martes, 24 de septiembre de 2013

Anova pide un recoñecemento explícito das vítimas mortais do fascismo en Sober

Daniel Álvarez Carnero, executado por "rebelión militar" por defender a legalidade republicana.
A través dunha moción - rexistrada hoxe, 24 de setembro, pola concelleira Paula Vázquez Verao - Anova pide que o Concello financie a "colocación dunha placa conmemorativa cos nomes das persoas naturais de Sober e/ou veciñas da localidade que foron vítimas mortais documentadas do fascismo".

O texto da moción incide no deber moral de que a Corporación municipal se recoñeza "na lexitimidade democrática da Corporación municipal elixida por sufraxio universal en febreiro de 1936, da cal os concelleiros pagaron coa vida, co exilio e con diversas penas o seu exercicio da política."

Texto literal da MOCIÓN:

 
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 18 de xullo de 1936 produciuse un golpe de estado militar contra o goberno da República española.
A resultas deste, o territorio do Estado español quedou dividido en dúas zonas, unha baixo a autoridade do exército sublevado e outra baixo a autoridade das organizacións sindicais e dos sucesivos gobernos republicanos, coa lexitimidade das Cortes da República, que foran elixidas por sufraxio universal en febreiro de 1936.

Galiza quedou, a poucos días do 18 de xullo, sometida á autoridade militar dos sublevados e ao terror das partidas falanxistas.
Sen haber fronte de guerra en Galiza, documéntanse no noso país 4.699 vítimas con resultado de morte e milleiros de persoas encarceradas e obrigadas ao exilio.

As investigacións sobre a ideoloxía e proceder dos sectores que apoiaron o alzamento militar de 1936 e a represión posterior revelan unha vontade xenocida, de exterminio consciente “do outro”, “da outra”, de toda aquela persoa que non se adecuase aos roles sociais da sociedade tradicional, ben foran mulleres socialistas, campesiños anarquistas ou intelectuais galeguistas.

En Sober, as vítimas mortais foron catorce persoas e ducias as vítimas da represión e do encarceramento, contando o noso concello cunha das taxas de persoas apresadas sobre o total da poboación máis elevadas de Galiza.

A vitoria do bando sublevado supuxo a consolidación dun réxime político, o Franquismo, cuxa lexitimidade se asenta nun golpe de estado e nunha vitoria militar – apoiada polas potencias fascistas europeas – para a cal se perpetraron as maiores atrocidades contra a poboación civil.
Os mecanismos do novo réxime para forzar o consenso e consentemento por parte da poboación foron a represión política e social, a tortura, o asasinato político – até o propio ano da morte do dictador -, e os mecanismos de manipulación de masas, vía medios de comunicación e no sistema de ensinanza, coa axuda da Igrexa católica.

Tras a morte de Franco, a Ley para la Reforma Política plantexa a reforma do réxime dende dentro, culminado no proceso de transición pactada e redacción da Constitución plebiscitada en 1978. A xefatura do Estado recae na persoa nomeada por Francisco Franco en 1969 como “sucesor a título de rey”, en virtude da Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado de 1947.

O réxime xurdido da Transición – ou da “segunda restauración borbónica” - declinou investigar os crimes cometidos polo réxime franquista e a axuda e recoñecemento das vítimas do franquismo foi escasa até a Ley de Memoria Histórica do ano 2007, actualmente sen efecto.

Na actualidade, e ao amparo dunha crise económica e social gravísima, re-aparecen no Estado español actitudes incompatibles co Estado de Dereito, sexan actividades de grupos neonazis ou a frivolización e xustificación da violencia franquista por parte de persoas de NNGG e do PP, actitudes non reprobadas e saldadas con multas ridículas – como o ataque fascista á sede da Generalitat en Madrid, a 300 euros por cabeza – en contraste co acoso a movementos sociais e coas penas desproporcionadas a cidadáns galegos aos que se lle imputan delitos de terrorismo amparándose na suposta existencia dunha organización terrorista non noso País, e buscando xerar alarma social así como identificando ás organizacións políticas de esquerda nacionalista con métodos que rexeitamos.

A Corporación Municipal de Sober, malia que elixida conforme ás leis do réxime constitucional vixente, xurdido do franquismo, debe eticamente recoñecerse na lexitimidade democrática da corporación municipal elixida por sufraxio universal en febreiro de 1936, da cal os concelleiros pagaron coa vida, co exilio e con diversas penas o seu exercicio da política.
Ademais, as institucións públicas de Sober, por dignidade democrática, deben lembrar ás ducias de persoas naturais e veciñas de Sober que sufriron a represión directa do franquismo.

María Vázquez Suárez, mestra socialista e feminista "paseada" en Pontedeume.
Por todo o anterior, solicítase do Pleno a adopción do seguinte

ACORDO

- O Concello de Sober financiará a colocación dunha placa conmemorativa cos nomes das persoas naturais de Sober e/ou veciñas da localidade que foron vítimas mortais documentadas do fascismo e que son as seguintes catorce persoas:

- José Benito Mantilla González, labrego de 63 anos veciño de Rosende, cadáver aparecido na estrada de Monforte a Escairón o 25 de agosto de 1936. Concelleiro en Sober.

- Victoriano Rodríguez Díaz, xornaleiro de 38 anos veciño de Neiras, asasinado en Monforte o 24 de xullo de 1937.

- Ramón Rodríguez Fernández, rapaz de 18 anos, asasinado en Vilamelle o 28 de agosto de 1936.

- Severino Rodríguez Soto, zapateiro de 23 anos, veciño de Doade, asasinado na Pobra de San Xiao o 20 de agosto de 1936.

- José González Conde, veciño de Proendos, morto o 26 de xullo de 1936 no asalto de militares e falanxistas ao centro obreiro de Sober.

- Antonio Gallego Teimoy, labrego de 50 anos (natural do Incio), asasinado o 3 de agosto de 1938.

- Rosendo Macía, veciño de Vilaescura, asasinado o 1 de decembro de 1936 en Ourol.

- Daniel Álvarez Carnero, veciño de Proendos de 33 anos, executado o 29 de decembro de 1936 en Lugo. Concelleiro en Sober.

- Pedro Gonález Castro, mozo de 23 anos (natural de Vigo), executado o 17 de marzo de 1937 en Lugo.

- Manuel Gutiérrez Fernández, carpinteiro de 58 anos, executado o 7 de outubro de 1936 en Lugo.

- Edmundo Pérez Díaz, ferroviario de 34 anos veciño de Canaval, executado o 17 de xuño de 1937 en Lugo. Concelleiro en Sober.

- María Vázquez Suárez, mestra de 33 anos de familia de Vilaescura, asasinada o 19 de agosto de 1936 en Pontedeume.

- Manuel Rivas Piñeiro, peón de 24 anos natural de Sober, asasinado o 6 de outubro de 1936 en Ferrol.

- Maximino Fernández Rodríguez “Canaval”, ferroviario de 36 anos asasinado o 12 de agosto de 1936 en Chapela.

- A placa tamén lembrará “a todas as vítimas da represión”.

- Organizarase unha cerimonia cívica de homenaxe e de descubrimento da placa.

A moción foi presentada por Paula Vázquez Verao para a súa consideración no pleno ordinario do 26 setembro ou, de non considerarse, no seguinte.

2 comentarios:

  1. Non: foi rexeitada cos votos do PP, pero aprobouse facer a homenaxe institucional.

    ResponderEliminar