lunes, 1 de septiembre de 2014

Apertura dos comedores escolares no verán? O que cómpre é mellorar o tratamento integral das familias.


* Opinión sobre a apertura de comedores escolares no verán, expresada no debate Sexta Feira, ao que Anova do sur lucense acode os venres en Cadena Ser Monforte. Intervención de Paula Vázquez Verao. 

O ano pasado, xa AGE presentara unha iniciativa instando á Xunta de Galicia á elaboración dun estudo para detectar as necesidades en materia nutricional do alumnado galego e establecer un protocolo de colaboración específico coas administracións locais, proposta que foi rexeitada de xeito continuado polo grupo do PPdeG.

Durante este ano, AGE volveu denunciar a situación de menores en risco de pobreza, sempre coa insensiblidade do grupo popular. Houbo que esperar ao último pleno, celebrado o 10 e 11 de xuño, para que os populares asumisen o grave problema e a necesidade de actuar. 
 
A iniciativa de apertura de comedores escolares plantéxase como medio de facerlle fronte á situación de fame de nenos e nenas galegas. A resultadas desta proposta de AGE, aprobouse por unanimidade que:

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estar en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos en colaboración cos servizos públicos de benestar".

Este acordo, de primeiras, supón recoñecer unha realidade que o PP non quería admitir: hai nenos e nenas en Galiza que pasan fame e que só tiñan garantida unha boa comida no comedor escolar.

Iso si, dende Anova do sur de Lugo consideramos que a apertura de comedores escolares no verán é unha medida insuficiente: a realidade é que as familias desas nenas e nenos tamén pasan necesidade. Pasa fame toda a familia, non só as nenas e nenos; e todo o día, non só á hora de xantar. É unha medida “parche” e non pensa de xeito global como solucionar o problema da pobreza en Galiza.

Non é admisible é a falta de reacción do PP, que aínda non fixo nada por poñer a andar un programa de atención global á infancia en risco de pobreza. 

O Colexo Oficial de Traballo Social de Galicia advirte que oque hai que facer é aumentar a partida de Axudas parasituacións de Emerxencia Social (AES) e taménas partidas orzamentarias municipais para axudasde emerxencia, que permiten ás familias necesitadas atender ás necesidades básicas. O Colexo de Traballo Social advirte, ademais, que “estas axudas deben ser reais, efectivas e rápidas” e que non se demoren na súa tramitación e adxudicación, porque, avisan, “a situación en moitos casos é límite”. 

En cambio, a realidade é outra: lembremos que o goberno da Xunta de Galiza deixou o ano pasado sen executar o 42% do orzamento destinado a estas axudas de emerxencia e o 36% da partida de ‘Axudas e subvencións de servicios sociais’. Lembremos tamén o retraso de meses que se produce na tramitación e abono da RISGA, Renda de Integración Social de Galicia, deixando ás persoas que a precisan sen ningún tipo de ingreso durante moito tempo. O gasto nas partidas sociais do orzamento da Xunta, dende que chegou Feijóo, reduciuse ano a ano, mentras aumentou o gasto destinado ao pago da débeda.

Non debería existir o estigma da pobreza, non ter cartos non debería ser motivo de burla nunha sociedade que está feita para que moita xente se empobreza; pero éo, porque é unha sociedade falta de valores, porque o sistema impón a ideoloxía falsa de responsabilizar a cada persoa pobre da súa situación. Na escola, na pública, edúcase con moito esforzo en valores, pero é moi difícil traballar en contra de todo o que bombardean os medios de comunicación, e que un neno ou nena sexa diferente ou pase fame é motivo de burla, por iso aínda hai moitas familias que non levarían a xantar a fillos e fillas ao comedor, que buscarían outras alternativas polo medo á estigmatización. Así, sería fundamental que se abrise o comedor con posibilidade de ir todas e todos os nenos e nenas, complementando a actividade do xantar con actividades lúdicas e formativas no verán, o que ademais xeraría emprego público. En cambio, o PP prefire recortar en servizos no ensino público, coma na cociña do colexo de Manzaneda.

Ademais, o acordo unánime do parlamento indica que a búsqueda de solucións ao problema da fame se faga de acordo cos concellos e que se poida realizar a apertura de comedores escolares, se é o caso, de xeito coordinado cos servizos sociais de cada municipio, asumindo, iso si, os costes, a Xunta.
A intervención dos servizos sociais municipais é fundamental, porque son estes quen coñecen a realidade a pé de rúa e as necesidades de cada comunidade. As equipas dos servizos sociais municipais deberían ter os recursos suficientes para evitar os problemas de exclusión social, actuando segundo as características da súa comunidade. Así, haberá municipios onde sexa acaído abrir o comedor do cole, coa posibilidade de abrilo a toda a familia dos nenos e nenas con dificultades (porque a familia tamén pasará fame e porque é importante manter a sociabilidade dos nenos e nenas coas familias á hora de comer); noutros concellos, en cambio, pode ser máis acaído recorrer a bonos para que toda a familia merque os alimentos necesarios para unha alimentación correcta.

O lóxico é que sexan os servizos sociais municipais quen teñan recursos suficientes para atender estas necesidades, pero o problema é que os servizos públicos municipais cada vez están máis ameazados: por recortes nas partidas orzamentarias e pola lei de reforma local, que resta competencias aos concellos, e todo por adaptarse a normas europeas que estan empeñadas en reducir o déficit público a costa de que os servizos básicos se privaticen, xerando negocio para uns poucos e perda de servizos e dereitos básicos para os máis. Toda esta lóxica privatizadora de servizos públicos agrava o problema da pobreza. 

Queda aínda moito que traballar no eido de revertir o maior problema da nosa sociedade: a pobreza.
“Segundo os datos oficiais, en Galiza hai 93.000 familias con todos os seus membros en paro, o 23% da poboación atópase en situación de pobreza, 33.000 familias sobreviven sen ningún tipo de ingreso e un 26% dos fogares con menores a cargo están en risco de exclusión social. Un de cada catro menores de dezaseis anos vive por debaixo do umbral da pobreza no noso pais, segundo o Instituto Nacional de Estatística, na mesma liña en que se teñen manifestado organizacións como UNICEF, Caritas e Cruz Vermella.”

A solución dos comedores está ben onde sexa acaída tendo en conta as características da comunidade, pero é insuficiente e hai moitas máis accións que poñer en marcha dende as administracións para evitar a pobreza no noso país, e as políticas do PP van no sentido contrario ao que deberían para facer fronte a esta lacra social. Garantir unha alimentación suficiente e de calidade á poboación debería ser a principal prioridade do goberno galego; en cambio, a prioridade de Feijóo é o pago da débeda. “A débeda ocupa xa un 20% do orzamento da comunidade e un 18,2% do PIB, cando en 2009 era un 8,7% do PIB”.

- Ver tamén a posición da Confederación de ANPAS galegas aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario