sábado, 8 de febrero de 2014

Anova e AGE reclaman medidas concretas de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra

 
As asembleas de Anova do sur lucense apoian a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e reclaman plans concretos de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra. 

Alternativa Galega de Esquerda reclama que a Xunta poña en marcha un plan de dinamización económica e medioambiental con cronoloxía e memoria orzamentada e outro de preservación, restauración, divulgación e investigación do patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra. 
 
As administracións implicadas neste territorio deben poñer en marcha xa, sen agardar á distinción, un plan de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra con actuacións concretas urxentes en valores patrimoniais en perigo, como é o rico patrimonio inmaterial neste territorio envellecido. A través de AGE, presentamos estas reivindicacións á Xunta de Galiza.


* POSTURA DE ANOVA SOBRE A FIGURA DE PATRIMONIO DA HUMANIDADE PARA A RIBEIRA SACRA

A consecución da figura de Patrimonio da Humanidade da UNESCO sería algo moi positivo para a Ribeira Sacra, pois implica que a zona sexa declarada de especial protección e que deberá ser conservada como patrimonio común da humanidade. Ademais, podería optar a financiación por parte da UNESCO. Alén da importancia cultural, ética e humana que supón esta distinción, daría un pulo ao turismo e á vitivinicultura na zona, como xa ten sucedido noutros lugares declarados Patrimonio da Humanidade.

Mais esta figura por si soa non garante a preservación e mellora do estado do Patrimonio da zona así galardoada, senon que precisa unha participación activa da cidadanía e unha implicación efectiva das distintas administracións que actúan sobre o territorio, que deben manter e conservar o patrimonio cultural herdado e protexer o medio ambiente. Esíxese un especial coidado das administracións no caso da Ribeira Sacra, pois non se trata só dun monumento ou conxunto patrimonial ou dunha soa cidade, senón de todo un territorio con infinidade de patrimonio moi variado, para o cal non contamos con sitios semellantes declarados patrimonio da humanidade no Estado Español (podería semellarse co conxunto das igrexas románicas do Vall de Boí, en Catalunya, ou coa Serra da Tramuntana, en Mallorca), tendo que buscar referencias máis semellantes no Alto Douro, en Portugal, ou en Cinque Terre, en Italia, exemplos que a Comisión que dirixe a candidatura da Ribeira Sacra debería ter en conta.


A distintinción da RS como Patrimonio da Humanidade non pode supoñer, en ningún caso, unha musealización mal entendida da zona: ten que ser un territorio vivo onde as comunidades veciñais se impliquen na súa vida económica e cultural.

O territorio coñecido coa denominación “Ribeira Sacra”, que engloba ás comarcas caldelá, limesa, á de Quiroga e á de Chantada, incluíndo Portomarín e parte de zona ourensá e de Trives, ten singularidades paisaxísticas e culturais que a convirten nunha paraxe única: a xeomorfoloxía, con sendos canóns de Sil e Miño que conforman escarpadas pendentes onde se desenvolveu o cultivo en bancais, unha das obras humanas máis impresionantes do mundo; o clima, mediterráneo nos canóns, que mixtura a influencia continental, atlántica e mediterránea e orixina unha vexetación e fauna variada; o inxente patrimonio cultural, sendo un territorio tremendamente humanizado e con restos arqueolóxico-artísticos dende as primeiras etapas da humanidade: os achádegos paleolíticos na depresión de Lemos, o importante conxunto de petróglifos do sur de Lugo, os numerosos castros e restos romanos, especialmente a minaría romana en Quiroga e os enclaves de Castillón, Proendos e San Vicente, os retallos arquitectónicos altomedievais, unha concentración de arte románica das máis importantes de Europa, castelos e torres medievais, o Barroco dos mosteiros e igrexas e as importantes obras da cidade de Monforte e numerosas obras de arte popular e arquitectura civil e eclesiástica de todas as épocas.
Conta ademais con enormes potencialidades agro-gandeiras e no sector artesanal, que posibilitarían a vida digna nesta terra de moita xente que segue a emigrar dela.

