lunes, 22 de octubre de 2012

AGE entra con forza no Parlamento Galego

O PP de Feijóo apuntala a maioría absoluta en escanos (41) con 106.000 votos menos.
Ábrese un novo ciclo político en Galiza con Alternativa Galega de Esquerda como voz da cidadanía revoltada.
En Sober, a coalición AGE (Anova-EU) obtivo 146 votos, o 8,78%, sendo a terceira forza política en representación.  


* PP - 1098 votos (66,06%)
* PSOE - 246 votos (14,80%)
* AGE (EU - ANOVA) - 146 votos (8,78%)
* BNG - 108 votos (6,49%)

Grazas ás persoas que apoiastes co voso voto a Alternativa Galega de Esquerda: este proxecto é voso.
En breve anunciaremos vindeiras xuntanzas e actividade política de Anova en Sober.

* Resultados por mesas electorais en Sober - Galegas 2012.

- NEIRAS (parroquias de Neiras, Gundivós e Liñarán)
PP - 140
PSOE - 34
AGE - 19
BNG - 6
En branco - 5
Nulos - 5

- SOBER (Arroxo e Proendos)
PP - 206
PSOE - 53
AGE - 42
BNG - 29
Outros - 9
En branco - 7
Hartos - 3
Nulos - 4

- ARXEMIL (Anllo Santo Estevo e Anllo San Martiño)
PP - 168
PSOE - 41
BNG - 21
AGE - 16
En branco - 6

Escaños en Blanco - 2
Pacma - 2
FE de las Jons - 1
CxG - 1
Partido da Terra - 1 
Nulos - 11

- BOLMENTE (Bolmente, Barantes e Figueiroá)
PP - 145 
PSOE - 20 
AGE - 12 
BNG - 10
En branco - 2
Nulos - 5

- CANAVAL (Canaval, Refoxo)
PP - 89
PSOE - 26
AGE - 18
BNG - 15
CxG - 1
En branco - 1
Nulos - 2

- DOADE (Doade, Amandi, Brosmos)
PP - 107
PSOE - 30
AGE - 17
BNG - 9
En branco - 5
Hartos - 1
Pacma - 1
UPyD - 1
CXXI - 1
Nulos - 1

- LOBIOS (Lobios, Pinol, Bulso, Santiorxo)
PP - 137
PSOE - 20
AGE - 12
BNG - 12
UPyD - 2
SCD - 1
UCE - 1 
En branco - 1
Nulos - 0

- ROSENDE (Rosende, Millán, Vilaescura)
PP - 106
PSOE - 22
AGE - 10
BNG - 6
En branco - 6
SCD - 2
Escaños en Blanco - 1
UPyD - 1
Hartos - 1 
Nulos - 1

lunes, 1 de octubre de 2012

Beiras presentou Alternativa Galega de Esquerda en Chantada

“Imos ser a chave da derrota de Frijol: somos o voto máis útil”.


crónica do mitin do 28S




O venres 28 de setembro un cento de persoas arrouparon a Beiras e a candidatos e candidatas da provincia da coalición Alternativa Galega de Esquerda no primeiro mitin desta formación no sur lucense.

Comezou Ildefonso Piñeiro Díaz (Anova), de Chantada, número 6 da lista, cunha reflexión sobre a política que, para Piñeiro, é “o poder democrático (co) que dende unha ou outra óptica, (se) fan políticas a prol dos cidadáns”. Sen embargo – sinalou – a mala política lévamos a “unha perda continua en dereitos sanitarios, no ensino, na cultura, no idioma. Agresións aos dereitos laborais de milleiros  de traballadores e traballadoras mentres se fan políticas que favorecen aos poderosos. Políticas para salvar aos banqueiros, a eses mesmos banqueiros que reclaman recortar o sistema de pensións e para si se autooutorgan xubilacións millonarias e, o que é moito peor, utilizan os cartos que lles demos para especular contra a débeda que causaron e impoñernos unha autentica ditadura do poder financeiro, deixando ao poder democrático limitado a administrar a miseria que eles crean.” Fronte a isto – dixo – xuntámonos para “levar ao Parlamento Galego a rebelión cívica da cidadanía esmagada polas políticas do Estado e da Xunta”, porque “hai que paralos”, e para iso non abonda sequera unha persoa coma Xosé Manuel Beiras: “todas e todos somos necesarios”.

Parte do público.
A seguir, Paula Vázquez Verao (Anova), número 4 por Lugo, de Sober, sinalou os ataques do PP á xente máis moza (recurtando prazas de investigación, reducindo as becas, cunha reforma laboral que condena á mocidade a encadear contratos precarios en prácticas…), que obrigan de novo á mocidade galega a emigrar. Sinalou Paula que “estas non son unhas eleccións normais”, porque estamos asistindo á “podremia do réxime da Transición”, que precisamente se consolidara hai trinta anos (“cando moita xente moza que apoiamos esta alternativa aínda non nacéramos”), “limitando as aspiracións das nacións do Estado a gobernármonos a nós mesmas, iniciando unha política de privatizacións e mantendo unha economía herdada basada na construción e o turismo de masa, ao tempo que se consolidaba a nivel mundial a primacía das finanzas sobre a economía real”, entrando na UE cunhas condicións perxudiciais para Galiza e os nosos sectores produtivos (“e das consecuencias no sector lácteo sabedes moi ben en Chantada”), abríndose tamén hai trinta anos o periodo da Autonomía, sen que se desenvolvesen sequera os mínimos marcos que permitisen unha vida mellor para a nosa xente. As decisións políticas que se tomaron hai trinta anos – dixo – son as responsables da situación que temos hoxe, con niveis de pobreza como hai trinta anos. Por iso – sinalou – cómpre que as xentes de abaixo nos impliquemos con esta alternativa para rachar con este inxusto sistema: “a coalición Alternativa Galega de Esquerda só somos o instrumento que poñemos en mans da cidadanía”.

Alfonso Piñeiro e Paula Verao.

María Casar (Anova), número 2 da lista, de Sarria, deixou claro a aposta de Alternativa Galega de Esquerda pola nosa Cultura e polos dereitos das mulleres, ambos asoballados por Feijóo. Cargou as tintas contra a Lei de Familia, “que nos quere reducir ás mulleres ao eido exclusivo do fogar” e sinalou que só co orzamento anual da Cidade da Cultura se podería financiar todo o tecido cultural galego durante un ano.

María Casar.

Ramón Vázquez Díaz (EU), número 1 da lista, de Lugo, deixou clara a defensa das clases traballadoras e a loita contra a corrución política, contra a usurpación da política por personaxes que só siguen ordes dos grandes poderes financeiros. “O goberno Rajoy actúa como se fosen virreis dun protectorado” – dixo –.

Ramón Vázquez.

A intervención de Xosé Manuel Beiras, voceiro de Anova e cabeza da coalición, podemos resumila nos chíos que o seu equipo de campaña verqueu no twitter:

“Queren volver a convertir a lebregos e labregas en servos” (referencia aos baixos prezos do leite). “As vilas coma Chantada, en territorio rural, están a ser arruinadas”. “A situación do sector leiteiro é desesperada. Hai unha politica de exterminio do campesiñado a nivel mundial”.

“O goberno de Frijol non moveu un dedo para salvar as caixas”. “Os autenticos ladróns están instalados na gran banca e nas antigas caixas galegas”.

“Hai que dar unha virada de 180º e priorizar os servizos básicos” (referencia ao que vai facer AGE no Parlamento). “Prioridades irrenunciables: Sanidade publica, Ensino... É un crime pechar escolas no rural”.

“Non hai maior recital de desgoberno que os catro anos de Frijol”.

“Na Moncloa están os ventrílocuos dos ladróns da banca. Estamos nun protectorado”. “Tómanse as decisións en instancias que ninguén elixiu, chuchando os cartos dos nosos impostos”.

“Ten que haber unha rebelión cívica, ten que a xente volver exercer a súa soberanía política”. “No Parlamento hai que fomentar a reactivación dos movementos cívicos”.

“A cidadanía desencantada é a clave para derrotar a barbarie do poder que está na Xunta”. “Estamos nunha situacion de gran agresión social: "tododios" se sinte agredido”.

“Imos ser a chave da derrota de Frijol: somos o voto máis útil”.

“Nunca desertaremos da loita: aquí estou ao voso servizo”.

O acto rematou con berros de “Presidente, presidente!”. Beiras sinalou: “Sempre estivemos coa xente, da que formamos parte, ese é o noso compromiso”.

Tomando algo ao remate.

jueves, 27 de septiembre de 2012

[pleno - setembro 2012]

No pleno ordinario de setembro de 2012 aprobáronse os festivos locais para 2013, que serán 9 de setembro (luns), xa que o 8 de Cadeiras cae a domingo, e o luns das festas de Sober (16 de setembro).

Aprobouse por unanimidade a ordenanza de ocupación do dominio público con mesas, sillas, veladores e elementos análogos. 
Os días de feira, a colocación destes elementos rexerase pola ordenanza de feiras e mercados. O resto do ano, esta ordenanza regula a ocupación do espazo polas terrazas dos bares de Sober, cunha taxa de 6 € ao ano por cada módulo de mesa e catro cadeiras.

Aprobouse a ordenanza reguladora da venda ambulante, que consiste en poñer ao día a aprobada en 2004. A venda de produtos locais queda exenta de pago de taxa.

Modificáronse as ordenanzas fiscais de auga e alcantarillado.

- AUGA
O Concello propón unha suba das taxas de consumo de auga e de enganche ao servizo público de auga que son altas para un concello coa renda per cápita de Sober. Dende Anova pensamos que é un intento de suplir dende o Concello o que debería ter feito a Xunta durante os anos que levamos de democracia: ter extendido este servizo básico de abastecemento de auga polo país. É loable intentalo, pero faise a costa dos petos da cidadanía, que xa debería ter garantido este servizo básico.


ANTERIOR
NOVA
Enganche á rede
100 €
450 €
Cambio titularidade
60 €
75 €
Baixa do servizo
20 €
50 €
Cota fixa
(por tramos de consumo)
18 € semestre
Consumo semestre

Ata 60m3: 20 €
+ 60 m3: 0,50 € m3

É necesaria unha auditoría sobre os enganches non autorizados á rede de abastecemento de augas.

- ALCANTARILLADO
Sobe a cota de enganche á rede de alcantarillado, un servizo básico que xa debería estar cuberto. A idea é cubrir coa recaudación parte do custo de facer novos alcantarillados, pero é un agravio comparativo respecto a outras zonas do país que xa teñen alcantarillado público. Sober fracasou como concello no saneamento.

* A cota de enganche pasa de 200 a 500 € (para locais non destinados a vivenda e para vivendas baleiras: 1000 €).
* Cota fixa: 12 € semestre.

A suba de taxas foi aprobada en solitario polo PP.

Aprobouse por unanimidade a parte que estaba en suspenso do PXOM.
O Plan non xustificaba a necesidade de crecemento da vila de Sober, co cal parte do solo que se prevía facer urbanizable quedará como rústico, na zona do colexo.
No espazo entre o colexo e o centro médico hai a posibilidade de edificar vivendas de promoción pública.

[Dispoñemos dunha copia en CD do PXOM para quen queira unha copia ou consultalo. Tamén se pode consultar no Concello].

Aprobouse cos votos do PP un recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas que foran extraviadas e que non constaban no concello.



miércoles, 26 de septiembre de 2012

Presentación da candidatura de AGE en Monforte.


Presentación pública da Alternativa Galega de Esquerda en Monforte de Lemos. 

Será ás 16:00 horas no local de Anova en Monforte de Lemos, situado na Calexa (rúa Abelardo Baanante) nº 3.

Contaremos coa presenza dos candidatos e candidatas de Alternativa Galega de Esquerda nas comarcas do sur de Lugo.

lunes, 24 de septiembre de 2012

[pleno extraordinario - setembro 2012: sorteo Mesas electorais]


 No pleno do 24 de setembro de 2012 realizouse o sorteo público para designar ás persoas que farán a función de presidentes e vocais nas mesas electorais para as eleccións autonómicas do 21 de outubro.

miércoles, 15 de agosto de 2012

Pleno en apoio ao sector lácteo galego: intervención en nome da Asemblea de Sober [pleno-agosto 12].

As centrais sindicais agrarias SLG, ASAJA e Unións Agrarias remitiron aos grupos políticos galegos unha moción para dar a coñecer a dramática situación do sector lácteo galego e esixir unha serie de medidas á Xunta e ao Goberno Central.

A moción pode consultarse aquí, na web do SLG.

Intervención de Paula Vázquez Verao.

"Dende a Asemblea Nacionalista de Sober damos o noso apoio á moción e á campaña que a impulsa, destinada a informar ao pobo galego sobre a crise do sector lácteo; así mesmo, a concelleira Paula Vázquez Verao renuncia ao cobro da dieta da sesión do Pleno, tal como propoñen os sindicatos agrarios, indicando que tería sido interesante destinar as dietas correspondentes ao Pleno á campaña en apoio ao sector lácteo galego.

A moción explica claramente a situación de emerxencia das explotacións leiteiras galegas, co prezo do leite dos máis baixos de Europa (0,29 € por litro de media este ano), agravado polo incremento dos custos de produción, debido, entre outras causas, á suba espectacular de fertilizantes, piensos, combustibles e electricidade. Deixar morrer o sector lácteo galego é facer desaparecer milleiros de empregos e, como di a moción, perder a axentes de xestión do territorio, os gandeiros, poñendo en maior risco de deterioro ambiental o noso rural.

Está ben que as distintas forzas políticas galegas nos poñamos de acordo no apoio ao sector lácteo, pero, máis aló da retórica, hai que ser consecuentes na práctica. As forzas políticas do sistema apoiaron entusiasticamente a entrada na UE nas condicións nas que se produciu, sendo fonde da caída dos sectores estratéxicos da economía da Galiza.
O problema non é meramente "económico", "do mercado", senón que é un problema político, de modelo político.
O problema ten dimensión global: un sistema mundial de produción, o capitalista, destinado ao lucro de cada vez menos persoas e non á satisfacción das necesidades da Humanidade.
O problema ten dimensión europea: a entrada na UE fíxose en condicións desfavorables para os produtos galegos, que serían competencia de outras producións do centro do sistema.

Na Galiza actual, o do sector lácteo non é problema de produción, prodúcese máis que hai vinte anos, as explotacións leiteiras galegas mercaron cuota e modernizáronse, mesmo contra a política da UE que procuraba reducir o potencial do sector. O problema é de organización do mercado: tendo un mercado de proximidade deficitario o leite galego debería ser máis valorado. En cambio, o leite producido na Galiza é mercado polas empresas a prezo máis baixo que o de outros lugares, facendo ruinosa a súa produción. Así, o problema é a falta de soberanía política e financeira de Galiza (máis despois do expolio do aforro galego e dos únicos instrumentos financeiros do noso País que eran as caixas de aforro), que non permite desenvolver un sector transformador dos produtos leiteiros no propio País, apostando pola innovación (lembremos que o goberno do PP reduciu o orzamento de I+D+i nesta lexislatura). Durante vinte anos gobernou o PP de Fraga, tendo a disposición as caixas como instrumentos ao servizo da política da Xunta e fondos europeos que puido ter usado para crear un sector leiteiro puxante e non o fixo. Por exemplo, quen se preocupou por desenvolver o potencial leiteiro desta comarca? Hai máis de vinte anos funcionaba unha rede de recollida de leite a pequenos produtores de Sober e outros municipios por parte da empresa Queixerías Prado. Un poder galego digno de tal nome debería ter impulsado a innovación en dita empresa queixeira, para que diversificara a súa produción, fomentando a recollida de proximidade, con axudas a explotacións labregas para que se especializaran na produción leiteira, con estudos para a consolidación de mercado... Pero todo se deixou ao arbitrio dos "mercados", e a cabana gandeira reduciuse en Sober drasticamente tras o ingreso no Mercado Común. Agora, todas as forzas políticas nos laiamos, pero non todas temos o mesmo nivel de responsabilidade. 

É necesario tamén revisar o modelo de produción en canto aos custes ambientais, apostando por explotacións ecolóxicas (hai exitosas experiencias ecolóxicas de produción láctea na Galiza) que aumentan a calidade, tando dos produtos coma a "calidade de vida" das familias produtoras.

Cómpre, tamén, non esquecer con respecto ao problema do leite, a idea da soberanía alimentaria, concepto que, por exemplo, un dos sindicatos impulsores, o SLG, ten divulgado na Galiza. A soberanía alimentaria hoxe, é un dos retos da Humanidade, cando cada vez menos compañías transnacionais controlan a producióna alimentaria, mentras se perpetúa a fame. Hai, a nivel mundial, unha vontade de exterminio do campesiñado, sector social que pode protagonizar unha rebelión contra o sistema global inxusto: se o campesiñado e os pobos non controlamos o noso sector alimentario básico, dominarannos totalmente, a nosa vida dependerá do lucro duns poucos. E iso é internacionalismo, non o mercado "desregulado". O estado do sector lácteo galego hai que enmarcalo nesa loita mundial pola soberanía alimentar, que é unha loita pola liberdade.