viernes, 28 de noviembre de 2014

A cidadanía de Sober coñecerá o documento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade


No pleno de decembro de 2014 do Concello de Sober, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, solicitou que "se poña a disposición da cidadanía do Concello de Sober o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade unha vez sexa recibido no Concello e que se publicite esta posibilidade de consulta, animando á cidadanía a consultalo e a presentar propostas de modificación, se é o caso" e que "as alegacións que presente o Concello de Sober ao documento se fagan a través do debate previo na Comisión Sectorial de Turismo".

Ante este rogo (que se pode consultar aquí), o alcalde de Sober, que forma parte da Comisión de Seguimento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade, comprometeuse a trasladar o documento da candidatura a toda a corporación municipal en canto o reciba e poñelo a disposición da xente que o desexe consultar no concello.

Informouse no pleno que o grupo interdisciplinar que está a elaborar o documento da candidatura decidiu presentar unha proposta que se centre na cultura do viño e na arte románica, o que na práctica englobaría no mapa da candidatura as parroquias ribeirás dos concellos da RS, os elementos relacionados co viño e a arte románica. Trataríase, segundo informou o alcalde de Sober, de facer unha proposta coherente basada en dous eixos concretos, en lugar de englobar todos os elementos patrimoniais da RS.

A concelleira non adscrita pediu, ademais de que se expoña ao público o documento unha vez chegue ao Concello de Sober, que o alcalde lle traslade á Comisiónd e Seguimento da candidatura que se cree un espazo web con toda a información dispoñíbel para que a cidadanía interesada poida participar do proxecto da candidatura, máxime cando un dos criterios que valora a Unesco para conceder o galardón de PH é a implicación da sociedade civil no proceso da candidatura. 

miércoles, 26 de noviembre de 2014

Petición para que se poña a disposición, en canto se coñeza, o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade


 

ROGO que presenta a Concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao ante o Concello-Pleno de Sober.

Coñecemos pola prensa que antes de final de ano os alcaldes dos concellos da Ribeira Sacra disporán do documento coa proposta de ámbito territorial que formará parte da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade.

Este documento – mapa e memoria xustificativa -, que está sendo elaborado dende a USC e que presentará a comisión de seguimento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade, entendemos que a través dos concellos debe porse a disposición de todas as persoas interesadas, sendo os concellos a entidade administrativa máis próxima á cidadanía.

Así, e dado que o Concello de Sober contará xa dende este pleno de novembro cunha Comisión Sectorial de Turismo, solicitamos que:

- Se poña a disposición da cidadanía do Concello de Sober o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade unha vez sexa recibido no Concello e que se publicite esta posibilidade de consulta, animando á cidadanía a consultalo e a presentar propostas de modificación, se é o caso.

- Que as alegacións que presente o Concello de Sober ao documento se fagan a través do debate previo na Comisión Sectorial de Turismo.

Paula Vázquez Verao
25 de novembro de 2014
 

martes, 25 de noviembre de 2014

Basta de violencia machista: esiximos máis medios e medidas!


Medio cento de persoas en Monforte esixiu aumento das medidas de prevención e loita contra a violencia machista, coa lectura dun manifesto, que reproducimos a seguir:



lunes, 24 de noviembre de 2014

Contra a violencia machista: basta de complicidades!


Dende a Asemblea Nacionalista de Sober animamos a toda a cidadanía da comarca de Lemos a difundir e apoiar a concentración en contra da violencia de xénero convocada para este martes, 25 de novembro, ás 19:30 horas na Praza de España de Monforte.
Ademais, a Asemblea Nacionalista de Sober, a través da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, presentará este xoves no pleno ordinario de Sober unha moción contra a violencia de xénero e reclamando máis medios públicos para a loita contra a mesma.

É a nosa obriga como sociedade manifestar a nosa repulsa ante a violencia contra as mulleres e esixir medidas para rematar con esta lacra.

