jueves, 3 de julio de 2014

A xustiza recortada: un servizo cidadán básico en perigo [crónica do debate de Chantada]


* Crónica do debate sobre os recortes da Xustiza organizado por Anova Chantada o 27 de xuño de 2014, con Luis Villares Naveira, maxistrado en Lugo e membro de Xuíces pola Democracia; José Manuel Fernández Varela, avogado e membro da Irmandade Xurídica Galega; de parte da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Monforte virá Xaquín Martínez Fernández, a quen agradecemos a lección maxistral sobre os ataques á independencia xudicial deste goberno do PP.

Xuntámonos encol da preocupación social pola posíbel desaparición dos xulgados de Chantada e Monforte, pero rematamos por reflexionar máis fondamente sobre a condición da Xustiza como dereito cidadán básico, sobre a ameaza de perda de independencia do poder xudicial a respecto do Executivo e sobre a necesidade de organizármonos como sociedade para deter o exercício ilexítimo do poder que exerce o goberno do PP, que usa as institucións para os fins contrarios para os que foron concebidas.

* Anteproxecto LOPJ aquí.

+ A DESAPARICIÓN DOS XULGADOS DAS COMARCAS-PARTIDO XUDICIAL

Contar cun xulgado nas vilas medias garante o principio da proximidade da xustiza e, ademais, convírtese nun factor de dinamización social e económica dunha poboación. Eliminar os xulgados do interior galego deterioraría aínda máis a crise demográfica de moitas comarcas. Ademais, a existencia das sedes xudiciais nas comarcas é un elemento importante á hora de coñecer a realidade xurídica de cada zona, como sinalou Luis Villares.

O anteproxecto de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial destrúe a territorialidade da xustiza, ao desaparecer os xulgados, os partidos xudiciais, os rexistros civís e os xulgados de paz. Ademais, o Rexistro Civil vai privatizarse, pasando a ocuparse deste servizo o Rexistro Mercantil, con só 98 prazas de rexistradores ocupadas en todo o Estado, co cal periga a gratuidade e a eficacia.

O que haberá (de aprobarse a lei) sería uns "Tribunais Provinciais de Instancia", nas capitais de provincia, non prevendo que haxa xulgados distintos do provincial ("que en cada provincia exista un único órgano judicial de primer grado para todos los órdenes jurisdiccionales").

Xustifícase a reforma na suposta insostibilidade das sedes territoriais, pero non se prevé a falta de edificios públicos de Lugo ou a perda de cartos públicos que se empregaron en reformas de edificios públicos de xulgados de vilas.

Isto non obsta para que, como afirmou José Manuel Fernández Varela, sexa necesaria unha reforma da xustiza, tamén no seu modelo territorial, pois "a estrutura xudicial do Franquismo perviviu, non houbo Transición no sistema xudicial" (lentitude da xustiza, trámites atrasados, falta de medios, Audiencia Nacional herdeira do TOP...). Así, o que cumpriría sería un modelo xudicial adaptado á realidade de Galiza e un órgano galego para o poder xudicial.

+ AFASTAMENTO DA XUSTIZA DA CIDADANÍA

Esta reforma territorial que limitaría os xulgados ás capitais de provincia, incidiría negativamente no acceso á xustiza, dereito básico que xa se viu mermado coa lei de taxas, que reduciu as demandas do contencioso administrativo, e que en moitos casos (nos que non se reclama por cuestións económicas) o que supón é a impunidade das administracións públicas fronte á cidadanía.

O dereito á tutela xudicial efectiva implicaría unha Xustiza áxil, próxima e de calidade, así como a independencia do poder xudicial, como afirmou José Manuel Fernández Varela, premisas que non se están a cumplir en parte e, con esta reforma, camiñaríase cara a perda de independencia xudicial.

+ AMEAZA Á INDEPENDENCIA XUDICIAL

Coa reforma prevista, xuíces e xuízas terán que aterse obrigatoriamente ás sentencias previas do Tribunal Superior, rematando así coa independencia xudicial. Como sinalou Luis Villares, un xuíz só ten que aterse á lei, interpretar a lei; a xurisprudencia é só un complemento, non unha fonte do dereito. O que fai a reforma é impoñer a xurisprudencia do Tribunal Superior sobre todas e todos os xuíces. Non aterse á xurisprudencia do Supremo suporá prevaricación. Iso si, a Administración sí podería afastarse da doutrina do Tribunal Supremo.

Ademais, a reforma prohíbe aos xuíces e xuízas asociárense e manifestárense, cercenando a súa liberdade de expresión.

Trátase de difuminar a separación de poderes, elemento fundamental nun Estado democrático. Os tres ponentes coinciden en que rematar coa independencia xudicial é o principal obxectivo da lei.

Así, como tamén sinalou Xaquín Martínez, a reforma pretende sinalar as voces críticas da xudicatura e suprimir as investigacións independentes.

+ MARCO XERAL DE PERDA DE DEREITOS CIDADÁNS

Todos os ponentes coincidiron en que o recorte da Xustiza ("decapitación da Xustiza", como o definiu Xaquín Martínez) se insire no contexto de deterioro xeral de servizos públicos e na perda de dereitos e liberdades cidadás. 

A este respecto, Xaquín Martínez lembrou que está pendente unha reforma do Código Penal que supón criminalizar a protesta social mentras hai unha permisividade cos delitos de corrupción. Tamén unha reforma da lei de Seguridade Cidadá que é un atentado aos dereitos civís.

Luis Villares reflexionou sobre o feito de que esta reforma é un exemplo de exercicio ilexítimo do poder. Un Estado - que goza do monopolio do exercicio da violencia - garántese pola coherción, pero tamén polo consenso polo cal a cidadanía lexitima o Estado a cambio dunhas garantías, dunhas reglas marcadas na Constitución. Neste momento, o "consenso" da Transición está roto, existe unha situación de "violencia institucional", porque os poderes públicos están lexislando en contra dos fins para os que foron concebidos. O goberno está actuando en contra da Constitución cando non garanten o estado social cos recortes en Sanidade e Ensino ou cando recortan o acceso á Xustiza.

Así, neste contexto, xerouse un movemento de protesta, de "disenso", que chega a poñer en perigo o poder, co cal o Estado reaxe con "violencia reactiva", con normas para acalar as manifestacións de disenso. Así, Luis Villares considera esta reforma xudicial coma unha reacción ante o contrapeso que xuíces progresistas exerceron contra as medidas do Executivo (por exemplo, no tema da restritiva lexislación hipotecaria española contraria ao dereito europeo). Houbo xuíces e xuízas que defenderon o Estado social da Constitución fronte ao poder executivo, que o destruía, por iso, o poder reaxe contra o poder xudicial, para rematar coa súa independencia.

Finalmente, todos os ponentes agradeceron a celebración deste acto de concienciación e sensibilización sobre a perda do dereito á Xustiza, animando a que a sociedade tome conciencia do problema e pelexe porque esta reforma non saia adiante.

* Crónica de Paula Vázquez Verao.
 
Xaquín Fernández, José Manuel F. Varela, Luis Villares e Alfonso Piñeiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario