domingo, 27 de mayo de 2012

Tendendo pontes dende os concellos.


As decisións importantes non se adoptan por capricho. Teñen a súa razón de ser. A ruptura da que era a casa común do nacionalismo, o BNG, produciuse en toda Galiza coa marcha de dúas das tres sensibilidades que daban razón de ser á fronte nacionalista, o Encontro Irmandiño e Máis Galiza. Un feito desta transcendencia tivo tamén consecuencias en moitos concellos do país.
Ducias de concelleiros e concelleiras próximos a estas sensibilidades ou dende a independencia decidimos iniciar un novo camiño coa esperanza de asentar modelos municipais participativos, abertos, comprometidos e orgullosos de seu. Nestes tempos nos que todos renuncian pola política de recortes do Partido Popular, nós non renunciamos. Non renunciamos a esixir plans de conciliación, políticas sociais activas, apoio aos nosos sectores produtivos locais, prestixiadas programacións culturais, melloras das nosas infraestruturas e  servizos básicos, axuda ás actividades dos nosos tecidos asociativos e defensa das prestacións educativas e sanitarias dos nosos concellos. Por principios, non renunciamos.

Mantendo o máximo respecto para cos que até o de agora foron os nosos compañeiros e compañeiras, optamos por iniciar colectivamente un novo camiño que remate na construción a nivel nacional dun novo referente político. Un camiño propio, diferente, que aposte por novas maneiras de relacionarse entre nós e a sociedade e que teña vocación de ser unha ferramenta útil para facer fronte aos retos do futuro do noso  país.

Somos conscientes da grande responsabilidade que aceptamos no momento no que fomos escollidos pola veciñanza para ser os seus representantes nos diferentes concellos. Somos conscientes de que esta responsabilidade é maior coa tarefa colectiva que temos por diante. Sentimos que temos o deber ético  de seguir representando aos veciños e veciñas que confiaron en nós nas pasadas eleccións municipais. Foi con eles, cos que realmente adquirimos este compromiso firme de defender as propostas coas que fomos elixidos, de escoitalos e de solucionarlles os problemas que xurdan durante todo este mandato.

Dende os nosos Concellos, facendo país gran a gran queremos gañar o futuro. Novas maneiras , novas  formas de exercer a política e o convencemento de que é unha maioría social agredida a que precisa desta aposta colectiva de todos e todas nós.

Cacheiras (Teo), 26 de maio do 2012

Asinan, representantes dos Concellos de: Mondariz - Val do Dubra - Teo - Ribadumia - Catoira - Outes - Lousame - Ames - Manzaneda - Toén - Gondomar - Cuntis - Beariz - Cee - Agolada - Bergondo - Carballedo - Bueu - Chantada - Alfoz - Maceda - Muros - Portomarín - Antas de Ulla - Sober - As Pontes

miércoles, 23 de mayo de 2012

Maio Revolto - 26 de maio en Sober (programa).




Contra todo o que nos cae enriba á xente normal, o paro, a perda de  poder adquisitivo, a reforma laboral, conxelación de pensións, recurtes nos servizos públicos e mil cousas máis, un pouco de música non vén nada mal.
E antes, explicación sinxela do que está a pasar e da reforma laboral cos compañeiros da FOGA de Vigo.
Celebra connosco este maio revolto en Sober.

Revóltate!
 
- 20:45 horas* – “Maio Revolto”, na Casa da Cultura de Sober.

- Explicación sinxela da crise, da reforma laboral, dos recurtes… de todo o que nos cae enriba ás xentes do común. Con xente da Fronte Obreira Galega de Vigo.

- Presentación da Asemblea Nacionalista de Sober.

- Concerto de “música revolucionaria”: “Os Parentes” & Suso Verao en concerto.

* Comezamos aproximadamente á hora de remate da Festa dos Avós que se celebra ese mesmo día, para que a xente que o desexe poida acudir a ambos actos.
* Haberá uns pinchos despois do concerto.
* A maiores, o resto do día, para que o desexe, haberá roteiros e xantar popular a prezo de 5 € (xente da FOGA e da Asemblea Nacionalista de Sober) e 10 € (resto de persoas). Pódese consultar o programa completo aquí.




miércoles, 16 de mayo de 2012

"O problema real é o financiamento local e non se resolve cun endebedamento a longo prazo que é un negocio para a banca privada" [pleno-maio 12].

* Intervención de Paula Vázquez Verao, da Asemblea Nacionalista de Sober no pleno extraordinario do 11 de maio de 2011 no que se daba conta o plano de axuste elaborado polo goberno local de acordo co Real Decreto Lei 4/2012.


O goberno local presentou un plan de axuste, coa relación de obrigas pendentes de pago do Concello de Sober, para acollerse ao Real Decreto Lei 4/2010, que permite financiar o pago aos proveedores das entidades locais acolléndose a unha operación de endebedamento a longo prazo.
A Asemblea Nacionalista de Sober consideramos que é unha medida coxuntural e que non incide no problema de fondo que á a insuficiencia económica dos concellos, no que Sober é un exemplo de cómo cada ano se recorre a procedementos de recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas do ano anterior. Estamos a favor de que os proveedores do Concello cobren, pero non por esta vía de aprobar un préstamo sen saber as condicións.
O mecanismo de financiación non é un aporte de cartos ás administracións locais, para que elas os administren, senón a posibilidade de acollerse a unha liña de crédito que deberán reembolsar a longo prazo, co cal se apraza, simplemente, o problema do endebedamento municipal. É máis, aínda non se saben as condicións de como vai ser o crédito, de canto vai ser o seu interese, condicións que decidirá o goberno central, non os concellos, co cal se perde autonomía municipal.

Con todo, si sabemos que nos imos endebedar coa banca privada (o ICO será intermediario das entidades privadas), á que o Banco Central Europeo deu os cartos - os nosos, os de toda a cidadanía - ao 1% e agora elas darán préstamos ás entidades locais de toda a cidadanía a un mínimo do 5%, nun dos maiores roubos á poboación da historia europea.
Coa nosa oposición estamos dicíndo non a esta operación orquestrada polo goberno central, non ao plano de axuste presentado polo goberno local, que contén elementos positivos (coma a previsión de medidas de inspección tributaria ou as medidas de aforro en alumeado público), aínda que é insuficiente, porque non incide no esencial: adecuar as necesidades de persoal ás necesidades reais do Concello de Sober, sen perxuizo dos servizos básicos. 
Por outra parte, este Real Decreto beneficirá principalmente ás grandes empresas, as grandes acreedoras dos concellos. En Sober, un gran volume de facturas pendentes corresponden a FENOSA, e aquí non podemos deixar de resaltar a inxstiza que supón que as empresas eléctricas obteñan beneficios astronómicos pola explotación dos nosos ríos sen contrapartidas para esta zona en canto a aforro na factura da luz.
Con este decreto, na práctica, trasládanse as débedas das Autonomías áos Concellos. No caso galego, é evidente que se trasladan os problemas derivados dos recurtes dunha administración, a Xunta, aos concellos. Así, a Xunta acometeu un brutal recurte nos Servizos Sociais dende que goberna o PP e, por outra parte, vén de aprobar un decreto que deixa sen financiamento da Xunta no Servizo de Axuda no Fogar Básico aos concellos de menos de 20000 habitantes.

O problema de base é a insuficiente financiación das administracións locais, derivada dun modelo fiscal xeral inxusto, que pon o maior esforzo fiscal nas maiorías sociais traballadoras e que non persegue a fraude fiscal dos máis ricos. É o goberno da plutocracia, das persoas máis enriquecidas, en varios aspectos: non pagan en impostos o que lles corresponde e o Estado salva á banca privada e logo acóllese a préstamos coas entidades bancarias a un interese superior ao que o BCE lles deixou os cartos a estas - as mesmas entidades bancarias privadas que reparten astronómicas pensións entre os seus directivos ou que especulan en operacións de alto rico e logo non dán préstamos ás persoas que os precisan -. Todo isto, en lugar de impulsar unha banca pública ao servizo da economía real, como é as necesidades básicas que prestan as administracións.
Sen financiamento adecuado, as administracións non poden resolver as necesidades da maioría social, ergo non serven. Na práctica, os concellos coma o noso non teñen suficiencia financeira, apenas hai para inversións reais unha vez detraídos os gastos de funcionamento da propia administración - o gasto social é unha inversión valiosa, pero depende da Xunta e agora tamén da Deputación, e foi recurtado brutalmente pola Xunta.
Sen capacidade de elixir onde gastar, o que non hai é democracia real nas institucións locais, por inanición, por non podermos facer case nada máis que xestionar o existente. Cómpre unha reestruturación da administración local, pero en base a criterios de beneficio para as maiorías sociais e non en base a recurtes e centralización de servizos.

martes, 8 de mayo de 2012

Asemblea Aberta en Monforte - 9 de maio: por un novo proxecto común.

A Asemblea Nacionalista de Sober acordou, na súa xuntanza ordinaria de abril, mandar representantes ás xuntanzas que se celebren na zona e a nivel nacional para organizar un novo movemento político no noso País, coordinándonos así co resto de asembleas que están a xurdir por Galiza.
Así, participaremos na Asemblea Aberta polo Novo Proxecto Común que se celebra o 9 de maio en Monforte de Lemos.


viernes, 30 de marzo de 2012

Ausencia ao pleno do 29_M en apoio á folga e valoración do RD 4/2012 [pleno-marzo 12].

Foto: CIG.
As persoas representantes do nacionalismo en Sober como xesto de apoio á folga xeral non foron ao Pleno ordinario do Concello celebrado o xoves 29 de marzo.

O éxito do paro, sobre todo en Galiza, con manifestacións históricas nas cidades, non vén máis que a confirmar o rexeitamento social dunha Reforma Laboral feita a medida do gran empresariado e contra as clases traballadoras. Por iso, cómpre seguir na loita pola súa derrogación, á que a Asemblea Nacionalista de Sober vai contribuír cunha moción no Concello e coa divulgación do contido da reforma entre a cidadanía.

