jueves, 28 de agosto de 2014

Petición de pleno extraordinario sobre o hotel "Palacio de Sober"



A oposición do concello de Sober solicita un pleno extraordinario para tratar a situación do hotel Palacio de Sober

Os tres voceiros da oposición (Iñaki Rodríguez Pérez, PsdG, Paula Vázquez Verao, Anova, Óscar Alonso Díaz, BNG) instan ao alcalde a convocar un pleno monográfico sobre o hotel Palacio de Sober, no que se dé voz aos colectivos implicados, e ao que se solicita a asistencia de Raquel Arias – delegada da Xunta en Lugo e ex-alcaldesa de Sober – para dar explicacións á cidadanía sobre o estado do hotel Palacio de Sober.

A petición (engadida ao final) foi rexistrada hoxe xoves, 28 de agosto, ás 13:15 horas no Concello de Sober.

Dado o manifesto fracaso da estratexia empresarial do pazo, que parece máis unha operación especulativa aproveitándose dos cartos públicos e das esperanzas de pequenas empresas e de traballadores e traballadoras da comarca, é de xustiza que a Xunta dé explicacións ante o pleno de Sober e a súa veciñanza.

O hotel Palacio de Sober foi inaugurado o 6 de outubro de 2010 con gran boato polas administracións públicas, das que recibiu subvencións, coa asistencia ao acto de Alberto Núñez Feijóo e de Raquel Arias Rodríguez.

Dende o anuncio de posta en marcha do proxecto, en 2007, a construción do hotel foi “vendida” polo Concello de Sober e polo PP durante as campañas electorais das municipais de 2007 e 2011 como unha gran esperanza do emprego en Sober, destinado a ser “un referente en toda Europa” e a atraer un “turismo de elite e de calidade”.

Para poñer en marcha o proxecto, o hotel Palacio de Sober, xestionado pola empresa Alvaher 98, recibiu subvencións públicas. En 2009, o IGAPE, organismo da Consellería de Economía e Industria encargado de deseñar o modelo produtivo e de promover a mellora da produtividade e competitividade, financiou o proxecto con 2,5 millóns de euros mediante un crédito a baixo interese, estabelecendo como condicións que o hotel mantivese durante os seguintes dous anos os 34 postos de traballo iniciais. Ademais, engadíronselle 887.000 € de incentivos ao investimento e 418.000 € procedentes de fondos rexionais.

Pasados dous anos, comezouse a despedir persoas empregadas e a non substituír baixas. En febreiro de 2013, menos de dous anos e medio despois da inauguración, o hotel presentou un Expediente de Regulación de Emprego para máis do 80% da súa plantilla. Ademais, o proxecto empresarial amosouse inestable e con mala xestión dende o inicio, con acumulación de impagos de nóminas, rexeitamento de eventos e retrasos nos pagos (por valor de en torno ao millón de euros) ás empresas da zona que suministraron material e servizos ao hotel.

Neste momento, parece que só traballan 2 ou 3 persoas no hotel, incumplindo do ERE pactado entre empresa e persoal.


O goberno municipal debe facer seguimento do estado empresarial do hotel do pazo de Sober, polo emprego e riqueza que pode xerar no municicipio, pero tamén porque, alén das subvencións recibidas pola empresa de parte da administración central e autonómica, o Concello invertiu en pavimentación, accesos e dotación de suministro de auga ao pazo.

A situación do emprego en Sober é crítica: unha poboación que vive maioritariamente das pensións cun paro rexistrado de 150 persoas en 2013, coas dúas maiores empresas con dificultades nestes momentos. En xuño de 2014 só hai en Sober 590 persoas afiliadas á Seguridade Social. Trátase dunha sociedade envellecida, cunha idade media de 58 anos (o 46% da poboación ten máis de 65 anos), que precisa alternativas de emprego para deter a sangría demográfica que se observa dende os anos 80.

Dado o manifesto fracaso da estratexia empresarial do pazo, que parece unha operación especulativa aproveitándose dos cartos públicos e das esperanzas de pequenas empresas e de traballadores e traballadoras da comarca, é de xustiza que a Xunta dé explicacións ante o pleno de Sober e a súa veciñanza.

Así, propoñemos ao goberno municipal de Sober a convocatoria dun pleno extraordinario monográfico sobre o pazo de Sober, no que se dé voz aos colectivos implicados (traballadores/as, sindicatos, empresa...), e ao que se solicita a asistencia de Raquel Arias – delegada da Xunta en Lugo e ex-alcaldesa de Sober – para dar explicacións á cidadanía sobre o estado do hotel Palacio de Sober.

O PP de Sober e Raquel Arias, que, dende o Concello, utilizaron electoralmente a apertura dun hotel no municipio non poden eludir dar explicacións á cidadanía soberina sobre a situación do proxecto. Por outra parte, o PP municipal debe explicar qué actuacións se levaron a cabo no marco da promesa electoral que fixo no seu programa de 2011, no que indicaba que se ían “aproveitar as sinerxías” que se xeraban coa presenza dun hotel de Gran Luxo no municipio.

A oposición do Concello de Sober agardamos que a situación do hotel mellore e poida ser aproveitada a restauración dunha das nosas máis fermosas e interesantes ruínas para xerar emprego en Sober, por iso pedimos a celebración dun pleno extraordinario e a implicación da Xunta no desenvolvemento dunha alternativa para o hotel Palacio de Sober, no marco dunha estratexia turística xeral da comarca de Lemos.


Iñaki Rodríguez Pérez – PSdG Sober
Paula Vázquez Verao –Asemblea Nacionalista de Sober
Óscar Alonso Díaz – BNG Sober

Sober, 28 de agosto de 2014.

 
ANEXO – SOLICITUDE DE PLENO EXTRAORDINARIO

Iñaki Rodríguez Pérez, voceiro do grupo municipal do PsdG, Paula Vázquez Verao, voceira do grupo mixto, Óscar Alonso Díaz, voceiro do grupo municipal do BNG, concelleiros e concelleira do Concello de Sober,

EXPOÑEN

1. Que o artigo 46.2 a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local estabelece que “o pleno celebra sesión extraordinaria cando así o decida o/a presidente/a ou o solicite a cuarta parte, polo menos, do número legal de mebros da corporación”, corporación de 11 escanos no caso de Sober.

2. Que o citado artigo limita a tres o número de solicitudes que pode facer un/unha concelleiro/a no período dun ano.

3. Que as persoas asinantes deste escrito cumpren os requisitos do artigo 46.2 a) da Lei 7/1985 do 2 de abril, de bases de réxime local.

E, por todo isto,

SOLICITAN

A convocatoria dun PLENO EXTRAORDINARIO no marco legal estabelecido na exposición de motivos e coa seguinte orde do día:

1. PUNTO PRIMEIRO – Debate e intervencións sobre a situación do Hotel Pazo de Sober, coa audiencia no pleno dos colectivos implicados: traballadores/as do hotel, sindicatos da comarca, empresa xestora do Pazo de Sober e Xunta e IGAPE, a través da Delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias Rodríguez.

2. PUNTO SEGUNDO – Debate e votación das mocións que se presenten polos distintos grupos municipais encol do hotel Palacio de Sober.


En Sober, a 28 de agosto de 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario