viernes, 21 de marzo de 2014

Experiencia positiva no inicio do proceso de creación do Consello Sectorial de Turismo

 
Onte, 20 de marzo, celebrouse unha xuntanza dos grupos políticos municipais con axentes sociais relacionados co sector turístico, co obxectivo de ir perfilando a estrutura e funcións do Consello Sectorial de Turismo, órgano que se acordou crear en Sober a proposta da concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao (ver moción aquí).

A idea que se baralla é que exista un plenario aberto e unha comisión operativa composta por unha persoa (polo menos) representante de cada sector relacionado co turismo: adegas, hostelería, etc.

Desta primeira xuntanza valorativa xa foron saíndo ideas interesantes, demostrando así o acerto da proposta de crear un órgano consultivo no que implicar á cidadanía e sector turístico no deseño da estratexia turística do municipio. Algo tan sinxelo como xuntarse a falar serve para avanzar en ideas útiles para o común das xentes de Sober e para o turismo en particular.

Así, a idea de que cómpre reivindicar dende o Consello de Turismo infraestruturas básicas, coma o arranxo dos pantaláns para embarcacións en Chanteiro e Xabrega ou o remate da estrada Sober-Doade, a necesidade de facer unha guía práctica que permita moverse por todo Sober e aproveitar todos os recursos turísticos, ter en conta os traballos que se teñen feito de sinalización GPS, mellorar o coñecemento exterior a través da rede, incentivar que as empresas relacionadas co turismo estén na rede...

E tamén serviu a xuntanza para estabelecer contactos entre as persoas que traballan no turismo no concello.

Iremos informando da marcha do proxecto, que se retomará despois da Feira do Viño de Amandi, que este ano cadra a 12 e 13 de abril.


No hay comentarios:

Publicar un comentario