As
asembleas de Anova do sur lucense apoian a candidatura da Ribeira
Sacra a Patrimonio da Humanidade e reclaman plans concretos de
conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural
da Ribeira Sacra.
Alternativa Galega de Esquerda reclama que a Xunta
poña en
marcha un plan de dinamización económica e medioambiental con
cronoloxía e memoria orzamentada e outro de preservación, restauración, divulgación e investigación
do patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra.
As
administracións implicadas neste territorio deben poñer en marcha
xa, sen agardar á distinción, un plan de conservación, estudo e
divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra con
actuacións concretas urxentes en valores patrimoniais en perigo,
como é o rico patrimonio inmaterial neste territorio envellecido. A través de AGE, presentamos estas reivindicacións á Xunta de Galiza.
* POSTURA DE ANOVA SOBRE A FIGURA DE PATRIMONIO DA HUMANIDADE PARA A RIBEIRA SACRA
A consecución da figura de Patrimonio da Humanidade da UNESCO sería
algo moi positivo para a Ribeira Sacra, pois implica que a
zona sexa declarada de especial protección e que deberá ser
conservada como patrimonio común da humanidade.
Ademais, podería optar a financiación por parte da UNESCO. Alén da
importancia cultural, ética e humana que supón esta distinción,
daría un pulo ao turismo e á vitivinicultura na zona, como xa ten
sucedido noutros lugares declarados Patrimonio da Humanidade.
Mais
esta
figura por si soa non garante a preservación e mellora do estado do
Patrimonio da zona así galardoada, senon que precisa unha
participación activa da cidadanía e unha implicación efectiva das
distintas administracións que actúan sobre o territorio,
que deben manter e conservar o patrimonio cultural herdado e protexer
o medio ambiente. Esíxese un especial coidado das administracións
no caso da Ribeira Sacra, pois non se trata só dun monumento ou
conxunto patrimonial ou dunha soa cidade, senón de todo un
territorio con infinidade de patrimonio moi variado, para o cal non
contamos con sitios semellantes declarados patrimonio da humanidade
no Estado Español (podería semellarse co conxunto das igrexas
románicas do Vall de Boí, en Catalunya, ou coa Serra da Tramuntana,
en Mallorca), tendo que buscar referencias
máis semellantes no Alto Douro, en Portugal, ou en Cinque Terre, en
Italia, exemplos que a Comisión que dirixe a candidatura da Ribeira
Sacra debería ter en conta.
A
distintinción da RS como Patrimonio da Humanidade non pode supoñer,
en ningún caso, unha musealización mal entendida da zona: ten que
ser un
territorio vivo onde as comunidades veciñais se impliquen na súa
vida económica e cultural.
O
territorio coñecido coa denominación “Ribeira Sacra”, que
engloba ás comarcas caldelá, limesa, á de Quiroga e á de
Chantada, incluíndo Portomarín e parte de zona ourensá e de
Trives,
ten singularidades paisaxísticas e culturais que a convirten nunha
paraxe única:
a xeomorfoloxía, con sendos canóns de Sil e Miño que conforman
escarpadas pendentes onde se desenvolveu o cultivo en bancais, unha
das obras humanas máis impresionantes do mundo; o clima,
mediterráneo nos canóns, que mixtura a influencia continental,
atlántica e mediterránea e orixina unha vexetación e fauna
variada; o inxente patrimonio cultural, sendo un territorio
tremendamente humanizado e con restos arqueolóxico-artísticos dende
as primeiras etapas da humanidade: os achádegos paleolíticos na
depresión de Lemos, o importante conxunto de petróglifos do sur de
Lugo, os numerosos castros e restos romanos, especialmente a minaría
romana en Quiroga e os enclaves de Castillón, Proendos e San
Vicente, os retallos arquitectónicos altomedievais, unha
concentración de arte románica das máis importantes de Europa,
castelos e torres medievais, o Barroco dos mosteiros e igrexas e as
importantes obras da cidade de Monforte e numerosas obras de arte
popular e arquitectura civil e eclesiástica de todas as épocas.
Conta
ademais con enormes potencialidades agro-gandeiras e no sector
artesanal, que posibilitarían a vida digna nesta terra de moita
xente que segue a emigrar dela.
Asemade,
sofre
ameazas que esixen unha especial atención das administracións.
Un dos maiores ataques sufridos pola zona (e que pon en risco a
propia candidatura a Patrimonio da Humanidade) é o
sobre-aproveitamento
hidroeléctrico,
do que se benefician as grandes empresas eléctricas sen que supuxera
nunca beneficio para a poboación da zona (os encoros destruíron a
paisaxe, anegaron as mellores terras, expropiadas a prezos
irrisorios, racharon as prósperas relacións entre ribeiras,
empregaron man de obra represaliada e en precarias condicións
laborais e nunca supuxeron beneficios tarifarios na electricidade).
Tamén é preocupante a escasa
rede de saneamento coa
que se conta na zona lucense, coa conseguinte contaminación dos ríos
e regatos, a excesiva contaminación
por produtos fitosanitarios das terras da ribeira, falta de apoio ao
sector leiteiro, nula ou inefectiva política de control da praga dos
incendios
forestais
ou carencia
de redes de transporte público.
Falamos,
ademais, dun territorio especialmente envellecido (concellos dos
máis envellecidos do mundo) e de baixo nivel de renda en
comparación con outras zonas de Galiza.
Dende
Anova, cremos
firmemente que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da
Humanidade debe ser unha oportunidade de implicar á cidadanía na
conservación e coñecemento do noso patrimonio en todos os sentidos,
toda vez que no proceso da candidatura, o ICOMOS, órgano
consultivo para patrimonio cultural, encargado
de emitir un ditame previo á valoración da candidatura polo Comité
da UNESCO, se entrevistará coa sociedade civil durante o proceso.
