lunes, 9 de julio de 2012

14 de xullo: participa na Asemblea Nacional Constituínte da nova forza que Galiza precisa.

Participa na Asemblea Nacional Constituínte dun novo proxecto en común para Galiza o 14 de xullo en Santiago de Compostela.
Incríbete antes do 11 de xullo ás 00:00 horas na túa asemblea ou a través da web, onde tamén podes descargar os documentos e regulamento da asemblea.


lunes, 2 de julio de 2012

Palabras na toma de posesión de concelleira: Paula Vázquez Verao [pleno-xuño 11]

O pasado 11 de xuño, ás 00:01, constituíase a corporación municipal soberina para a lexislatura 2011-2015.
En primeiro lugar, os concelleiros e concelleiras xuraron ou prometeron os seus cargos, pasando, logo á elección de alcalde, que se fixo sen que previamente os candidatos tomasen a palabra.
O candidato do PP, Luis Fernández Guitián, recibiu os apoios do seu grupo político, con sete escanos: Luis Fernández Guitián, Domingo López Fernández, José Elías González Prieto, Sonia Fernández Martínez, Carmen Pérez Pérez, Abel López Fernández e Mirian Teresa Pérez Vázquez.
O candidato do PSOE, Iñaki Rodríguez Pérez, recibiu os dous votos do seu grupo, composto por el mesmo e por Eloy Pérez Otero.
O candidato do BNG, Alfonso Campos Pérez, só recibiu un dos dous votos do seu grupo, o de Paula Vázquez Verao, pois el mesmo abstívose.
Como resultado da votación, Luis Fernández Guitián resultou elixido alcalde do Concello de Sober.
A continuación, o alcalde electo leu un discurso no que lembrou aos seus predecesores no cargo, falou das liñas mestras do seu programa - viño, turismo, música - e pediu colaboración á oposición, rematando coa lectura do poema Bando, de Manuel María.
Logo, sen terse pechado a sesión, a prensa xa se dispoñía a entrevistar ao novo alcalde cando, a petición da oposición, este lles deu a palabra aos outros grupos políticos, falando tanto o BNG coma o PSOE. Ao remate, Alfonso Campos Pérez agasallou á nova corporación co libro de poemas Petroglifia, de Xosé Lois García, adicado a Sober. O grupo nacionalista de Sober, por boca da portavoz, Paula Vázquez Verao, expresou o que resumimos a seguir.

Estamos aquí polo Pleno, non pola hora que é, pero é evidente que o despregue mediático se produce porque esta sesión é convocada pasado só un minuto do prazo legal para a constitución das corporacións. Poida que non sexa “de todo malo”, como dixera o candidato do PP á alcaldía que Sober exa coñecido por isto, pero o que si pode ser “malo” é que este pleno nos vaia dar a medida da lexislatura: é dicir, que importe máis o fulgor mediático que o debate e a práctica política. Nós, o nacionalismo galego, queremos que Sober sexa recoñecido pola súa beleza paisaxística, pola súa riqueza patrimonial e por unha boa xestión política, non por "plenos ás doce da noite". Ademais, o pleno xa é traballar, non vale dicir que se convoca o Pleno á noite porque se quere traballar ao día seguinte dende primeira hora: o Pleno é fundamental no traballo municipal.

Por outra parte, se queremos facer esta sesión realmente significativa, con impacto mediático e simbólico, recoñezamos todos e todas hoxe, solemnemente, como o facemos o grupo do BNG, á corporación municipal que se sentou aquí hai 75 anos, a corporación elixida en febreiro de 1936, composta por xentes humildes de Sober - labregos, xornaleiros, - que foron  asasinados, encarcelados ou expedientados por facer o que hoxe facemos nós. Recoñezámolos, porque este Concello non será moralmente lexítimo ata que faga un recoñecemento explícito da situación vivida en Galiza, e en Sober, do 36 en diante, que non foi unha guerra civil, senón un xenocidio, unha masacre en frío na que morreron milleiros de persoas sen haber fronte de guerra. E isto non é pasado, é presente, porque unha sociedade decide o que quere ser: se quere recoñecer o que sucedeu ou se quere seguir perpetuando o esquecemento e, con elo, perpetuando a ignominia. E, dende logo, eu e os meus compañeiros de lista non podíamos ocupar esta cadeira sen lembrar a aqueles que sentaron aquí en 1936 e que sufriron por defender os dereitos da poboación máis castigada. Por iso, un recordo especial aos concelleiros de Sober asasinados: Daniel Álvarez Carnero, de 33 anos, e Edmundo Pérez Díaz, de 34 anos, executados en Lugo por terse desprazado alí para defender a legalidade republicana, e José Benito Mantilla González, labrego, de 63 anos, asasinado unha noite despois de tortura.
Que sirvan os seus nomes para lembrar a todas as persoas que morreron ou foron represaliadas por causas políticas en Sober (con 356 persoas encarceladas entre 1936 e 1940 temos unha das porcentaxes de detencións máis altas de Galicia). 

