domingo, 4 de mayo de 2014

Unha xornada pola lingua en Ferrol: normalización, medios en galego, estratexia reintegracionista para a lingua e Carvalho Calero na lembranza

O 27 de outubro de 2013, o grupo de mocidade de Anova acudiu a Ferrol a reflexionar sobre a lingua e os xeitos de garantir os dereitos lingüísticos do pobo galego e de como parar o etnocidio que vivimos, coa lingua nunha situación dramática, patente na propia cidade de Ferrol, onde a mocidade apenas fala galego.

* Dúas experiencias heroicas para a normalización da lingua: a Coordinadora de Equipas de Normalización Linguïstica de Ferrol e Avoaescola Sociedade Cooperativa Galega.

Manolo Pazo, presidente da Coordinadora de Equipas de Normalización Linguïstica de Ferrol, explicounos a orixe das coordinadoras de normalización linguïstica nos centros de ensino como estratexia que asumiu o propio profesorado consciente da situación do galego, sen apoio da administración, ao constatar que a Lei de Normalización Linguïstica aprobada polo Parlamento Galego en 1983 non se estaba a cumplir a inicios dos 90'.
Unha serie de mestres e mestras en todo o país asumiron a tarefa de poñer en marcha, con dificultades, estratexias de normalización do galego, de dignificación da lingua en medios onde esta se falaba e ata de dar a coñecer a propia lingua a rapaces e rapazas en medios urbanos que, coma Ferrol, contaban con escaso número de galegofalantes.
En Ferrol os comezos foron difíciles pero, a estratexia adoptada – que a normalización da lingua non quedara dentro dos muros do instituto e atinxira a toda a sociedade – pronto deu froitos en forma de multitudinarios concertos de grupos en galego (Festival da Mocidade coa Lingua), cinema en galego ou concursos literarios.
Así, o profesorado asumiu o que debería ter feito a administración, colleitando éxito e demostrando que, de ter impulsado a Xunta fraguiana a labor normalizadora que o profesorado das equipas de normalización linguïstica levou adiante de xeito heroico, a desaparición de falantes de galego non tería sido tal: o pobo quería fala!

Francisco López, presidente da Cooperativa Popular Avoaescola, presentounos o proxecto de escolas infantís en galego que pretende ser unha rede popular que permita o dereito á escolarización en galego e un ensino democrático e de calidade na etapa infantil.
A sociedade creouse como cooperativa de ensino, aberta á colaboración popular.
O seu primeiro centro é a Avoaescola de Ferrolterra.

- Avoaescola Cooperativa: http://www.galizacogalego.com/
- Escola de Ensino Galego Semente: http://sementecompostela.com/



* Homenaxe a Carvalho Calero diante da súa casa natal: metáfora do estado de Ferrol e da nosa nación.

Diante da casa natal de Ricardo Carvalho Calero fixemos ofrenda floral, tivemos música en directo coa xente da Liga Gaiteira Galega e, logo dunha introdución á obra de Carvalho Calero, entoamos o himno galego ante a atenta mirada dun veciño que sacara a pasear á súa simpática bulldog francesa con colar modelo bandeira de España; “eshta nosche lo quito todo”, díxonos. Meses despois da nosa estancia alí caeu o muro medianeiro da casa do escritor ferrolán ;-)

Aproveitamos para dar un paseo por Ferrol Vello, ameazando ruína, e para coñecer arquitectura modernista de Ferrol, o trazado ortogonal das súas rúas e a permanencia de simboloxía franquista nalgunha fachada. Reflexionamos sobre a decadencia da cidade de Ferrol, cuns niveis de desemprego intolerábeis e sendo a unha cidade que perde poboación, como imaxe do que o noso país será dentro duns anos se non lle poñemos remedio.


* O galego nos medios de comunicación: entre o compromiso e a loita pola supervivencia.

