miércoles, 24 de abril de 2013

Entrega de dietas por asistencia a pleno extraordinario para fins solidarios [pleno-marzo 13].

A moción de Paula Vázquez Verao, concernente á entrega das dietas por asistencia a un pleno extraordinario para unha operación que precisa un neno de Monforte, foi aprobada por unanimidade.

MOCIÓN que presenta a concelleira Non Adscrita, Paula Vázquez Verao, diante da Corporación Municipal de Sober reunida en Pleno sobre a entrega das dietas de concelleiros e concelleiras por asistencia ao anterior pleno municipal extraordinario para fins solidarios na comarca de Lemos.

O 28 de febreiro de 2013 celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno Corporación para debatir sobre a situación da plantilla de persoal do Hotel Palacio de Sober, afectada por un ERE.

En dito pleno, eu, Paula Vázquez Verao, como concelleira Non Adscrita da Corporación e en nome da organización Anova, solicitei que, sendo un pleno monográfico sobre a situación da plantilla do hotel, que sufría retrasos no pagos, se destinasen as dietas de asistencia de concelleiras e concelleiros de dito pleno para entregar ao persoal do Hotel, para que os usasen na defensa dos seus postos de traballo.

Pasados uns días, a plantilla de persoal, por maioría, asinou un ERE no que se contempla que traballadores e traballadoras cobrarán os atrasos adebedados.
Así, esta concelleira entende que non ten sentido destinar as dietas ao fin inicialmente proposto, polo que propón que o Pleno da Corporación acorde:

- Destinar as dietas de asistencia do Pleno Extraordinario da Corporación Municipal de Sober para o tratamento de Adrián García Casado, neno de Monforte que precisa unha operación non cuberta pola SS para poder camiñar.

- Que dende o Concello se proceda a ingresar a cantidade de Adrián no número de conta aberta a tal efecto: 0075-0662-86-0700579116

lunes, 8 de abril de 2013

Asemblea de Anova de Sober: martes, 9 de abril.

 

Martes, 9 de abril, ás 20 horas en Francos de Proendos.

orde do día: 
 
- Documentos a debate na Iª Asemblea Nacional Ordinaria de Anova.
- Temas do concello.
 
- Proposta de acto público de Anova en Sober.
- Acto con Beiras o venres, 19 de abril, en Monforte.

- Problemáticas que levar ao Parlamento.

lunes, 1 de abril de 2013

Xestión indirecta do servizo de lixo e ordenanza de plusvalía [pleno-abril 13].

Dende a Alcaldía presentouse un Recoñecemento Extraxudicial de Créditos por aprox. 150.000 €, destinados na maior parte a pagar as facturas pendentes de Fenosa (uns 120.000 €).
Agardamos que o compromiso asumido polo equipo de goberno da presente lexislatura en canto á reducción do consumo de luz se materialice, recoñecendo que se baixou a factura da luz. 
Outras facturas que se van pagar con este crédito polas que preguntamos por non ter claro o seu concepto son o gasto da paleadora para acondicionar aparcadoiros na Lama de Outeiro e uns escudos de Sober, feitos en cerámica para agasallo (762,30 € só por este concepto).
A postura da concelleira Paula Vázquez Verao foi a abstención.

Aprobouse por unanimidade unha Ordenanza de Plusvalía que contempla bonificacións do 95% para os casos máis habituais, como traspaso de herdanzas. Esto fíxose porque unha orde ministerial obriga a pagar este imposto no Rexistro das propiedades. Explicación do imposto aquí.

Dende a Alcaldía propúxose ao pleno o cambio á xestión indirecta na recollida do lixo, o que supón privatizar este servizo.
Aprovéitase a xubilación da única persoa con contrato para este servizo para sacar un concurso aberto coas condicións de que custe o mesmo e que se amplíen os servizos, duplicando no verán a frecuencia de recollida, ampliando contenedores amarelos e de papel, incluíndo o servizo de recollida a domicilio de materiais pesados, recollida de plásticos agrícolas e xestión do punto limpo pola mesma empresa. Ademais, inclúese nos servizos o lavado de contenedores, unha vella demanda do nacionalismo en Sober.
Manifestamos que non estamos de acordo coa privatización de servizos, mais non atopamos unha solución alternativa.

En canto a rogos e preguntas, pedimos que se dote á Biblioteca e zona de estudo e informática dunha impresora propia, algo que se vai facer.

Solicitamos un balance detallado de ingresos e gastos da Feira do Viño 2013.