Asemade, sofre ameazas que esixen unha especial atención das administracións. Un dos maiores ataques sufridos pola zona (e que pon en risco a propia candidatura a Patrimonio da Humanidade) é o sobre-aproveitamento hidroeléctrico, do que se benefician as grandes empresas eléctricas sen que supuxera nunca beneficio para a poboación da zona (os encoros destruíron a paisaxe, anegaron as mellores terras, expropiadas a prezos irrisorios, racharon as prósperas relacións entre ribeiras, empregaron man de obra represaliada e en precarias condicións laborais e nunca supuxeron beneficios tarifarios na electricidade). Tamén é preocupante a escasa rede de saneamento coa que se conta na zona lucense, coa conseguinte contaminación dos ríos e regatos, a excesiva contaminación por produtos fitosanitarios das terras da ribeira, falta de apoio ao sector leiteiro, nula ou inefectiva política de control da praga dos incendios forestais ou carencia de redes de transporte público.
Falamos, ademais, dun territorio especialmente envellecido (concellos dos máis envellecidos do mundo) e de baixo nivel de renda en comparación con outras zonas de Galiza.

Dende Anova, cremos firmemente que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade debe ser unha oportunidade de implicar á cidadanía na conservación e coñecemento do noso patrimonio en todos os sentidos, toda vez que no proceso da candidatura, o ICOMOS, órgano consultivo para patrimonio cultural, encargado de emitir un ditame previo á valoración da candidatura polo Comité da UNESCO, se entrevistará coa sociedade civil durante o proceso. Así, a campaña cidadá non pode reducirse á recollida de sinaturas en puntos da zona nin a campañas unidireccionais nas redes sociais. É un paso positivo neste sentido o abrir a posibilidade de adhesión ao convenio de colaboración para a promoción da candidatura a entidades públicas e privadas; precisamente, dende Anova consideramos que é vital que na Comisión Mixta de Execución e Seguimento de dito convenio se faga especial esforzo por implicar activamente á sociedade civil, especialmente ás asociacións culturais que loitan pola conservación do patrimonio.
Cremos que o proxecto final da candidatura debe ser elaborado participadamente pola cidadanía da zona da Ribeira Sacra, por iso pedimos que a elaboración por parte de persoas expertas do “informe técnico onde se sinalen os valores naturais e culturais do territorio” conte coa participación de ditas entidades culturais da zona para a súa elaboración.

A implicación da cidadanía e a concienciación pasa tamén polo ensino, pois – como sinalou Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento – “é a tavés do ensino como se pode concienciar ás xeracións futuras da importancia do noso, que debe ser un proceso participativo, con implicación da sociedade civil, de abaixo cara arriba”. Concretamente, poderíanse promover unidades didácticas sobre a RS nos centros de ensino para os distintos niveis, implicando á comunidade educativa. Sen ensinar o que somos non poderemos conseguir que os nenos e nenas de hoxe valoren o patrimonio herdado mañá.

Tamén solicitamos o mantenmento dunha colaboración estreita das entidades promotoras da candidatura co sector vitícola, a través das súas asociacións e da Denominación de Orixe RS, por ser un dos sectores máis implicados na conservación do cultivo de viñedo en bancais, o principal sinal de identidade da Ribeira Sacra.

A implicación da cidadanía, e especialmente de viticulturas e viticultoras, é vital para a viabilidade do proxecto, por canto existe descoñecemento e temor sobre o que vai significar a figura Patrimonio da Humanidade e lamentamos que a utilización partidaria que o PP do sur de Lugo fixo desta cuestión esté a contribuír a acrecentar a desconfianza. Toda vez que foi o PP quen permitiu o sobreaproveitamento hidroeléctrico no Miño e no Sil ou as plantacións de especies pirófitas na zona. O patrimonio hai que defendelo non só cando pode dar réditos electorais. Cómpre, pois, unha campaña explicativa sobre o que significa no concreto ser Patrimonio da Humanidade e cómo se vai xestionar dende as administracións.
A candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade é tamén unha magnífica oportunidade para adoptar o compromiso por parte de todas as administracións de pular pola distinción do patrimonio inmaterial galego-portuguesa como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Saudamos neste proxecto a colaboración das deputacións provinciais de Lugo e Ourense na promoción da candidatura, pois é a lóxica que se debeu ter seguido dende hai décadas neste territorio que non entende de divisións provinciais, alonxándonos así doutros tempos nos que a rivalidade interprovincial entre administracións manexadas de xeito caciquil orixinou un dos máis graves (e dificilmente resersíbel) atentados ecolóxicos e paisaxísticos da zona, despois dos encoros: a mutilación da fervenza dos Chancís para a construción do embarcadoiro do catamarán do lado de Lugo, escollendo o sitio coa única motivación de non situalo no enclave de acceso natural, que cadraba en fronte do embarcadoiro de Ourense. Esperpéntica historia que é significativa de ata qué niveis de indignidade chegara o tratamento que as administracións concedían ao noso patrimonio natural.

Dende Anova, solicitamos, ademais, ao PP, partido que ostenta nestes momentos o goberno central e o da Xunta, que acometa un plan de inxección económica neste territorio, un plan de desenvolvemento rural, e que poña as medidas para resolver as principais eivas no estado do noso patrimonio en todos os sentidos. A candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade debe ir acompañada xa (sen agardar á obtención da distinción) dun plan de conservación e estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra por parte das administracións implicadas (especialmente Xunta e Deputacións). Concretamente, podemos comezar polas seguintes actuacións:



- plan para protexer e dar a coñecer o conxunto de petróglifos do sur de Lugo.

- plan de conservación e divulgación do patrimonio románico.

- musealización do castro de San Vicente (Monforte) cun Obradoiro de Emprego.

- rehabilitación de San Paio de Abeleda e do pazo obispal de Diomondi.

- mellora dos accesos e iluminación da igrexa de Pesqueiras (Chantada).

- restauración das pinturas murais da igrexa de San Vicente de Pinol (Sober).

- plan de conservación da olería tradicional; preservación das barreiras locais das que se usa o barro para a olería de Gundivós.

- plan de recollida da cultura inmaterial dos concellos que conforman a Ribeira Sacra.

- proxecto de arquivo documental de libros e documentación familiar e parroquial.

- catalogación de árbores senlleiras.

- plan coordinado de eliminación de vertedoiros incontrolados.

Anova: asembleas de Chantada, Lemos e Sober.
Galiza, xaneiro de 2014.
 

lunes, 3 de febrero de 2014

Pleno ordinario do 30 de xaneiro: propostas construtivas e debate ideolóxico [pleno ordinario-30-I-2014]

O pleno aprobou por unanimidade a proposta de Anova de crear un Consello Sectorial de Turismo para implicar á cidadanía e ao sector na estratexia turística. Para facer unha proposta concreta de composición deste organismo, reunirase á xunta de portavoces municipais.

I. A acta anterior foi aprobada por unanimidade.

II. Entre os decretos da Alcaldía dende o pleno anterior, estaba unha factura emitida polas novas portas de cristal do Concello, por importe de 6.267,80 €
No pleno explicóusenos que o cambio das portas se fixo mediante unha subvención da Xunta, co cal o Concello só tivo que aportar unha mínima parte. 
Con todo, a oposición valoramos en conxunto que a Xunta debería adicar prioritariamente os seus fondos a servizos básicos e non a liñas de axuda para gastos suntuarios, como invertir case un millón das antigas pesetas (aportación da Xunta) nunhas portas dun edificio municipal nun contexto de grave crise social.

III. Aprobouse a ordenanza fiscal que regula o prezo público da venda de material e produtos promocionais pola Feira do Viño de Amandi.
A concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao votou a favor por estar ben redactada e os prezos acaídos ao material vendido, así como por estar de acordo co obxecto da ordenanza: facer oficial o recadado por venda de material por parte do Concello na Feira do Viño.

* A guía turística que se venderá é un libro das aventuras dos Bolechas en Sober, do cal se fará unha presentación para o público infantil antes da feira deste ano.

IV. Aprobouse a ordenanza fiscal reguladora do prezo público da "Festa dos Avós", que será de 10 € para persoas empadroadas e 20 € para o resto. No caso de parellas cunha das persoas empadroadas en Sober, o prezo será de 10 € para cada membro da parella.
Votamos a favor por estar de acordo co obxecto da ordenanza: regularizar a recaudación do Concello o día desta festa, mantendo o prezo que tiña ata o de agora.

V. Modificación dos Estatutos do Consorcio da Ribeira Sacra, para incluír a Ribeira Sacra Rural e ao Concello de Bóveda no Consorcio.

VI. Recoñecemento extraxudicial de créditos.
Este ano recórrese a este procedemento (como cada ano) para facer fronte a gastos de aproximadamente 56.000 €. A nosa postura foi a abstención.

outros asuntos


MOCIÓN do PSdG-PSOE pola retirada do anteproxecto de nova lei do aborto.
Tras un animado debate, no que o PP recoñeceu que non estaba de acordo coa lei Gallardón e que a intención era regresar ao "consenso" da lei de 1985, a moción do PSOE foi rexeitada cos votos en contra do PP e os 4 votos a favor da oposición. Dende Anova, a concelleira Paula Vázquez Verao propuxo a engádega dun punto á moción, que foi aceptado: "garantir que dende o goberno do Estado se garanta o dereito das mulleres a decidir sobre o propio corpo".

MOCIÓN do PSdG-PSOE por un plan de emprego para a provincia de Lugo, rexeitado cos votos en contra do PP. Aquí o debate xirou en torno á visión optimista do PP en canto aos datos do paro e os argumentos da oposición, que resaltou que a emigración é unha lacra social que amosa o fracaso do PP en canto ás políticas de emprego.

MOCIÓN do BNG rexeitando a suba de cotizacións das persoas autónomas, rexeitada cos votos en contra do PP.

MOCIÓN do BNG para a obrigatoriedade da venda de viño de Amandi etiquetado nos postos de comida da Feira do Viño. Por unanimidade, o pleno aprobou que dende o goberno local se fará o posíbel para garantir a existencia de viño de Amandi etiquetado nos postos que sirvan comida na feira do Amandi, xa que o municipio non ten competencias para esixilo. Ademais, entregaranse carteis a estes postos para que indiquen que teñen viño de Amandi.

MOCIÓN de Paula Vázquez Verao, en nome de ANOVA, para que se constitúa no Concello de Sober un Consello Sectorial de Turismo na que estén presentes todos os axentes sociais e económicos implicados no sector turístico do municipio, incluíndo ás persoas portavoces de todas as forzas políticas, para deseñar en conxunto a estratexia turística do Concello para o ano 2014, con vontade de continuidade no tempo en vindeiras tempadas turísticas.

A proposta de creación do Consello Sectorial foi aprobada por unanimidade. En canto ás propostas concretas para mellorar o Turismo, foron retiradas da moción, para debate directamente no Consello Sectorial, e porque xa se está a traballar en moitas delas, como é o caso do viñedo experimental dos Chancís. Tamén se reclamará de novo á Deputación o arranxo dos pantaláns de Chanteiro e dos Chancís.

preguntas e rogos formulados por Paula Vázquez Verao:

- A proposta de excavación voluntaria nun castro de Sober foi retirada para ser debatida polo Consello Sectorial de Turismo cando se cree.
- Sobre o proxecto de gasolineira que se ía facer na finca de San Martiño (Couso), o Concello sabe que o proxecto se retomou hai un mes por parte dos promotores, pero aínda non está iniciado o trámite administrativo no Concello.
- Á pregunta de por que non se contratou a persoal de información turística en 2013, o Concello informou que a Xunta non concedeu esta praza, e que o servizo estivo cuberto por outras traballadoras do Concello. En 2014, esta necesidade cubrirase no verán cunha das prazas do plan de emprego xuvenil.
- Dende Anova pedimos que as prazas do plan de emprego xuvenil se anuncien con tempo para que a xente moza que estuda fóra poida optar a elas. Informouse que sairán cara o mes de maio.
- En canto ás humidades do local de Neiras, que son por culpa dun problema estrutural do edificio, o Concello traballou este mes para arranxalas, co cal para o Entroido a parroquia poderá desfrutar do local sen humidades.

jueves, 30 de enero de 2014

Iniciativas e preguntas para o pleno ordinario de xaneiro


Algunhas das cuestións que Anova leva ao pleno de hoxe a través da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao.

- MOCIÓN

- Para a creación dun Consello Sectorial de Turismo, para implicar á cidadanía e ao sector no deseño da estratexia turística municipal. Ver aquí.

- ROGOS
- Que o Concello teña en conta a posibilidade de promover, buscando financiamento en Xunta e Deputación, unha excavación no castro de Sober (ou noutro castro do Concello) recorrendo a persoas voluntarias, imitando proxectos coma a excavación do castro de Mallou, en Carnota.

PREGUNTAS

- Sobre o proxecto de gasolineira en Sober. 

- Por que durante 2013 non se contratou a praza de Información Turística que viña ocupándose todos os anos?

- Cando sairán a concurso as prazas de emprego no verán para desempreados/as mozos/as? ROGO: que se publiciten con tempo, usando tamén as redes sociais, para que a mocidade do Concello que está fóra durante o resto do ano poida enterarse.

- Hai algunha actuación prevista para arranxar os problemas de humidades que sigue a haber na Casa da Cultura?


- Tense previsto actuar colaborando coa asociación veciñal de Neiras para atallar o problema das humidades da casa da Escola, que deterioran terriblemente o edificio?

E outra serie de cuestións das que informaremos para a semana, con todos os detalles do Pleno.

lunes, 27 de enero de 2014

Pola creación dunha Consello Sectorial de Turismo en Sober, implicando á cidadanía e ao sector


Anova reclama que se constitúa no Concello de Sober un Consello Sectorial de Turismo na que estén presentes todos os axentes sociais e económicos implicados no sector turístico do municipio, incluíndo ás persoas portavoces de todas as forzas políticas, para deseñar en conxunto a estratexia turística do Concello para o ano 2014, con vontade de continuidade no tempo en vindeiras tempadas turísticas.
Trátase de implicar á cidadanía e a todo o sector no deseño da estratexia turística municipal.

Tamén se propoñen medidas concretas para mellorar a estratexia turística do Concello. 

A petición rexistrouse vía moción para ser debatida, se é o caso, no pleno ordinario do xoves, 30 de xaneiro de 2014.
* Pódese consultar aquí. 

viernes, 10 de enero de 2014

Deficiencias na recollida de lixo en Sober


Foron varias persoas as que nos avisaron de que había retrasos na recollida do lixo dos contenedores verdes nalgúns lugares de Sober, mentras noutros funciona correctamente. 

Nun pleno, o goberno municipal asegurara que o dos retrasos se ía solucionar.

Lembrade que a privatización do servizo do lixo fora aprobada polo pleno de abril de 2013, coas seguintes condicións:

"Que custe o mesmo e que se amplíen os servizos, duplicando no verán a frecuencia de recollida, ampliando contenedores amarelos e de papel, incluíndo o servizo de recollida a domicilio de materiais pesados, recollida de plásticos agrícolas e xestión do punto limpo pola mesma empresa. Ademais, inclúese nos servizos o lavado de contenedores, unha vella demanda do nacionalismo en Sober."

No Regulamento do servizo de recollida de lixo, aprobouse que a recollida habitual sería semanal, pero hai algúns contenedores verdes que quedan máis tempo sen recoller.

De aquí ao pleno de finais de xaneiro recopilaremos información sobre a situación do servizo de recollida do lixo en Sober e levaremos ao pleno as deficiencias que detectemos.

jueves, 26 de diciembre de 2013

Asemblea o 26 de Nadal: boas festas!


Boas Festas! Que no ano 2014 continúe a loita e a esperanza dun mundo mellor.

En Anova Sober celebrámolas con asemblea o 26 de decembro para falar sobre cuestións municipais e sobre as eleccións europeas (debate do programa).

Non vos pasedes coa cea de Nadal! Aproveitemos para reclamar a soberanía alimentaria dos pobos do mundo.

lunes, 2 de diciembre de 2013

Fronte Ampla cos anteollos lila


* Intervención no debate organizado por Anova en Vigo o 1 de decembro de 2013.

Debatemos en Anova, no marco da nosa chamada a constituír unha expresión electoral dunha fronte ampla para as eleccións europeas (maio de 2014), sobre o feminismo e a fronte ampla, e considerei comezar por analizar a presenza feminina nos diversos encontros políticos que tiveron lugar nestes meses de cara a viabilizar esa “fronte ampla” [a iso corresponden os esquemas das imaxes, nos que cada símbolo, feminino ou masculino, representa a unha persoa participante nas conversas]. O resultado foi a evidencia da minoritaria presenza feminina, algo que non podemos aceptar como casualidade, nin como “natural”, senon que é o síntoma dun feito estrutural que tamén vivimos no seo das organizacións políticas pretendidamente da esquerda transformadora: a dominación da muller, a subordinación feminina.

É evidente a necesidade de máis feminismo dentro das organizacións de esquerda; feminismo como un elemento central da emancipación humana que (teoricamente) perseguimos. Temos o feminismo, de feito, en Anova, como principio fundamental.

Mais, analicemos a teoría e a praxe respondendo ás seguintes preguntas: que achegar dende Anova ao movemento feminista? Como deconstruír o patriarcado na nosa propia organización.

Sobre o papel, a estrutura de Anova e as normas que nos dimos favorecen a participación feminina, fundamental para acadar os nosos obxectivos transformadores.

Entre os nosos principios ético-políticos temos o feminismo e o antipatriarcado, o igualitarismo e a loita contra toda caste de dominación. Un dos principios organizativos é a proporcionalidade de xénero nos distintos órganos (60-40% como mínimo). Ademais, na pasada IAN aprobamos que “as asembleas locais deben comprometerse a traballar para lograr un número paritario de mulleres e homes militantes” e a CN foi elixida co principio de paridade ao 50% entre xéneros.

Mais as normas non bastan, cómpre traballar no cambio social da igualdade home-muller, comezando nós por ter uns comportamentos distintos na nosa organización.

 Así, asumimos COOPERACIÓN como principio ético-político, antitético de competición, por ende, de dominación e propugnamos “a toma de conciencia das situacións de discriminación de xénero e a realización de accións encamiñadas a superalas”.

Para iso, por unha parte, creamos o grupo de Acción Feminista e dotámonos de liñas programáticas básicas que debemos desenvolver na acción social e institucional:

- igualdade home-muller no eido laboral.
- medidas para a erradicación da violencia machista.
- defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos (aborto libre e gratuíto – dereitos LGTB).

En fin, en teoría podemos, e debemos, aportar moito ao movemento feminista: ideas, colaboración, non instrumentalización (de feito: un exemplo é a maneira en que participamos na plataforma polo dereito ao aborto), proxección das súas demandas nas institucións…

Na praxe: conseguimos rematar co patriarcado na organización? É evidente que non, porque é un obxectivo que non se logra en pouco tempo, trátase dun proceso. Estamos no camiño pero persisten comportamentos e feitos que evidencian que o patriarcado é un pouso fondo na sociedade, tamén en nós:

- asembleas locais sen ningunha muller militante.
- menor participación activa das mulleres en asembleas e órganos de coordinación.
- incapacidade para resolver situacións con diálogo: moitas reunións son “pelexas de galos”.
- lareteo anónimo e destrución da imaxe pública de compañeiros e compañeiras sen ter vontade de falar claro, con tranquilidade, con todas as críticas que se poden e deben expor cara a cara.
- non prestar atención á conciliación da vida cotiá coas cuestións “orgánicas” e políticas.

En fin: aínda baixa participación de mulleres e persistencia de mecanismos de dominación. Non é unha cuestión nova. As “Mulleres Libres”, agrupacións feministas anarquistas da España do 36-39, atopaban este mesmo problema no seo de quen se dicían “libertarios”.

 E, en canto á “fronte ampla”, que temos que dicir as feministas de Anova?

Son necesarios os anteollos violeta nesta cuestións. Son IMPRESCINDÍBEIS, como en todo. Como tamén é IMPRESCINDIBLE a fronte ampla para acadar o cambio que propugna o feminismo. Mais que nunca, faise duramente verdade a máxima de Rosa Luxemburgo: ou socialismo ou barbarie. Por iso, precisamos unha FRONTE AMPLA, unha unidade popular, un deseño colectivo de alternativas ao sistema, participativo, da maioría social, non de elites ou grupúsculos autorreferenciais.

Para que?

