viernes, 28 de noviembre de 2014

A cidadanía de Sober coñecerá o documento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade


No pleno de decembro de 2014 do Concello de Sober, a concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao, solicitou que "se poña a disposición da cidadanía do Concello de Sober o documento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade unha vez sexa recibido no Concello e que se publicite esta posibilidade de consulta, animando á cidadanía a consultalo e a presentar propostas de modificación, se é o caso" e que "as alegacións que presente o Concello de Sober ao documento se fagan a través do debate previo na Comisión Sectorial de Turismo".

Ante este rogo (que se pode consultar aquí), o alcalde de Sober, que forma parte da Comisión de Seguimento da candidatura da RS a Patrimonio da Humanidade, comprometeuse a trasladar o documento da candidatura a toda a corporación municipal en canto o reciba e poñelo a disposición da xente que o desexe consultar no concello.

Informouse no pleno que o grupo interdisciplinar que está a elaborar o documento da candidatura decidiu presentar unha proposta que se centre na cultura do viño e na arte románica, o que na práctica englobaría no mapa da candidatura as parroquias ribeirás dos concellos da RS, os elementos relacionados co viño e a arte románica. Trataríase, segundo informou o alcalde de Sober, de facer unha proposta coherente basada en dous eixos concretos, en lugar de englobar todos os elementos patrimoniais da RS.

A concelleira non adscrita pediu, ademais de que se expoña ao público o documento unha vez chegue ao Concello de Sober, que o alcalde lle traslade á Comisiónd e Seguimento da candidatura que se cree un espazo web con toda a información dispoñíbel para que a cidadanía interesada poida participar do proxecto da candidatura, máxime cando un dos criterios que valora a Unesco para conceder o galardón de PH é a implicación da sociedade civil no proceso da candidatura. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario