Mostrando entradas con la etiqueta ANOVA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ANOVA. Mostrar todas las entradas

lunes, 17 de febrero de 2014

Referendo de Anova sobre as alianzas das europeas: mesa para votar a militancia de Sober


A militancia de Anova está convocada para decidir en referendo o vindeiro 23 de febreiro de 2014 sobre as alianzas para as eleccións europeas.

A militancia de Sober votará, xunto coa militancia da asemblea de Lemos, no local social de Santa Mariña, en Monforte.

Nas mesas electorais repartidas por todo o país, a militancia está chamada a votar durante toda a xornada, de 12 a 21 h, podendo escoller entre as seguintes opcións sobre o xeito de que Anova concorra ás eleccións europeas, todas elas propostas no debate previo habido nas distintas asembleas territoriais:

1). que Anova participe integrada en coalición coa esquerda federal.

2). que Anova conforme unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas.
 
3). que Anova non concorra ao proceso electoral.

De aprobarse a opción 2, a resultante unha vez concretada, precisaría de ser sometida de novo a decisión de toda a militancia polo conxunto da militancia de ANOVA nun novo referendo.

Tamén se aprobaron as normas que han de rexer nesta consulta, que se poden consultar aquí.

A militancia tamén deberá decidir se ratifica o programa de Anova para as eleccións europeas aprobado na recentemente celebrada Convención Nacional: programa de Anova para Europa.

Unha vez pechadas as urnas, ás 21 horas, realizarase o reconto global, que será público, e os resultados publicitaranse de inmediato na páxina web de Anova.

Todas as persoas militantes ou grupos de militantes que desexen poñer en coñecemento da militancia a súa posición sobre as alianzas de Anova para as europeas, poderán enviar a Organización o texto que desexen.Todo o que se reciba será distribuído entre a militancia e feito público na páxina web de Anova o día 21 de febreiro.

jueves, 11 de julio de 2013

Asemblea de Anova en Sober: xoves, 18 de xullo.


O xoves, 18 de xullo, celebraremos asemblea local de Anova en Sober.

Será ás 9 da noite en Proendos, coa seguinte Orde do Día:

1. Avaliación do traballo feito no concello no pasado ano e iniciativas para os plenos seguintes. [O seguinte pleno ordinario será o a finais de xullo.]
2. Programación de actividades en Sober: revista, charla, plan de desenvolvemento rural.

3. Varios.

martes, 2 de julio de 2013

Festa do Día da Patria en Monforte o 21 de xullo


“O Día de Galicia son todos”, Lesta Meis.
“A festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos”, Castelao.


Galiza vive momentos de excepción, coa perda de conexións ferroviarias, a privatización da Sanidade pública, o deterioro do ensino no rural, a caída do sector naval, a ruína do sector leiteiro, a extinción das caixas de aforro e a estafa das preferentes... Familias enteiras malvivindo no paro ou dependendo de pensións ridículas ou salarios de miseria mentres sobe o prezo dos produtos básicos, cuns impostos que cargan sobre quen menos ten mentres os defraudadores – ata na propia Familia Real - campan ás súas anchas. Cun goberno que recorta no básico para pagar a débeda ilexítima contraida cos “mercados”.

A nosa comarca de Lemos esmorece sen oportunidades de emprego para a xente moza, sendo este un territorio fértil para os cultivos e fermoso para vivir e visitar.

A única saída é ou a emigración - e eses camiños son transitados por milleiros de xentes mozas – ou que tomemos conciencia da forza do pobo para transformar as cousas.

Dende Anova, seguimos crendo que o chamado de frente ampla que lanzamos o ano pasado polo 25 de xullo segue máis vixente ca nunca; unha fronte ampla contra a barbarie do poder, unha unidade de acción das forzas sociais e políticas, da cidadanía revoltada, contra todo o que nos esmaga, o que non é apenas un reto electoral, senón que se fai día a día entre as xentes “boas e xenerosas”, entre o 90% da sociedade esmagada.

É por iso que dende Anova de Lemos facemos un chamamento á cidadanía que sinta que Galiza ten dereito a decidir o seu futuro nun mundo xusto de pobos libres, a quen sinta que temos dereito a ser felices na nosa Terra, a unha celebración do Día da Patria no que o protagonista sexa o pobo, un pobo consciente de ser nación, e non apenas as expresións políticas do nacionalismo.

Dende Anova de Lemos, queremos contribuír a este obxectivo comezando a organizar para o domingo, 21 de xullo, unha festa do Día da Patria en Monforte de Lemos, aberta a quen desexe participar e colaborar na súa organización. Unha festa onde a protagonista sexa a cultura, os conflictos sociais abertos en Galiza, a música... en definitiva: o pobo soberano.

Unha das actividades será un xantar popular, para o cal hai que anotarse antes do 19 de xullo.

Tanto para colaborar na organización da festa como para anotarse ao xantar, cómpre enviar un correo a asembleadelemos@gmail.com ou chamar aos teléfonos 647576723 // 674473695

Saúde e Terra!

miércoles, 19 de junio de 2013

Avanzamos na construción dunha ferramenta política para o novo ciclo histórico: Paula Verao sobre a asemblea de Anova [audio]


Paula Vázquez Verao fala en Radio Principal Ser Monforte sobre a asemblea de Anova, o día despois.

"A asemblea de Anova foi moi intensa, houbo momentos de tensión, outros emotivos e con moito cariño, e foi reflexo da situación de cambio que estamos a vivir a nivel global: as ferramentas que queremos contruír para ese novo ciclo político non é doado construílas, pero avanzamos."
"Seguimos apostando pola creba democrática, que sexa a sociedade civil quen tome as rendas para crear un novo sistema político que solucione os problemas da xente".
"A idea de fronte ampla incluínte debe seguir vixente, tendo Anova a soberanía para reformulala en cada caso, buscando a máxima amplitude posíbel, sempre tendo claro que o noso obxectivo é a transformación social".
"Unha forza política transformadora non pode depender dos cartos das institucións".

lunes, 8 de abril de 2013

Asemblea de Anova de Sober: martes, 9 de abril.

 

Martes, 9 de abril, ás 20 horas en Francos de Proendos.

orde do día: 
 
- Documentos a debate na Iª Asemblea Nacional Ordinaria de Anova.
- Temas do concello.
 
- Proposta de acto público de Anova en Sober.
- Acto con Beiras o venres, 19 de abril, en Monforte.

- Problemáticas que levar ao Parlamento.

martes, 6 de noviembre de 2012

Xuntanza de Anova Sober: 18-11-2012.


O domingo, 18 de novembro temos xuntanza (e xantar) no Ventorrillo, para avaliar o resultado das eleccións, continuar na organización de Anova, preparar a folga xeral e o traballo municipal e ter un pouco de festa. Tempo había que as xentes nacionalistas de Sober non argallábamos unha paparota, que aínda habendo ben cousas polas que estar na loita tamén cómpre desfrutar de boa comida e mellor compaña.

Será o domingo, 18 de novembro, no Ventorrillo, en Neiras, ás 14 horas. 

Mellor confirmade a vosa asistencia (nacionalistasober@gmail.com).

lunes, 29 de octubre de 2012

Comunicado de Anova sobre as eleccións.

Anova valora como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido, como di o seu programa, na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.

Reunida hoxe en Santiago de Compostela a Coordinadora Nacional de ANOVA para avaliar o proceso electoral e os resultados das Eleccións Autonómicas do 21 de Outubro, acordou facer público o que segue:

1. Agradecer á cidadanía galega o seu apoio masivo, a ilusión e a confianza depositada na coalición Alternativa Galega de Esquerda, que se configura así como oposición xenuína ao desgoberno do PP.

2. Felicitar publicamente a Xosé Manuel Beiras polo seu magnífico labor de campaña desenvolvido e por saber representar e concitar co seu discurso os anceios de rebeldía dunha parte moi importante da cidadanía.

3. Facer mención expresa do labor realizado pola militancia de ANOVA e do conxunto de simpatizantes que colaboraron voluntariamente en levar a bo porto esta campaña, salientado a magnífica actividade dos mesmos nas redes sociais.

4. Valorar como excelentes o resultado electoral da nosa coalición malia que o descenso de máis de 500.000 votos das tres forzas presentes até agora no Parlamento Galego deu a maioría ao PP aparentando en escanos un avanzo que non tivo na sociedade.

5. Valorar como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido como di o seu programa na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.

Noutra orde de cousas, acordouse tamén a posta en marcha do traballo de consolidación e organización de ANOVA acordado na súa asemblea constituínte do 14 de xullo, e adiado pola convocatoria electoral, que deberá estar rematado no mes de xaneiro e como estaba previsto desembocará nunha Asemblea Nacional da nova organización nacionalista de esquerda.

A Coordinadora Nacional acordou tamén neste encontro apoiar a folga xeral do vindeiro 14 de novembro.

Por último, ANOVA quere felicitar e solidarizarse co Fiscal Xeral de Galiza, o señor Varela, polas súas declaracións nas que criticou os recortes sociais e denunciou a blindaxe dos mercados e a actitude dos gobernos que priorizan o "mundo dos negocios" fronte as persoas.

Galiza a 27 de outubro de 2012

lunes, 9 de julio de 2012

14 de xullo: participa na Asemblea Nacional Constituínte da nova forza que Galiza precisa.

Participa na Asemblea Nacional Constituínte dun novo proxecto en común para Galiza o 14 de xullo en Santiago de Compostela.
Incríbete antes do 11 de xullo ás 00:00 horas na túa asemblea ou a través da web, onde tamén podes descargar os documentos e regulamento da asemblea.