Pedimos que se axude á Banda de Música a atopar un local de ensaio máis cómodo que na Casa da Cultura, valorando a posibilidade de usar o novo local social cedido ao concello no grupo de vivendas sociais.

O alcalde comprometeuse a rexenerar as carreterasm valorando con Tragsa solucións e orzamento. Ademais, prometeu ter un equipo de rego para a limpeza de cunetas.

martes, 12 de marzo de 2013

Apoio á manifestación en defensa da Área Sanitaria de Lemos.

Pedimos ao goberno local de Sober que apoie a manifestación do sábado 16 de marzo de 2013 en defensa da Área Sanitaria de Monforte de Lemos.
Dende Anova manifestámonos en contra do decreto de xestión integrada e apoiamos á cidadanía en todas as mobilizacións que está a levar a cabo contra este.
A petición rexistrada en Sober foi a seguinte:
Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Sober

Sras. e Sres. integrantes do Goberno Municipal de Sober


A creación do Hospital Comarcal, hai 26 anos, e da Área Sanitaria de Monforte supuxo unha mellora sustancial da atención sanitaria da comarca, beneficiándose unas 60.000 persoas e 11 concellos, a maior parte deles cunha taxa de envellecemento e de dispersión das máis altas do País.

Desde que a mediados do ano 2010 a Consellaria de Sanidade anunciase a elaboración do Decreto de Xestión Integrada, a preocupación da cidadanía, organizacións políticas e sindicais, profesionais e corporacións municipais foi evidente, porque ese decreto vai supoñer unha merma na calidade dos servizos sanitarios que agora desfrutamos, como xa se constatou no Hospital do Barco (similar en características ao de Monforte) unha vez integrado na área de Ourense.

A día de hoxe, o decreto vai ver a luz nun prazo curto de tempo, a preocupación segue en aumento, por iso nos diriximos aos membros do Goberno Municipal para que no órgano que estimen máis oportuno - en Xunta de Goberno Local vémolo máis axeitado, xa que o próximo pleno ordinario vaise celebrar, se non hai un cambio de actitude no Goberno na Xunta, unha vez aprobado o decreto - se tomen os seguintes acordos:

1.- Apoiar as iniciativas en defensa do mantemento da Área Sanitaria de Monforte que se están a levar a cabo por parte da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte.

2.- Apoiar a manifestación convocada para para o día 16 de marzo que se vai a celebrar en Monforte reclamando a non desaparición de Monforte como Área de Xestión Sanitaria.

Sen outro particular reciban un saúdo.


En Sober, a 8 de marzo de 2013


miércoles, 27 de febrero de 2013

Pleno en apoio ás traballadoras e traballadores do Pazo de Sober [febreiro - 2013]


O PSdG presenta unha moción na que se insta á Xunta de Galicia a que adopte as medidas necesarias para reflotar o Hotel Pazo de Sober, favorecendo actuacións que fomenten a recuperación da actividade turística na comarca e para garantir o mantemento dos postos de traballo.

A concelleira non adscrita, Paula Vázquez Verao, engade á moción o seguinte, que é aceptado:
- que o Concello-Pleno amose o seu apoio unánime e solidariedade cos e coas traballadoras para que se lles paguen os atrasos adebedados.

A moción é rexeitada con só os votos a favor da oposición e os votos en contra do PP.

O PP presenta unha moción de apoio e alabanza da política turística da Xunta na Ribeira Sacra e con mencións xenéricas de apoio ao Pazo de Sober, que só é apoiada polo PP.
Paula Vázquez Verao sinala na súa intervención que a Ribeira Sacra é un gran destino turístico, pero mal aproveitado.

miércoles, 30 de enero de 2013

Debate sobre a problemática das preferentes [pleno ordinario - xaneiro 2013]


No pleno de xaneiro de 2013 deuse conta da liquidación do orzamento de 2012.
A continuación, debatíronse mocións sobre a cuestión das persoas afectadas polas participacións preferentes e subordinadas. Presentáronse tres mocións: unha por parte do PPdG, outra do PSdG e outra da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, que se pode consultar aquí.

Paula Vázquez Verao manifesta que a pesar de existir puntos en común nas mocións, a moción do PP non diferencia os conceptos de aforrador e investidor, sendo esta a principal estafa, xa que nos concellos rurais as persoas afectadas son simples aforradoras.
Ademais, as plataformas de persoas afectadas queíxanse de que a arbitraxe só funcionou ben ata as eleccións, despois foi unha farsa.
A moción do PP foi aprobada só cos votos do PP. As mocións da oposición só recibiron os votos a favor da oposición, polo que non foron aprobadas.
Tamén se falou, a través dunha moción do PSdG, sobre a reivindicación dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no Hospital Lucus Augusti, que foi aprobada por unanimidade.

Ademais, Paula Vázquez Verao presentou un rogo in voce para que fose considerado, sobre os delitos de corrupción nas contas do PP:

Dada a situación social – caída de ingresos da maioría social, altos niveis de paro, emigración xuvenil, agrandamento da diferencia entre ricos e pobres, posta das administracións ao servizo dos intereses do Capital fronte a maioría social, etc – e dada a alarma desatada polos posíbeis delitos de corrución nas contas do PP, pídese dos concelleiros e concelleiras a reflexión sobre as seguintes propostas da formación política Anova-Irmandade Nacionalista.

ANOVA-Irmandade Nacionalista, ante a situación indescritíbel, ante unha sociedade civil atónita e indignada ante a tamaña proliferación de casos de corrución e da desvergoña dos gobernantes do PP solicita:

1. A inmediata dimisión do Presidente do Goberno Mariano Rajoy e do seu Goberno.

2. Convocar unhas eleccións xerais a Cortes con carácter constituínte que poña remate á podremia desta 2a restauración borbónica, que parta da realidade plurinacional do estado e da fórmula republicana para poñer o estado aos servizo das cidadanías das diversas nacións que o integramos e proceder mediante unha creba democrática a limpar todo o lixo acumulado nestas décadas.

3. Modificación urxente do Código Penal para evitar que todos estes delitos de corrupción prescriban e impedir que con este subterfuxio siga o Partido Popular a saír indemne ante a xustiza como aconteceu co caso Naseiro, pasando polos Gurtel e a seguir polo Bárcenas.

jueves, 29 de noviembre de 2012

Regulamento de uso da Casa da Cultura [pleno ordinario - novembro 2012]


No pleno de novembro de 2012 aprobouse un regulamento de réxime interno para o funcionamento do centro sociocultural, unha vella demanda do nacionalismo en Sober.
O regulamento foi aprobado por unanimidade pola corporación municipal.

"O Centro Sociocultural constitúe a sede fixa dos servizos municipais de cultura, tales como a biblioteca pública municipal, oficina municipal de información xuvenil, servizos sociais municipais, e escola municipal de música (e auditorio). A maiores, nas restantes salas e dependencias poderanse desenvolver actividades culturais de todo tipo, como conferencias, proxeccións, escenificacións, cursos e ensino, certames literarios e artísticos, concursos e exposicións, así como calquera outra que potencie a creatividade dos veciños. Para que así sexa terán que ser aprobadas e autorizadas polo órgano municipal competente.

Ademais, o Centro Sociocultural poderá servir de domicilio para aquelas asociacións do Concello que o soliciten. Todas elas disporán dunha taquilla e un buzón na aula de servizos múltiples.

Para a utilización por parte de calquera persoa individual ou xurídica de algunha das dependencias do Centro será necesario o permiso da Alcaldía ou concelleiro- delegado. Será obrigatorio solicitalo por escrito ou por medio dun impreso que será facilitado nas dependencias do Concello, cunha antelación mínima de 48 horas. No formulario debe desenvolverse a actividade que se pretende levar a cabo cunha breve explicación dos contidos e fins que se perseguen, así como o tempo de utilización e demais pormenores. No caso de utilización do auditorio municipal para ensaios, pediranse as chaves no Concello, e serán devoltas ao seu termo ou ao día seguinte se as oficinas municipais estivesen pechadas.

As dependencias que alberga o Centro Sociocultural suxeitaranse ao seguinte horario:

- Servizos Sociais: 8:30 -15:00 horas (días laborais).
- Biblioteca municipal: 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas de setembro a xuño; de 9:00 a 14:00 horas en período estival, e permanecerá pechada durante o mes de vacacións da persoa encargada desta.
- Escola de Música: mércores tarde e sábados de mañá (se ben en función do horario do profesorado o día pode variar)."

Ademais, aprobouse un regulamento para o préstamo bibliotecario.

"No caso concreto da Biblioteca, o regulamento tamén se ocupa do préstamo a domicilio, de carácter gratuíto. Así, os lectores deberán proverse da tarxeta de préstamo, cuxa expedición se fará efectiva coa entrega de dúas fotografías e a presentación de carné de identidade. No caso de existir deterioración dos libros ou a perda destes obrigarase o beneficiario do préstamo ao pagamento dunha multa que poderá chegar a ser equivalente ao dobre do valor actual dos libros prestados."