jueves, 26 de diciembre de 2013

Asemblea o 26 de Nadal: boas festas!


Boas Festas! Que no ano 2014 continúe a loita e a esperanza dun mundo mellor.

En Anova Sober celebrámolas con asemblea o 26 de decembro para falar sobre cuestións municipais e sobre as eleccións europeas (debate do programa).

Non vos pasedes coa cea de Nadal! Aproveitemos para reclamar a soberanía alimentaria dos pobos do mundo.

lunes, 2 de diciembre de 2013

Fronte Ampla cos anteollos lila


* Intervención no debate organizado por Anova en Vigo o 1 de decembro de 2013.

Debatemos en Anova, no marco da nosa chamada a constituír unha expresión electoral dunha fronte ampla para as eleccións europeas (maio de 2014), sobre o feminismo e a fronte ampla, e considerei comezar por analizar a presenza feminina nos diversos encontros políticos que tiveron lugar nestes meses de cara a viabilizar esa “fronte ampla” [a iso corresponden os esquemas das imaxes, nos que cada símbolo, feminino ou masculino, representa a unha persoa participante nas conversas]. O resultado foi a evidencia da minoritaria presenza feminina, algo que non podemos aceptar como casualidade, nin como “natural”, senon que é o síntoma dun feito estrutural que tamén vivimos no seo das organizacións políticas pretendidamente da esquerda transformadora: a dominación da muller, a subordinación feminina.

É evidente a necesidade de máis feminismo dentro das organizacións de esquerda; feminismo como un elemento central da emancipación humana que (teoricamente) perseguimos. Temos o feminismo, de feito, en Anova, como principio fundamental.

Mais, analicemos a teoría e a praxe respondendo ás seguintes preguntas: que achegar dende Anova ao movemento feminista? Como deconstruír o patriarcado na nosa propia organización.

Sobre o papel, a estrutura de Anova e as normas que nos dimos favorecen a participación feminina, fundamental para acadar os nosos obxectivos transformadores.

Entre os nosos principios ético-políticos temos o feminismo e o antipatriarcado, o igualitarismo e a loita contra toda caste de dominación. Un dos principios organizativos é a proporcionalidade de xénero nos distintos órganos (60-40% como mínimo). Ademais, na pasada IAN aprobamos que “as asembleas locais deben comprometerse a traballar para lograr un número paritario de mulleres e homes militantes” e a CN foi elixida co principio de paridade ao 50% entre xéneros.

Mais as normas non bastan, cómpre traballar no cambio social da igualdade home-muller, comezando nós por ter uns comportamentos distintos na nosa organización.

 Así, asumimos COOPERACIÓN como principio ético-político, antitético de competición, por ende, de dominación e propugnamos “a toma de conciencia das situacións de discriminación de xénero e a realización de accións encamiñadas a superalas”.

Para iso, por unha parte, creamos o grupo de Acción Feminista e dotámonos de liñas programáticas básicas que debemos desenvolver na acción social e institucional:

- igualdade home-muller no eido laboral.
- medidas para a erradicación da violencia machista.
- defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos (aborto libre e gratuíto – dereitos LGTB).

En fin, en teoría podemos, e debemos, aportar moito ao movemento feminista: ideas, colaboración, non instrumentalización (de feito: un exemplo é a maneira en que participamos na plataforma polo dereito ao aborto), proxección das súas demandas nas institucións…

Na praxe: conseguimos rematar co patriarcado na organización? É evidente que non, porque é un obxectivo que non se logra en pouco tempo, trátase dun proceso. Estamos no camiño pero persisten comportamentos e feitos que evidencian que o patriarcado é un pouso fondo na sociedade, tamén en nós:

- asembleas locais sen ningunha muller militante.
- menor participación activa das mulleres en asembleas e órganos de coordinación.
- incapacidade para resolver situacións con diálogo: moitas reunións son “pelexas de galos”.
- lareteo anónimo e destrución da imaxe pública de compañeiros e compañeiras sen ter vontade de falar claro, con tranquilidade, con todas as críticas que se poden e deben expor cara a cara.
- non prestar atención á conciliación da vida cotiá coas cuestións “orgánicas” e políticas.

En fin: aínda baixa participación de mulleres e persistencia de mecanismos de dominación. Non é unha cuestión nova. As “Mulleres Libres”, agrupacións feministas anarquistas da España do 36-39, atopaban este mesmo problema no seo de quen se dicían “libertarios”.

 E, en canto á “fronte ampla”, que temos que dicir as feministas de Anova?

Son necesarios os anteollos violeta nesta cuestións. Son IMPRESCINDÍBEIS, como en todo. Como tamén é IMPRESCINDIBLE a fronte ampla para acadar o cambio que propugna o feminismo. Mais que nunca, faise duramente verdade a máxima de Rosa Luxemburgo: ou socialismo ou barbarie. Por iso, precisamos unha FRONTE AMPLA, unha unidade popular, un deseño colectivo de alternativas ao sistema, participativo, da maioría social, non de elites ou grupúsculos autorreferenciais.

Para que?

- deter a ofensiva da clase dominante contra a maioría social, deter o aproveitamento da crise como coartada para destruír dereitos.
- acumulación de forzas políticas e sociais para botar abaixo o réxime podre da transición e encetar procesos constituíntes nas nacións do estado co mínimo común de: dereito de autodeterminación, programa alternativo á troika.

En Europa, precisamos unha rebelión contra a mal chamada austeridade e contra a débeda que nos esmaga aos pobos do sul. É vital a unión das esquerdas das periferias europeas e vital construír un programa mínimo común. A fronte ampla é programa común, propostas alternativas á barbarie do poder. Non o temos aínda, cómpre traballalo máis. Para iso: temos que poñernos por riba da cuestión electoral e pensar nos nosos obxectivos estratéxicos. Audacia, responsabilidade e xenerosidade. Esta acumulación de forzas (que é un proceso, non é algo puntual) é vital para as mulleres: o feminismo debe entender que precisa artellarse mellor a nivel internacional.

En canto a qué alianzas e pactos? A lectura feminista exclúe, a priori, a quen non acepta como principio a non dominación e a loita contra o patriarcado. Mais, afotunadamente, non se dá o caso de forzas políticas e sociais que aposten pola fronte ampla que non sexan feministas (outra cuesitón, é, como xa vimos, a praxe e o alcance real dentro das organizacións, no que aínda nos queda camiño).

A proposta de Anova é non excluínte: quen recoñeza o dereito de autodeterminación dos pobos e se recoñeza na esquerda e pola creba democrática do réxime e contra as imposicións da troika.

E ten dúas fases:
- alianza en Galiza.
- alianza cos outros pobos do Estado.

E debe completarse – máis aló do plano electoral – cunha alianza da esquerda europea, especialmente dos países da periferia. No noso caso, aproveitemos as eleccións europeas para tecer lazos co movemento feminista europeo. 

 

Sabendo que as eleccións ao Parlamento europeo non resolven os problemas da UE, porque a arquitectura institucional e económica desta é antidemocrática, podemos aproveitar as europeas para identificar e visibilizar problemas das mulleres en Europa e tecer lazos co movemento feminista de outros países: poñamos na axenda política aquelo que afecta á metade da humanidade e do que sempre se fala en segundo lugar.
- terrorismo machista: principal causa de morte das mulleres mozas e adultas.
- feminización da pobreza (25% das mulleres da UE-28 en risco de exclusión social).
- macro-redes de tráfico de persoas, fundamentalmente mulleres, e prostitución forzosa: cómpre un debate moi público sobre a prostitución en Galiza.
- desigualdade laboral home-muller: menor taxa de actividade feminina, menor remuneración laboral, maior temporalidade (32% emprego parcial fronte ao 9% nos homes).
> Precaridade nas mesmas marcas que fomentan unha imaxe esterotipada da muller e que se apropiaron do feminismo de xeito terxiversado, “carnavalesco”, como explica Naomi Kelin en No Logo, onde tamén se ve como esas grandes marcas explotan fundamentalmente a mulleres en todo o mundo. Ese sistema é o que nos reservan aos estados do sul de europa.
- unha historiografía negadora. Como, se non, non temos a caza de bruxas vivida en Europa coma un fito fundamental da historia do continente? Máxime cando, como sinala Silvia Federicci, ten unha correlación directa coa instauración do capitalismo e a división social do traballo. Orixe do control do estado sobre o corpo da muller: o control da reprodución da forza de traballo.
- exclusión social de anciás e discapacitadas.
- asunción dos coidados, cada vez máis, coa destrución do xa escaso estado de benestar.
- a desaparición das labregas, da cultura labrega fronte ás multinacionais da alimentación.
- transtornos alimenticios, a distorsión na visión do propio corpo.
- retroceso xeral nos dereitos sexuais e reprodutivos.

En fin, os anteollos violeta, tan necesarios, debemos telos sempre, en todas as actuacións de Anova; tamén os anteollos verdes (tan relacionado ecoloxismo e feminismo), na arela que nunca debemos perder de vista: a transformación social, a superación deste sistema depredador que nos deshumaniza e que as mulleres vivimos con maior crudeza.

Feminismo, ou barbarie.

Paula Vázquez Verao, decembro de 2013.

viernes, 29 de noviembre de 2013

Solidariedade da corporación municipal de Sober co alumnado e ANPA do colexo Infanta Elena de Monforte


O pleno ordinario da corporación municipal de Sober, reunido o 28 de novembro de 2013, adoptou por unanimidade a seguinte declaración de solidariedade co alumnado e familias do CEE Infanta Elena.

A corporación municipal do Concello de Sober amosa a súa solidariedade co alumnado e coas familias do Colexo de Educación Especial Infanta Elena de Monforte e solicita de todas as administracións o máximo esforzo para buscar unha solución acaída para que os nenos e nenas con necesidades educativas especiais que asisten a este centro conten, ao remartar o período de escolaridade, con alternativas na zona para continuar avanzando na súa educación e inserción social.

A corporación municipal de Sober anima a todos os axentes socio-políticos da comarca a que se conciencien sobre esta problemática e amosen o seu apoio a alumnado e familias.

lunes, 25 de noviembre de 2013

#25N: Nunca Máis violencia contra as mulleres



Datos do II Plan de Igualdade do Concello de Sober sobre casos de violencia de xénero.

"Neste servizo (Servizos Sociais) é onde se rexistran as demandas por casos de violencia de xénero. Nun concello pequeno como é o de Sober, temos que suliñar que segundo os datos proporcionados por SS.SS., as demandas no ano 2012 foron 2 e no actual 2013 xa se rexistraron 3. Por outro lado, na Garda Civil foron presentadas denuncia por violencia de xénero: no ano 2012 presentáronse 3 e no 2013, ata novembro, 2. Ditames de orde de protección, ano 2012: 3, ano 2013: 4."

Se nos tocan a unha, tócannos a todas.

conclusións: vivir no País Ribeirao, un dereito e unha esperanza de futuro


* As conclusións da xornada práctica Vivir no País Ribeirao, da cal podedes ver crónica e fotos aquí.

Dende Anova do concello de Sober, unha entidade administrativa que  conta con 2.418 habitantes - o 48% maiores de 65 anos -  e unha renda per cápita de 10.954,54 €/ano, debullamos as seguintes problemáticas e propostas concretas de solución.

1. Comarcalización. Precisamos considerar a comarca de Lemos (e a veciña de Caldelas do outro lado do río) coma un todo, con problemáticas comúns, como é a poboación envellecida e a dependencia dos ingresos das pensións, e poñer en marcha dende a Xunta un plan económico para a zona, entendida así en conxunto, centrado no sector primario.
Estamos nun dos vales máis fértiles da península ibérica totalmente por debaixo das súas posibilidades agro-gandeiras, que foi castigado polas políticas da UE a respecto do sector leiteiro. Merece este territorio unha discriminación positiva nos orzamentos da Xunta e a creación dun Polígono Agrario para poñer en marcha empresas de produción agrícola.
Temos que pensar comarcalmente; o absurdo da demarcación provincial viuse co atentado contra a fervenza da Xabrega: a Deputación provincial de Lugo cortou unha fervenza para facer un embarcadoiro do catamarán para non facelo diante do embarcadoiro ourensán, na entrada natural á ribeira dende o río.
Ademais, cómpre un novo modelo de financiamento local, que atenda ás dificultades engadidas do avellentamento e a dispersión da poboación.

2. Servizos sociais para unha poboación con cada vez maior grado de dependencia. Precisamos máis prazas públicas de residencias e centros de día, Sober só dispón dunha residencia privada.
Cómpre activar tamén bancos de tempo, implicando ás asociacións.

3. Máis democracia. Non somos unha reseva natural con nativ*s simpátic*s: cómpre integrar á poboación nos proxectos de futuro desta comarca.
A declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade debe conseguirse coa implicación da cidadanía.
Cómpre integrar á poboación na acción institucional, animando á participación da xente nos plenos, á intervención nos plenos de asociacións e colectivos, á constitución de comisións sectoriais no Concello (como a que se creara de Turismo a instancias do nacionalismo)...

4. Ecoloxía. Un dos maiores problemas é o da contaminación de ríos e regatos por falta de saneamento adecuado. É unha débeda histórica coas parroquias de Sober, por parte de Xunta, Deputación e Concello.
Ademais, cómpre concienciar sobre os perigos do abuso dos pesticidas químicos, que das terras da ribeira unhas das máis contaminadas.

5. Medidas concretas: se queremos, podemos!

- sinalización e limpeza dos centos de vertedoiros incontrolados.
- arranxo de fontes públicas.
- Polígono Agrario na comarca de Lemos.
- praza de Educador/a Social en todos os concellos.
- plan de recollida de microtoponimia.
- potenciación dos nosos produtos artesanais nas feiras mensuais das vilas.
- cursos de formación de recuperación de oficios tradicionais: cestería, coiro.
- reactivación da Comisión de Turismo no Concello de Sober.
 
- estreitamento de relacións entre os concellos de ambas marxes do Sil.
- sinalización e mantemento das rutas de sendeirismo.
- restauración das pinturas murais do último cuarto do século XV da igrexa de Pinol.

- adecuación de lugares de baño nos ríos.
- embarcadoiro na Xabrega.
- recuperación do proxecto de viñedo experimental nos Chancís como centro de investigación para a DO Ribeira Sacra.
- preservación das barreiras para a olería de Gundivós.

viernes, 22 de noviembre de 2013

[pleno - extraordinario - 21 novembro 2013] Sobre o plan temporal de emprego da Deputación


* O plan de emprego da Deputación é discriminatorio con moitos concellos da provincia, pero está pensado para compensar a discriminación que a Xunta do PP efectúa co reparto dos obradoiros de emprego.

Convocouse un pleno extraordinario - a unha semana do ordinario - para o 21 de novembro de 2013, co asunto seguinte:

- Proposta da alcaldía para que a corporación municipal acorde instar á Deputación Provincial de Lugo a modificar as bases que regulan o Programa Temporal de Fomento do Emprego e Posta en Valor do Territorio para concellos de menos de 5000 habitantes, ao entender que é discriminatorio e excluínte cos concellos e desempregados lucenses.
O alcalde informou que, coas actuais bases [pódense consultar no BOP do 9/11/13], Sober non pode acollerse ao plan. Coas actuais bases só poden optar 12 concellos da provincia, todos con alcaldías do PSOE e unha do BNG.
Asemade, a alcaldía anunciou que van solicitar igual as axudas deste plan.

Así, a propota da alcaldía sometida a votación é instar a modificar as bases do plan de emprego para que poidan acollerse todos os concellos da provincia.

En primeiro lugar, consideramos que o feito de que se convoque este pleno a unha semana do pleno ordinario só ten como obxecto servir a unha estratexia partidaria do PP, que decidiu convocar plenos para o mesmo día alí onde ten alcaldías na provincia de Lugo.
Tamén indicamos que renunciamos ás asistencias a este pleno extraordinario - igual que o resto da corporación -.

A nosa posición no pleno foi a abstención porque, efectivamente, o plan é discriminatorio con moitos concellos da provincia, pero está pensado para compensar a discriminación que a Xunta do PP efectúa co reparto dos obradoiros de emprego. Particularmente, este requisito que deben cumplir os concellos para acollerse ao plan: "Que no período comprendido entre o ano 2010 incluído e o ano 2013 non funcionaran, ou empecen a funcionar, escolas obradoiros ou obradoiros de emprego, de xeito individual ou conxunta con outros concellos, segundo os datos publicados pola Consellería de Traballo e Benestar."

É dicir: despropósito por despropósito. O reparto partidario dos recursos das institucións é a tónica xeral e o PP foi quen o practicou durante todos os anos que gobernou na Xunta e na Deputación Provincial de Lugo, repartindo fondos e axudas de xeito caciquil.

Por parte do PP, presentar esta proposta apelando á xustiza e á preocupación polos parados e paradas da provincia é hipócrita por canto se trata dun partido que recorta en promoción de emprego, que aprobou unha reforma laboral lesiva para os dereitos da clase traballadora e unha reforma local que vai destruír empregos sociais.

Saudamos o anuncio do PP de Sober de insumisión ante normas inxustas - ao pedir igual a axuda aínda sabendo que o concello non pode optar - pero lamentamos que isto non se faga cando quen perpetra as inxustizas é o propio PP.

Lembramos que o problema fundamental é que non se adican fondos para políticas activas de emprego nin hai plan algún de activación da economía debido á sumisión do PP aos poderes financeiros internacionais. Pese a que se anunciou no pleno un plan de emprego local para 2014 por parte da alcaldía, os recursos que se adiquen a este han ser limitados, pois a suxeición ao teito de gasto limita a autonomía municipal á hora de elaborar os Orzamentos.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do PP, en contra do PSOE e abstención de BNG e concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao.

viernes, 15 de noviembre de 2013

notas apresuradas sobre a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade


A Ribeira Sacra é un territorio e un conxunto de relacións humanas, non un edificio: cómpre coñecer a fondo os detalles da figura "Patrimonio da Humanidade" e implicar á poboación na consecución deste obxectivo (non meramente a través de sinaturas).

É especialmente preocupante que non se falara co sector do viño, que non se implicara á DO Ribeira Sacra no proxecto.
Que o PP se erixa agora en defensor da Ribeira Sacra, cando permitiu barbaridades naturais - como a destrución da fervenza dos Chancís - semella unha burla para as persoas que vivimos nesta terra.

Ademais, cómpre que o PP explique por que non apoiara a petición de declaración da RS como "Patrimonio Cultural da Humanidade".

Escribimos estas apresuradas notas, tomadas das valoracións da asemblea de Anova de Sober, namentras estamos elaborando dende Anova do sur de Lugo unha postura sobre a declaración da RS como Patrimonio da Humanidade.