No contexto dunha crise e de feminización da pobreza, onde a situación de desemprego feminino é a maior causa de retroceso no número de denuncias, é, máis que nunca, imprescindible manifestar a nosa clara oposición fronte a violencia de xénero.

A loita contra o machismo, que se sigue a perpetuar coa axuda de moitas complicidades, é cousa de todos e de todas.

martes, 18 de noviembre de 2014

O PP é responsable do fracaso de Alimentos Lácteos


En xullo de 2009, a o Grupo Pascual aprobou un ERE temporal de catro meses que significaría o peche definitivo da súa planta de Outeiro de Rei se antes do 4 de decembro dese ano non aparecía un novo propietario que asumira o funcionamento. Para evitar o peche de Pascual, as principais cooperativas agrarias de Galiza ofreceron alternativas viábeis para comprar e manter activa a fábrica de Pascual, solicitando apoio e colaboración da Xunta de Galiza. Finalmente, a Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo impulsou a creación de Alimentos Lácteos, administrada por militantes do PP e na que o goberno galego investiu uns 9 millóns de euros.

A empresa declarouse en creba técnica en 2011, a finais de 2012 cesou a actividade da planta leiteira e en 2013 solicitouse o concurso de acreedores. A pasada semana, os administradores de Alimentos Lácteos foron condenados a pagar unha indemnización polo prexuízo causado á empresa ao solicitar tarde o concurso de acredores, pero cómpre ir máis alá e identificar aos responsables políticos desta desfeita: o goberno de Feijóo e o PP.

Asistimos a un exemplo da corrupción estrutural que carcome o noso réxime político: toda unha trama corrupta na que persoas ligadas ao PP se fan con 9 millóns de euros do IGAPE e logo arruínan un proxecto viable e condenan a centos de explotacións gandeiras á ruína polo impago de leite.

Lembremos que dende que se declarou a empresa en creba técnica, aínda se invertiron 4 millóns de euros públicos, e que a empresa atrasou de xeito deliberado a solicitude de concurso de acreedores para beneficiar á empresa Pascual – propietaria da planta -, que así aforrou pagar as indemnizacións do persoal. Actualmente, a planta de Outeiro de Rei está en mans de Logística Alimentaria, unha empresa vinculada a capital madrileño e xestionada polo entorno do PP.

Precisamos un goberno galego que apoie unha estratexia de produción para o sector lácteo galego, un sector clave que representa o 40% do sector lácteo español e que está nunha situación de inanición, na que o prezo de venda do leite (29 céntimos) arruína a productores.

martes, 28 de octubre de 2014

Crónica do acto de homenaxe ás vítimas do Franquismo en Sober

“Na defensa do dereito á vida digna e á democracia, a Corporación Municipal do Concello de Sober fai memoria destes feitos e recoñecemento das vítimas do Franquismo para contribuír a que as xeracións actuais e futuras vivamos nunha sociedade xusta.”

P1110982

Así comezaba a declaración institucional pronunciada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, na homenaxe ás vítimas do Franquismo realizada o sábado 25 de outubro en Sober, en cumplimento dun acordo plenario de 2013 que, a proposta de Paula Vázquez Verao, concelleira nacionalista non adscrita, decidiu rendir homenaxe e recoñecemento público ás vítimas soberninas do réxime franquista.

Ás 12 da mañá daba comezo en Sober o acto público en memoria das vítimas do Franquismo, cunha sesión simbólica do pleno na que todos os grupos políticos resaltaron o feito de estar realizando un exercicio de “xustiza”, un “recoñecerse a democracia na democracia”. Precisamente, a declaración institucional do Concello de Sober resalta que “a Corporación Municipal de Sober se recoñece na lexitimidade democrática das eleccións de 1936”. O recoñecemento aos representantes públicos represaliados foi recorrente, cunha lembranza especial a Daniel Álvarez Carnero, tenente de alcalde e alcalde gubernativo en 1936, executado en Lugo tras Consello de Guerra, cuxa familia estivo presente na homenaxe.

