martes, 16 de septiembre de 2014

Resumo do pleno sobre o Pazo de Sober: pedimos un plan turístico da zona e que a Xunta faga seguimento do proxecto


O pleno extraordinario monográfico sobre o Pazo de Sober, celebrado a petición da oposición, serviu para coñecer máis datos sobre o estado do hotel "Palacio de Sober". 
Houbo unanimidade na oposición na petición de que a Xunta faga seguimento do proxecto e de que Raquel Arias asista a algún pleno para explicar a situación do Pazo, na súa condición de Delegada da Xunta en Lugo, pero tamén como veciña e como alcaldesa no momento en que o Concello publicitou a iniciativa do hotel coma un éxito propio e prometendo emprego.
A concelleira non adscrita, Paula Vázquez Verao, reclamou un plan turístico da zona que teña en conta o recurso "Palacio de Sober", intstar á Xunta a facer seguimento do proxecto hoteleiro, compromiso de uso público de espazos do Pazo para actividades culturais e unha páxina web con toda a información histórica e artística do Pazo.

* Consulta aquí o cadro informativo-cronolóxico.

O pleno celebrouse sen a comparecencia de persoas externas. A oposición formalizara unha petición de orde do día, pero a orde do día fíxaa a presidencia do pleno, que convocou o pleno cun punto monográfico de debate. 
Quedamos en que para as comparecencias no pleno se proporá na Xunta de voceiros, ao non termos un regulamento de funcionamento do pleno.
Non obstante, a petición da oposición, a alcaldía trasladará a Raquel Arias, como veciña de Sober e alcaldesa no momento de promoción do hotel.

Dende o PP, o alcalde deu lectura a un escrito onde recopilou a información que atopou sobre o estado do hotel "Palacio de Sober" - moita dela xa coñecida, algún dato novo que descoñecíamos - e onde sinalou que o fracaso do hotel é debido a "unha xestión pouco acertada nun momento económico difícil".

Ante as referencias que a alcaldía fixo a que parecía que había unha campaña de inxurias contra Raquel Arias por parte dalgún sindicato, replicamos que este pleno foi pedido pola oposición do Concello de Sober, que non temos que ver coa actuación dos sindicatos (aínda que poidamos coincidir en reivindicacións concretas) e que a petición de comparecencia de Raquel Arias non é unha cuestión persoal, se non que responde ao feito de que sendo ela alcaldesa se promocionou o hotel coma unha gran esperanza de emprego en Sober, utilizándoo nas campañas electorais, co cal tamén hai que dar a cara cando o proxecto vai mal, aínda que sexa responsabilidade dunha empresa privada.

Sobre a acusación de "politizar" un tema coma este, lembramos que quen politizou é quen vendeu o pazo e prometeu postos de traballo mesmo antes de ter comenzado as obras do hotel.

Dende o BNG, Óscar Alonso Díaz incidiu na necesidade de que as administracións que fixeron propaganda desta iniciativa privada se impliquen en dar explicacións ante a veciñanza. "O problema maior do hotel é a frustración de expectativas de emprego nun curto espazo de tempo".
O BNG anunciou iniciativa no Parlamento Galego.
* A intervención de Óscar pode escoitarse aquí.

Dende Anova, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, sinalou que "a petición deste pleno extraordinario que formalizamos toda a oposición épolo dereito que temos a xente de Sober a coñecer o estado do proxecto empresarial do Pazo, porque xa que foi publicitado polas administracións coma un gran proxecto que ía traer emprego a Sober, xogando coas esperanzas de pequenas empresas e de traballadores e traballadoras da comarca, é de xustiza que, cando o proxecto vai mal, o PP dé a cara ante a veciñanza."
Tamén sinalou o triste que é que nunha comarca rica coma a de Lemos, as esperanzas de obter emprego teñan que vir de que a un rico se lle ocorra invertir aquí, e sinalou a responsabilidade do PP a respecto desta situación, tendo xestionado a Xunta tantos anos sen apostar polos sectores produtivos básicos.
Tamén incidiu en que se os traballadores e traballadoras tiveran responsabilidade na xestión, seguro que o farían mellor, pois dábanse conta xa dende o inicio de que un proxecto así non ía ir ben, porque "se eres gran luxo e estás situado con altos estándares de calidade no mercado internacional ou te adaptas a prezos aos que poida vir xente de todo tipo para poder subsistir como empresa, tal como rematou por facer o Balneario de Augas Santas, ou Paradores. Non se pode estar na misa e repicando. Se se é gran luxo, os cables da cafetería non poden estar á vista, por poñer só un exemplo".
As iniciativas que se trasladaron por parte de Paula Vázquez Verao son as seguintes:

- Instar á Xunta de Galicia a deseñar e coordinar un plan turístico para a zona de Lemos no que se inclúa o hotel Pazo de Sober. 

- Instar á Xunta de Galicia a dar a coñecer ao Pleno de Sober os compromisos concretos de estabilidade no emprego requeridos para a concesión da subvención do IGAPE á empresa Alvaher 98.

- Instar á Xunta de Galicia facer un seguimento do proxecto hoteleiro no Pazo de Sober.

- Instar á Xunta de Galicia a que se ofrezan, dende xa, garantías de uso público de espazos do Pazo de Sober, cun convenio para a realización periódica de concertos e actividades culturais. 

- Elaborar, en colaboración con Turismo da Xunta, unha páxina na rede con información do Pazo de Sober (estruturas, historia, documentación), ben cultural de todo o pobo galego.

 * As intervencións de Paula poden escoitarse aquí.

Dende o PSdG formuláronse as seguintes preguntas, rexistradas tamén no Parlamento de Galicia polo PSdG. 
Se a Xunta coñece a situación do Pazo de Sober, que valoración fai da mesma, cales eran os compromisos de estabilidade de emprego esixidos para a concesión das subvencións, que actuacións ten previstas a Xunta para garantir a estabilidade da empresa e o cadro de persoal e que se vai facer se Alvaher 98 incumple as condicións.
Engadiu tamén a cuestión de "Que actuacións ten previstas o Concello de Sober a respecto do Pazo de Sober"?


Rematou o pleno coa petición conxunta da oposición de que a Xunta faga seguimento do proxecto e de que Raquel Arias asista a algún pleno para explicar a situación do Pazo, na súa condición de Delegada da Xunta en Lugo, pero tamén como veciña e como alcaldesa no momento en que o Concello publicitou a iniciativa do hotel coma un éxito propio e prometendo emprego.

Que o Pazo de Sober, construído en todas as súas épocas históricas co capital xerado polas xentes traballadoras, sexa patrimonio común das xentes de Sober e oportunidade de emprego de calidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario