatividade dos veciños. Para que así sexa terán que ser aprobadas e autorizadas polo órgano municipal competente.

Ademais, o Centro Sociocultural poderá servir de domicilio para aquelas asociacións do Concello que o soliciten. Todas elas disporán dunha taquilla e un buzón na aula de servizos múltiples.

Para a utilización por parte de calquera persoa individual ou xurídica de algunha das dependencias do Centro será necesario o permiso da Alcaldía ou concelleiro- delegado. Será obrigatorio solicitalo por escrito ou por medio dun impreso que será facilitado nas dependencias do Concello, cunha antelación mínima de 48 horas. No formulario debe desenvolverse a actividade que se pretende levar a cabo cunha breve explicación dos contidos e fins que se perseguen, así como o tempo de utilización e demais pormenores. No caso de utilización do auditorio municipal para ensaios, pediranse as chaves no Concello, e serán devoltas ao seu termo ou ao día seguinte se as oficinas municipais estivesen pechadas.

As dependencias que alberga o Centro Sociocultural suxeitaranse ao seguinte horario:

- Servizos Sociais: 8:30 -15:00 horas (días laborais).
- Biblioteca municipal: 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas de setembro a xuño; de 9:00 a 14:00 horas en período estival, e permanecerá pechada durante o mes de vacacións da persoa encargada desta.
- Escola de Música: mércores tarde e sábados de mañá (se ben en función do horario do profesorado o día pode variar)."

Ademais, aprobouse un regulamento para o préstamo bibliotecario.

"No caso concreto da Biblioteca, o regulamento tamén se ocupa do préstamo a domicilio, de carácter gratuíto. Así, os lectores deberán proverse da tarxeta de préstamo, cuxa expedición se fará efectiva coa entrega de dúas fotografías e a presentación de carné de identidade. No caso de existir deterioración dos libros ou a perda destes obrigarase o beneficiario do préstamo ao pagamento dunha multa que poderá chegar a ser equivalente ao dobre do valor actual dos libros prestados."

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario