“Imos ser a chave da derrota de Frijol: somos o voto máis útil”.
crónica do mitin do 28S
O venres 28 de setembro un cento de persoas arrouparon a
Beiras e a candidatos e candidatas da provincia da coalición Alternativa Galega
de Esquerda no primeiro mitin desta formación no sur lucense.
Comezou Ildefonso Piñeiro Díaz (Anova), de Chantada, número
6 da lista, cunha reflexión sobre a política que, para Piñeiro, é “o poder democrático (co) que dende unha ou outra óptica, (se)
fan políticas a prol dos cidadáns”. Sen embargo – sinalou – a mala política lévamos
a “unha perda continua en dereitos sanitarios, no ensino, na cultura, no idioma.
Agresións aos dereitos laborais de milleiros
de traballadores e traballadoras mentres se fan políticas que favorecen
aos poderosos. Políticas para salvar aos banqueiros, a eses mesmos banqueiros que reclaman recortar o sistema de pensións e
para si se autooutorgan xubilacións millonarias e, o que é moito peor, utilizan
os cartos que lles demos para especular contra a débeda que causaron e
impoñernos unha autentica ditadura do poder financeiro, deixando ao poder
democrático limitado a administrar a miseria que eles crean.” Fronte a
isto – dixo – xuntámonos para “levar ao Parlamento Galego a rebelión cívica da
cidadanía esmagada polas políticas do Estado e da Xunta”, porque “hai que
paralos”, e para iso non abonda sequera unha persoa coma Xosé Manuel Beiras: “todas
e todos somos necesarios”.
 |
| Parte do público. |
A seguir, Paula Vázquez Verao (Anova), número 4 por Lugo, de
Sober, sinalou os ataques do PP á xente máis moza (recurtando prazas de
investigación, reducindo as becas, cunha reforma laboral que condena á mocidade
a encadear contratos precarios en prácticas…), que obrigan de novo á mocidade galega
a emigrar. Sinalou Paula que “estas non son unhas eleccións normais”, porque
estamos asistindo á “podremia do réxime da Transición”, que precisamente se
consolidara hai trinta anos (“cando moita xente moza que apoiamos esta
alternativa aínda non nacéramos”), “limitando as aspiracións das nacións do
Estado a gobernármonos a nós mesmas, iniciando unha política de privatizacións
e mantendo unha economía herdada basada na construción e o turismo de masa, ao
tempo que se consolidaba a nivel mundial a primacía das finanzas sobre a economía
real”, entrando na UE cunhas condicións perxudiciais para Galiza e os nosos
sectores produtivos (“e das consecuencias no sector lácteo sabedes moi ben en
Chantada”), abríndose tamén hai trinta anos o periodo da Autonomía, sen que se
desenvolvesen sequera os mínimos marcos que permitisen unha vida mellor para a
nosa xente. As decisións políticas que se tomaron hai trinta anos – dixo – son
as responsables da situación que temos hoxe, con niveis de pobreza como hai
trinta anos. Por iso – sinalou – cómpre que as xentes de abaixo nos impliquemos
con esta alternativa para rachar con este inxusto sistema: “a coalición
Alternativa Galega de Esquerda só somos o instrumento que poñemos en mans da
cidadanía”.
 |
| Alfonso Piñeiro e Paula Verao. |
María Casar (Anova), número 2 da lista, de Sarria, deixou
claro a aposta de Alternativa Galega de Esquerda pola nosa Cultura e polos
dereitos das mulleres, ambos asoballados por Feijóo. Cargou as tintas contra a
Lei de Familia, “que nos quere reducir ás mulleres ao eido exclusivo do fogar”
e sinalou que só co orzamento anual da Cidade da Cultura se podería financiar
todo o tecido cultural galego durante un ano.
 |
| María Casar. |
Ramón Vázquez Díaz (EU), número 1 da lista, de Lugo, deixou
clara a defensa das clases traballadoras e a loita contra a corrución política,
contra a usurpación da política por personaxes que só siguen ordes dos grandes
poderes financeiros. “O goberno Rajoy actúa como se fosen virreis dun
protectorado” – dixo –.
 |
| Ramón Vázquez. |
A intervención de Xosé Manuel Beiras, voceiro de Anova e
cabeza da coalición, podemos resumila nos chíos que o seu equipo de campaña
verqueu no twitter:
“Queren volver a convertir a lebregos e labregas en servos”
(referencia aos baixos prezos do leite). “As vilas coma Chantada, en territorio
rural, están a ser arruinadas”. “A situación do sector leiteiro é desesperada.
Hai unha politica de exterminio do campesiñado a nivel mundial”.
“O goberno de Frijol non moveu un dedo para salvar as caixas”.
“Os autenticos ladróns están instalados na gran banca e nas antigas caixas
galegas”.
“Hai que dar unha virada de 180º e priorizar os servizos básicos”
(referencia ao que vai facer AGE no Parlamento). “Prioridades irrenunciables:
Sanidade publica, Ensino... É un crime pechar escolas no rural”.
“Non hai maior recital de desgoberno que os catro anos de
Frijol”.
“Na Moncloa están os ventrílocuos dos ladróns da banca.
Estamos nun protectorado”. “Tómanse as decisións en instancias que ninguén
elixiu, chuchando os cartos dos nosos impostos”.
“Ten que haber unha rebelión cívica, ten que a xente volver
exercer a súa soberanía política”. “No Parlamento hai que fomentar a reactivación
dos movementos cívicos”.
“A cidadanía desencantada é a clave para derrotar a barbarie
do poder que está na Xunta”. “Estamos nunha situacion de gran agresión social:
"tododios" se sinte agredido”.
“Imos ser a chave da derrota de Frijol: somos o voto máis útil”.
“Nunca desertaremos da loita: aquí estou ao voso servizo”.
O acto rematou con berros de “Presidente, presidente!”. Beiras
sinalou: “Sempre estivemos coa xente, da que formamos parte, ese é o noso
compromiso”.
 |
| Tomando algo ao remate. |