miércoles, 19 de junio de 2013

Avanzamos na construción dunha ferramenta política para o novo ciclo histórico: Paula Verao sobre a asemblea de Anova [audio]


Paula Vázquez Verao fala en Radio Principal Ser Monforte sobre a asemblea de Anova, o día despois.

"A asemblea de Anova foi moi intensa, houbo momentos de tensión, outros emotivos e con moito cariño, e foi reflexo da situación de cambio que estamos a vivir a nivel global: as ferramentas que queremos contruír para ese novo ciclo político non é doado construílas, pero avanzamos."
"Seguimos apostando pola creba democrática, que sexa a sociedade civil quen tome as rendas para crear un novo sistema político que solucione os problemas da xente".
"A idea de fronte ampla incluínte debe seguir vixente, tendo Anova a soberanía para reformulala en cada caso, buscando a máxima amplitude posíbel, sempre tendo claro que o noso obxectivo é a transformación social".
"Unha forza política transformadora non pode depender dos cartos das institucións".

miércoles, 29 de mayo de 2013

Ordenanza da Área de Rehabilitación Integral [pleno - maio 13]


A ordenanza do ARI de Sober pode consultarse aquí.

Aprobouse por unanimidade ceder a parcela do Centro de Saúde ao Sergas.

ROGOS DE PAULA VÁZQUEZ VERAO

* Que se convoque unha asemblea informativa en Neiras para explicar a situación dos límites entre Sober e Monforte e das parcelas privadas vendidas por Monforte a Sigalsa sen coñecemento das persoas propietarias.

martes, 28 de mayo de 2013

Pleno do 29 de maio de 2013: contra os recortes na atención á drogodependencia e na defensa da veciñanza de Neiras afectada pola apropiación de terreos no polígono industrial.

Vista de Monforte e de parte do polígono do Reboredo dende o monte de Neiras.

O 29 de maio hai pleno ordinario en Sober. 

Nesta sesión, tratarase sobre a modificación de distintas ordenanzas municipais (terrazas, ARI, imposto de actividades económicas), modificacións de crédito nos orzamentos e a cesión da parcela do Centro de Saúde ao Sergas.

Ademais, Anova leva ao pleno unha moción denunciando os recortes na atención á drogodependencia, que afecta á Unidade Asistencial de Monforte, que se pode consultar aquí.

Por outra parte, Paula Vázquez Verao solicitará ao goberno local que, dende o Concello, se convoque unha asemblea veciñal en Neiras - en colaboración coa asociación veciñal da parroquia - para explicar a situación do conflicto con Monforte polos lindes do polígono do Reboredo e asesorar á xente afectada pola apropiación por SIGALSA de parcelas particulares para o polígono industrial sen indemnización nin información.

Paula Vázquez Verao


sábado, 18 de mayo de 2013

Denunciamos os recortes da Xunta na atención á drogodependencia [moción].

A Unidade de Antención á Drogodependencia de Monforte padece este ano un recorte do 20% dos seus fondos.
As asembleas de Anova do sur de Lugo denuncian os recortes da Xunta na atención á drogodependencia – que afectan á Unidade de Atención á Drogodependencia de Monforte de Lemos – e presentan unha moción nos concellos en defensa dos recursos socio-sanitarios neste eido.
Monforte de Lemos, 16 de maio de 2013. 
A finais dos anos oitenta e inicios dos noventa, debido ao aumento de casos de persoas afectadas polas drogas e á presión e insistencia das “nais contra a droga” e de moitas asociacións e colectivos de todas as partes do País, a Xunta de Galiza tomou cartas no asunto á hora de atender aos milleiros de persoas mozas que xa estaban a padecer os efectos do consumo de drogas e que provocou en moitas vilas do noso país a desaparición de toda unha xeración, como dramaticamente vivimos en Monforte.

A implicación das distintas asociacións de loita contra a droga e do persoal técnico en prevención e de centros asistenciais conseguíu concienciar á cidadanía sobre os riscos que conleva o abuso destas sustancias e, así mesmo, crear un clima de rexeitamento do narcotráfico co obxectivo de conseguir atender dun xeito especializado ás persoas afectadas e crear redes e recursos de apoio ás súas familias e a reinserción das persoas ex-toxicómanas.

A Xunta de Galiza fixera unha aposta decidida poñendo en marcha o Plan de Galicia sobre Drogas que fai que a rede galega pase a ser un modelo non só no estado español senón noutros paises.

A rede de atención a persoas drogodependentes na Galiza está composta por 17 Centros Asistenciais, 8 Unidades de día, 3 Comunidades terapéuticas e 6 Unidades específicas de tratamento de alcoholismo, con máis de 350 profesionais en toda Galiza que no último ano atenderon a máis de 12.000 persoas drogodependentes.

Na comarca de Lemos existe unha Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) sita no Concello de Monforte e que atendeu o ano pasado uns 320 toxicómanos/as dos Concellos da súa área de influenza.

Mais a pesar do traballo realizado polos profesionais deste ámbito con un dos sectores máis débiles da sociedade, estamos a asistir na actualidade a falta de compromiso da Consellería de Sanidade. Non se están a desenvolver as ferramentas lexislativas e de coordinación previstas no propio Plan de atención ás Conductas Adictivas e estanse dando sucesivos recortes no financiamento dos Centros Asistenciais e a eliminación do financiamento dos programas de prevención.

Na UAD de Lemos redúcese o importe da subvención autonómica ao redor dun 20 % , e en toda Galiza redúcese un 15,6 % sobre a cantidade percibida no 2012.

Esta situación vai por na corda floxa a toda a estructura da rede galega de atención ás drogodependencias creando incerteza sobre a continuidade de todos os programas que se están a desenvolver e que non garante, un ano máis, a continuidade das accións no ámbito preventivo.

Na moción que presentamos nos concellos dende Anova-Irmandade Nacionalista, solicitamos o apoio para:

Primeiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que garanta a continuidade e o financiamento dos recursos da rede galega de atención ás drogodependencias durante todo o período de vixencia do Plan de Galicia de atención aos Trastornos Adictivos (2011-2016).

Segundo: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que habilite as partidas orzamentarias eliminadas para o financiamento dos Equipos de Prevención das Drogodependencias dependentes dos Concellos e mancomunidades.

Terceiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a integración dos Centros de Asistencia a drogodependencias na rede sanitaria do SERGAS.

Cuarto: Instar ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a que desenvolvan as ferramentas lexislativas e de coordinación establecidas no Plan Galego de Atención aos Transtornos Adictivos, que se cree una mesa de Coordinación integrada polas Consellerías de Sanidade e de Traballo e Benestar Social, as ONGs e Asociacións que interveñan neste ámbito, os sindicatos e partidos políticos para definir e coordinar a política da Xunta nesta materia.

Cuarto: Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, á Conselleira de Sanidade, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.


Asembleas de Anova do Sur de Lugo

miércoles, 24 de abril de 2013

Entrega de dietas por asistencia a pleno extraordinario para fins solidarios [pleno-marzo 13].

A moción de Paula Vázquez Verao, concernente á entrega das dietas por asistencia a un pleno extraordinario para unha operación que precisa un neno de Monforte, foi aprobada por unanimidade.

MOCIÓN que presenta a concelleira Non Adscrita, Paula Vázquez Verao, diante da Corporación Municipal de Sober reunida en Pleno sobre a entrega das dietas de concelleiros e concelleiras por asistencia ao anterior pleno municipal extraordinario para fins solidarios na comarca de Lemos.

O 28 de febreiro de 2013 celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno Corporación para debatir sobre a situación da plantilla de persoal do Hotel Palacio de Sober, afectada por un ERE.

En dito pleno, eu, Paula Vázquez Verao, como concelleira Non Adscrita da Corporación e en nome da organización Anova, solicitei que, sendo un pleno monográfico sobre a situación da plantilla do hotel, que sufría retrasos no pagos, se destinasen as dietas de asistencia de concelleiras e concelleiros de dito pleno para entregar ao persoal do Hotel, para que os usasen na defensa dos seus postos de traballo.

Pasados uns días, a plantilla de persoal, por maioría, asinou un ERE no que se contempla que traballadores e traballadoras cobrarán os atrasos adebedados.
Así, esta concelleira entende que non ten sentido destinar as dietas ao fin inicialmente proposto, polo que propón que o Pleno da Corporación acorde:

- Destinar as dietas de asistencia do Pleno Extraordinario da Corporación Municipal de Sober para o tratamento de Adrián García Casado, neno de Monforte que precisa unha operación non cuberta pola SS para poder camiñar.

- Que dende o Concello se proceda a ingresar a cantidade de Adrián no número de conta aberta a tal efecto: 0075-0662-86-0700579116

lunes, 8 de abril de 2013

Asemblea de Anova de Sober: martes, 9 de abril.

 

Martes, 9 de abril, ás 20 horas en Francos de Proendos.

orde do día: 
 
- Documentos a debate na Iª Asemblea Nacional Ordinaria de Anova.
- Temas do concello.
 
- Proposta de acto público de Anova en Sober.
- Acto con Beiras o venres, 19 de abril, en Monforte.

- Problemáticas que levar ao Parlamento.

lunes, 1 de abril de 2013

Xestión indirecta do servizo de lixo e ordenanza de plusvalía [pleno-abril 13].

Dende a Alcaldía presentouse un Recoñecemento Extraxudicial de Créditos por aprox. 150.000 €, destinados na maior parte a pagar as facturas pendentes de Fenosa (uns 120.000 €).
Agardamos que o compromiso asumido polo equipo de goberno da presente lexislatura en canto á reducción do consumo de luz se materialice, recoñecendo que se baixou a factura da luz. 
Outras facturas que se van pagar con este crédito polas que preguntamos por non ter claro o seu concepto son o gasto da paleadora para acondicionar aparcadoiros na Lama de Outeiro e uns escudos de Sober, feitos en cerámica para agasallo (762,30 € só por este concepto).
A postura da concelleira Paula Vázquez Verao foi a abstención.

Aprobouse por unanimidade unha Ordenanza de Plusvalía que contempla bonificacións do 95% para os casos máis habituais, como traspaso de herdanzas. Esto fíxose porque unha orde ministerial obriga a pagar este imposto no Rexistro das propiedades. Explicación do imposto aquí.

Dende a Alcaldía propúxose ao pleno o cambio á xestión indirecta na recollida do lixo, o que supón privatizar este servizo.
Aprovéitase a xubilación da única persoa con contrato para este servizo para sacar un concurso aberto coas condicións de que custe o mesmo e que se amplíen os servizos, duplicando no verán a frecuencia de recollida, ampliando contenedores amarelos e de papel, incluíndo o servizo de recollida a domicilio de materiais pesados, recollida de plásticos agrícolas e xestión do punto limpo pola mesma empresa. Ademais, inclúese nos servizos o lavado de contenedores, unha vella demanda do nacionalismo en Sober.
Manifestamos que non estamos de acordo coa privatización de servizos, mais non atopamos unha solución alternativa.

En canto a rogos e preguntas, pedimos que se dote á Biblioteca e zona de estudo e informática dunha impresora propia, algo que se vai facer.

Solicitamos un balance detallado de ingresos e gastos da Feira do Viño 2013.

Pedimos que se axude á Banda de Música a atopar un local de ensaio máis cómodo que na Casa da Cultura, valorando a posibilidade de usar o novo local social cedido ao concello no grupo de vivendas sociais.

O alcalde comprometeuse a rexenerar as carreterasm valorando con Tragsa solucións e orzamento. Ademais, prometeu ter un equipo de rego para a limpeza de cunetas.