miércoles, 15 de agosto de 2012

Pleno en apoio ao sector lácteo galego: intervención en nome da Asemblea de Sober [pleno-agosto 12].

As centrais sindicais agrarias SLG, ASAJA e Unións Agrarias remitiron aos grupos políticos galegos unha moción para dar a coñecer a dramática situación do sector lácteo galego e esixir unha serie de medidas á Xunta e ao Goberno Central.

A moción pode consultarse aquí, na web do SLG.

Intervención de Paula Vázquez Verao.

"Dende a Asemblea Nacionalista de Sober damos o noso apoio á moción e á campaña que a impulsa, destinada a informar ao pobo galego sobre a crise do sector lácteo; así mesmo, a concelleira Paula Vázquez Verao renuncia ao cobro da dieta da sesión do Pleno, tal como propoñen os sindicatos agrarios, indicando que tería sido interesante destinar as dietas correspondentes ao Pleno á campaña en apoio ao sector lácteo galego.

A moción explica claramente a situación de emerxencia das explotacións leiteiras galegas, co prezo do leite dos máis baixos de Europa (0,29 € por litro de media este ano), agravado polo incremento dos custos de produción, debido, entre outras causas, á suba espectacular de fertilizantes, piensos, combustibles e electricidade. Deixar morrer o sector lácteo galego é facer desaparecer milleiros de empregos e, como di a moción, perder a axentes de xestión do territorio, os gandeiros, poñendo en maior risco de deterioro ambiental o noso rural.

Está ben que as distintas forzas políticas galegas nos poñamos de acordo no apoio ao sector lácteo, pero, máis aló da retórica, hai que ser consecuentes na práctica. As forzas políticas do sistema apoiaron entusiasticamente a entrada na UE nas condicións nas que se produciu, sendo fonde da caída dos sectores estratéxicos da economía da Galiza.
O problema non é meramente "económico", "do mercado", senón que é un problema político, de modelo político.
O problema ten dimensión global: un sistema mundial de produción, o capitalista, destinado ao lucro de cada vez menos persoas e non á satisfacción das necesidades da Humanidade.
O problema ten dimensión europea: a entrada na UE fíxose en condicións desfavorables para os produtos galegos, que serían competencia de outras producións do centro do sistema.

Na Galiza actual, o do sector lácteo non é problema de produción, prodúcese máis que hai vinte anos, as explotacións leiteiras galegas mercaron cuota e modernizáronse, mesmo contra a política da UE que procuraba reducir o potencial do sector. O problema é de organización do mercado: tendo un mercado de proximidade deficitario o leite galego debería ser máis valorado. En cambio, o leite producido na Galiza é mercado polas empresas a prezo máis baixo que o de outros lugares, facendo ruinosa a súa produción. Así, o problema é a falta de soberanía política e financeira de Galiza (máis despois do expolio do aforro galego e dos únicos instrumentos financeiros do noso País que eran as caixas de aforro), que non permite desenvolver un sector transformador dos produtos leiteiros no propio País, apostando pola innovación (lembremos que o goberno do PP reduciu o orzamento de I+D+i nesta lexislatura). Durante vinte anos gobernou o PP de Fraga, tendo a disposición as caixas como instrumentos ao servizo da política da Xunta e fondos europeos que puido ter usado para crear un sector leiteiro puxante e non o fixo. Por exemplo, quen se preocupou por desenvolver o potencial leiteiro desta comarca? Hai máis de vinte anos funcionaba unha rede de recollida de leite a pequenos produtores de Sober e outros municipios por parte da empresa Queixerías Prado. Un poder galego digno de tal nome debería ter impulsado a innovación en dita empresa queixeira, para que diversificara a súa produción, fomentando a recollida de proximidade, con axudas a explotacións labregas para que se especializaran na produción leiteira, con estudos para a consolidación de mercado... Pero todo se deixou ao arbitrio dos "mercados", e a cabana gandeira reduciuse en Sober drasticamente tras o ingreso no Mercado Común. Agora, todas as forzas políticas nos laiamos, pero non todas temos o mesmo nivel de responsabilidade. 

É necesario tamén revisar o modelo de produción en canto aos custes ambientais, apostando por explotacións ecolóxicas (hai exitosas experiencias ecolóxicas de produción láctea na Galiza) que aumentan a calidade, tando dos produtos coma a "calidade de vida" das familias produtoras.

Cómpre, tamén, non esquecer con respecto ao problema do leite, a idea da soberanía alimentaria, concepto que, por exemplo, un dos sindicatos impulsores, o SLG, ten divulgado na Galiza. A soberanía alimentaria hoxe, é un dos retos da Humanidade, cando cada vez menos compañías transnacionais controlan a producióna alimentaria, mentras se perpetúa a fame. Hai, a nivel mundial, unha vontade de exterminio do campesiñado, sector social que pode protagonizar unha rebelión contra o sistema global inxusto: se o campesiñado e os pobos non controlamos o noso sector alimentario básico, dominarannos totalmente, a nosa vida dependerá do lucro duns poucos. E iso é internacionalismo, non o mercado "desregulado". O estado do sector lácteo galego hai que enmarcalo nesa loita mundial pola soberanía alimentar, que é unha loita pola liberdade.

jueves, 26 de julio de 2012

IBI á Igrexa e recurte da extra de Nadal á alcaldía [pleno-xullo 12: resumo].


Hoxe (26 de xullo) houbo pleno ordinario no Concello de Sober.


Aprobouse a Ordenanza que regula o prezo público da Escola Municipal de Música, que sufre unha lixeira subida, pero que apoiamos, porque segue a ser un prezo moi baixo en relación á calidade da ensinanza. A matrícula anual para alumando de música e movemento e iniciación ao instrumento será de 100 € e a de alumnado de linguaxe musical e instrumento de 140 €. O que pedimos é que se poida facer o pago fraccionado para que as familias o poidan afrontar mellor, algo que se aceptou.

Presentamos unha moción para a supresión da exención do IBI á Igrexa católica, que unimos á presentada polo PSOE neste sentido, que foi aprobada polos catro concelleiros e concelleiras da oposición e rexeitada polo PP. O alcalde comprometeuse a que na revisión que se está a facer do IBI en Sober se faga un censo dos bens da Igrexa e se comunique á oposición.

Pedimos ao alcalde que renuncie á paga extra de Nadal este ano 2012, en solidariedade cos recurtes que o seu partido, o PP, está a aplicar ao funcionariado. O alcalde aceptou, xesto que agradecemos.
 

Somos contrarias á baixada de salarios de empregadas públicas para “saír da crise”, esa non é a solución, porque só traerá retraemento do consumo e máis caída da economía nun sistema baseado no consumo, coa ruína de pequenos comercios e pequenas empresas, engrosando a lista de paro e, por ende, aumentando a necesidade de gasto público en prestacións (prestacións cada vez máis reducidas, co cal haberá máis pobreza, recurso a comedores sociais e violencia…). 

Sendo contrarias a estas medidas de rebaixa de salarios, entendemos que o partido que propón este sacrificio á clase traballadora pública (o sector público, os servizos públicos, son esenciais para a redistribución da riqueza; non sobran funcionarios, faltan, e falta eficiencia na xestión pública; búscase a ineficiencia para beneficiar ás empresas privadas que fan negociazos coa saúde ou a educación) debe dar exemplo e recurtar os seus salarios nas institucións, comezando por renunciar á paga extra de Nadal, o mesmo sacrificio que lles obrigan a facer ao funcionariado, sen que iso vaia axudar a saír da crise.

Aquí estamos en plan distendido, levámonos ben, non hai apenas conflicto social porque a maioría da xente vive das pensións e ten o colchón da economía de autoabastecemento do rural, pero démonos conta de que hai unha guerra aberta de clases que non fixo máis ca comezar. O PP no Goberno do Estado acometeu medidas durísimas contra as clases traballadoras, que xa foron contestadas con manifestacións e ataques contra as sedes do PP, totalmente entendibles e insignificantes comparados coa violencia que aplica o estado sobre as persoas máis débiles. Aquí non o vemos aínda, pero en canto se aplique a suba do IVE e se interveña o estado imos asistir a unha guerra aberta nas rúas e convén saber en que bando se está.

Tamén pedimos que se coloque un sinal de estreitamento de vía no cruce da panadería de Sober e que se revitalice a Comisión de Turismo, creada a petición do nacionalismo na pasada lexislatura, para facer fronte á campaña do ano que vén.

lunes, 9 de julio de 2012

14 de xullo: participa na Asemblea Nacional Constituínte da nova forza que Galiza precisa.

Participa na Asemblea Nacional Constituínte dun novo proxecto en común para Galiza o 14 de xullo en Santiago de Compostela.
Incríbete antes do 11 de xullo ás 00:00 horas na túa asemblea ou a través da web, onde tamén podes descargar os documentos e regulamento da asemblea.


lunes, 2 de julio de 2012

Palabras na toma de posesión de concelleira: Paula Vázquez Verao [pleno-xuño 11]

O pasado 11 de xuño, ás 00:01, constituíase a corporación municipal soberina para a lexislatura 2011-2015.
En primeiro lugar, os concelleiros e concelleiras xuraron ou prometeron os seus cargos, pasando, logo á elección de alcalde, que se fixo sen que previamente os candidatos tomasen a palabra.
O candidato do PP, Luis Fernández Guitián, recibiu os apoios do seu grupo político, con sete escanos: Luis Fernández Guitián, Domingo López Fernández, José Elías González Prieto, Sonia Fernández Martínez, Carmen Pérez Pérez, Abel López Fernández e Mirian Teresa Pérez Vázquez.
O candidato do PSOE, Iñaki Rodríguez Pérez, recibiu os dous votos do seu grupo, composto por el mesmo e por Eloy Pérez Otero.
O candidato do BNG, Alfonso Campos Pérez, só recibiu un dos dous votos do seu grupo, o de Paula Vázquez Verao, pois el mesmo abstívose.
Como resultado da votación, Luis Fernández Guitián resultou elixido alcalde do Concello de Sober.
A continuación, o alcalde electo leu un discurso no que lembrou aos seus predecesores no cargo, falou das liñas mestras do seu programa - viño, turismo, música - e pediu colaboración á oposición, rematando coa lectura do poema Bando, de Manuel María.
Logo, sen terse pechado a sesión, a prensa xa se dispoñía a entrevistar ao novo alcalde cando, a petición da oposición, este lles deu a palabra aos outros grupos políticos, falando tanto o BNG coma o PSOE. Ao remate, Alfonso Campos Pérez agasallou á nova corporación co libro de poemas Petroglifia, de Xosé Lois García, adicado a Sober. O grupo nacionalista de Sober, por boca da portavoz, Paula Vázquez Verao, expresou o que resumimos a seguir.

Estamos aquí polo Pleno, non pola hora que é, pero é evidente que o despregue mediático se produce porque esta sesión é convocada pasado só un minuto do prazo legal para a constitución das corporacións. Poida que non sexa “de todo malo”, como dixera o candidato do PP á alcaldía que Sober exa coñecido por isto, pero o que si pode ser “malo” é que este pleno nos vaia dar a medida da lexislatura: é dicir, que importe máis o fulgor mediático que o debate e a práctica política. Nós, o nacionalismo galego, queremos que Sober sexa recoñecido pola súa beleza paisaxística, pola súa riqueza patrimonial e por unha boa xestión política, non por "plenos ás doce da noite". Ademais, o pleno xa é traballar, non vale dicir que se convoca o Pleno á noite porque se quere traballar ao día seguinte dende primeira hora: o Pleno é fundamental no traballo municipal.