Pituca, de Radio Fene, falounos da experiencia de botar a andar (e continuar) unha radio loca en galego no ano 1984; unha radio que nacía para ser plural, en galego e participativa.
Aprendemos que as radios locais son medios estupendos para a normalización do galego, porque permiten manter a fonética de cada zona do país.
Nos 80' varias radios de ámbito local comezaron a súa andaina, non sen dificultades. Radio Oleiros creouse en 1980 e pechou aos 70 días por orde do gobernador civil; en Fene, a radio conseguiu levarse adiante grazas á mobilización popular.
En 1988 creouse a EMUGA (Emisoras Municipais Galegas), xerme de Radiofusión en 2006, emisora en galego que trata de sobrevivir á crise (fomentada dende a administración galega) dos medios en galego (http://www.radiofusion.eu).
Sinalouse que en 2010 e 2011 a Xunta non convocou axudas para radios locais e que nas ordes de 2012 e 2013 especificouse que a estas axudas non podían acollerse asociacións, o que deixa fóra á maioría das radios locais (en galego).

Sara Torreiro, moza xornalista, falounos da crise dos medios en galego e reflexionamos sobre a responsabilidade dos/as propias xornalistas e da cidadanía á hora de consumir e crear contidos en galego.
Tamén analizamos con exemplos que, no noso país, os medios en galego van ligados a información plural, independente e de calidade.
Sara analizou a influencia positiva de Xornal, un medio que entendía Galiza como espazo de comunicación diferenciado e do que saíu unha importante canteira de xornalistas.
Sinalouse a necesidade de subvencións equitativas para os proxectos editoriais.
Tamén debatemos sobre a necesidade do asociacionismo para o sostemento de medios en galego, da rede como espazo para a independencia informativa ou da necesaria transparencia nas adxudicacións da publicidade institucional.

* Máis aló dunha normativa: a estratexia reintegracionista para o galego.

Da man de Miguel Penas, presidente da AGAL, repasamos a evolución da construción da normativa da lingua galega, dun padrón culto, seguindo unha estratexia diferencialista do portugués, ao compás do desenvolvemento da Autonomía.
Cunha ilustrativa e didáctica exposición repasamos a historia da nosa lingua, a mesma que se fala en Portugal e nos territorios de colonización portuguesa.
No debate, reivindicamos a necesidade de por fin ao enfrontamento de grafías e asumir a tolerancia mutua e mesmo a idea de camiñar cara o binormativismo; ademais, comprendimos que o obxectivo da AGAL non é só unha normativa, senon unha estratexia de mantemento e vivencia da nosa lingua da man da “galaicofonía”, aproveitando os espazos e oportunidades que ese mundo nos abre.

Marchamos da cidade do Naval con numerosas temáticas que discutir para o noso programa político - binormativismo, xeitos de apoio aos medios en galego, estratexias de normalización do idioma, defensa dun ámbito informativo galego... - e coa firme convicción de que somos unha nación sen estado que se constrúe a sí mesma, aturando a galerna da administración autonómica que goberna ao revés do cometido polo que foi creada. Nas mestras que crearon literatura para poder ensinar galego, nas equipas de normalización dos anos 90', nas persoas que cooperan para ofrecer ensino en galego, no reintegracionismo que crea materiais didácticos, nas radios locais ou nas redaccións dos xornais pelexando por dar a información en galego latexa un pobo emancipado que persegue a súa soberanía, o seu dereito a ser.

- Crónica de Paula Vázquez Verao, na véspera das Letras 2014.

miércoles, 23 de abril de 2014

Deslinde no Reboredo entre Sober e Monforte

 

Hoxe, 23 de abril de 2014, unha comisión do Concello de Sober convocou ao Concello de Monforte no Reboredo para aclarar os límites de ambos concellos en terreos do Reboredo, na zona do Polígono Industrial.
Ao non comparecer representantes do Concello de Monforte, comprobouse a documentación e marcos in situ, así como testemuñas de veciñanza, e con iso redactarase unha acta que se remitirá ao Instituto Xeográfico Nacional e continuará o proceso.
Ao acto acudiu veciñanza de Neiras, da cal hai persoas afectadas por unha apropiación de terreos particulares - tamén no Reboredo - por parte do Concello de Monforte, que os vendeu a SIGALSA.
Seguiremos informando.


martes, 15 de abril de 2014

Balance de dous anos de traballo político municipal

En febreiro de 2012, practicamente toda a asemblea local nacionalista de Sober constituíamos a Asemblea Nacionalista de Sober, onde ten cabida toda persoa nacionalista e de esquerda de Sober.

Unha parte da asemblea pasamos a afiliarnos a Anova, mais sempre seguiu funcionando unha asemblea aberta a todas as persoas, fosen de Anova ou non.

Nas eleccións autonómicas de 2012 apoiamos a coalición AGE, que obtivo bos resultados na comarca, activando a moita xente desencantada coas forzas políticas existentes. En Sober obtivo 146 votos.

Dende a concellalía de Paula Vázquez Verao, que pasou a ser non adscrita, comprometímonos a seguir defendendo o programa electoral que elaboráramos para as eleccións e a levar ao pleno os problemas da veciñanza de Sober, así como alternativas para mellorar a calidade de vida no noso concello.

Sempre tivemos unha actitude de colaboración entre a oposición ante problemáticas comúns, de loita contra as inxustizas e, tamén, de apoio cando as cousas se fan ben. Ademais, levamos adiante iniciativas que asumiu toda a  corporación.

Nestes dous anos, a situación social empeorou en toda Europa, tendo cada vez as persoas menor poder adquisitivo e menor calidade nos servizos públicos.
Se nos unimos na defensa dunha vida digna, poderemos acadar o soño de poder vivir e traballar en Sober. Ese foi sempre o noso obxectivo.

Na ligazón (aquí) pódense consultar todas as nosas inciciativas e traballo no pleno (son 34 entradas neste blogue), onde defendemos: máis emprego para Sober, información á veciñanza sobre temas municipais, iniciativas para mellorar o turismo, conservación e sinalización de patrimonio, solidariedade, melloras concretas e arranxos nas parroquias, defensa dos servizos públicos...


miércoles, 2 de abril de 2014

Resumo do pleno de marzo: prazas de persoal laboral no verán e debate de moción polo emprego [pleno ordinario - 27-III-2014]


No pleno de marzo o goberno presentou unha modificación da ordenanza do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras, consistente en adecuar a redacción á Lei 9/2013 ("lei do emprendemento"), pola cal se suprime a "licencia municipal de actividade". 
Foi aprobada coa abstención da oposición.

Presentouse tamén o Plan orzamentario 2014-2017, unha previsión á que obriga o Estado aos municipios (Lei Orgánica 2/2012), aprobado coa maioría do PP.
Deuse conta ao pleno da liquidación do orzamento de 2013.


Formulouse a proposta de declaración de determinados postos de traballo como prioritarios.
Trátase das seguintes prazas de persoal laboral:

- persoal destinado a Servizos Sociais (cubrir vacacións)
- auxiliares de Turismo (para apertura de Oficina de Turismo nos meses de verán)
- auxiliar de servizo de axuda á cidadanía
- auxiliar de viticultura
- técnico deportivo (colaboración nas piscinas municipais)
- auxiliar de servizos múltiples (cubrir vacacións)

Son os que van incluídos no denominado "plan de emprego xuvenil", que se demostra que é só propaganda, por canto a maioría destes postos de traballo sempre se ofertaron polo Concello de Sober para o verán; non supoñen novidades no emprego municipal.
A nosa posición foi a abstención, porque estamos de acordo en crear emprego dende as administracións, e estas prazas ofertadas son necesarias: porque cubren vacacións de persoal e porque ofrecen servizos que o noso Concello precisa. A nosa abstención é unha protesta contra as distintas leis estatais (neste caso, a lei de Orzamentos de 2014) que impoñen aos concellos o criterio de estabilidade orzamentaria por riba das necesidades sociais reais.
Paula Vázquez Verao reiterou a necesidade de facer unha boa publicidade da oferta destes postos de traballo, para que a xente moza estudante que non reside en Sober durante o curso teña coñecemento con tempo suficiente desta oferta de emprego. Ademais, sinalou que a Oficina de Turismo debería estar aberta durante máis meses, sendo Sober un municipio de gran interese turístico.

OUTROS ASUNTOS

Presentouse unha moción polo emprego por parte da CIG, que foi rexeitada polo PP, contando só cos 4 votos a favor da oposición.
No debate, sinalouse que Sober conta con 136 persoas en paro, cunha empresa en ERE sen expectativas de mellora (o Hotel Pazo de Sober) e con outra empresa (FF) traballando a media xornada.
Máis info e intervención de Paula Vázquez Verao, aquí.

ROGOS E PREGUNTAS PRESENTADAS

Dende Anova, presentamos os seguintes rogos e cuestións:

- Que se envíe á veciñanza o folleto informativo xa preparado sobre as normas de recollida de lixo, especialmente para os grandes vultos, así como os horarios e normas do Punto Limpo. 
O goberno local comprometeuse a envialo canto antes.

- Que se solicite a ADIF a recuperación do muro de peche da estación de Canaval.
A alcaldía explicou que se solicitou reiteradas veces. Dende Anova, pensamos que cómpre un posicionamento unánime do pleno reiterando a petición.

- Que se contemple a colocación de sinais de reducción de velocidade en San Martiño, ao ser tramo urbano.

- Que se corrixa a toponimia deturpada nos indicadores do municipio, adoptando as formas oficiais.

viernes, 28 de marzo de 2014

Debateuse a moción polo emprego da CIG no pleno de Sober, cos votos a favor da oposición e rexeitada polo PP


Onte, no pleno ordinario de Sober do 27 de marzo de 2014, debateuse a moción da CIG a prol do emprego, coas medidas recollidas na ILP polo emprego que impulsa este sindicato (aquí).

A moción foi rexeitada cos 7 votos en contra do PP - que chegou a afirmar que as reformas laborais realizadas contribúen a crear emprego - e cos 4 votos a favor da oposición, que argumentaron o seu voto positivo estando de acordo coas medidas propostas pola CIG.

A concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao parabenizou a campaña da CIG de socialización das medidas a prol do emprego e amosouse de acordo coa liña de medidas da CIG, que inciden na necesidade de que a Xunta de Galiza exerza as súas competencias en materia de emprego e que poña a política económica ao servizo da maioría social, e non das finanzas, resaltando e necesidade dunha banca pública galega.

A intervención pódese escoitar aquí.

viernes, 21 de marzo de 2014

Experiencia positiva no inicio do proceso de creación do Consello Sectorial de Turismo

 
Onte, 20 de marzo, celebrouse unha xuntanza dos grupos políticos municipais con axentes sociais relacionados co sector turístico, co obxectivo de ir perfilando a estrutura e funcións do Consello Sectorial de Turismo, órgano que se acordou crear en Sober a proposta da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao (ver moción aquí).

A idea que se baralla é que exista un plenario aberto e unha comisión operativa composta por unha persoa (polo menos) representante de cada sector relacionado co turismo: adegas, hostelería, etc.

Desta primeira xuntanza valorativa xa foron saíndo ideas interesantes, demostrando así o acerto da proposta de crear un órgano consultivo no que implicar á cidadanía e sector turístico no deseño da estratexia turística do municipio. Algo tan sinxelo como xuntarse a falar serve para avanzar en ideas útiles para o común das xentes de Sober e para o turismo en particular.

Así, a idea de que cómpre reivindicar dende o Consello de Turismo infraestruturas básicas, coma o arranxo dos pantaláns para embarcacións en Chanteiro e Xabrega ou o remate da estrada Sober-Doade, a necesidade de facer unha guía práctica que permita moverse por todo Sober e aproveitar todos os recursos turísticos, ter en conta os traballos que se teñen feito de sinalización GPS, mellorar o coñecemento exterior a través da rede, incentivar que as empresas relacionadas co turismo estén na rede...

E tamén serviu a xuntanza para estabelecer contactos entre as persoas que traballan no turismo no concello.

Iremos informando da marcha do proxecto, que se retomará despois da Feira do Viño de Amandi, que este ano cadra a 12 e 13 de abril.


viernes, 7 de marzo de 2014

Impulso á creación do Consello Sectorial de Turismo na Xunta de Portavoces


O 6 de marzo de 2014 reuniuse a Xunta de Portavoces dos grupos políticos do pleno de Sober para poñer en marcha a creación do Consello Sectorial de Turismo, aprobado pola corporación a proposta da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao.

Os grupos políticos municipais estamos de acordo nunha proposta consensuada para a creación do organismo, de xeito que sexa operativo e con participación cidadá, partindo da celebración dunha xuntanza previa aberta ás persoas e axentes intereados neste mesmo mes de marzo, de cara a poder levar a creación do Consello de Turismo ao pleno ordinario do 27 de marzo.

* A moción que se presentara para a creación deste Consello Sectorial pode lerse aquí.