jueves, 27 de septiembre de 2012

[pleno - setembro 2012]

No pleno ordinario de setembro de 2012 aprobáronse os festivos locais para 2013, que serán 9 de setembro (luns), xa que o 8 de Cadeiras cae a domingo, e o luns das festas de Sober (16 de setembro).

Aprobouse por unanimidade a ordenanza de ocupación do dominio público con mesas, sillas, veladores e elementos análogos. 
Os días de feira, a colocación destes elementos rexerase pola ordenanza de feiras e mercados. O resto do ano, esta ordenanza regula a ocupación do espazo polas terrazas dos bares de Sober, cunha taxa de 6 € ao ano por cada módulo de mesa e catro cadeiras.

Aprobouse a ordenanza reguladora da venda ambulante, que consiste en poñer ao día a aprobada en 2004. A venda de produtos locais queda exenta de pago de taxa.

Modificáronse as ordenanzas fiscais de auga e alcantarillado.

- AUGA
O Concello propón unha suba das taxas de consumo de auga e de enganche ao servizo público de auga que son altas para un concello coa renda per cápita de Sober. Dende Anova pensamos que é un intento de suplir dende o Concello o que debería ter feito a Xunta durante os anos que levamos de democracia: ter extendido este servizo básico de abastecemento de auga polo país. É loable intentalo, pero faise a costa dos petos da cidadanía, que xa debería ter garantido este servizo básico.


ANTERIOR
NOVA
Enganche á rede
100 €
450 €
Cambio titularidade
60 €
75 €
Baixa do servizo
20 €
50 €
Cota fixa
(por tramos de consumo)
18 € semestre
Consumo semestre

Ata 60m3: 20 €
+ 60 m3: 0,50 € m3

É necesaria unha auditoría sobre os enganches non autorizados á rede de abastecemento de augas.

- ALCANTARILLADO
Sobe a cota de enganche á rede de alcantarillado, un servizo básico que xa debería estar cuberto. A idea é cubrir coa recaudación parte do custo de facer novos alcantarillados, pero é un agravio comparativo respecto a outras zonas do país que xa teñen alcantarillado público. Sober fracasou como concello no saneamento.

* A cota de enganche pasa de 200 a 500 € (para locais non destinados a vivenda e para vivendas baleiras: 1000 €).
* Cota fixa: 12 € semestre.

A suba de taxas foi aprobada en solitario polo PP.

Aprobouse por unanimidade a parte que estaba en suspenso do PXOM.
O Plan non xustificaba a necesidade de crecemento da vila de Sober, co cal parte do solo que se prevía facer urbanizable quedará como rústico, na zona do colexo.
No espazo entre o colexo e o centro médico hai a posibilidade de edificar vivendas de promoción pública.

[Dispoñemos dunha copia en CD do PXOM para quen queira unha copia ou consultalo. Tamén se pode consultar no Concello].

Aprobouse cos votos do PP un recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas que foran extraviadas e que non constaban no concello.



miércoles, 26 de septiembre de 2012

Presentación da candidatura de AGE en Monforte.


Presentación pública da Alternativa Galega de Esquerda en Monforte de Lemos. 

Será ás 16:00 horas no local de Anova en Monforte de Lemos, situado na Calexa (rúa Abelardo Baanante) nº 3.

Contaremos coa presenza dos candidatos e candidatas de Alternativa Galega de Esquerda nas comarcas do sur de Lugo.

lunes, 24 de septiembre de 2012

[pleno extraordinario - setembro 2012: sorteo Mesas electorais]


 No pleno do 24 de setembro de 2012 realizouse o sorteo público para designar ás persoas que farán a función de presidentes e vocais nas mesas electorais para as eleccións autonómicas do 21 de outubro.

miércoles, 15 de agosto de 2012

Pleno en apoio ao sector lácteo galego: intervención en nome da Asemblea de Sober [pleno-agosto 12].

As centrais sindicais agrarias SLG, ASAJA e Unións Agrarias remitiron aos grupos políticos galegos unha moción para dar a coñecer a dramática situación do sector lácteo galego e esixir unha serie de medidas á Xunta e ao Goberno Central.

A moción pode consultarse aquí, na web do SLG.

Intervención de Paula Vázquez Verao.