Un dos puntos a tratar no Pleno celebrado o día da folga foi a relación de obrigas pendentes de pago do Concello de Sober conforme ao Real Decreto Lei 4/2012 de 24 de febreiro, que permite financiar o pago aos proveedores das entidades locais. A Asemblea Nacionalista de Sober consideramos que é unha medida conxuntural que non incide no problema de fondo que é a insuficiencia económica dos Concellos, no que Sober é un exemplo de cómo cada ano se recorre a procedementos de recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas do ano anterior para as que non se dispoñía de crédito suficiente. Por outra parte, o mecanismo de financiación non é un aporte de cartos aos concellos, senón a posibilidade de acollerse a unha liña de crédito que deberán reembolsar a longo prazo, co cal simplemente se apraza o problema do endebedamento municipal.

Sobre este tema, recomendamos o artigo "Rescatar a los bancos del 1%, no a los ayuntamientos del 99%".

martes, 27 de marzo de 2012

Moción contra a Reforma Laboral e apoio á Folga Xeral do 29-M [pleno-marzo 12].


A Asemblea Nacionalista de Sober tén elaborada unha moción para presentar no vindeiro pleno ordinario para o rexeitamento da Reforma Laboral aprobada polo goberno do PP, pero a xente nacionalista de Sober non irán ao pleno municipal convocado para o xoves 29 de marzo amosando así o apoio á Folga Xeral convocada polo sindicalismo para ese día.

- Texto da moción -  

A administración central vén de aprobar unha reforma do réxime laboral que suporá un cambio sustancial no réxime das relación laborais. Estas medidas non van contribuír á creción de emprego nin a mellorar a estabilidade laboral, senón que do que do que se trata é de aplicar unha rebaixa nas condicións laborais poñendo como escusa a crise económica.

Da leitura desta reforma podemos interpretar, ao noso modo de ver, tres ideas clave…

1.- O abaratamento do despido como forma de alixeirar os custos de explotación en circunstancias adversas.

2.- A destrución progresiva dos dereitos laborais, da existencia do dereito do traballo ou da defensa e proteción de traballadoras e traballadores.

3.- A redución de salarios para obter beneficios pola vía da explotación e non polo aumento da produtividade.

Esta reforma laboral baseada nos recurtes e na eliminación de dereitos o que fai é burlarse da loita de traballadores e traballadoras que ao longo da historia defenderon unhas condicións laborais dignas. O que queren acadar é que o despido sexa máis barato, pasando de 45 a 33 días de salario por ano de servizo, cun máximo de 24 meses cando antes era de 42, aforrándose así os salarios de tramitación que corresponden, e por se non fose dabondo poderase despedir só con acreditar unha disminución de beneficios ou facturación en tres trimestres consecutivos, cando case todas as empresas están neste caso hoxe en día.
Por estes motivos, e sendo conscientes de que só en Sober non imos a ser capaces de derogar esta lei, sí podemos iniciar unha protesta por todos os concellos do País para tratar de acadalo. Polo tanto, a xente nacionalista de Sober, a través da concelleira Paula Vázquez Verao, solicita ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes acordos.

- Instar ao Goberno á derrogación desta norma e trasladar este acordo ao Parlamento Galego e ao Congreso dos Diputados.

Sober, 26 de marzo de 2012.

* Ligazón Folga Xeral do 29 de marzo - CIG

viernes, 2 de marzo de 2012

Acordo de constitución da Asemblea Nacionalista de Sober a partir do BNG de Sober.

A Asemblea Local do BNG de Sober, reunida o 28 de febreiro de 2012, acordou, por unanimidade, que continúen como concelleiro e concelleira nacionalistas de Sober as persoas que actualmente o son – Alfonso Campos Pérez e Paula Vázquez Verao –, sexa cal sexa a decisión de militar ou non no BNG. Paula Vázquez Verao cursou a súa baixa no BNG o 1 de marzo.

A Asemblea Local do BNG de Sober decidiu constituírse en Asemblea Nacionalista de Sober, na que se integrarán todas as persoas nacionalistas e de esquerdas de Sober, tanto a xente que curse baixa do BNG, como as que vaian quedar na organización ou coma as persoas simpatizantes. Esta asemblea seguirá a funcionar segundo un modelo asembleario, en base a consensos, respectando o pluralismo e onde cada persoa conte, milite onde milite.


A nosa prioridade seguen a ser os problemas das maiorías sociais de Sober, e niso seguiremos a traballar. No inmediato, divulgaremos o retroceso nos dereitos da clase traballadora que supón a nova reforma laboral, a través dunha moción, ou denunciaremos os recurtes nos servizos públicos, nomeadamente na Sanidade, que tamén repercuten directamente en Sober no noso Centro Médico.


Continuaremos defendendo o programa electoral polo que nos presentamos ás eleccións municipais (consultar aquí), e mantendo a dinámica de respostar ás demandas sociais mediante o diálogo aberto, xuntanzas veciñais, asembleas abertas, etc, organizándonos a través da Asemblea Nacionalista de Sober, aberta a aquelas persoas soberinas nacionalistas de esquerdas que o desexen.