MOCIÓN que presenta a
concelleira non adscrita Paula Vázquez Verao ante o Pleno do
Concello de Sober sobre a petición de Hemodinámica 24 h
no HULA e servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear
En
febreiro de 2011, Alberto Núñez Feijóo prometía que o novo
hospital de Lugo, inaugurado nese mesmo momento, o HULA, sería
dotado de inmediato cos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e
Medicina Nuclear, servizos que, segundo o propio Núñez Feijóo
significaban un "compromiso
de que pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan
que desprazarse a Santiago ou á Coruña poidan ser atendidos no seu
hospital público de Lugo ao longo deste ano" (referíndose a
2011).
Estes servizos son fundamentais para o
benestar dunha poboación envellecida e dispersa coma a da provincia
de Lugo, pois trátase de unidades de atención a pataloxías
cardiolóxicas e de cancro.
Os colectivos veciñais e sociais de
Lugo protagonizan numerosas mobilizacións e actos de protesta e a
Federación de Asociacións Veciñais de Lugo promove a recollida de
sinaturas para unha ILP que reclamaba estes servizos.
Non foi ata inicios de 2014 cando se
puxo en marcha o servizo de Hemodinámica, pero só en horario de
8:00 a 15:00 horas de luns a venres, recoñecendo o propio HULA que
só un 40% das persoas infartadas na provincia de Lugo poden ser
atendidas a tempo no HULA. O cardiólogo Carlos González Juanatey,
xefe do servizo de cardioloxía do HULA, sinalou que un 60% dos casos
de infarto seguen a ser atendidos noutros hospitais, frecuentemente
no da Coruña.
A mortalidade nos infartos aumenta
segundo aumenta o tempo en ser atendida a persoa doente, sendo o
recomendable por debaixo dos 120 minutos ata a realización dunha
anxioplastia. Dous tercios das persoas infartadas en Lugo tardan máis
de 120 minutos en ser atendidas. Deste xeito, unha persoa que infarte
en Sober fóra do horario do HULA e que sexa trasladada á Coruña
tardará máis de dúas horas en ser atendida axeitadamente.
Tanto a Sociedade Española de
Cardioloxía coma profesionais dos servizos de cardioloxía do HULA
defenden a necesidade de ampliar os servizos de Hemodinámica as 24 h
no HULA.
Nós últimos datos publicados polo
INE, referidos a 2013, confírmase que Lugo é a peor provincia en
canto á mortalidade nos casos de infarto. A taxa de mortalidade por
infarto en Lugo duplica a media estatal e é moito maior ca do resto
de Galiza, sendo a taxa de mortalidade en infartos da provincia de
Lugo de 76,01 mortes por infarto por cada 100.000 habitantes, mentras
a media estatal é de 35,5 e a galega de 46,39.
Unha ILP impulsada por colectivos
sociais e veciñais lucenses pedía a inmediata posta en
funcionamento (6 meses) dos servizos de Hemodinámica 24 horas,
Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. No debate parlamentario
desta iniciativa, en decembro de 2014, o PP aprobou en solitario un
prazo para instalar o servizo de Hemodinámica 24 horas nun prazo de
18 meses, e despois puxo o novo horizonte en 2015, sen concretar,
para a Radioterapia e a Medicina Nuclear, desvirtuando a ILP
promovida pola cidadanía. Ademais, a Consellería de Sanidade non
facilita os datos de mortalidade por infarto no HULA demandados polos
colectivos sociais.
No caso do servizo de Radioterapia, a
ausencia deste servizo no HULA obriga a persoas con cancro a facer
viaxes á Coruña para aplicar un tratamento de poucos minutos, tendo
os pacientes que, ou ben soportar xornadas longas nunha ambulancia
compartida ou ben gastar recursos propios para acudir en vehículo
propio ou taxi.
A ausencia dos servizos de Hemodinámica
as 24 h e de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA está a causar
graves danos a poboación da provincia de Lugo, polo que se fai
necesario un compromiso firme de todas as forzas políticas e
colectivos sociais para acadar que, canto antes, a Consellería de
Sanidade dote ao HULA dos servizos prometidos por Feijóo para o ano
2011.
Por todo o anterior, o PLENO do
Concello de Sober, acorda (proposta de acordo):
- Esixir á Consellería de Sanidade
da Xunta de Galiza que informe sobre os datos de falecementos e
desprazamentos de persoas infartadas na provincia de Lugo, tal e como
solicita a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.
- Solicitar á Xunta de Galiza a
inmediata dotación dos servizos de Hemodinámica 24 h, Radioterapia
e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti.
Asdo. Paula Vázquez Verao
Concelleira non adscrita.
En Sober, a 20 de marzo de 2015.
ALCALDE-PRESIDENTE DO
CONCELLO-PLENO DE SOBER
No hay comentarios:
Publicar un comentario