O 27 de outubro de 2013, o grupo de
mocidade de Anova acudiu a Ferrol a reflexionar sobre a lingua e os
xeitos de garantir os dereitos lingüísticos do pobo galego e de
como parar o etnocidio que vivimos, coa lingua nunha situación
dramática, patente na propia cidade de Ferrol, onde a mocidade
apenas fala galego.
* Dúas experiencias heroicas para a
normalización da lingua: a Coordinadora de Equipas de Normalización
Linguïstica de Ferrol e Avoaescola Sociedade Cooperativa Galega.
Manolo Pazo, presidente da Coordinadora
de Equipas de Normalización Linguïstica de Ferrol, explicounos a
orixe das coordinadoras de normalización linguïstica nos centros de
ensino como estratexia que asumiu o propio profesorado consciente da
situación do galego, sen apoio da administración, ao constatar que
a Lei de Normalización Linguïstica aprobada polo Parlamento Galego
en 1983 non se estaba a cumplir a inicios dos 90'.
Unha serie de mestres e mestras en todo
o país asumiron a tarefa de poñer en marcha, con dificultades,
estratexias de normalización do galego, de dignificación da lingua
en medios onde esta se falaba e ata de dar a coñecer a propia lingua
a rapaces e rapazas en medios urbanos que, coma Ferrol, contaban con
escaso número de galegofalantes.
En Ferrol os comezos foron difíciles
pero, a estratexia adoptada – que a normalización da lingua non
quedara dentro dos muros do instituto e atinxira a toda a sociedade –
pronto deu froitos en forma de multitudinarios concertos de grupos en
galego (Festival da Mocidade coa Lingua), cinema en galego ou
concursos literarios.
Así, o profesorado asumiu o que
debería ter feito a administración, colleitando éxito e
demostrando que, de ter impulsado a Xunta fraguiana a labor
normalizadora que o profesorado das equipas de normalización
linguïstica levou adiante de xeito heroico, a desaparición de
falantes de galego non tería sido tal: o pobo quería fala!
Francisco López, presidente da
Cooperativa Popular Avoaescola, presentounos o proxecto de escolas
infantís en galego que pretende ser unha rede popular que permita o
dereito á escolarización en galego e un ensino democrático e de
calidade na etapa infantil.
A sociedade creouse como cooperativa de
ensino, aberta á colaboración popular.
O seu primeiro centro é a Avoaescola
de Ferrolterra.
- Avoaescola de Ferrol:
http://galizacogalegoavoescola.blogspot.com.es/
- Avoaescola Cooperativa:
http://www.galizacogalego.com/
- Escola de Ensino Galego Semente:
http://sementecompostela.com/
* Homenaxe a Carvalho Calero diante
da súa casa natal: metáfora do estado de Ferrol e da nosa nación.
Diante da casa natal de Ricardo
Carvalho Calero fixemos ofrenda floral, tivemos música en directo
coa xente da Liga Gaiteira Galega e, logo dunha introdución á obra
de Carvalho Calero, entoamos o himno galego ante a atenta mirada dun
veciño que sacara a pasear á súa simpática bulldog francesa con
colar modelo bandeira de España; “eshta nosche lo quito todo”,
díxonos. Meses despois da nosa estancia alí caeu o muro medianeiro
da casa do escritor ferrolán ;-)
Aproveitamos para dar un paseo por
Ferrol Vello, ameazando ruína, e para coñecer arquitectura
modernista de Ferrol, o trazado ortogonal das súas rúas e a
permanencia de simboloxía franquista nalgunha fachada. Reflexionamos
sobre a decadencia da cidade de Ferrol, cuns niveis de desemprego
intolerábeis e sendo a unha cidade que perde poboación, como imaxe
do que o noso país será dentro duns anos se non lle poñemos
remedio.
* O galego nos medios de
comunicación: entre o compromiso e a loita pola supervivencia.
Pituca, de Radio Fene, falounos da
experiencia de botar a andar (e continuar) unha radio loca en galego
no ano 1984; unha radio que nacía para ser plural, en galego e
participativa.
Aprendemos que as radios locais son
medios estupendos para a normalización do galego, porque permiten
manter a fonética de cada zona do país.
Nos 80' varias radios de ámbito local
comezaron a súa andaina, non sen dificultades. Radio Oleiros creouse
en 1980 e pechou aos 70 días por orde do gobernador civil; en Fene,
a radio conseguiu levarse adiante grazas á mobilización popular.
En 1988 creouse a EMUGA (Emisoras
Municipais Galegas), xerme de Radiofusión en 2006, emisora en galego
que trata de sobrevivir á crise (fomentada dende a administración
galega) dos medios en galego (http://www.radiofusion.eu).
Sinalouse que en 2010 e 2011 a Xunta
non convocou axudas para radios locais e que nas ordes de 2012 e 2013
especificouse que a estas axudas non podían acollerse asociacións,
o que deixa fóra á maioría das radios locais (en galego).
Sara Torreiro, moza xornalista,
falounos da crise dos medios en galego e reflexionamos sobre a
responsabilidade dos/as propias xornalistas e da cidadanía á hora
de consumir e crear contidos en galego.
Tamén analizamos con exemplos que, no
noso país, os medios en galego van ligados a información plural,
independente e de calidade.
Sara analizou a influencia positiva de
Xornal, un medio que entendía Galiza como espazo de comunicación
diferenciado e do que saíu unha importante canteira de xornalistas.
Sinalouse a necesidade de subvencións
equitativas para os proxectos editoriais.
Tamén debatemos sobre a necesidade do
asociacionismo para o sostemento de medios en galego, da rede como
espazo para a independencia informativa ou da necesaria transparencia
nas adxudicacións da publicidade institucional.
* Máis aló dunha normativa: a
estratexia reintegracionista para o galego.
Da man de Miguel Penas, presidente da
AGAL, repasamos a evolución da construción da normativa da lingua
galega, dun padrón culto, seguindo unha estratexia diferencialista
do portugués, ao compás do desenvolvemento da Autonomía.
Cunha ilustrativa e didáctica
exposición repasamos a historia da nosa lingua, a mesma que se fala
en Portugal e nos territorios de colonización portuguesa.
No debate, reivindicamos a necesidade
de por fin ao enfrontamento de grafías e asumir a tolerancia mutua e
mesmo a idea de camiñar cara o binormativismo; ademais, comprendimos
que o obxectivo da AGAL non é só unha normativa, senon unha
estratexia de mantemento e vivencia da nosa lingua da man da
“galaicofonía”, aproveitando os espazos e oportunidades que ese
mundo nos abre.
Marchamos da cidade do Naval con
numerosas temáticas que discutir para o noso programa político -
binormativismo, xeitos de apoio aos medios en galego, estratexias de
normalización do idioma, defensa dun ámbito informativo galego... -
e coa firme convicción de que somos unha nación sen estado que se
constrúe a sí mesma, aturando a galerna da administración
autonómica que goberna ao revés do cometido polo que foi creada.
Nas mestras que crearon literatura para poder ensinar galego, nas
equipas de normalización dos anos 90', nas persoas que cooperan para
ofrecer ensino en galego, no reintegracionismo que crea materiais
didácticos, nas radios locais ou nas redaccións dos xornais
pelexando por dar a información en galego latexa un pobo emancipado
que persegue a súa soberanía, o seu dereito a ser.
- Crónica de Paula Vázquez Verao, na
véspera das Letras 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario