jueves, 17 de julio de 2014

Recollida de testemuños orais sobre a represión franquista en Sober


Queremos aproveitar a homenaxe ás vítimas do Franquismo que se vai celebrar o 25 de outubro deste ano nunha ocasión de recopilar información aínda inédita sobre a represión en Sober, recollendo testemuños orais sobre a represión en distintos lugares do municipio, tendo vontade de ir publicando a información aproveitábel on-line e ceder o material (gravacións, notas) ao proxecto Nomes e Voces e/ou á Universidade.

Comezamos con recollida na Pena de Gundivós, lugar onde os falanxistas e guardias civís facían garda todos os días porque había xente escapada. Houbo varias mortes, torturas e persoas fuxidas; tamén solidariedade entre a veciñanza.

Se sabedes de xente da vosa parroquia que poidera contarnos lembranzas, podedes contactar en paulaverao@hotmail.com 

lunes, 14 de julio de 2014

Moción contra o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento: na defensa dos servizos públicos!


Audio aquí. 
Defensa da moción:


O Tratado Trasaltántico de Comercio e Inversións entre os EEUU e a UE é, claramente, unha estratexia para maximizar os beneficios empresariais a costa das nosas vidas.
Negociado en secreto, mesmo o negociador do tratado pola parte europea afirmou nunha carta aos negociadores por parte dos EEUU que os documentos terían un carácter secreto durante 30 anos. Só coñecemos borradores de documentos grazas a filtracións de grupos políticos ou organizacións da sociedade civil.
Tanto secretismo, que vulnera as propias normas da UE (a regra 1049/2001, que obriga ás institucións europeas a facer públicos os seus documentos), só se entende porque o acordo comercial é lesivo para a gran maioría da poboación e quérese así furtar o debate á opinión pública.

A aplicación do tratado afectará á vida cotiá de millóns de persoas de Europa, que nos veremos afectadas pola chamada “armonización da regulación comercial”, que supón igualar por abaixo os estándares laborais, de calidade, protección social e medioambiental. A UE – con regulacións comerciais máis proteccionistas dos dereitos sociais e do medio ambiente e a saúde - igualaríase aos EEUU rebaixando estas esixencias. Así, permitiríase o fracking (extracción de gas e petróleo do leito dos ríos), habería maior permisividade cos tranxénicos, maior permisividade coa utilización de produtos químicos, menor protección laboral (os EEUU teñen unha lexislación antisindical), haberá un maior control da información na Rede.
Ademais, a entrada de produtos agrarios estadounidenses – moi subsidiados – fundiría a agricultura de países coma Galiza. Do mesmo xeito, a concentración do capital de da produción terá efectos devastadores para o tecido industrial das periferias como Galiza.

Unha das cláusulas máis preocupantes é a de protección dos inversores estranxeiros (o ISDS), que supón que haberá tribunais internacionais de arbitraxe (sen control democrático) aos que poderán acudir as multinacionais para denunciar aos Estados cando consideren que os seus gobernos aproban leis contrarias aos seus beneficios empresariais (os presentes ou os futuros).
O tratado é tamén unha ameaza contra os servizos públicos, considerados polas grandes multinacionais nichos de negocio que deben ser privatizados.
Este tratado supón un atentado á democracia, ao Estado de dereito xurdido da Revolución Francesa: por riba das constitucións dos estados situarase o dereito privado das grandes multinacionais. É un ataque á soberanía popular.

O TTIP véndese con falsas promesas de emprego, cando é notorio que, de crearse emprego se fará con peores condicións. Cando se asinou o ALCA tamén se pometeran 20 m de postos de traballo, pero o resultado foi que se destruíu máis dun millón.

Para entrar en vigor, o TTIP deberá ser aprobado polo Parlamento Europeo e ratificado polos Esyados membros, co cal, abrir o debate social sobre este tema (como facemos con esta moción) é necesario para que a cidadanía saibamos que nos xogamos.

MOCIÓN que presenta a concelleira non adscrita, Paula Vázquez Verao, diante do Concello-Pleno de Sober para a declaración de Sober como Municipio oposto á aplicación do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP).
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA) están a negociar, de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos (parlamentos nacionais e europeo), un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais, medioambientais e de saúde, e antepón o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.
O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás ETN e mais ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos públicos e as compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade das representantes elixidas para administraren libremente as súas comunidades locais e promoveren a industria, o emprego e iniciativas locais.
Este Tratado afondará nas reformas lexislativas que, alén das privatizacións, en materia de contratación pública conduciron a que as diferentes administracións non poidan introducir cuestións sociais ou xeográficas entre os criterios de adxudicación.
Deste xeito, as leis do comercio prevalecen sobre calquera outra consideración social e ignoran calquera lexislación continental, nacional, rexional ou local. As comunidades locais atópanse elas mesmas dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e ás políticas de libre comercio e de protección do investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para fornecer os servizos públicos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais .
As Administracións Locais:
  • ao estaren preto das necesidades dos seus pobos, teñen o deber de inxerencia respecto do que trama o TTIP e un deber de resposta, se non queren verse acusadas de non axudar á poboación e ao planeta en perigo;
  • sendo as canles adecuadas para promover os servizos públicos e a industria e emprego locais, esfórzanse para a súa promoción como resposta ao interese común;
  • están obrigadas a resolver os retos sociais, económicos e medioambientais e, conseguintemente, a defender a universalidade dos servizos públicos e a protección da cidadanía .
As colectividades locais desexan ampliar o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente en xogo tras este Acordo e a sorte que correrán os servizos e compras públicos:
  • o comercio e o investimento soamente poden conducir a intercambios económica e socialmente beneficiosos se respectan as necesidades humanas en todo lugar e non se basean unicamente no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas multinacionais;
  • a eliminación programada e progresiva dos servizos públicos é ao mesmo tempo a eliminación programada e progresiva da solidariedade e a democracia;
  • a apertura máxima dos servizos e as compras públicas á competencia produce efectos contraproducentes en canto á súa accesibilidade, a súa calidade e o seu custo;
  • os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado;
  • só a existencia diversificada de servizos públicos socialmente útiles permite asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia;
  • o control público debe preservarse para garantir o acceso aos bens comúns e á creación de novos servizos públicos e tamén para favorecer a industria e emprego locais.
Por todo iso, proponse o seguinte ACORDO
1. Declarar o Concello de Sober como Municipio insubmiso e oposto ao TTIP, defensor dos servizos públicos básicos para a solidariedade e a redistribución social.
2.Instar á Xunta de Galicia a que tome posición contra o TTIP e demande a suspensión das negociacións.
3. Solicitar do Ministerio de Administracións Públicas o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles.
4. Solicitar do Ministerio de Economía a suspensión das negociacións do TTIP.
En Sober, a 14 de xullo de 2014.
Asdo. Paula Vázquez Verao.

jueves, 3 de julio de 2014

A xustiza recortada: un servizo cidadán básico en perigo [crónica do debate de Chantada]


* Crónica do debate sobre os recortes da Xustiza organizado por Anova Chantada o 27 de xuño de 2014, con Luis Villares Naveira, maxistrado en Lugo e membro de Xuíces pola Democracia; José Manuel Fernández Varela, avogado e membro da Irmandade Xurídica Galega; de parte da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Monforte virá Xaquín Martínez Fernández, a quen agradecemos a lección maxistral sobre os ataques á independencia xudicial deste goberno do PP.

Xuntámonos encol da preocupación social pola posíbel desaparición dos xulgados de Chantada e Monforte, pero rematamos por reflexionar máis fondamente sobre a condición da Xustiza como dereito cidadán básico, sobre a ameaza de perda de independencia do poder xudicial a respecto do Executivo e sobre a necesidade de organizármonos como sociedade para deter o exercício ilexítimo do poder que exerce o goberno do PP, que usa as institucións para os fins contrarios para os que foron concebidas.

* Anteproxecto LOPJ aquí.

+ A DESAPARICIÓN DOS XULGADOS DAS COMARCAS-PARTIDO XUDICIAL

Contar cun xulgado nas vilas medias garante o principio da proximidade da xustiza e, ademais, convírtese nun factor de dinamización social e económica dunha poboación. Eliminar os xulgados do interior galego deterioraría aínda máis a crise demográfica de moitas comarcas. Ademais, a existencia das sedes xudiciais nas comarcas é un elemento importante á hora de coñecer a realidade xurídica de cada zona, como sinalou Luis Villares.

O anteproxecto de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial destrúe a territorialidade da xustiza, ao desaparecer os xulgados, os partidos xudiciais, os rexistros civís e os xulgados de paz. Ademais, o Rexistro Civil vai privatizarse, pasando a ocuparse deste servizo o Rexistro Mercantil, con só 98 prazas de rexistradores ocupadas en todo o Estado, co cal periga a gratuidade e a eficacia.

O que haberá (de aprobarse a lei) sería uns "Tribunais Provinciais de Instancia", nas capitais de provincia, non prevendo que haxa xulgados distintos do provincial ("que en cada provincia exista un único órgano judicial de primer grado para todos los órdenes jurisdiccionales").

Xustifícase a reforma na suposta insostibilidade das sedes territoriais, pero non se prevé a falta de edificios públicos de Lugo ou a perda de cartos públicos que se empregaron en reformas de edificios públicos de xulgados de vilas.

Isto non obsta para que, como afirmou José Manuel Fernández Varela, sexa necesaria unha reforma da xustiza, tamén no seu modelo territorial, pois "a estrutura xudicial do Franquismo perviviu, non houbo Transición no sistema xudicial" (lentitude da xustiza, trámites atrasados, falta de medios, Audiencia Nacional herdeira do TOP...). Así, o que cumpriría sería un modelo xudicial adaptado á realidade de Galiza e un órgano galego para o poder xudicial.

+ AFASTAMENTO DA XUSTIZA DA CIDADANÍA

Esta reforma territorial que limitaría os xulgados ás capitais de provincia, incidiría negativamente no acceso á xustiza, dereito básico que xa se viu mermado coa lei de taxas, que reduciu as demandas do contencioso administrativo, e que en moitos casos (nos que non se reclama por cuestións económicas) o que supón é a impunidade das administracións públicas fronte á cidadanía.

O dereito á tutela xudicial efectiva implicaría unha Xustiza áxil, próxima e de calidade, así como a independencia do poder xudicial, como afirmou José Manuel Fernández Varela, premisas que non se están a cumplir en parte e, con esta reforma, camiñaríase cara a perda de independencia xudicial.

+ AMEAZA Á INDEPENDENCIA XUDICIAL

Coa reforma prevista, xuíces e xuízas terán que aterse obrigatoriamente ás sentencias previas do Tribunal Superior, rematando así coa independencia xudicial. Como sinalou Luis Villares, un xuíz só ten que aterse á lei, interpretar a lei; a xurisprudencia é só un complemento, non unha fonte do dereito. O que fai a reforma é impoñer a xurisprudencia do Tribunal Superior sobre todas e todos os xuíces. Non aterse á xurisprudencia do Supremo suporá prevaricación. Iso si, a Administración sí podería afastarse da doutrina do Tribunal Supremo.

Ademais, a reforma prohíbe aos xuíces e xuízas asociárense e manifestárense, cercenando a súa liberdade de expresión.

Trátase de difuminar a separación de poderes, elemento fundamental nun Estado democrático. Os tres ponentes coinciden en que rematar coa independencia xudicial é o principal obxectivo da lei.

Así, como tamén sinalou Xaquín Martínez, a reforma pretende sinalar as voces críticas da xudicatura e suprimir as investigacións independentes.