"Dende a Asemblea Nacionalista de Sober damos o noso apoio á moción e á campaña que a impulsa, destinada a informar ao pobo galego sobre a crise do sector lácteo; así mesmo, a concelleira Paula Vázquez Verao renuncia ao cobro da dieta da sesión do Pleno, tal como propoñen os sindicatos agrarios, indicando que tería sido interesante destinar as dietas correspondentes ao Pleno á campaña en apoio ao sector lácteo galego.

A moción explica claramente a situación de emerxencia das explotacións leiteiras galegas, co prezo do leite dos máis baixos de Europa (0,29 € por litro de media este ano), agravado polo incremento dos custos de produción, debido, entre outras causas, á suba espectacular de fertilizantes, piensos, combustibles e electricidade. Deixar morrer o sector lácteo galego é facer desaparecer milleiros de empregos e, como di a moción, perder a axentes de xestión do territorio, os gandeiros, poñendo en maior risco de deterioro ambiental o noso rural.

Está ben que as distintas forzas políticas galegas nos poñamos de acordo no apoio ao sector lácteo, pero, máis aló da retórica, hai que ser consecuentes na práctica. As forzas políticas do sistema apoiaron entusiasticamente a entrada na UE nas condicións nas que se produciu, sendo fonde da caída dos sectores estratéxicos da economía da Galiza.
O problema non é meramente "económico", "do mercado", senón que é un problema político, de modelo político.
O problema ten dimensión global: un sistema mundial de produción, o capitalista, destinado ao lucro de cada vez menos persoas e non á satisfacción das necesidades da Humanidade.
O problema ten dimensión europea: a entrada na UE fíxose en condicións desfavorables para os produtos galegos, que serían competencia de outras producións do centro do sistema.

Na Galiza actual, o do sector lácteo non é problema de produción, prodúcese máis que hai vinte anos, as explotacións leiteiras galegas mercaron cuota e modernizáronse, mesmo contra a política da UE que procuraba reducir o potencial do sector. O problema é de organización do mercado: tendo un mercado de proximidade deficitario o leite galego debería ser máis valorado. En cambio, o leite producido na Galiza é mercado polas empresas a prezo máis baixo que o de outros lugares, facendo ruinosa a súa produción. Así, o problema é a falta de soberanía política e financeira de Galiza (máis despois do expolio do aforro galego e dos únicos instrumentos financeiros do noso País que eran as caixas de aforro), que non permite desenvolver un sector transformador dos produtos leiteiros no propio País, apostando pola innovación (lembremos que o goberno do PP reduciu o orzamento de I+D+i nesta lexislatura). Durante vinte anos gobernou o PP de Fraga, tendo a disposición as caixas como instrumentos ao servizo da política da Xunta e fondos europeos que puido ter usado para crear un sector leiteiro puxante e non o fixo. Por exemplo, quen se preocupou por desenvolver o potencial leiteiro desta comarca? Hai máis de vinte anos funcionaba unha rede de recollida de leite a pequenos produtores de Sober e outros municipios por parte da empresa Queixerías Prado. Un poder galego digno de tal nome debería ter impulsado a innovación en dita empresa queixeira, para que diversificara a súa produción, fomentando a recollida de proximidade, con axudas a explotacións labregas para que se especializaran na produción leiteira, con estudos para a consolidación de mercado... Pero todo se deixou ao arbitrio dos "mercados", e a cabana gandeira reduciuse en Sober drasticamente tras o ingreso no Mercado Común. Agora, todas as forzas políticas nos laiamos, pero non todas temos o mesmo nivel de responsabilidade. 

É necesario tamén revisar o modelo de produción en canto aos custes ambientais, apostando por explotacións ecolóxicas (hai exitosas experiencias ecolóxicas de produción láctea na Galiza) que aumentan a calidade, tando dos produtos coma a "calidade de vida" das familias produtoras.

Cómpre, tamén, non esquecer con respecto ao problema do leite, a idea da soberanía alimentaria, concepto que, por exemplo, un dos sindicatos impulsores, o SLG, ten divulgado na Galiza. A soberanía alimentaria hoxe, é un dos retos da Humanidade, cando cada vez menos compañías transnacionais controlan a producióna alimentaria, mentras se perpetúa a fame. Hai, a nivel mundial, unha vontade de exterminio do campesiñado, sector social que pode protagonizar unha rebelión contra o sistema global inxusto: se o campesiñado e os pobos non controlamos o noso sector alimentario básico, dominarannos totalmente, a nosa vida dependerá do lucro duns poucos. E iso é internacionalismo, non o mercado "desregulado". O estado do sector lácteo galego hai que enmarcalo nesa loita mundial pola soberanía alimentar, que é unha loita pola liberdade.

jueves, 26 de julio de 2012

IBI á Igrexa e recurte da extra de Nadal á alcaldía [pleno-xullo 12: resumo].


Hoxe (26 de xullo) houbo pleno ordinario no Concello de Sober.


Aprobouse a Ordenanza que regula o prezo público da Escola Municipal de Música, que sufre unha lixeira subida, pero que apoiamos, porque segue a ser un prezo moi baixo en relación á calidade da ensinanza. A matrícula anual para alumando de música e movemento e iniciación ao instrumento será de 100 € e a de alumnado de linguaxe musical e instrumento de 140 €. O que pedimos é que se poida facer o pago fraccionado para que as familias o poidan afrontar mellor, algo que se aceptou.

Presentamos unha moción para a supresión da exención do IBI á Igrexa católica, que unimos á presentada polo PSOE neste sentido, que foi aprobada polos catro concelleiros e concelleiras da oposición e rexeitada polo PP. O alcalde comprometeuse a que na revisión que se está a facer do IBI en Sober se faga un censo dos bens da Igrexa e se comunique á oposición.

Pedimos ao alcalde que renuncie á paga extra de Nadal este ano 2012, en solidariedade cos recurtes que o seu partido, o PP, está a aplicar ao funcionariado. O alcalde aceptou, xesto que agradecemos.
 

Somos contrarias á baixada de salarios de empregadas públicas para “saír da crise”, esa non é a solución, porque só traerá retraemento do consumo e máis caída da economía nun sistema baseado no consumo, coa ruína de pequenos comercios e pequenas empresas, engrosando a lista de paro e, por ende, aumentando a necesidade de gasto público en prestacións (prestacións cada vez máis reducidas, co cal haberá máis pobreza, recurso a comedores sociais e violencia…). 

Sendo contrarias a estas medidas de rebaixa de salarios, entendemos que o partido que propón este sacrificio á clase traballadora pública (o sector público, os servizos públicos, son esenciais para a redistribución da riqueza; non sobran funcionarios, faltan, e falta eficiencia na xestión pública; búscase a ineficiencia para beneficiar ás empresas privadas que fan negociazos coa saúde ou a educación) debe dar exemplo e recurtar os seus salarios nas institucións, comezando por renunciar á paga extra de Nadal, o mesmo sacrificio que lles obrigan a facer ao funcionariado, sen que iso vaia axudar a saír da crise.

Aquí estamos en plan distendido, levámonos ben, non hai apenas conflicto social porque a maioría da xente vive das pensións e ten o colchón da economía de autoabastecemento do rural, pero démonos conta de que hai unha guerra aberta de clases que non fixo máis ca comezar. O PP no Goberno do Estado acometeu medidas durísimas contra as clases traballadoras, que xa foron contestadas con manifestacións e ataques contra as sedes do PP, totalmente entendibles e insignificantes comparados coa violencia que aplica o estado sobre as persoas máis débiles. Aquí non o vemos aínda, pero en canto se aplique a suba do IVE e se interveña o estado imos asistir a unha guerra aberta nas rúas e convén saber en que bando se está.

Tamén pedimos que se coloque un sinal de estreitamento de vía no cruce da panadería de Sober e que se revitalice a Comisión de Turismo, creada a petición do nacionalismo na pasada lexislatura, para facer fronte á campaña do ano que vén.

lunes, 9 de julio de 2012

14 de xullo: participa na Asemblea Nacional Constituínte da nova forza que Galiza precisa.

Participa na Asemblea Nacional Constituínte dun novo proxecto en común para Galiza o 14 de xullo en Santiago de Compostela.
Incríbete antes do 11 de xullo ás 00:00 horas na túa asemblea ou a través da web, onde tamén podes descargar os documentos e regulamento da asemblea.