Posteriormente, iniciouse unha mesa redonda de análise sobre a represión na Galiza post-Alzamento, coa presenza de Carlos Méixome Quinteiro e Xurxo M. Ayán Vila, que reivindicaron a necesidade colectiva de memoria e explicaron, respectivamente, a natureza da “persecución” que o réxime do 1936 perpetrou en Galiza e a “paisaxe presente do Franquismo”, un estado “totalitario que concibe o territorio como “espazo de colonización” e ás persoas e comunidades como “súbditos” ao servizo da plutocracia.

P1110958

Como peche do acto, a música tivo presenza co grupo “Os Parentes” e coa interpretación por parte dunha sección da Banda de Música de Sober do Himno de Riego, A Marsellesa e o Hino Galego, que puxo ás persoas asistentes en pé.
Carmen García-Rodeja, da ARMH, agradeceu á corporación este exercicio de memoria e lembrou aos alcaldes represaliados da provincia de Lugo. Estivo acompañada do neto do alcalde asasinado de San Tirso de Abres, para reivindicar a necesidade de lembrar ás familias das vítimas e axudarlles na súa búsqueda de verdade e xustiza.
 

A poesía veu da man de Xosé Lois García, que leu o poema “Vitimario de Sober 1936-1940”, e Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que leron sendos poemas, – un deles adicado a María Vázquez Suárez, mestra de Miño asasinada en 1936, cuxa familia era natural de Sober – e trasladaron o apoio da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, resaltando a necesidade dunha cultura de paz.

A xornada rematou cun xantar de confraternidade ao que asistiu a corporación municipal, as persoas intervintes no acto e familiares de vítimas, así como veciñanza de Sober e contorna.

A declaración institucional, que se pode consultar aquí, remata coas seguintes disposicións:

1. O Concello de Sober recoñece a dor e sufrimento de todas as vítimas da represión, nas súas diferentes modalidades, e restitúe a súa memoria publicamente.  
2. A Corporación Municipal de Sober recoñécese na lexitimidade democrática da Corporación Municipal saída das eleccións de febreiro de 1936.  
3. O Concello de Sober fai un recoñecemento explícito á Corporación Municipal de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións polo golpe militar de xullo de 1936 e que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política.

domingo, 5 de octubre de 2014

Pleno ordinario de setembro de 2014: aprobada a moción da oposición sobre o Pazo de Sober

No pleno, aprobáronse cos votos do PP e a abstención da oposición  modificacións de créditos.

- Estaba prevista unha partida para facer unha revisión xeral do Catastro, pero como xa a vai facer o Estado, os cartos desta destinaranse basicamente a gastos de alumeado e punto limpo.
- Hai unha baixa voluntaria de persoal de limpeza e subcontratouse a unha empresa de limpeza para que se encargue do Centro Médico e do Colexo nos últimos meses de 2014. En 2015 sacarase a concurso.
- Os ingresos a maiores previstos en Servizos Sociais destinaranse a reducir a débeda, concretamente a amortizar un crédito con Abanca.

- MOCIÓNS

* A moción conxunta da oposición a prol dun debate no vindeiro pleno sobre a situación do Hotel Pazo de Sober ao que se convide ás partes implicadas foi aprobada por unanimidade. Ver a moción aquí.

* A moción de Paula Vázquez Verao pedindo melloras na sinalización de igrexas románicas e petróglifos foi aprobada por unanimidade. Ver a moción aquí.

* A moción do BNG para solicitar da Deputación melloras específicas nos puntos da estrada Sober-Doade con concentración de accidentes foi aprobada por unanimidade.

- ROGOS

* Paula Vázquez Verao solicitou melloras na fonte e laga do Amendo en Barantes. Ver aquí.