+ MARCO XERAL DE PERDA DE DEREITOS CIDADÁNS

Todos os ponentes coincidiron en que o recorte da Xustiza ("decapitación da Xustiza", como o definiu Xaquín Martínez) se insire no contexto de deterioro xeral de servizos públicos e na perda de dereitos e liberdades cidadás. 

A este respecto, Xaquín Martínez lembrou que está pendente unha reforma do Código Penal que supón criminalizar a protesta social mentras hai unha permisividade cos delitos de corrupción. Tamén unha reforma da lei de Seguridade Cidadá que é un atentado aos dereitos civís.

Luis Villares reflexionou sobre o feito de que esta reforma é un exemplo de exercicio ilexítimo do poder. Un Estado - que goza do monopolio do exercicio da violencia - garántese pola coherción, pero tamén polo consenso polo cal a cidadanía lexitima o Estado a cambio dunhas garantías, dunhas reglas marcadas na Constitución. Neste momento, o "consenso" da Transición está roto, existe unha situación de "violencia institucional", porque os poderes públicos están lexislando en contra dos fins para os que foron concebidos. O goberno está actuando en contra da Constitución cando non garanten o estado social cos recortes en Sanidade e Ensino ou cando recortan o acceso á Xustiza.

Así, neste contexto, xerouse un movemento de protesta, de "disenso", que chega a poñer en perigo o poder, co cal o Estado reaxe con "violencia reactiva", con normas para acalar as manifestacións de disenso. Así, Luis Villares considera esta reforma xudicial coma unha reacción ante o contrapeso que xuíces progresistas exerceron contra as medidas do Executivo (por exemplo, no tema da restritiva lexislación hipotecaria española contraria ao dereito europeo). Houbo xuíces e xuízas que defenderon o Estado social da Constitución fronte ao poder executivo, que o destruía, por iso, o poder reaxe contra o poder xudicial, para rematar coa súa independencia.

Finalmente, todos os ponentes agradeceron a celebración deste acto de concienciación e sensibilización sobre a perda do dereito á Xustiza, animando a que a sociedade tome conciencia do problema e pelexe porque esta reforma non saia adiante.

* Crónica de Paula Vázquez Verao.
 
Xaquín Fernández, José Manuel F. Varela, Luis Villares e Alfonso Piñeiro.

A homenaxe institucional ás vítimas do Franquismo en Sober será o 25 de outubro


A xunta de voceiros local acordou - en cumplimento de acordo plenario promovido por Anova de Sober - fixar a data para a homenaxe institucional ás vítimas do Franquismo en Sober.

Será o 25 de outubro, nun formato que consistirá en: declaración institucional consensuada, mesa redonda con persoas investigadoras sobre o Franquismo e a represión en Galiza, actuación musical e xantar de confraternidade.
Concretaranse detalles durante o verán e tratarase de convidar a todas as persoas familiares de vítimas.

lunes, 23 de junio de 2014

Aprobación de ordenanza de saneamento e dúas prazas de socorrista para a piscina


Hoxe, 23 de xuño, houbo pleno extraordinario para tratar os seguintes asuntos.

1. ORDENANZA DE SANEAMENTO
Augas de Galicia comunicou ao Concello de Sober que antes de finais do mes de xuño debía adaptar a súa ordenanza de saneamento ao regulamento marco; do contrario, os concellos que non o fixeran deberían adaptarse aoo Decreto 141/2012 da Xunta de Galicia (ver aquí).
Na nova ordenanza (aprobada cos votos a favor do PP e a abstención da oposición) regúlase todo o relativo ao saneamento, incluído o réxime de sancións.
Tamén se informou no pleno que o Seprona ía exercer a función de vixiancia e inspección, así como pertinentes denuncias no relativo aos verquidos, ao non haber policía municipal.