Así, a campaña cidadá non pode reducirse á recollida de sinaturas
en puntos da zona nin a campañas unidireccionais nas redes sociais.
É un paso positivo neste sentido o abrir a posibilidade de adhesión
ao convenio de colaboración para a promoción da candidatura a
entidades públicas e privadas; precisamente, dende
Anova consideramos que é vital que na Comisión Mixta de Execución
e Seguimento de dito convenio se faga especial esforzo por implicar
activamente á sociedade civil, especialmente ás asociacións
culturais que loitan pola conservación do patrimonio.
Cremos
que o proxecto final da candidatura debe ser elaborado
participadamente pola cidadanía da zona da Ribeira Sacra, por iso
pedimos que a elaboración por parte de persoas expertas do
“informe técnico onde se sinalen os valores naturais e culturais
do territorio” conte coa participación de ditas entidades
culturais da zona para a súa elaboración.
A
implicación da cidadanía e a concienciación pasa tamén polo
ensino, pois – como sinalou Alternativa Galega de Esquerda no
Parlamento – “é a tavés do ensino como se pode concienciar ás
xeracións futuras da importancia do noso, que debe ser un proceso
participativo, con implicación da sociedade civil, de abaixo cara
arriba”. Concretamente, poderíanse promover
unidades
didácticas sobre a RS nos centros de ensino para os distintos
niveis,
implicando á comunidade educativa. Sen ensinar o que somos non
poderemos conseguir que os nenos e nenas de hoxe valoren o patrimonio
herdado mañá.
Tamén
solicitamos o mantenmento dunha colaboración
estreita das entidades promotoras da candidatura co sector vitícola,
a través das súas asociacións e da Denominación de Orixe RS, por
ser un dos sectores máis implicados na conservación do cultivo de
viñedo en bancais, o principal sinal de identidade da Ribeira Sacra.
A
implicación da cidadanía, e especialmente de viticulturas e
viticultoras, é vital para a viabilidade do proxecto, por canto
existe
descoñecemento e temor sobre o que vai significar a figura
Patrimonio da Humanidade e lamentamos que a utilización partidaria
que o PP do sur de Lugo fixo desta cuestión esté a contribuír a
acrecentar a desconfianza.
Toda vez que foi o PP quen permitiu o sobreaproveitamento
hidroeléctrico no Miño e no Sil ou as plantacións de especies
pirófitas na zona. O patrimonio hai que defendelo non só cando pode
dar réditos electorais. Cómpre, pois, unha campaña
explicativa sobre o que significa no concreto ser Patrimonio da
Humanidade e cómo se vai xestionar dende as administracións.
A
candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade é tamén unha magnífica
oportunidade para adoptar o compromiso por parte de todas as
administracións de pular pola distinción do patrimonio inmaterial
galego-portuguesa como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
Saudamos
neste proxecto a colaboración das deputacións provinciais de Lugo e
Ourense na promoción da candidatura, pois é a lóxica que se debeu
ter seguido dende hai décadas neste territorio que non entende de
divisións provinciais, alonxándonos así doutros tempos nos que a
rivalidade interprovincial entre administracións manexadas de xeito
caciquil orixinou un dos máis graves (e dificilmente resersíbel)
atentados ecolóxicos e paisaxísticos da zona, despois dos encoros:
a mutilación da fervenza dos Chancís para a construción do
embarcadoiro do catamarán do lado de Lugo, escollendo o sitio coa
única motivación de non situalo no enclave de acceso natural, que
cadraba en fronte do embarcadoiro de Ourense. Esperpéntica historia
que é significativa de ata qué niveis de indignidade chegara o
tratamento que as administracións concedían ao noso patrimonio
natural.
Dende
Anova, solicitamos, ademais, ao PP, partido que ostenta nestes
momentos o goberno central e o da Xunta, que acometa un
plan de inxección económica neste territorio,
un plan de desenvolvemento rural, e que poña as medidas
para resolver as principais eivas no estado do noso patrimonio en
todos os sentidos.
A candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade debe ir acompañada xa
(sen agardar á obtención da distinción) dun plan
de conservación e estudo e divulgación do patrimonio natural e
cultural a Ribeira Sacra por parte das administracións implicadas
(especialmente Xunta e Deputacións). Concretamente, podemos comezar
polas seguintes actuacións:
-
plan para protexer e dar a coñecer o conxunto de petróglifos do sur
de Lugo.
- plan de conservación e divulgación do patrimonio románico.
- musealización do castro de San Vicente (Monforte) cun Obradoiro de Emprego.
- rehabilitación de San Paio de Abeleda e do pazo obispal de Diomondi.
- mellora dos accesos e iluminación da igrexa de Pesqueiras (Chantada).
- restauración das pinturas murais da igrexa de San Vicente de Pinol (Sober).
- plan de conservación da olería tradicional; preservación das barreiras locais das que se usa o barro para a olería de Gundivós.
- plan de recollida da cultura inmaterial dos concellos que conforman a Ribeira Sacra.
- proxecto de arquivo documental de libros e documentación familiar e parroquial.
- catalogación de árbores senlleiras.
- plan coordinado de eliminación de vertedoiros incontrolados.
Anova:
asembleas de Chantada, Lemos e Sober.
Galiza,
xaneiro de 2014.
Moi bo, non como o artigo da Voz de hoxe en Lemos, tanto extractou que o deturpou.
ResponderEliminarLa esclavitud de San Valentín
ResponderEliminarLos recolectores de rosas en Kenia, uno de los mayores exportadores a Europa, cobran unos 1,25 euros al día por nueve horas de trabajo, en el umbral de la pobreza extrema
elpais.com