Por outra parte, se queremos facer esta sesión realmente significativa, con impacto mediático e simbólico, recoñezamos todos e todas hoxe, solemnemente, como o facemos o grupo do BNG, á corporación municipal que se sentou aquí hai 75 anos, a corporación elixida en febreiro de 1936, composta por xentes humildes de Sober - labregos, xornaleiros, - que foron  asasinados, encarcelados ou expedientados por facer o que hoxe facemos nós. Recoñezámolos, porque este Concello non será moralmente lexítimo ata que faga un recoñecemento explícito da situación vivida en Galiza, e en Sober, do 36 en diante, que non foi unha guerra civil, senón un xenocidio, unha masacre en frío na que morreron milleiros de persoas sen haber fronte de guerra. E isto non é pasado, é presente, porque unha sociedade decide o que quere ser: se quere recoñecer o que sucedeu ou se quere seguir perpetuando o esquecemento e, con elo, perpetuando a ignominia. E, dende logo, eu e os meus compañeiros de lista non podíamos ocupar esta cadeira sen lembrar a aqueles que sentaron aquí en 1936 e que sufriron por defender os dereitos da poboación máis castigada. Por iso, un recordo especial aos concelleiros de Sober asasinados: Daniel Álvarez Carnero, de 33 anos, e Edmundo Pérez Díaz, de 34 anos, executados en Lugo por terse desprazado alí para defender a legalidade republicana, e José Benito Mantilla González, labrego, de 63 anos, asasinado unha noite despois de tortura.
Que sirvan os seus nomes para lembrar a todas as persoas que morreron ou foron represaliadas por causas políticas en Sober (con 356 persoas encarceladas entre 1936 e 1940 temos unha das porcentaxes de detencións máis altas de Galicia). 

O Luis – chamámolo así en plan informal porque, coma o resto dos concelleiros e concelleiras deste pleno, é amigo e veciño – pode ser un gran xestor, sen dúbida. Pero, xestionar non o é todo: hai que ter unha idea clara de sociedade. Nós queremos unha sociedade xusta, sen explotación de ningún tipo, onde cada quen poida desenvolver as súas capacidades persoais… Por iso, o Bloque Nacionalista Galego, apoiará todas as iniciativas que vaian nesa liña – e, como sempre fixemos, seguiremos a aportar as nosas propias propostas. Malia este apoio nas cuestións que beneficien a Sober e que axuden a construír un Sober con futuro, non podemos apoioar a investidura do candidato do PP porque non imos votar a partidos que defenderon sempre aos poderosos e machacaron aos débiles (apoio a rescatar os bancos causantes da crise con cartos públicos, elevación dos impostos indirectos ou a entrada na Unión Europea: que sería hoxe de Sober se nos deixaran producir o leite que podiamos producir, por exemplo?). Tampouco podemos apoiar, nin o mínimo, a un Partido Popular – irónico nome – que está dende a Xunta a destruír Galiza alí onde pode e como pode: recurtando e privatizando servizos públicos, coma a Sanidade, permitindo concesións empresariais en paraxes naturais únicos, aprobando un imposto sobre o consumo de auga, cobrar polo feito de consumir auga, non por derrochala, senón polo feito de beber, un goberno corrupto e falaz-mentiroso (onde quedou a promesa de rematar co paro en 45 días cando Galiza rexistrou a maior subida do paro do Estado?) e o único goberno do mundo que lexisla en contra da lingua propia do seu país - por certo, que Manuel María, a quen citou o alcalde, era gran defensor da lingua -. Así que, sinceramente, non queremos que o alcalde siga o exemplo da Xunta, como acaba de manifestar que vai facer.

Descupade que falemos aquí, en Sober, de Galiza, pero é que Sober está na Galiza, como está no mundo, e non podemos ignorar tampouco os problemas globais: a desigualdade, o expolio aos países do Sul, o deterioro medioambiental… A xente de Sober imos ter que resituármonos nese contexto de crise – as cousas vanse poñer aínda máis duras –, e temos a capacidade de facelo: desenvolvendo o noso sector agrario, por exemplo, para que poidamos vivir en Sober.

Deste xeito, queremos que esta sexa a lexislatura do aproveitamento das nosas potencialidades, a lexistalura do respecto polo medio ambiente, a lexislatura duns servizos sociais orientados á integración de todas as persoas na vida social, á convivencia. Un servizos sociais que tomen en serio as situacións de exclusión social e maltrato e que non consideren ás persoas maiores coma meros obxectos: as persoas somos moito máis que un voto.

E, por suposto, queremos que esta sexa a lexislatura da democracia, a real, a participativa, a das asembleas parroquiais, onde se informe á xente do que se pode facer en cada parroquia e cómo facelo, a das comisións de temas específicos, a da xente que poida elixir en que se gastan determinadas partidas orzamentarias.
Iso sí, nós queremos facer dos concellos institucións que permitan aínda máis esa participación e cunha lei que se adapte á realidade galega. Inda hoxe, desgraciadamente, está vixente en parte un texto de Castelao do Sempre en Galiza, de hai máis de 70 anos:

“O municipio rural de Galicia é o tobo da raposería caciquil. Ao botarmos unha ollada sobor do territorio galego é doado advertir que a poboación está distribuída en “natural desorde”, en evidente contraste cos módulos de agrupamento social en Castela e demais rexións hespañolas… Fóra das vilas e cibdades… o municipio en Galiza é un órgano arbitrario, delimitado artificialmente e cunha función simulada. O esprito nivelador do Estado centralista impúxonos un réxime local estraño ás características demográficas do noso país… O Concello rural de Galiza non se asenta en entidades naturais ou históricamente diferenciadas, e nesas condicións carede de alento vital e de control efectivo para que a súa xestión ofreza garantías de acerto”.

E, por último, lembremos sempre que a democracia non só está aquí nestas catro paredes: está nas xentes que, xeración a xeración, fixeron de Sober o que é. Foi grazas ao traballo e vida da xente común todo o que temos (o viño, a paixase da ribeira, as igrexas románicas ou o campo de fútbol): ha de ser a xente común, participando nun proxecto común en igualdade, a que transforme Sober. Sen non se conta coa xente, o que se poida facer dende este Concello, aínda que sexa espectacular e saia na televisión, non vale para nada.

martes, 26 de junio de 2012

Conferencia de Xosé Manuel Beiras: "Estamos en obras: construíndo a ferramenta política que Galiza precisa".



Conferencia "Estamos en obras: construíndo a ferramenta política que Galiza precisa". Xosé Manuel Beiras Torrado.

Venres, 29 de xuño, ás 20:30 horas.

Casa da Cultura de Monforte de Lemos.

Organiza: Asemblea Nacionalista de Lemos.

sábado, 16 de junio de 2012

Sober participa na Coordinadora Nacional de Asembleas Nacionalistas.

A Asemblea Nacionalista de Sober participou hoxe, 16 de xuño, a través de Carmen Luz Rodríguez e Paula Vázquez Verao, na Coordinadora Nacional de Asembleas Nacionalistas, celebrada en Teo. 
Nesta xuntanza, ademais de constituír formalmente dita coordinadora, coa presenza de representación de medio cento de asembleas, acordamos celebrar a Asemblea Nacional Constituínte do novo movemento político o 14 de xullo en Compostela. 
Ademais, creáronse dúas comisións, unha organizadora e outra para redactar unha proposta de textos, que están abertas á participación de xente. 
Fíxose tamén un chamado á participación da cidadanía neste proceso. 
Moi bo ambiente e moita ilusión! 
A foto é "roubada" de Martiño Noriega, da asemblea anfitriona de Teo ;-)
Galiza, 16 de xuño de 2012.