2. DECLARACIÓN DE POSTO DE TRABALLO DE SOCORRISTA COMO PRIORITARIO
O plan de cooperación da Xunta só concedeu este ano unha praza de socorrista a Sober. Como fan falta dúas para atender as necesidades da piscina, declarouse como prioritario un posto de traballo de socorrista para proceder a contratar a unha persoa para o verán, cos votos a favor do PP e a abstención da oposición.
Ambas prazas de socorrista terán as mesmas condicións laborais (só que unha se contratará unha semana antes e outra rematará unha semana despois) e serán ofertadas a través da oficina de emprego, a través de dúas convocatorias distintas, pois van con cargo a fondos diferentes.

OUTROS ASUNTOS

Haberá xunta de voceiros para analizar dúas cuestións pendentes: a homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo en Sober e unha nova reunión da comisión de turismo. Ambas cuestións, homenaxe e comisión de turismo foron propostas de Paula Vázquez Verao que resultaron aprobadas por unanimidade en anteriores plenos.

jueves, 19 de junio de 2014

Sobre as prazas laborais no verán, o "plan de emprego xuvenil"

* Xa foron seleccionadas as persoas que contratará o Concello de Sober no verán. Aledámonos por estas persoas mozas, pero deixámosvos aquí a nosa opinión sobre estas prazas e a postura que seguimos no pleno. 

Para contratar as seguintes prazas de persoal laboral (para o verán) tiveron que declararse estes postos de traballo como “prioritarios” (por culpa da lei de Orzamentos do Estado, que fixo o PP).

- persoal destinado a Servizos Sociais (cubrir vacacións)
- auxiliares de Turismo (para apertura de Oficina de Turismo nos meses de verán)
- auxiliar de servizo de axuda á cidadanía
- auxiliar de viticultura
- técnico deportivo (colaboración nas piscinas municipais)
- auxiliar de servizos múltiples (cubrir vacacións)

Son os que van incluídos no denominado "plan de emprego xuvenil", que se demostra que é só propaganda, por canto a maioría destes postos de traballo sempre se ofertaron polo Concello de Sober para o verán; non supoñen novidades no emprego municipal.

A nosa posición foi a abstención, porque estamos de acordo en crear emprego dende as administracións, e estas prazas ofertadas son necesarias: porque cubren vacacións de persoal e porque ofrecen servizos que o noso Concello precisa, pero protestamos porque as leis do PP só teñen en conta a estabilidade orzamentaria e non as necesidades reais.

domingo, 15 de junio de 2014

Historia do Punto Limpo e lixo no exterior: aspecto desta mañá

Lixo nos exteriores do Punto Limpo (xuño-2014).
En 2010 despois de pasar anos sen funcinar, aprobouse por fin a ordenanza reguladora do Punto Limpo do Concello de Sober, que se pode consultar aquí (dende a páxina 9).

Aínda así, un ano despois, o nacionalismo denunciou no pleno de setembro de 2011 que, na práctica, o punto limpo era un vertedoiro (ver imaxe aquí), onde o alcalde daquela recoñeceou o mal funcionamento do punto limpo e a necesidade de limpalo e de contar con vixiancia, que se poría con axudas da Xunta. O servizo non comezou a funcionar con regularidade ata a segunda metade do ano 2012.

En novembro de 2013 aprobouse un regulamento de xestión de recollida de residuos urbanos, que inclúe un servizo especial de recollida de voluminosos, que pode realizarse tanto no punto limpo en horario de servizo (non sempre funcionou dúas veces por semana) coma avisando por teléfono e poder depositalos á beira dos contenedores ordinarios.

As persoas usuarias teñen a obriga de respectar as normas de depósito de residuos e o Concello a obriaga de vixiar as instalacións do Punto Limpo, algo que xa se ten tratado nos plenos, porque persiste a acumulación de residuos fóra do Punto Limpo.

Xa notificamos ao goberno local esta situación (a foto é desta mañá). O lixo acumulado fóra é algo habitual e soe recollerse os martes. Apelamos ao civismo para que isto non suceda.