O Luis – chamámolo así en plan informal porque, coma o resto dos concelleiros e concelleiras deste pleno, é amigo e veciño – pode ser un gran xestor, sen dúbida. Pero, xestionar non o é todo: hai que ter unha idea clara de sociedade. Nós queremos unha sociedade xusta, sen explotación de ningún tipo, onde cada quen poida desenvolver as súas capacidades persoais… Por iso, o Bloque Nacionalista Galego, apoiará todas as iniciativas que vaian nesa liña – e, como sempre fixemos, seguiremos a aportar as nosas propias propostas. Malia este apoio nas cuestións que beneficien a Sober e que axuden a construír un Sober con futuro, non podemos apoioar a investidura do candidato do PP porque non imos votar a partidos que defenderon sempre aos poderosos e machacaron aos débiles (apoio a rescatar os bancos causantes da crise con cartos públicos, elevación dos impostos indirectos ou a entrada na Unión Europea: que sería hoxe de Sober se nos deixaran producir o leite que podiamos producir, por exemplo?). Tampouco podemos apoiar, nin o mínimo, a un Partido Popular – irónico nome – que está dende a Xunta a destruír Galiza alí onde pode e como pode: recurtando e privatizando servizos públicos, coma a Sanidade, permitindo concesións empresariais en paraxes naturais únicos, aprobando un imposto sobre o consumo de auga, cobrar polo feito de consumir auga, non por derrochala, senón polo feito de beber, un goberno corrupto e falaz-mentiroso (onde quedou a promesa de rematar co paro en 45 días cando Galiza rexistrou a maior subida do paro do Estado?) e o único goberno do mundo que lexisla en contra da lingua propia do seu país - por certo, que Manuel María, a quen citou o alcalde, era gran defensor da lingua -. Así que, sinceramente, non queremos que o alcalde siga o exemplo da Xunta, como acaba de manifestar que vai facer.

Descupade que falemos aquí, en Sober, de Galiza, pero é que Sober está na Galiza, como está no mundo, e non podemos ignorar tampouco os problemas globais: a desigualdade, o expolio aos países do Sul, o deterioro medioambiental… A xente de Sober imos ter que resituármonos nese contexto de crise – as cousas vanse poñer aínda máis duras –, e temos a capacidade de facelo: desenvolvendo o noso sector agrario, por exemplo, para que poidamos vivir en Sober.

Deste xeito, queremos que esta sexa a lexislatura do aproveitamento das nosas potencialidades, a lexistalura do respecto polo medio ambiente, a lexislatura duns servizos sociais orientados á integración de todas as persoas na vida social, á convivencia. Un servizos sociais que tomen en serio as situacións de exclusión social e maltrato e que non consideren ás persoas maiores coma meros obxectos: as persoas somos moito máis que un voto.

E, por suposto, queremos que esta sexa a lexislatura da democracia, a real, a participativa, a das asembleas parroquiais, onde se informe á xente do que se pode facer en cada parroquia e cómo facelo, a das comisións de temas específicos, a da xente que poida elixir en que se gastan determinadas partidas orzamentarias.
Iso sí, nós queremos facer dos concellos institucións que permitan aínda máis esa participación e cunha lei que se adapte á realidade galega. Inda hoxe, desgraciadamente, está vixente en parte un texto de Castelao do Sempre en Galiza, de hai máis de 70 anos:

“O municipio rural de Galicia é o tobo da raposería caciquil. Ao botarmos unha ollada sobor do territorio galego é doado advertir que a poboación está distribuída en “natural desorde”, en evidente contraste cos módulos de agrupamento social en Castela e demais rexións hespañolas… Fóra das vilas e cibdades… o municipio en Galiza é un órgano arbitrario, delimitado artificialmente e cunha función simulada. O esprito nivelador do Estado centralista impúxonos un réxime local estraño ás características demográficas do noso país… O Concello rural de Galiza non se asenta en entidades naturais ou históricamente diferenciadas, e nesas condicións carede de alento vital e de control efectivo para que a súa xestión ofreza garantías de acerto”.

E, por último, lembremos sempre que a democracia non só está aquí nestas catro paredes: está nas xentes que, xeración a xeración, fixeron de Sober o que é. Foi grazas ao traballo e vida da xente común todo o que temos (o viño, a paixase da ribeira, as igrexas románicas ou o campo de fútbol): ha de ser a xente común, participando nun proxecto común en igualdade, a que transforme Sober. Sen non se conta coa xente, o que se poida facer dende este Concello, aínda que sexa espectacular e saia na televisión, non vale para nada.

martes, 26 de junio de 2012

Conferencia de Xosé Manuel Beiras: "Estamos en obras: construíndo a ferramenta política que Galiza precisa".



Conferencia "Estamos en obras: construíndo a ferramenta política que Galiza precisa". Xosé Manuel Beiras Torrado.

Venres, 29 de xuño, ás 20:30 horas.

Casa da Cultura de Monforte de Lemos.

Organiza: Asemblea Nacionalista de Lemos.

sábado, 16 de junio de 2012

Sober participa na Coordinadora Nacional de Asembleas Nacionalistas.

A Asemblea Nacionalista de Sober participou hoxe, 16 de xuño, a través de Carmen Luz Rodríguez e Paula Vázquez Verao, na Coordinadora Nacional de Asembleas Nacionalistas, celebrada en Teo. 
Nesta xuntanza, ademais de constituír formalmente dita coordinadora, coa presenza de representación de medio cento de asembleas, acordamos celebrar a Asemblea Nacional Constituínte do novo movemento político o 14 de xullo en Compostela. 
Ademais, creáronse dúas comisións, unha organizadora e outra para redactar unha proposta de textos, que están abertas á participación de xente. 
Fíxose tamén un chamado á participación da cidadanía neste proceso. 
Moi bo ambiente e moita ilusión! 
A foto é "roubada" de Martiño Noriega, da asemblea anfitriona de Teo ;-)
Galiza, 16 de xuño de 2012.

jueves, 7 de junio de 2012

Xuntanza aberta da Asemblea Nacionalista de Sober: venres, 15 de xuño.


Auto-convocatoria de xuntanza aberta da Asemblea Nacionalista de Sober para o xoves, 15 de xuño de 2012, ás 20:00 horas en Sober, en lugar por decidir en función da xente que sexamos [anótate en nacionalistasober@gmail.com ou aparece diante do Concello de Sober o venres 15 ás 19:45 horas].

Imaxe da reunión de Teo con xente das asembleas do sur de Lugo. Foto: ANFerrolTerra.
ORDE DO DÍA

1 - Proposta de coordinación nacional de asembleas para a creación dunha nova forza política nacionalista e de esquerda. 
Elección representantes da Asemblea de Sober para enviar a este proceso de coordinación.

A proposta de coordinación de asembleas é a seguinte, saída dunha xuntanza de representantes de asembleas de toda Galiza celebrada o día 2 de xuño en Teo (proceso ao que acordáramos enviar representantes).

POÑENDO OS ALICERCES

As persoas que en representación das asembleas locais ou comarcais, constituídas ou en fase de constitución, por un Novo Proxecto Común, integradas por persoas a título individual e que acollen unha pluralidade de visións da nación dos galegos/as reunidas o 2 de xuño en réxime de autoconvocatoria

MANIFESTAMOS

1º. - A nosa vontade de traballar pola creación dunha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial e en rede, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma.

2º. - A nosa vontade de establecer unha coordinación entre as distintas asembleas comarcais ou locais a fin de preparar unha reunión asemblearia de carácter nacional.

3º. - A nosa vontade de participar en futuras convocatorias electorais.

Teo 2 de xuño de 2012 

2 - Debate sobre propostas políticas e organizativas para a nova organización de esquerdas e nacionalista. Aportacións da Asemblea Nacionalista de Sober. 

3 - Traballo político local.
- moción pola supresión da exención do IBI á Igrexa.
- moción e campaña sobre "todo o que nos cae enriba".
- asuntos varios das parroquias.

domingo, 3 de junio de 2012

Reunión de coordinación de Asembleas.

Foto: NPC Val Miñor.

[Esta é unha proposta que temos que debatir na Asemblea Nacionalista de Sober antes do 16 de xuño].

Representantes de 43 asembleas por un Novo Proxecto Común, entre asembleas locais e comarcais de todo o País, concordaron hoxe en facer público o seguinte manifesto enviado aos medios de comunicación por Antonio Araúxo Quintas da Asemblea Nacionalista de Val Miñor.

O manifesto e outras propostas someteranse ás asembleas locais que ademais poderán elixir quen os ha representar na Coordinadora Provisoria de Asembleas que se reunirá o sábado día 16 para, entre outras cousas, fixar o día da Asemblea Nacional Constituínte que se prevé celebrar no prazo aproximado dun mes.

MANIFESTO
Foto: NPC Val Miñor.

POÑENDO OS ALICERCES

As persoas que en representación das asembleas locais ou comarcais, constituídas ou en fase de constitución, por un Novo Proxecto Común, integradas por persoas a título individual e que acollen unha pluralidade de visións da nación dos galegos/as reunidas o 2 de xuño en réxime de autoconvocatoria

MANIFESTAMOS

1º. - A nosa vontade de traballar pola creación dunha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma.

2º. - A nosa vontade de establecer unha coordinación entre as distintas asembleas comarcais ou locais a fin de preparar unha reunión asemblearia de carácter nacional.

3º. - A nosa vontade de participar en futuras convocatorias electorais.

Teo 2 de xuño de 2012