- deter a ofensiva da clase dominante contra a maioría social, deter o aproveitamento da crise como coartada para destruír dereitos.
- acumulación de forzas políticas e sociais para botar abaixo o réxime podre da transición e encetar procesos constituíntes nas nacións do estado co mínimo común de: dereito de autodeterminación, programa alternativo á troika.

En Europa, precisamos unha rebelión contra a mal chamada austeridade e contra a débeda que nos esmaga aos pobos do sul. É vital a unión das esquerdas das periferias europeas e vital construír un programa mínimo común. A fronte ampla é programa común, propostas alternativas á barbarie do poder. Non o temos aínda, cómpre traballalo máis. Para iso: temos que poñernos por riba da cuestión electoral e pensar nos nosos obxectivos estratéxicos. Audacia, responsabilidade e xenerosidade. Esta acumulación de forzas (que é un proceso, non é algo puntual) é vital para as mulleres: o feminismo debe entender que precisa artellarse mellor a nivel internacional.

En canto a qué alianzas e pactos? A lectura feminista exclúe, a priori, a quen non acepta como principio a non dominación e a loita contra o patriarcado. Mais, afotunadamente, non se dá o caso de forzas políticas e sociais que aposten pola fronte ampla que non sexan feministas (outra cuesitón, é, como xa vimos, a praxe e o alcance real dentro das organizacións, no que aínda nos queda camiño).

A proposta de Anova é non excluínte: quen recoñeza o dereito de autodeterminación dos pobos e se recoñeza na esquerda e pola creba democrática do réxime e contra as imposicións da troika.

E ten dúas fases:
- alianza en Galiza.
- alianza cos outros pobos do Estado.

E debe completarse – máis aló do plano electoral – cunha alianza da esquerda europea, especialmente dos países da periferia. No noso caso, aproveitemos as eleccións europeas para tecer lazos co movemento feminista europeo. 

 

Sabendo que as eleccións ao Parlamento europeo non resolven os problemas da UE, porque a arquitectura institucional e económica desta é antidemocrática, podemos aproveitar as europeas para identificar e visibilizar problemas das mulleres en Europa e tecer lazos co movemento feminista de outros países: poñamos na axenda política aquelo que afecta á metade da humanidade e do que sempre se fala en segundo lugar.
- terrorismo machista: principal causa de morte das mulleres mozas e adultas.
- feminización da pobreza (25% das mulleres da UE-28 en risco de exclusión social).
- macro-redes de tráfico de persoas, fundamentalmente mulleres, e prostitución forzosa: cómpre un debate moi público sobre a prostitución en Galiza.
- desigualdade laboral home-muller: menor taxa de actividade feminina, menor remuneración laboral, maior temporalidade (32% emprego parcial fronte ao 9% nos homes).
> Precaridade nas mesmas marcas que fomentan unha imaxe esterotipada da muller e que se apropiaron do feminismo de xeito terxiversado, “carnavalesco”, como explica Naomi Kelin en No Logo, onde tamén se ve como esas grandes marcas explotan fundamentalmente a mulleres en todo o mundo. Ese sistema é o que nos reservan aos estados do sul de europa.
- unha historiografía negadora. Como, se non, non temos a caza de bruxas vivida en Europa coma un fito fundamental da historia do continente? Máxime cando, como sinala Silvia Federicci, ten unha correlación directa coa instauración do capitalismo e a división social do traballo. Orixe do control do estado sobre o corpo da muller: o control da reprodución da forza de traballo.
- exclusión social de anciás e discapacitadas.
- asunción dos coidados, cada vez máis, coa destrución do xa escaso estado de benestar.
- a desaparición das labregas, da cultura labrega fronte ás multinacionais da alimentación.
- transtornos alimenticios, a distorsión na visión do propio corpo.
- retroceso xeral nos dereitos sexuais e reprodutivos.

En fin, os anteollos violeta, tan necesarios, debemos telos sempre, en todas as actuacións de Anova; tamén os anteollos verdes (tan relacionado ecoloxismo e feminismo), na arela que nunca debemos perder de vista: a transformación social, a superación deste sistema depredador que nos deshumaniza e que as mulleres vivimos con maior crudeza.

Feminismo, ou barbarie.

Paula Vázquez Verao, decembro de 2013.