jueves, 31 de julio de 2014

Modificación da taxa de abastecemento de auga, proxecto educativo da Escola de Música e festivos locais [pleno ordinario - xullo 2014]


* FESTIVOS LOCAIS 2015: 8 DE SETEMBRO - 21 DE SETEMBRO
Os festivos locais para o ano que vén serán o 8 de setembro (martes), por ser a festa de Cadeiras, e o 21 de setembro (luns) por ser a festa de Sober.
No debate, Óscar Alonso, do BNG, propuxo facer festivo o luns seguinte á feira do viño, dado que a festa de Sober non é municipal, aínda que recibe importantes axudas do Concello.

* A proposta inicial foi aprobada cos votos a favor do PP, o voto en contra do BNG e as abstencións de PSdG e da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao.

* MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL DA TAXA DA AUGA: EN 2015 PASA A 27 € SEMESTRAIS
Existe a necesidade de rebaixar a taxa de auga que se puxera ultimamente polo aumento da recaudación do servizo debido a novas altas.
Así, rebáixase a taxa da auga un 30%, quedando en 27 € semestrais (sempre que non se pase cada unidade familiar de 60 m3 ao semestre de gasto de auga).
Esta nova taxa entrará en vigor en xaneiro de 2015.
- CANON DA AUGA: 6 € AO ANO
No último recibo pasado (correspondente aos últimos meses de 2012) xa se pasa o canon da auga, que supón:
- 0,5 € mes por persoa calculando que as familias son de 3 persoas
Vén saír en 6 € ao ano se non se consume máis 6 m3 ao mes.
[Se o núcleo familiar é maior, hai modelos para solicitar ampliación dos mínimos de consumo, adecuándoos á situación de familia maior de 3 membros. Podedes solicitalos no Concello].

* As modificación foi aprobada cos votos a favor do PP e a abstención da oposición.

* PROXECTO EDUCATIVO DA ESCOLA DE MÚSICA: QUEDA PENDENTE ATA O VINDEIRO PLENO, PREVIA XUNTANZA COA BANDA DE SOBER
Aínda que o documento é estándar, Paula Vázquez Verao pediu adiar a súa aprobación para adecualo máis á realidade social de Sober, cunha Banda de Música que - como recoñeceron oposición e goberno - é o fundamento da Escola. Así, a concelleira non adscrita presentou algunhas propostas de modificación do documento (como sinalar aínda máis claramente a relación preferencial Banda-Escola), pedindo que se retire e se debata no vindeiro pleno e que namentras se elabore o pendente convenio escrito do Concello coa Banda de Música de Sober, algo que foi aceptado.
A importancia social da Banda de Sober refléxase en que tanto o alcalde coma dúas edís da oposición foron ou son integrantes desta formación.

* APROBADA CONTA XERAL DO 2012
Cos votos a favor do PP e a abstención da oposición, foi aprobada a Conta Xeral de 2012, que deberá ser agora remitida ao Consello de Contas antes do 15 de outubro.

* MOCIÓNS: CONTRA O TTIP
A única moción presentada foi a de Paula Vázquez Verao contra o Tratado de Libre Comercio EEUU - UE, rexeitada cos votos en contra do PP, a abstención do PSdG e só os votos a favor dos edís nacionalistas.
* A moción pode consultarse aquí.

* PREGUNTA: SOBRE O PROXECTO DE SANEAMENTO DE NEIRAS
Paula Vázquez Verao preguntou sobre o estado do proxecto de saneamento de augas residuais da parroquia de Neiras, xa que neste momento só se acometeu o do lugar de Castroseiros.
O goberno local afirmou que se mantén o compromiso de facer toda a parroquia. O que queda por facer son proxectos - xa orzamentados, en torno aos 55.000 € cada un -: Suairexa, Guntís, Vacariza. A alcaldía dixo que se a parroquia se pon de acordo en escoller cal deles é prioritario para o ano que vén que pode incluírse como obra menor.

* ROGO: QUE SE CONTEMPLEN AS NECESIDADES DE ACCESO AO CONCELLO PARA AS PERSOAS DE MOBILIDADE REDUCIDA
Óscar Alonso, do BNG,  pediu que, na obras obras da praza, aínda que non sexan estrictamente da Casa do Concello, se inclúan rampas de acceso ao Concello para persoas de mobilidade reducida, algo que se vai facer.

* ROGO: QUE O CONCELLO SE PREOCUPE POLA SITUACIÓN DO HOTEL PAZO DE SOBER
Paula Vázquez Verao presentou o seguinte rogo:
"O pazo de Sober foi inaugurado con gran boato polas administracións públicas (que o subvencionaron) e a súa posta en marcha foi “vendida” polo concello e polo PP durante a campaña electoral das municipais como a gran esperanza do emprego en Sober.
Dado o manifesto fracaso da estratexia turística do pazo, o pleno de Sober – e a súa veciñanza – merecen coñecer a situación do hotel, polo que propoñemos ao goberno municipal a convocatoria dun pleno extraordinario – ao que se convide a sindicatos, traballadores/as, administracións públicas implicadas, dirección do hotel, etc – para explicar á veciñanza a situación do hotel Pazo de Sober."
A alcaldía comprometeuse a seguir de perto a evolución do hotel - nestes momentos parece que en venta - e informar ao pleno.

* "OBRIGADA" PETICIÓN DE PERMISO AO BISPADO DE LUGO PARA ACTIVIDADES NAS IGREXAS
No pleno, fóra de sesión, tamén se nos informou que dende hai pouco o bispado de Lugo esixe que se lle pida permiso directamente (non a través das parroquias) para a realización de calquera actividade nas igrexas (concertos, etc). Non houbo problemas para conceder ningún, pero a vontade do bispado de que toda petición pase por Lugo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario